DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 44098

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de xuño de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación de terreos adquiridos pola comunidade de Samarugo, propietaria do monte Toxoso, no concello de Vilalba (expediente 128/79).

De acordo co artigo 57.3 da Lei 7/2012 de montes de Galicia, as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos.

En relación con isto, na sesión celebrada polo xurado provincial o día 14.6.2023, figura o seguinte acordo:

MVMC Toxoso, pertencente aos veciños da parroquia de Samarugo, no concello de Vilalba.

O 25.11.2022 tivo entrada unha solicitude, presentada pola comunidade de Samarugo, de autorización para a compra da parcela catastral 84, do polígono 26 de Vilalba.

Esta compra foi autorizada pola Xefatura Territorial do Medio Rural de Lugo pola Resolución do 1.3.2023, e a súa adquisición foi elevada a escritura pública o 17.4.2023.

O 25.5.2023, o Servizo de Montes elaborou unha memoria (2022_246) en que se especifican as modificacións que se producen como consecuencia da incorporación da dita parcela no MVMC Toxoso, que pasa a ter unha superficie de 329,64 hectáreas.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñais en man común os terreos adquiridos pola comunidade, e proceder á actualización correspondente no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 30 de xuño de 2023

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo