DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43812

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ACORDO do 7 de xullo de 2023 polo que se inicia o procedemento para a elaboración do Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha, no concello de Rairiz de Veiga (Ourense).

A Carballa da Rocha é un fermoso exemplar de Quercus robur L. de notables dimensións que se atopa no lugar da Touza, na parroquia da Saínza, no concello de Rairiz de Veiga, na comarca da Limia (provincia de Ourense).

Atendendo tanto á singularidade da árbore como á contorna en que está, onde abondan outros exemplares de carballo de grandes dimensións, o 23 de marzo de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 59) o Decreto 45/2007, do 1 de marzo, polo que se declara monumento natural A Carballa da Rocha, no concello de Rairiz da Veiga, por ser merecedora dunha protección especial. Este monumento natural conta cunha superficie aproximada de 0,64 hectáreas.

Tal e como se indica no decreto de declaración, A Carballa da Rocha eríxese nunha formación arbórea de notoria singularidade e beleza, amosando interese científico, cultural e paisaxístico. Presenta un fuste impresionante, cunha circunferencia normal do tronco de 6,25 m e unha circunferencia basal de 12,30 m. O tronco bifúrcase á altura de 6,3 m en dúas grandes pólas. O diámetro da súa copa é de 27,05 m e a súa superficie de 574,38 m2. Acada a excepcional altura de 31,3 m e estímaselle unha idade de entre 250 e 500 anos.

O artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza e beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais os elementos que fosen expresamente declarados como árbores senlleiras e monumentais, formacións xeolóxicas, xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, estratotipos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

Nos monumentos naturais limitarase, con carácter xeral, a explotación dos recursos, agás cando esta explotación sexa plenamente coherente coa conservación dos valores que se pretenden protexer conforme o establecido nas súas normas de declaración ou xestión, ou naqueles casos en que, por razóns de investigación ou conservación ou por tratarse de actividades económicas compatibles cun mínimo impacto e que contribúan ao benestar socioeconómico ou da poboación, se permita a devandita explotación, logo de autorización administrativa.

Segundo indica o artigo 59 da mesma lei, os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio, denominado Plan de xestión, no cal se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da lei establece que a tramitación do Plan de xestión correspóndelle á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación dos plans de xestión en espazos naturais protexidos declarados ao amparo da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, realizarase tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido do instrumento de planificación ao previsto no artigo 60.1, no caso dos plans de xestión.

O instrumento de planificación aprobarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Dado que ese espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 45/2007, do 1 de marzo, unicamente corresponde desenvolver a tramitación e aprobación do instrumento de planificación específico.

En virtude do establecido anteriormente,

ACORDO:

Primeiro. Iniciar o procedemento para a elaboración do Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha e do anteproxecto de decreto para a súa aprobación.

Segundo. Encomendar a súa tramitación á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda