DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43621

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de xuño de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Monumento A Terraza de Sada.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Monumento A Terraza de Sada con domicilio na avenida da Mariña, número 15, en Sada (A Coruña).

Feitos:

1. O 31 de marzo de 2023, Javier Dopico García, en representación do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Monumento A Terraza de Sada constituírona María José Fariña Otero, Francisco José Fariña Otero, Antonio Fariña Otero, María Ada Pernas Peña, José Antonio Acuña Fernández, José Ángel Blanco Otero e María del Carmen Vilar Hortas, mediante escritura pública outorgada o 27 de marzo de 2023, ante o notario de Sada (A Coruña) Andrés Cancela Ramírez de Arellano, co número de protocolo 484.

Tras requirimentos do 24 de abril e do 26 de maio de 2023, o 23 e o 29 de maio de 2023, os fundadores achegan unha nova escritura outorgada o 18 de maio de 2023, co número 812 do seu protocolo, complementada por outra outorgada o 29 de maio de 2023, co número de protocolo 885, as dúas outorgadas na mesma localidade e ante o mesmo notario da primeira, en que emendan a súa dotación.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten un fin cultural baseado esencialmente na protección do monumento A Terraza de Sada (declarado ben de interese cultural, BIC) mediante a súa conservación, mantemento e custodia de xeito que se evite a súa perda, destrución ou deterioración, co obxectivo que sexa un espazo senlleiro de promoción cultural na contorna da comarca das Mariñas Coruñesas, do Concello de Sada, de Galicia, España e, mesmo, da Unión Europea.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por Antonio Fariña Otero, como presidente; José Antonio Acuña Fernández, como vicepresidente; María del Carmen Vilar Hortas, como secretaria; e María José Fariña Otero, Francisco José Fariña Otero, María Ada Pernas Peña e José Ángel Blanco Otero, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Monumento A Terraza de Sada, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de xuño de 2023

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Monumento A Terraza de Sada e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes