DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43624

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 111/2023, do 6 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Cuntis da estrada EP-8405 Portela-Couselo.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Cuntis asinaron o día 3 de maio de 2021 un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da seguranza viaria na EP-8402 Cuntis-Cequeril, rúa da Palma. A cláusula quinta deste convenio recolle o compromiso do concello de solicitar a transferencia de titularidade do treito da estrada EP-8402 Cuntis-Cequeril (0+000-0+320) e da estrada EP-8405 Portela-Couselo.

A Deputación Provincial de Pontevedra aceptou o cambio de titularidade na sesión ordinaria do día 28 de abril de 2023.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que a estrada EP-8405 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou da rede de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial. Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

Por outro lado, a estrada EP-8402 forma parte do itinerario principal entre distintas capitalidades municipais da provincia de Pontevedra sen que exista unha alternativa viaria, polo que non se cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cuntis do treito da estrada EP-8405:

Clave

Denominación

PQi

PQf

Lonx. (km)

EP-8405

Portela-Couselo

0+000

1+259

1,259

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Cuntis, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xullo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade