DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43826

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de xuño de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao deslindamento parcial do monte Panda, no concello de Pol (expediente 76_80/2021_4DES).

Na sesión realizada polo xurado provincial o día 14.6.2023, figura o seguinte acordo:

O monte veciñal en man común (MVMC) Panda (expediente 76/80), pertencente aos veciños de Susá, Crende e Milleirós, no concello de Pol.

– O 24.5.2021 tivo entrada unha proposta, aprobada pola comunidade de Susá, Crende e Milleirós, de deslindamento parcial do seu monte con propiedades particulares, concretamente co monte abertal de Milleirós.

– De acordo co establecido no procedemento regulado polo artigo 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, o 15.7.2021, logo de informe favorable do Servizo de Montes, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se fixo pública a proposta de deslindamento e abriuse o prazo de alegacións para o expediente 2021_4DES. Así mesmo, o anuncio foi publicado no Concello de Pol e na web da Consellería do Medio Rural.

– O 28.3.2023 a comunidade propietaria do monte, comunicou que non houbo alegacións e que se ratifican na proposta inicial. Sobre ela, o 12.4.2023 o Servizo de Montes emitiu un informe favorable, de acordo co indicado no citado artigo 54.2.

– O 18.4.2023 tivo entrada a proposta definitiva, presentada pola comunidade do MVMC de Panda, que non varía respecto da proposta inicial.

– O 2.5.2023 o Servizo de Montes elaborou unha memoria na que se especifican as modificacións cartográficas e de medición que se producen como consecuencia do deslindamento. Tras o deslindamento, o MVMC Panda pasa a ter 217,34 hectáreas.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados [...]. O xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento [...].

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento e proceder a realizar as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe elaborado polo Servizo de Montes.

O plano que figura no anexo, ao final deste anuncio, corresponde ao monte veciñal tras o deslindamento aprobado.

Contra este acordo, dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 30 de xuño de 2023

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo

ANEXO

missing image file