Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 13 de xullo de 2023 Páx. 43368

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Barbaña 132/20 kV, blindaxe parque 132 kV con nova tecnoloxía GIS, no concello de Ourense, que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2023/041-3).

Feitos:

1. O 1.3.2023 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Barbaña 132/20 kV, blindaxe parque 132 kV con tecnoloxía GIS, no termo municipal de Ourense, á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/041-3.

Con esta solicitude xuntouse a seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado subestación Barbaña 132/20 kV, blindaxe parque 132 kV con tecnoloxía GIS, asinado o 19.12.2022 polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez (colexiado nº 4.290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias) e visado por este colexio, con número 20221932V e con data do 20.12.2022, no cal figura un orzamento total de 1.683.414,20 euros.

– Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

– Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (Concello de Ourense e Confederación Hidrográfica Miño-Sil).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a substitución do actual parque de 132 kV blindado de simple barra (tipo GIS) por outro blindado de dobre barra (tipo GIS), coa instalación de seis celas 132 kV de dobre barra (blindadas de interior con illamento en SF6), cinco delas en substitución das existentes (2 de liña, 2 de transformador e 1 de medida) e unha nova de acoplamento transversal.

2. A Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica ás seguintes entidades: Concello de Ourense e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu informe o 11.5.2023, no cal non mostra inconveniente para a execución do proxecto, pero advirte da necesitade de obter a súa autorización con carácter previo ao inicio das obras.

O Concello de Ourense non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

3. O 24.5.2023 a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou ao expediente o informe e proposta seguintes:

– Informe emitido o 11.5.2023 polos servizos técnicos da Xefatura Territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Proposta ditada o 19.5.2023 pola Xefatura Territorial, na cal se emite informe favorable sobre a petición formulada por UFD no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPERN.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 113, do 15 de xuño); no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada subestación Barbaña 132/20 kV, blindaxe parque 132 kV con nova tecnoloxía GIS, no termo municipal de Ourense, e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación Barbaña 132/20 kV, blindaxe parque 132 kV con tecnoloxía GIS, asinado o 19.12.2022 polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez (colexiado nº 4.290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias) e visado por este colexio, con nº 20221932V e con data do 20.12.2022, e no cal figura un orzamento total de 1.683.414,20 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobadas polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobadas polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, quen deberá expediula tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais