Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 41943

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 20 de xuño de 2023 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de colexios profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Denominación, natureza xurídica e fins

Artigo 1. Denominación, ámbito territorial e domicilio

A súa denominación é a de Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense. O ámbito territorial é o da provincia de Ourense.

O Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense terá o seu domicilio social na rúa Ramón Cabanillas, 2, 2º B, 32004, Ourense. Páxina web: www.colvetourense.com; correo electrónico: ourense@colvet.es

Artigo 2. Natureza xurídica

1. O Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense é unha corporación de dereito público, recoñecida pola Constitución e amparada pola lexislación estatal e autonómica vixente en materia de colexios profesionais, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

O Colexio terá tratamento de ilustre e o/a seu/súa presidente/a, o de ilustrísimo/a. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

2. Ademais do previsto nestes estatutos, o Colexio rexerase en todo caso polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia; na Lei estatal 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, ou na lexislación que a suceda. Tamén serán de aplicación, no non previsto por estes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, os regulamentos, os acordos dos órganos de Goberno do Consello Xeral e de Galicia e os do propio Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, así como o resto da normativa vixente directamente aplicable.

3. O Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense pode adquirir, allear, gravar e administrar toda clase de bens e dereitos, e exercer ante os xulgados e tribunais de calquera xurisdición e grao, as accións que no seu propio interese considere convenientes.

Artigo 3. Fins

Son fins esenciais deste colexio:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia, do exercicio da profesión veterinaria, a representación exclusiva desta e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

b) A salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión veterinaria e da súa dignidade e prestixio. Para este efecto, correspóndelle cumprir e facer cumprir aos colexiados o Código deontolóxico que corresponda.

c) A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social dos/das colexiados/as. Para este efecto, poderá organizar e manter toda clase de institucións culturais e sistemas de previsión e protección social.

d) A colaboración cos poderes públicos na consecución da saúde das persoas e animais, mellora da gandaría e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación e ordenación do sector gandeiro e alimentario desde a fase de produción ao consumo, así como a atención ao ambiente e a protección dos consumidores.

e) A mellora da sanidade, a produción, o benestar animal e o ambiente.

f) A protección dos intereses de consumidores e usuarios.

g) Os recolidos nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e na lexislación estatal e autonómica en materia de colexios profesionais.

CAPÍTULO II

Funcións

Artigo 4. Funcións

Serán funcións propias do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, no seu ámbito territorial, as que lle atribúen os artigos 5 e 6 da vixente Lei estatal de colexios profesionais, as sinaladas nos vixentes estatutos xerais da organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, en relación cos fins que ten encomendados de colexios profesionais de Galicia e, en todo caso, as seguintes:

a) Desempeñar a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais e os fins da veterinaria, e exercer as accións que sexan procedentes, así como exercer o dereito de petición conforme a lei.

b) Defender os dereitos e o prestixio dos colexiados que representan ou de calquera deles, se son obxecto de vexación, menoscabo, desconsideración ou descoñecemento en cuestións profesionais.

c) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir a intrusión profesional.

d) Levar o censo de profesionais e o ficheiro de ámbito de actuación veterinaria da provincia, cos datos que se consideren necesarios para o cumprimento dos fins e funcións do Colexio, e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionados co exercicio da veterinaria.

e) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares.

f) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

g) Elaborar os seus regulamentos de réxime interior.

h) Cumprir e facer cumprir aos colexiados, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

i) Evitar a competencia desleal, exercendo, de ser o caso, a potestade disciplinaria cando así fose declarada a infracción polo órgano competente.

j) Cooperar cos poderes públicos, por solicitude destes, na formulación das políticas gandeiras, sanitarias, alimentarias, de ambientes e de protección ao consumidor.

k) Elaborar e executar programas formativos de carácter profesional, científico ou cultural.

l) Desenvolver a xestión de previsión e protección social no ámbito profesional.

m) Instar os organismos públicos ou privados para que doten no exercicio profesional os colexiados dos mínimos de material e persoal necesarios para exercer unha veterinaria de calidade.

n) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e outros análogos. A recepción deste tipo de actividades e servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

ñ) Visar os informes, proxectos e ditames nas condicións previstas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos termos e cos efectos e límites que establece a normativa correspondente.

o) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando o/a colexiado/a o solicite libre e expresamente, no momento en que o Colexio cree o servizo adecuado e nas condicións que se determinen regulamentaria ou gobernativamente.

p) Establecer e exixir as cargas económicas dos colexiados.

q) Organizar cantos servizos de asesoramento científico, xurídico, administrativo, laboral e fiscal sexan necesarios ou convenientes para mellor orientación e defensa do Colexio e dos colexiados, así como a publicación de cantos medios de comunicación se consideren pertinentes. Tratar de conseguir o maior nivel de emprego dos colexiados e velar pola plena efectividade das leis que regulen as incompatibilidades do exercicio da veterinaria con outras profesións, dentro dos estritos límites que estas establezan.

r) Formar e manter actualizado o Censo dos veterinarios de Ourense (altas, baixas, etc.), así como dos veterinarios procedentes doutras provincias ou comunidades e, en todo caso, doutros Estados membros da Unión Europea e de terceiros países, así como o Rexistro Xeral de Sociedades Profesionais; poderá dar aos datos a publicidade legalmente prevista ou autorizada pola Asemblea Xeral, así como emitir, co visto e prace do/da presidente/a, as certificacións que lle sexan solicitadas.

s) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lle formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

TÍTULO II

Do Colexio, organización e goberno

CAPÍTULO I

Dos órganos do Colexio

Artigo 5. Órganos do Colexio

Os órganos do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense son:

a) A Presidencia.

b) A Xunta de Goberno.

c) A Asemblea Xeral de colexiados.

Sección 1ª. Da Xunta de Goberno

Artigo 6. Composición da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno estará constituída por:

a) Presidente/a.

b) Secretario/a.

c) Vicesecretario/a.

d) Catro vogais.

Por proposta da Presidencia, a Xunta de Goberno designará unha vicepresidencia, de entre os catro vogais electos, que integrará, xunto cos anteriores, o órgano directivo.

Artigo 7. Funcións da Xunta de Goberno

Correspóndelle á Xunta de Goberno a administración e dirección do Colexio, e con esta finalidade terá as facultades e as funcións seguintes:

a) Velar pola boa conduta profesional dos colexiados.

b) Administrar os recursos económicos do Colexio.

c) Exercer as funcións disciplinarias e impoñerlles aos colexiados as sancións que establecen estes estatutos por incumprimento deles e, de ser o caso, dos regulamentos internos e demais normativa reguladora da profesión veterinaria. Para iso, poderá asesorarse coa Comisión Deontolóxica que se estableza.

d) Decidir respecto da admisión de colexiados que o soliciten.

e) Organizar a distribución de toda clase de impresos e documentos que lle sexan propios para a consecución dos seus fins, nos termos establecidos nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e de conformidade cos acordos que se adopten ao respecto polos órganos colexiados do Consello Xeral de colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

f) Convocar as sesións da Asemblea Xeral de colexiados e confeccionar a correspondente orde do día.

g) Promover a realización de reunións periódicas, entre a Xunta de Goberno e os representantes de todas as asociacións, organismos, entidades e sectores de calquera actividade do colectivo veterinario en xeral, que estean interesados en participar no desenvolvemento dos obxectivos desta corporación ou teñan o desexo de colaborar nas súas finalidades.

h) Contratar e despedir o persoal que necesite para o desenvolvemento das funcións, sempre que estea debidamente consignado nos orzamentos correspondentes.

i) A creación, regulación e ordenación dos servizos adecuados para o cobramento de percepcións, remuneracións e honorarios profesionais dos colexiados, cando estes o soliciten libre e expresamente. En tal suposto, o Colexio percibirá o tanto por cento que se determine, no seu día, o cal se destinará a fins colexiais.

j) Propoñer á Asemblea Xeral de colexiados os orzamentos e liquidacións de ingresos e gastos.

k) Habilitar suplementos de crédito.

l) Aprobar e subscribir convenios e contratos coa Administración central, da Comunidade Autónoma ou das entidades locais, ou calquera outro ente público ou privado; poderá contraer obrigas e recibir, como consecuencia destes, subvencións ou outro tipo de axudas.

m) Propoñer á Asemblea Xeral de colexiados a cuestión de confianza sobre a súa xestión, e autorizar a cuestión de confianza sobre a xestión dalgún dos membros da Xunta cando, individual e voluntariamente, o soliciten.

n) Convocar as eleccións aos cargos da Xunta de Goberno.

ñ) Todas aqueloutras competencias que non estean expresamente atribuídas por estes estatutos á Asemblea Xeral de colexiados.

Artigo 8. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase, con carácter ordinario, unha vez cada mes, convocada pola Presidencia con, polo menos, unha semana de antelación, e, con carácter extraordinario, con polo menos corenta e oito horas de antelación, sempre que o/a presidente/a o crea conveniente ou o soliciten por escrito polo menos tres membros da Xunta. As convocatorias formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. En ningunha destas reunións se poderá tomar ningún acordo que previamente non se inclúa na orde do día correspondente, agás que estean presentes todos os membros da Xunta e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. As reunións extraordinarias poderán ser convocadas por calquera medio que permita ter constancia da recepción polos interesados, considerando a urxencia do caso. Non obstante, este aspecto deberá constar na acta da realización.

2. Os acordos da Xunta de Goberno tomaranse por maioría de votos dos membros asistentes. No caso de empate na votación, decidirá con voto de calidade o/a presidente/a. Estes acordos serán executivos desde o momento da adopción, sen prexuízo dos recursos que, en contra daqueles, se poidan presentar e das excepcións que se recollen nestes estatutos.

3. Para que se poidan adoptar validamente acordos en primeira convocatoria, será requisito indispensable que concorra a maioría dos membros que integran a Xunta de Goberno. En segunda convocatoria será suficiente con, polo menos, unha terceira parte dos membros da Xunta de Goberno. Tanto nun caso coma noutro deberán estar presentes a Presidencia e a Secretaría ou quen legalmente as substitúan.

Entre a realización da sesión en primeira e segunda convocatoria mediará un intervalo de media hora.

4. Toda reunión deberá comezar inescusablemente coa lectura e aprobación da acta da reunión anterior.

5. A Presidencia pode alterar a orde dos temas que se van tratar e acordar interrupcións ao seu prudente arbitrio para permitir deliberacións sobre a cuestión debatida ou para descanso nos debates.

6. De todas as reunións da Xunta de Goberno levantarase a acta, que asinará a Secretaría co visto e prace da Presidencia e que se transcribirá no libro de actas correspondente.

7. Nas actas da Xunta de Goberno deberán constar os membros que asisten, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e hora en que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

8. Será obrigatoria a asistencia ás reunións. A falta non xustificada a tres consecutivas considerarase renuncia ao cargo.

Artigo 9. Funcións da Presidencia

1. Correspóndelle á Presidencia desempeñar a representación máxima do Colexio Oficial e estalle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións se lle atribúen a Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e estes estatutos, en todas as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias propias da súa competencia; exercer as accións legais que correspondan, en defensa dos dereitos colexiais, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, para o cal outorgará os poderes notariais ou xudiciais que correspondan a profesionais do dereito; autorizar os informes e comunicacións que teñan que cursarse, e executar ou facer que se executen os acordos que a Asemblea Xeral de colexiados ou a Xunta de Goberno, se é o caso, adopte.

2. A Presidencia velará polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias e dos acordos e disposicións que diten os órganos do Consello Xeral, os órganos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, a Xunta de Goberno do Colexio ou a Asemblea Xeral de colexiados. As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle están recoñecidas, deberán ser acatadas, sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.

Ademais, corresponderanlle os seguintes cometidos:

a) Presidir todas as reunións da Asemblea Xeral de colexiados e da Xunta de Goberno do Colexio, ordinarias e extraordinarias, e calquera reunión de colexiados a que asista naquela condición.

b) Nomear as comisións que considere necesarias, presidíndoas se o xulga conveniente.

c) Convocar, abrir, dirixir e levantar as sesións.

d) Asinar as actas que lle corresponda, logo de seren aprobadas.

e) Recadar dos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos da Xunta de Goberno.

f) Autorizar o documento que aprobe a Xunta de Goberno como xustificante de que o facultativo está incorporado ao Colexio.

g) Autorizar os informes e as comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.

h) Autorizar as contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades. Outorgar cantos documentos públicos e privados sexan necesarios para a compravenda de bens mobles e inmobles, en cumprimento dos acordos da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral de colexiados, de conformidade co previsto nestes estatutos.

i) Visar as certificacións que se expidan pola Secretaría do Colexio.

j) Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e libros de contabilidade, xunto ao, á vogal da sección económica do Colexio.

k) Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do Colexio.

l) Fixar as directrices para a elaboración dos orzamentos colexiais.

4. O cargo de presidente/a será exercido gratuitamente. No entanto, nos orzamentos colexiais fixaranse as partidas precisas para atender os gastos de representación da Presidencia do Colexio.

Artigo 10. Funcións da Vicepresidencia

A Vicepresidencia levará a cabo todas aquelas funcións que lle confíe a Presidencia e asumirá as desta en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 11. Funcións da Secretaría

1. Independentemente das outras funcións que derivan destes estatutos, das disposicións vixentes, dos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, dos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e das ordes emanadas da Presidencia, correspóndelle á Secretaría:

a) Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba da Presidencia e coa anticipación debida.

b) Redactar as actas das asembleas xerais de colexiados e das reunións que realice a Xunta de Goberno, con expresión dos membros que asisten, coidando de que se copien, logo de seren aprobadas, no libro correspondente, e asinalas coa Presidencia.

c) Levar os libros que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo.

d) Recibir e dar conta á Presidencia de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

e) Asinar, ao igual que a Presidencia, o documento acreditativo de que o/a veterinario/a está incorporado/a ao Colexio.

f) Expedir as certificacións solicitadas polos interesados.

g) Redactar anualmente a memoria que reflicta as vicisitudes do ano, que se deberá ler na asemblea xeral ordinaria e que se elevará a coñecemento do Consello Xeral de colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios, se é o caso.

h) Asumir a dirección dos servizos administrativos e a xefatura de persoal do Colexio de acordo coas disposicións destes estatutos, sinalando, de acordo coa Xunta de Goberno, as horas que se deberán dedicar a recibir visitas e ao despacho da Secretaría.

i) Promover e coidar o servizo xurídico-laboral de defensa dos colexiados fronte a terceiros.

j) Formar e manter actualizado o censo de ámbito provincial dos veterinarios adscritos ao Colexio, así como o Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais; poderá dar aos datos a publicidade legalmente prevista ou autorizada pola normativa correspondente, así como emitir, co visto e prace do/da presidente/a, as certificacións que lle sexan solicitadas.

2. O cargo de Secretaría será exercido gratuitamente. No entanto, os orzamentos colexiais consignarán as partidas precisas para atender os gastos inherentes ao cargo, pola necesidade dunha maior dedicación nas súas actividades.

Artigo 12. Funcións da Vicesecretaría

A Vicesecretaría, como colaboradora da Secretaría, levará a cabo todas aquelas funcións que esta lle confira e asumirá as desta en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 13. Funcións das vogalías

Unha vez resulten elixidos os vogais na forma prevista nestes estatutos, seranlles asignadas polo/a presidente/a as funcións e competencias da área de xestión que se lles encomenden.

Sección 2ª. Da Asemblea Xeral de colexiados

Artigo 14. Natureza

1. A Asemblea Xeral, constituída por todos os colexiados de dereito, é o órgano supremo do Colexio e a ela deberá dar conta a Xunta de Goberno da súa actuación.

2. Os seus acordos, validamente adoptados, obrigan todos os colexiados, mesmo os que votaron en contra ou estiveron ausentes, sen prexuízo do dereito de impugnación que lle poida corresponder.

Artigo 15. Funcións da Asemblea Xeral

Son funcións da Asemblea Xeral as seguintes:

a) A elección do/da presidente/a e da Xunta de Goberno do Colexio.

b) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos do Colexio para o exercicio seguinte.

c) Aprobar as liquidacións do orzamento do ano anterior, xunto coa memoria anual de xestión económica e de actividades presentada pola Xunta de Goberno.

d) Aprobar os cambios de sede do Colexio.

e) Aprobar e modificar os estatutos deste colexio e os regulamentos relacionados coa ordenación do exercicio profesional que, unha vez aprobados e cumpridas as previsións que a este respecto se conteñen nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, serán de obrigado cumprimento.

f) Aprobar os acordos tomados pola Xunta de Goberno do Colexio sobre adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da Corporación. Será preceptiva a aprobación pola Asemblea para que estes se poidan levar a cabo.

g) Exercer e votar a moción de censura contra a Presidencia e a Xunta de Goberno do Colexio ou algún dos seus membros, nos termos previstos nestes estatutos.

h) Aceptar ou denegar a cuestión de confianza exposta pola Xunta de Goberno ou por algún dos seus membros.

i) A fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

j) Acordar, por proposta da Xunta de Goberno e cando se considere conveniente por calquera motivo, a constitución de asociacións, fundacións ou outras entidades con personalidade xurídica sen ánimo de lucro.

k) Aqueles asuntos que lle someta a Xunta de Goberno por merecer, ao seu criterio, esta atención, en razón da súa específica transcendencia colexial.

l) Aprobar, no ámbito das súas competencias, os regulamentos ou normas de réxime interior para o desenvolvemento e a aplicación destes estatutos.

m) A aprobación da xestión, tanto do órgano de goberno como da súa presidencia.

n) Ratificar a proposta da persoa candidata-representante do colectivo de xubilados na Xunta de Goberno, que asistirá ás xuntas de goberno con voz pero sen dereito de voto.

Artigo 16. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral convocarase preceptivamente, con carácter ordinario, dúas veces ao ano. Unha no primeiro semestre, para aprobar a liquidación de ingresos e gastos do exercicio anterior, e outra no último trimestre, para aprobar os orzamentos do exercicio seguinte.

2. As asembleas xerais extraordinarias poderán ter lugar en todas aquelas ocasións en que o considere conveniente o/a presidente/a ou a Xunta de Goberno ou o solicite un mínimo do 30 por cento do total de colexiados; nese caso, terán lugar nun prazo non superior a trinta días hábiles desde a presentación da solicitude.

3. As asembleas de colexiados deberán convocarse con, polo menos, quince días de antelación, especificando e xuntando a orde do día e facendo constar o lugar e a hora de realización.

4. A convocatoria será comunicada por escrito a todos os colexiados xunto coa orde do día, na cal se fará constar a realización da sesión en segunda convocatoria. Non poderá mediar entre a primeira e a segunda convocatoria da reunión un prazo inferior a media hora.

5. Os acordos da Asemblea Xeral serán adoptados por maioría simple e, en ningún caso, será válido o voto delegado nin remitido por correo. Non se poderán tomar acordos que non figuren na correspondente orde do día. Quedará validamente constituída a Asemblea en primeira convocatoria cando concorra a maioría dos seus membros. Entenderase validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes. A Asemblea, a Xunta de Goberno, as comisións e calquera outro órgano de Colexio poderá realizar a sesión a distancia por medios telemáticos cando así se faga constar de xeito motivado nas súas convocatorias. Neste caso, a sede virtual será a do Colexio. Para estes efectos, resultará de aplicación o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas. Mediante regulamento aprobado pola Asemblea determinarase o réxime aplicable á convocatoria e realización deste tipo de sesión.

Exceptuaranse das previsións e exixencias do parágrafo anterior os seguintes casos:

a) Cuestión de confianza. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 17.

b) Moción de censura. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 18.

c) Fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio. Requirirase, como mínimo, un quórum de asistencia dunha terceira parte dos colexiados. Para que prospere, exixirase o voto favorable da maioría absoluta destes.

6. Teñen dereito a voto nas asembleas xerais, ordinarias ou extraordinarias, todos os colexiados en que non concorra incapacidade legal ou estatutaria, sempre que se estean ao día nas súas obrigas económicas ou non se estean privados dese dereito xudicial ou disciplinariamente.

7. As votacións en asembleas xerais poderán ser secretas se así é o propón por un dez por cento dos asistentes.

No caso de que se produza un empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.

Artigo 17. Cuestión de confianza

1. A Xunta de Goberno do Colexio ou calquera dos seus membros pode suscitar ante a Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados a cuestión de confianza sobre o seu programa de actuacións, se considera contestado maioritariamente este, ou sobre a súa actuación no desempeño das súas funcións.

2. O outorgamento ou rexeitamento da confianza competerá sempre á Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados, convocada só para ese efecto pola Xunta de Goberno do Colexio, por acordo desta ou por petición daquel dos seus membros que desexe suscitar individualmente a cuestión de confianza.

3. A confianza entenderase outorgada cando vote a favor a maioría simple das persoas asistentes, nos termos previstos no artigo 16.5, parágrafos primeiro e segundo, destes estatutos.

Artigo 18. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados, convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de Asemblea Xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo da terceira parte dos colexiados exercentes en pleno desfrute dos seus dereitos colexiais e ao día nas súas obrigas económicas, incorporados, polo menos, con tres meses de antelación. A solicitude deberá expresar con claridade as razóns ou motivos en que se funde.

3. A Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados deberá ter lugar dentro dos trinta días hábiles contados desde o seguinte a aquel en que se presentar a solicitude e non se poderán tratar nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. Para que a moción de censura sexa aprobada e se produza o conseguinte cesamento da Xunta de Goberno ou do membro deste órgano a quen afecte, será necesario o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados integrantes do Colexio presentes na asemblea xeral extraordinaria.

Se a moción de censura for aprobada pola maioría referida no parágrafo anterior, convocaranse eleccións na forma prevista nestes estatutos.

CAPÍTULO II

Das comisións

Artigo 19. Comisións asesoras

No Colexio poderán existir aquelas comisións que, no momento oportuno, se consideren necesarias, con finalidade exclusivamente asesora, e sobre a súa creación, funcións e desenvolvemento informarase a Asemblea Xeral de colexiados. En todo caso, existirá unha Comisión Deontolóxica que asesorará e informará a Xunta de Goberno nos expedientes disciplinarios que se incoen aos colexiados.

Cada unha destas comisións será presidida pola Presidencia ou Vogalía en quen esta delegue, e actuará como Secretaría destas a Secretaría do Colexio, a Vicesecretaría ou persoa colexiada en quen estas deleguen. Os seus membros inescusablemente deberán ser persoas colexiadas.

As comisións estarán integradas polas persoas veterinarias que sexan nomeadas pola Xunta de Goberno do Colexio Oficial.

Os estudos, propostas e conclusións de cada comisión serán remitidos á Xunta de Goberno, a cal decidirá se deben ser expostos e defendidos, se é o caso, polo membro que designe a comisión correspondente ante a Asemblea Xeral de colexiados.

A programación dos temas obxecto de estudo poderá ser proposta pola Xunta de Goberno, pola propia Comisión ou pola Presidencia do Colexio.

Habilitaranse os medios económicos necesarios para o desenvolvemento dos programas de traballo, cuxa contía será aprobada pola Asemblea Xeral de colexiados.

No Colexio, formando parte da Xunta de Goberno, existirá un representante dos/das veterinarios/as xubilados/as, que asesorará en temas relacionados coa profesión, dada a súa experiencia e as necesidades do colectivo a que pertence.

A persoa representante dos/das veterinarios/as xubilados/as terá dereito a ser oída na Xunta pero non terá dereito a voto (dereito a voz pero sen voto).

Artigo 20. Da Comisión Deontolóxica

1. Con carácter permanente existirá unha comisión deontolóxica que estará composta polos seguintes membros:

a) A Presidencia do Colexio ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) A Vogalía á cal se lle asignen as tarefas correspondentes á Sección de Deontoloxía, que actuará como secretario/a.

c) Un mínimo de tres e un máximo de seis colexiados/as nomeados/as pola Xunta de Goberno, que representen os/as colexiados/as exercentes nos distintos ámbitos da actuación profesional que existen na provincia, para o cal a Xunta de Goberno poderá solicitar das asociacións representativas dos distintos sectores profesionais existentes no seo dos colexios, a proposta daqueles/as colexiados/as que consideren máis idóneos para formar parte da Comisión.

2. As funcións da Comisión Deontolóxica serán:

a) Recadar informes de profesionais ou emitir informes non vinculantes, por petición do instrutor ou da Xunta de Goberno, en calquera das fases do procedemento disciplinario.

b) Propoñer á Xunta de Goberno cantas actuacións crea convenientes para unha mellor ordenación e deontoloxía profesional.

c) Informar de cantos proxectos de normas de orde deontolóxica ou relativos á ordenación profesional se elaboren.

CAPÍTULO III

Das eleccións á Presidencia e á Xunta de Goberno

Artigo 21. Condicións de elixibilidade

Son condicións necesarias, tanto para optar a un cargo colexial como para resultar escollido para este, estar colexiado/a no exercicio da profesión veterinaria, estar ao día no aboamento das cotas colexiais e demais obrigas estatutarias e non estar incurso/a en ningunha das incompatibilidades previstas na Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e en cantas disposicións se diten con carácter xeral a ese respecto.

Para poder optar e ser elixido/a para o cargo da Presidencia, ademais, será preciso ter unha antigüidade de cinco anos, como mínimo, de colexiación ininterrompida no Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.

Artigo 22. Electores/as

Todas as persoas colexiadas con dereito a voto elixirán de entre eles a Presidencia, Secretaría, a Vicesecretaría e catro vogais. A Presidencia, unha vez elixidos os integrantes da Xunta de Goberno, establecerá as áreas de xestión e competencias que se asignan a cada un dos vogais elixidos.

Para exerceren o dereito de sufraxio activo, os colexiados deberán figurar ao día no aboamento das cotas colexiais e das súas obrigas estatutarias con anterioridade ao momento en que se acorde a convocatoria.

Artigo 23. Duración do mandato

1. A renovación dos cargos da Xunta de Goberno realizarase ordinariamente cada seis anos e as eleccións terán lugar cunha antelación mínima de quince días ao da data de finalización do período de mandato dos citados cargos. Con carácter extraordinaro, a Xunta de Goberno poderá adiantar as eleccións cando as circunstancias o aconsellen, ou ben no suposto de triunfo dunha moción de censura, de conformidade co artigo 18 destes estatutos.

2. A Xunta de Goberno do Colexio convocará oportunamente as eleccións para a renovación dos cargos, ao cal dará a debida publicidade, e sinalará na convocatoria os prazos para a súa realización. As candidaturas poderán presentarse no prazo de trinta días a partir do día seguinte ao da adopción do acordo de convocatoria de eleccións.

3. Desde a convocatoria das eleccións ata que os novos membros da Xunta de Goberno tomen posesión, actuará con carácter de provisional a Xunta de Goberno saínte.

4. Cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos membros da Xunta de Goberno realizarase unha auditoría das contas colexiais, de conformidade co establecido na lei.

Artigo 24. Presentación de candidatos/as

As persoas candidatas deberán reunir os requisitos que sinala o artigo 21 destes estatutos e solicitalo por escrito á Xunta de Goberno do Colexio. A solicitude poderá facerse en forma individual ou en candidatura conxunta.

Artigo 25. Proclamación de candidatos/as

1. O día seguinte ao do vencemento do prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta de Goberno do Colexio reunirase en sesión extraordinaria e proclamará a relación das persoas candidatas que reúnen as condicións de elixibilidade; abrirase un prazo de 48 horas para posibles reclamacións e emenda de erros, vistas as cales se proclamará a relación de candidatos definitiva, dando conta ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios. A votación terá lugar a partir dos vinte días naturais seguintes.

2. Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal ás demais persoas candidatas e que estea en desacordo cos principios de carácter deontolóxico, de obrigada aplicación en todo o territorio nacional. O seu incumprimento comportará a depuración da correspondente responsabilidade deontolóxica.

3. No caso de que só se presente unha candidatura, a Xunta de Goberno, logo de comprobación de que a persoa candidata ou, de ser o caso, as persoas candidatas reúnen os requisitos que establecen estes estatutos, proclamaraas electas sen que proceda ningunha votación.

4. No caso de declararse desertas as eleccións, por falta de persoas candidatas, a Xunta de Goberno procederá a convocalas novamente segundo os requisitos establecidos nestes estatutos.

Artigo 26. Procedemento electivo

1. A elección dos membros das xuntas de goberno será por sufraxio directo e secreto, na cal poderán tomar parte todos os colexiados con dereito a voto, conforme o disposto nestes estatutos.

2. O voto deberá ser emitido persoalmente ou por correo certificado, nun sobre asinado que incluirá a papeleta do voto no seu sobre pechado, fotocopia do DNI ou pasaporte do remitente con dereito a voto. A solicitude do exercicio do voto por correo deberá ser recibida ou presentada no Colexio dez días naturais antes das eleccións.

3. En función dos avances técnicos, permítese o voto por correo electrónico, que nese caso non é secreto, validado mediante sinatura electrónica debidamente recoñecida. Tal exercicio deberá ser solicitado con dez días naturais de antelación ao da votación.

Presentada ou recibida en prazo a solicitude do exercicio do voto por correo, este será válido sempre que se reciba antes da constitución da Mesa Electoral.

En todo caso, o voto por correo invalida a emisión do voto de forma presencial.

4. A Mesa Electoral estará constituída, no día e na hora que se fixe na convocatoria, por tres persoas colexiadas e as súas respectivas suplentes, cuxa designación se fará por sorteo público entre todas as persoas colexiadas con dereito a voto que non se presenten á elección, e será obrigatoria a aceptación, agás causa xustificada. A Presidencia da Mesa e o seu suplente serán designados pola Xunta de Goberno de entre os elixidos, e o máis novo será quen actuará como Secretaría. Calquera candidato/a poderá nomear un/unha interventor/a.

Os votantes están obrigados a acreditar a súa identidade ante a Mesa Electoral. A Mesa comprobará a súa inclusión no censo, e a súa Presidencia, tras pronunciar en voz alta o nome e apelidos do/da votante e indicar que vota, introducirá a papeleta co seu sobre na urna correspondente.

Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, así como as papeletas que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do/da candidato/a proposto/a.

5. Finalizada a votación dos asistentes e, en último lugar, a dos membros da Mesa e dos interventores, depositaranse na urna os votos enviados por correo e efectuarase o escrutinio.

No caso de empate, considerarase electo/a o/a candidato/a con maior antigüidade ininterrompida de colexiación, para o cargo en que se produza o empate.

Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio levantarase a acta seguidamente, asinada por todos os membros da Mesa, a cal se elevará ao Consello Xeral de colexios de Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia para o seu coñecemento.

6. Concluído o escrutinio, ábrese un prazo de tres días hábiles para a presentación de reclamacións.

A Mesa Electoral resolverá sobre estas e notificará a súa resolución no prazo de dous días hábiles. Tras a resolución das posibles reclamacións, a Mesa Electoral proclamará as persoas candidatas electas. A acta de proclamación será subscrita por todos os membros da Mesa Electoral e remitida á Xunta de Goberno en funcións.

7. No prazo máximo de quince días hábiles despois de realizadas as eleccións, os colexiados electos para a Presidencia, Secretaría, Vicesecretaría e vogalías reuniranse coa Xunta de Goberno saínte para a toma de posesión e o traspaso de funcións. A seguir, os novos cargos reuniranse entre eles para designar a Vicepresidencia, asignar as distintas áreas de xestión e actuación dos vogais, na forma prevista nestes estatutos. Desta reunión levantarase a acta correspondente cos cargos xa establecidos e efectivos.

8. No suposto de impugnacións xudiciais dos resultados electorais, sen prexuízo da resolución xudicial que se dite no seu día, serán, en todo caso, proclamados/as e nomeados/as con carácter provisional nos seus cargos aqueles/as candidatos/as que máis votos obteñan e, en caso de empate, rexerase polo artigo 26.5.

9. Unha vez definitivamente elixidos os órganos de goberno do Colexio e a súa composición, comunicarase a súa composición á Xunta de Galicia, tanto á consellería competente en materia de colexios profesionais como á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión veterinaria.

Artigo 27. Publicidade e reclamacións

1. Tanto ás listas de electores como á de candidatos daráselles publicidade no taboleiro do Colexio e na páxina web do Colexio, para os efectos de reclamacións no prazo que acorde a Xunta de Goberno ao convocar as eleccións.

2. Resoltas as reclamacións pola Xunta de Goberno, serán de novo sometidas á publicidade. A lista definitiva de electores servirá á Mesa Electoral para comprobacións durante a votación electoral conforme o previsto no articulado precedente.

Artigo 28. Causas de cesamento e vacantes

1. Os membros da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración ou fin do prazo para o cal foron elixidos.

b) Renuncia ou dimisión do/da interesado/a.

c) Condena por sentenza firme que comporte a inhabilitación para cargos públicos.

d) Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave.

e) Perda das condicións de elixibilidade anteriormente expresadas.

f) A denegación por parte da Asemblea Xeral de colexiados da confianza nos termos previstos nestes estatutos.

g) A aprobación da moción de censura nos termos previstos nestes estatutos.

h) Por nomeamento para un cargo político de carácter executivo do Goberno ou da Administración pública central, autonómica, local ou institucional, ou para calquera outro que estea afecto pola lexislación estatal ou autonómica vixente en materia de incompatibilidades.

i) Por falecemento.

2. O Consello Galego de Colexios Veterinarios adoptará as medidas que considere convenientes para completar provisionalmente a Xunta de Goberno do Colexio, cando se produza o cesamento de máis da metade dos seus cargos.

A Xunta provisional así constituída exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os/as designados/as en virtude de elección, que terá lugar conforme as disposicións destes estatutos, nun período máximo de tres meses.

3. Cando as vacantes que se produzan na Xunta de Goberno afecten menos da metade dos seus cargos, a propia Xunta designará o/a substituto/a con carácter de interinidade, ata que se verifique a convocatoria de novas eleccións, no prazo máximo de seis meses. Ao cubrirse calquera destes cargos nos supostos referidos, a duración destes será soamente ata o próximo período electoral.

A provisión do novo membro da Xunta de Goberno deberá comunicarse ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios dentro dos quince días naturais seguintes.

TÍTULO III

Dos colexiados

CAPÍTULO I

Da adquisición, denegación e perda da condición de colexiado/a

Artigo 29. Exercicio profesional. Colexiación única

1. Será requisito indispensable e previo para o exercicio da profesión veterinaria na provincia de Ourense, en calquera das súas modalidades, agás o/s suposto/s establecido/s na normativa vixente en materia de colexiación.

2. O exercicio profesional pode verificarse:

a) Ao servizo da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e das cidades de Ceuta e Melilla e da Administración local.

b) Ao servizo de empresas, entidades, explotacións e industrias ou negocios relacionados coa veterinaria.

c) De forma libre, cando o/a veterinario/a desenvolva actividades profesionais ao abeiro do título de licenciado ou graduado en Veterinaria ou calquera outro que dea dereito a exercer a profesión, que non se estean incluídas nos puntos anteriores.

3. O exercicio da profesión, en calquera das súas modalidades, será efectuado polos/as veterinarios/as colexiados/as, de acordo coas normas reguladoras establecidas nestes estatutos e nas normas que, para tales fins, dite e adopte o Consello Xeral e o Consello Galego de Colexios Veterinarios, sen prexuízo da regulación que, contida nas disposicións legais vixentes, estatais e autonómicas, lle sexan de aplicación por razón da modalidade do seu exercicio profesional. De toda inscrición, alta ou baixa neste colexio darase inmediata conta ao Consello Xeral de colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. Igualmente serán de aplicación a todos os profesionais veterinarios, no relativo ao exercicio da súa profesión, as normas contidas no Código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria.

5. Os veterinarios poderán exercer a profesión a través de sociedades profesionais, unha vez que estean constituídas de conformidade co establecido na súa lei reguladora e estean debidamente inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio de Veterinarios que territorialmente corresponda. A estas seranlles de aplicación, igualmente no relativo ao exercicio da profesión, as normas contidas no Código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria.

En todo caso, o exercicio da profesión veterinaria a través dunha sociedade profesional ou como socio profesional desta non eximirá da obriga de colexiación prevista neste artigo, nin poderá ser substituída pola inscrición de tal sociedade profesional no citado rexistro colexial.

Artigo 30. Requisitos

1. Para a incorporación ao Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense requírese acreditar, como condicións xerais de aptitude, as seguintes:

a) Ser de nacionalidade española ou da dalgún dos Estados membros da Unión Europea, agás o disposto en tratados ou convenios internacionais, ou dispensa legal respecto á doutros nacionais. En consecuencia, os estranxeiros terán os mesmos dereitos que os españois para inscribirse neste colexio, sempre que reúnan a titulación requirida e os demais requisitos fixados.

b) Ser maior de idade e non estar incurso/a en causa de incapacidade.

c) Estar en posesión do título universitario oficial ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, así como do título universitario oficial de licenciado en Veterinaria ou de grao que habilite para o exercicio da profesión veterinaria, de acordo co disposto no Real decreto 1384/1991, do 30 de agosto, e na Orde ECI/333/2008, do 13 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da citada profesión.

d) Carecer de antecedentes penais que o/a inhabiliten para o exercicio profesional.

e) Satisfacer a cota de ingreso e demais obrigas económicas que teñan establecidas no Colexio. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar, en ningún caso, os custos asociados á tramitación da inscrición ou colexiación.

2. Na falta de colexiación, cando esta sexa obrigatoria, o Colexio, logo de instrución de expediente en que se comprobe a concorrencia de todos os requisitos exixibles, e logo de audiencia da persoa interesada polo prazo de dez días, poderá proceder á colexiación de oficio daqueles que exerzan licitamente como profesionais veterinarios.

A resolución pola que se proceda á colexiación notificaráselle á persoa interesada, quen, desde ese momento e sen prexuízo dos recursos procedentes, quedará suxeita á normativa colexial, así como a todas as obrigas como colexiado/a, incluídas as de índole económica.

Artigo 31. Solicitudes de colexiación

1. Para ser admitido/a no Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, xuntarase á solicitude en documento normalizado o correspondente título orixinal ou testemuño notarial deste e certificación académica. O xustificante da universidade de orixe do aboamento dos dereitos de expedición do título poderá suplir a ausencia do orixinal, e a persoa colexiada quedará obrigadaá súa presentación unha vez que lle sexa expedido ou sexa requirida para iso. Xuntarase igualmente DNI ou a cédula de identificación persoal, certificación de antecedentes penais co fin de acreditar que a persoa solicitante non está incursa en causa ningunha que lle impida o seu exercicio profesional como veterinario/a. Igualmente, designará ou sinalará unha conta bancaria na cal se cargarán as cotas colexiais ou outras obrigas colexiais.

Este trámite poderá efectuarse de xeito electrónico a través do portelo único da web colexial www.colvetourense.com; correo electrónico: ourense@colvet.es; de conformidade coa normativa vixente e nas condicións que determinen os órganos colexiais, sen prexuízo de que o Colexio verifique o carácter fidedigno dos documentos requiridos.

2. Se a persoa solicitante procede dalgún dos países membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa comunitaria.

Se a persoa solicitante procede dalgún dos países non membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos ben pola normativa comunitaria, ben pola nacional ou a da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os convenios ou acordos internacionais ao respecto.

3. A persoa solicitante fará constar que vai exercer a profesión veterinaria, o lugar en que a vai exercer, así como modalidade daquela e, de ser o caso, a especialidade.

4. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio resolver sobre as solicitudes de incorporación ao Colexio. A Xunta de Goberno acordará, no prazo máximo dun mes, o que considere pertinente acerca da solicitude de inscrición. Transcorrido ese prazo sen contestación, entenderanse aprobadas por silencio administrativo. No entanto, no caso de que a resolución sexa denegatoria da colexiación, a Xunta deberá motivar a súa decisión respecto do incumprimento ou falta dalgún dos requisitos establecidos no artigo 30.

5. As solicitudes de incorporación serán aprobadas ou denegadas, de conformidade co disposto nestes estatutos e na normativa que os complementa. A Xunta de Goberno efectuará as dilixencias e recibirá os informes que, se é o caso, considere oportunos, e notificará a resolución motivada que proceda.

6. Nos casos en que se verifique exercicio de actividade profesional sen a preceptiva colexiación, logo de requirimento do cumprimento de deber de colexiación, a Xunta de Goberno poderá exercer, logo de comprobación de que a persoa interesada cumpre os requisitos establecidos no artigo 30, coa conseguinte notificación á persoa interesada, as accións xurídicas oportunas en relación coas prácticas antixurídicas das persoas non colexiadas.

7. Contra a decisión da Xunta de Goberno nesta materia caberá recurso de alzada ante do Consello Galego de Colexios Veterinarios, ou aqueloutro que en dereito corresponda.

Artigo 32. Denegación da colexiación

A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan serias dúbidas sobre a súa lexitimidade ou autenticidade e non se complementasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto.

b) Cando o/a solicitante sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que, no momento da solicitude, o/a inhabilite para o exercicio profesional.

c) Cando fose expulsado/a doutro colexio de veterinarios sen ser rehabilitado/a.

d) Cando, ao formular a solicitude, se encontre suspenso/a do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria corporativa firme.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxeron á colexiación, esta deberá ser aceptada polo Colexio sen dilación nin escusa ningunha.

Artigo 33. Trámites posteriores á admisión

Admitida a persoa solicitante no Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, expedirase a tarxeta de identidade correspondente e darase conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios no modelo de ficha normalizada que estes establezan. Así mesmo, abrirase un expediente persoal en que se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional. A persoa colexiada estará obrigada a facilitar en todo momento ao Colexio os datos precisos para manter actualizados estes antecedentes.

Artigo 34. Perda da condición de colexiado/a

1. A condición de colexiado/a perderase:

a) Por baixa voluntaria, ao cesar no exercicio profesional en calquera das súas modalidades e mediante escrito en tal sentido dirixido ao Colexio.

b) Por sentenza xudicial firme de inhabilitación para o exercicio da profesión veterinaria.

c) Por sanción firme de expulsión colexial acordada en expediente disciplinario para o efecto.

d) Por falecemento.

e) Aqueloutras previstas legalmente.

2. A perda da condición de persoa colexiada será acordada pola Xunta de Goberno do Colexio en resolución motivada, que lle será debidamente notificada.

3. As baixas colexiais serán comunicadas ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. As baixas colexiais non liberan do cumprimento das débedas vencidas e non satisfeitas.

CAPÍTULO II

Comunicación de actuacións profesionais noutras demarcacións

Artigo 35. Comunicacións

Non será necesario que as persoas colexiadas no Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense que desexen actuar no ámbito territorial doutro colexio oficial de veterinarios comuniquen a dita circunstancia a esoutro colexio, sen prexuízo de que quedarán suxeitas ás competencias de orde, control deontolóxico e potestade disciplinaria do Colexio destinatario da citada actuación. En todo caso, empregaranse os mecanismos de comunicación e cooperación previstos na normativa reguladora dos colexios profesionais.

Igualmente, o/a colexiado noutro colexio oficial de veterinarios que desexe actuar no ámbito territorial do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense non terá que comunicar a súa actuación. Estas persoas colexiadas non adquiren por este feito a condición de persoas colexiadas no Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense e, polo tanto, non desfrutarán dos dereitos políticos neste colexio nin se lles poderán exixir contraprestacións económicas por ese concepto. No entanto, deberán aboar as cotas que se lles exixan habitualmente aos colexiados de Ourense pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios/as e que non estean cubertos pola cota colexial. Estas persoas colexiadas quedarán suxeitas ás competencias de orde, control deontolóxico e potestade disciplinaria do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.

CAPÍTULO III

Das clases de colexiados

Artigo 36. Clases de colexiados

1. Para os efectos destes estatutos, as persoas colexiadas clasificaranse en:

a) Exercentes.

b) Non exercentes.

c) Honoríficas.

d) Membros de honra.

2. Serán persoas colexiadas exercentes cantas practiquen a profesión veterinaria en calquera das súas diversas modalidades.

3. Serán persoas colexiadas non exercentes aqueles/as veterinarios/as que, pertencendo á Organización Colexial Veterinaria, non exerzan a profesión.

4. Serán persoas colexiadas honoríficas os/as veterinarios/as xubilados/as no exercicio da profesión en calquera das súas modalidades, sempre que leven un mínimo de vinte anos de colexiación, e os/as que se encontren en estado de invalidez ou incapacidade permanente para o exercicio da profesión. As persoas colexiadas honoríficas estarán exentas do pagamento das cotas colexiais.

5. Serán membros de honra aquelas persoas físicas ou xurídicas, veterinarios/as ou non, que realicen un labor relevante e meritorio en relación coa profesión veterinaria. Esta categoría será puramente honorífica. Poderá/n ser proposta/s para unha recompensa á autoridade competente.

CAPÍTULO IV

Dereitos, deberes e prohibicións dos colexiados

Artigo 37. Dereitos dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Participar na xestión corporativa, asistindo ás asembleas de colexiados, con dereito a voz e voto. Así mesmo, poderán exercer o dereito de petición nos termos en que se regula na lexislación vixente.

b) Sufraxio, activo e pasivo, nas eleccións á Xunta de Goberno, na forma determinada por estes estatutos.

c) Ser amparados polo Colexio, polo Consello Xeral de colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios cando se consideren vexados ou molestados por motivos do exercicio profesional.

d) Ser representados polo Colexio, polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios cando necesiten presentar reclamacións xudiciais ou extraxudiciais con ocasión do exercicio profesional, outorgando os poderes do caso e sendo por conta de cargo do colexiado solicitante os gastos de profesionais e as custas xudiciais que ocasione o procedemento.

e) Desfrutar de todos os beneficios establecidos polo Colexio, polo Consello Xeral e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios en canto se refire a recompensas, cursos, bolsas, etc., así como ao uso da biblioteca do Colexio, tanto no local social coma no propio domicilio, cumprindo os requisitos que se sinalen.

f) Propoñer razoadamente todas as iniciativas que consideren beneficiosas para a profesión e elevar as queixas fundamentadas de actos ou feitos que poidan ir en prexuízo seu, do Colexio ou da profesión.

Poderán tamén solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asembleas xerais extraordinarias, sempre que sexa en unión de, polo menos, o quince por cento dos colexiados.

Así mesmo, e nos termos previstos nestes estatutos, poderán solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asemblea xeral extraordinaria para o exercicio da moción de censura contra a citada Xunta de Goberno ou algúns dos seus membros. Igualmente, correspóndelles o dereito de sufraxio activo na forma prevista nestes estatutos, no suposto de formulación por parte da Xunta de Goberno ou dalgún dos seus membros da cuestión de confianza.

g) Percibir todas e cada unha das prestacións sociais ou asistenciais que teña baixo a súa tutela e preste o Consello Xeral de colexios Veterinarios de España, o Consello Galego de Colexios Veterinarios ou o propio Colexio.

h) Desempeñar os cargos para os cales sexan nomeados e exercer, en xeral, todos os demais dereitos que lles concedan as disposicións vixentes.

i) Solicitar do Colexio a tramitación do cobramento dos honorarios que percibirán por servizos, informes, etc., sempre que o Colexio teña creados os servizos oportunos e sendo por conta do colexiado solicitante os gastos de profesionais e as custas xudiciais que ocasione o procedemento. Neses casos será necesario aterse ao que regulamentaria ou gobernativamente se establecese no seu momento ao respecto.

j) Exercer a súa profesión de acordo co disposto nestes estatutos, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, no Código deontolóxico vixente e nas demais disposicións que regulan o exercicio profesional.

Artigo 38. Deberes dos colexiados

1. É un deber fundamental de todo colexiado, mesmo cando a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, exercer a profesión de acordo coa máis pura ética e dentro do espírito que dimana destes estatutos xerais e do Código deontolóxico para o exercicio da profesión.

2. Son tamén deberes dos colexiados, mesmo cando a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, entre outros, os seguintes:

a) Cumprir canto dispoñen estes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e os acordos e decisións ditados polas anteriores autoridades colexiais ou deste colexio.

b) Estar ao día no pagamento de todas e cada unha das cotas colexiais e satisfacer toda clase de débitos que teña pendentes pola subministración de documentos oficiais.

c) Desempeñar os cargos para os cales fosen designados nas xuntas de goberno e calquera outra comisión colexial, ben que se poderá alegar ao respecto o réxime de escusas previsto legalmente.

d) Axustar a súa situación e actuación profesional en todo momento ás exixencias legais, estatutarias e deontolóxicas que rexen o exercicio da profesión veterinaria.

e) Empregar a maior corrección e lealdade nas súas relacións co Colexio e cos outros colexiados, e comunicarlle a aquel calquera incidente vexatorio a un/unha colexiado/a no exercicio profesional de que teña coñecemento.

f) Denunciar por escrito ao Colexio todo acto de intrusionismo que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal.

g) Comunicarlle o Colexio o seu domicilio profesional e calquera cambio deste.

h) Someter a visado do Colexio os contratos, informes, proxectos, ditames e calquera outro documento que o precise, nos termos previstos na normativa reguladora destes actos.

i) Facilitarlle ao Colexio os datos que lles soliciten para a formación do ficheiro de colexiados, co obxecto de facer posible o cumprimento dos seus fins e funcións. Atenderán, así mesmo, calquera requirimento que lles faga a Xunta de Goberno, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios para formar parte das comisións especiais de traballo, prestándolles a estas a súa maior colaboración.

j) Os colexiados deberán cumprir, ademais, aqueles deberes que lles sexan impostos como consecuencia de acordos adoptados polo Colexio, polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou polo Consello Galego de Colexios Veterinarios no marco das súas competencias.

k) Calquera outro deber que se desprenda das prescricións destes estatutos ou das comprendidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española ou nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

3. No caso de que a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, esta tamén será directamente responsable do cumprimento dos referidos deberes, en canto lle sexan de aplicación.

Artigo 39. Prohibicións

1. En xeral, prohíbeselles expresamente aos colexiados, mesmo cando a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto na lexislación vixente ou ás normas éticas, deontolóxicas e xurídicas da profesión veterinaria e, especialmente, atentar ou prexudicar os intereses dos consumidores e usuarios aos cales presten os seus servizos profesionais.

2. Ademais, prohíbeselles especificamente aos colexiados:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a confirmación de entidades científicas ou profesionais de recoñecido prestixio.

b) Empregar tratamentos ou medios non controlados cientificamente e disimular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

c) Tolerar ou encubrir en calquera forma aquel que, sen título suficiente ou non homologado, sen estar colexiado, trate de exercer ou exerza a profesión veterinaria.

d) Exercer a profesión nun consultorio veterinario ou en calquera outro centro do cal, sexa ou non titular, teña coñecemento de que nel se realizan prácticas ilegais por parte doutras persoas, mesmo cando se efectúen fóra da súa presenza e en horas distintas das do seu exercicio profesional.

e) Permitir o uso de clínica ou consultorio veterinario a persoas que, mesmo dispoñendo de título suficiente para exercer a veterinaria, non estean debidamente colexiadas.

f) Prestar o seu nome para que figure como director/a facultativo/a ou asesor/a de clínica veterinaria, pero que non dirixa e atenda ou asesore persoal e directamente, ou que non se axuste ás leis vixentes e a estes estatutos ou se violen nela as normas deontolóxicas, sen prexuízo da competencia dos tribunais sobre a materia e o control destes sobre as decisións que adopte a organización colexial a este respecto.

g) Actuar, sempre que estean en exercicio, en funcións de delegados/as de visita médica, representantes, comisionistas ou axentes informadores dos laboratorios de medicamentos ou produtos sanitarios, ou actuar incumprindo calquera outro requisito, obriga ou prohibición establecidos na normativa vixente sobre o medicamento de uso veterinario.

h) Exercer a veterinaria cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o/a incapaciten para o dito exercicio, mediante a confirmación de recoñecemento médico.

i) Realizar comunicacións comerciais sobre os seus servizos profesionais contrariando o disposto na lei.

j) Efectuar manifestacións públicas, ou a través da prensa, radio ou televisión, das cales poida derivar un perigo potencial para a saúde da poboación ou un desprestixio ou prexuízo para o Colexio, os seus colexiados ou os membros da súa Xunta de Goberno, sempre que non estean amparadas polo dereito fundamental á liberdade de expresión.

k) Utilizar a condición de especialista nalgunha rama da profesión sen ter a titulación acreditativa pertinente.

l) En xeral, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto nas normas, legais ou deontolóxicas, que rexen o exercicio profesional da veterinaria.

3. As referidas prohibicións tamén se aplicarán ás sociedades profesionais cando a profesión se exerza a través delas, en canto lles sexan de aplicación.

TÍTULO IV

Do réxime de distincións e premios

Artigo 40. Distincións e premios

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio a concesión de mencións honoríficas e títulos de colexiados ou de presidentes de honra, a favor de calquera veterinario/a, así como tamén de personalidades ou entidades non veterinarias que, ao seu xuízo, o merezan.

2. Os colexiados veterinarios, no momento da súa xubilación, se contan con máis de vinte anos de colexiación e non teñen nota desfavorable nos seus expedientes colexiais, serán designados automaticamente colexiados honoríficos.

3. A concesión do título de colexiado/a ou presidente/a de honra e a adquisición da condición de colexiado/a honorífico/a, comportarán a exención do pagamento das cotas colexiais, tanto ordinarias coma extraordinarias.

4. As propostas de bolsas e bolsas para estudos poderán facerse sempre que se estableza unha previsión orzamentaria ao respecto e que o/a beneficiario/a acredite ser familiar en primeiro grao en liña directa dun/dunha veterinario/a colexiado/a, xubilado/a ou falecido/a e por núcleo familiar se acredite, mediante declaración da renda, non percibir máis de 12.000 € anuais ou aquela que se acorde en xunta de goberno; farase igualmente extensiva aos estudantes de Veterinaria que acrediten un excelente e meritorio historial académico.

5. A Xunta de Goberno do Colexio Oficial poderán acordar felicitacións a favor dos seus colexiados, e mesmo dos doutros colexios, cando, pola súa conduta exemplar ou polos seus méritos e servizos extraordinarios prestados aos colexios ou á profesión, se fagan acredores diso.

Cando o/a beneficiario/a resida nunha provincia non pertencente á Comunidade Autónoma de Galicia, a proposta será tramitada a través do Consello Xeral.

TÍTULO V

Do réxime económico

CAPÍTULO ÚNICO

Dos recursos económicos e dos gastos

Artigo 41. Recursos económicos

1. Os recursos económicos do Colexio poderán ser ordinarios e extraordinarios.

2. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades corporativas, os bens ou dereitos que integren o patrimonio do Colexio, así como os fondos depositados nas súas contas.

b) Os dereitos fixados pola Xunta de Goberno pola emisión de ditames, resolucións, informes, taxacións, visados, estudos e outros servizos ou consultas que realice esta sobre calquera materia. En ningún caso poderán provir estes dereitos da prestación de servizos veterinarios, ou servizos técnicos ou científicos relacionados con eles, por parte do Colexio ou dos seus órganos, que atenten contra a libre competencia dos seus colexiados.

c) As cotas de incorporación.

d) O importe das cotas ordinarias, fixas ou variables, así como as cotas extraordinarias. As cotas ou cantidades que deban ser satisfeitas non poderán ser abusivas nin discriminatorias.

e) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por expedición de certificacións.

f) As cantidades procedentes de sancións.

g) A participación que asignada polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios nos impresos de carácter oficial e calquera outros elementos de certificación, garantía e identificación. Os custos destas prestacións recaerán unicamente en quen as recibe.

h) As cantidades derivadas da prestación doutros servizos xerais aos colexiados. A recepción deste tipo de servizos por parte dos colexiados será voluntaria para aqueles que os soliciten. Así mesmo, os prezos que se lles cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

3. Serán recursos extraordinarios:

a) As doazóns ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza ou por calquera outro título gratuíto, se incorporen ao patrimonio colexial.

c) As cantidades que por calquera outro concepto, lle corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgún cargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

d) Calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 42. Elaboración e liquidación de orzamentos

1. Anualmente, será elaborado polo/a vogal-delegado/a da sección ou comisión económica, segundo as directrices do/da presidente/a, o orzamento de ingresos e gastos que se someterá á aprobación da Xunta de Goberno. Esta última deberá presentalo durante o último trimestre de cada ano á aprobación da Asemblea Xeral de colexiados.

2. Durante quince días anteriores ao da realización da asemblea, os orzamentos poñeranse en coñecemento e á disposición de calquera colexiado/a que o solicite, no taboleiro de anuncios da sede colexial.

3. Así mesmo, dentro do primeiro semestre de cada ano, a Xunta de Goberno deberá presentar ante a Asemblea Xeral de colexiados o balance e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior con data do 31 de decembro, para a súa aprobación ou rexeitamento. Previamente, o dito balance, xunto cos xustificantes de ingresos e gastos e dos libros contables, estará á disposición de calquera colexiado que o requira na sede do Colexio, para poder examinalo durante quince días anteriores ao da data de realización da asemblea.

Artigo 43. Cotas

1. Todos os colexiados están obrigados a satisfacer as seguintes cotas:

a) Cota de incorporación. É aquela cota referida aos custos asociados á tramitación, aprobada pola Asemblea Xeral de colexiados por proposta da Xunta de Goberno. É igual para todos os colexiados e satisfarase ao incorporarse ao Colexio. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.

b) Cota ordinaria. É a cota que aboan durante toda a vida colexial, para o normal sostemento e funcionamento do Colexio, todas as persoas colexiadas, con ou sen exercicio. Tal cota será aprobada pola Asemblea Xeral de colexiados por proposta da Xunta de Goberno.

Nesta incluiranse as cantidades económicas con que o Colexio ten que contribuír ao sostemento económico do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

c) Cota extraordinaria. Trátase dunha cota fixada pola Asemblea Xeral de colexiados, en situacións particulares, para facer fronte a gastos extraordinarios e non previstos nos orzamentos colexiais.

2. A Xunta de Goberno está facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas e débitos, en supostos extraordinarios e debidamente xustificados, nas condicións que acorden en cada caso particular.

Artigo 44. Obrigas económicas

Os colexiados estarán obrigados a satisfacer as cantidades que aprobe a Asemblea Xeral de colexiados polos servizos ou subministracións que preste o Colexio. Así mesmo, satisfarán as porcentaxes ou contías fixadas pola Asemblea Xeral de colexiados, relativas aos dereitos de intervención profesional do Colexio.

Artigo 45. Impagamento de cotas

1. O/a colexiado/a que non aboe as cotas nos prazos correspondentes recibirá do Colexio, por escrito reclamación advertíndoo/a do impagamento.

2. De persistir na súa actitude de non pagamento, e acumular insatisfeitos máis de dous períodos consecutivos, será requirido/a para facelos efectivos e concederáselle para o efecto o prazo de quince días, transcorrido o cal, se non satisfixese a súa débeda pecuniaria, se lle recargará a esta un 20 % anual.

3. Se o colexiado/a persistise en non pagar na forma e no/s prazo/s previsto/s no parágrafo anterior, con independencia da recarga e da reclamación xudicial polo Colexio das cantidades debidas, quedará suspendido/a no desfrute de todos os seus dereitos colexiais previstos nestes estatutos mentres non faga efectivo o pagamento das súas obrigas.

A suspensión levantarase automaticamente no momento en que cumpra os seus débitos colexiados.

A suspensión no desfrute dos dereitos colexiais non ten carácter de sanción disciplinaria.

Artigo 46. Gastos do Colexio

1. Os gastos do Colexio serán os necesarios para o sostemento dos servizos, sen que se poida efectuar ningún pagamento ningún non previsto no orzamento aprobado, agás que a Xunta de Goberno acorde a habilitación dun suplemento de crédito, que precisará a aprobación previa da Asemblea Xeral no caso de que se exceda o orzamento total anual.

2. Sen a autorización expresa da Presidencia, o/a vogal da sección económica non poderá realizar ningún gasto. Na caixa do Colexio existirá a cantidade necesaria para facer fronte aos seus pagamentos, que serán negociados, sempre que sexa posible, cunha entidade bancaria.

3. A Xunta de Goberno poderá habilitar suplementos de crédito nos seguintes supostos:

a) Pagamento de tributos estatais, autonómicos ou locais, cando o aumento do gasto derive dunha disposición legal ou regulamentaria.

b) Pagamento do persoal, cando o aumento do gasto derive dunha disposición legal ou estatutaria.

c) Cando sexa necesario atender outros gastos imprevisibles e de ineludible cumprimento.

TÍTULO VI

Do réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Da responsabilidade penal, civil e disciplinaria

Artigo 47. Responsabilidade penal

Os veterinarios están suxeitos a responsabilidade penal polos delitos que cometan no exercicio da súa profesión.

Artigo 48. Responsabilidade civil

Os veterinarios, no seu exercicio profesional, están suxeitos a responsabilidade civil cando por dolo, culpa ou neglixencia profesional, danen os intereses que teñen encomendados, responsabilidade que será exixible conforme a lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza.

Artigo 49. Responsabilidade disciplinaria

1. En ningún caso será obstáculo o exercicio da actividade profesional a través dunha sociedade profesional para a efectiva aplicación aos colexiados, sexan socios profesionais ou non, do réxime disciplinario previsto neste título.

2. Os colexiados que infrinxan os seus deberes profesionais ou os regulados por estes estatutos, polos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria ou polos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e/ou as normas deontolóxicas estarán suxeitos a sancións disciplinarias, con independencia de calquera outra responsabilidade civil, penal ou administrativa en que poidan incorrer.

3. As sociedades profesionais están suxeitas igualmente a responsabilidade disciplinaria e incorrerán nela nos supostos e circunstancias establecidas na lei e nestes estatutos, se cometeron algunha das infraccións previstas nestes. A responsabilidade disciplinaria da sociedade profesional entenderase sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que lle corresponda ao profesional actuante, sexa socio ou non desta.

Artigo 50. Potestade disciplinaria

1. Non se poderán impoñer sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto, logo de audiencia da persoa interesada, que se deberá tramitar conforme o previsto neste estatuto, complementado con aqueloutras normas do procedemento disciplinario e sancionador vixente nese momento e recollidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e na normativa administrativa vixente. As sancións ao respecto serán as vixentes no momento da comisión dos feitos e conforme a normativa colexial indicada.

2. O exercicio da potestade disciplinaria respecto dos colexiados correspóndelle á Xunta de Goberno do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense.

3. O axuizamento e a potestade disciplinaria, en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio, corresponderanlle ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. Contra as sancións impostas pola Xunta de Goberno caberá a interposición de recurso nos termos previstos nestes estatutos e na normativa complementaria.

5. Os acordos sancionadores serán inmediatamente executivos cando se esgote a vía corporativa.

Non obstante, no caso de que a dita execución poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación, o órgano encargado de resolvela e executala poderá acordar de oficio, ou por instancia de parte, a suspensión da execución do acto impugnado, sen prexuízo de levala a efecto unha vez que se dite resolución firme.

6. O Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense dará conta inmediata ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios de todas as sancións que impoña que comporten a suspensión no exercicio profesional, con remisión dun extracto do expediente. O Consello Xeral levará un rexistro de sancións de ámbito estatal no cal se recollerán todas as que sexan impostas polos colexios oficiais, tanto aos colexiados, persoas físicas, como ás sociedades profesionais. Tales sancións, ademais, anotaranse no expediente persoal do/da colexiado/a sancionado/a ou, de ser o caso, na folla aberta á sociedade profesional no Rexistro de Sociedades Profesionais.

Artigo 51. Faltas

As faltas cometidas polos colexiados veterinarios e polas sociedades profesionais e imputables a uns e outras, que poidan comportar sanción disciplinaria, clasificaranse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas graves susceptibles de ser cometidas polos veterinarios colexiados e imputadas a estes:

a) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais determinados nestes estatutos particulares, así como na normativa deontolóxica vixente.

b) A práctica de condutas profesionais con infracción das prohibicións contidas nestes estatutos particulares.

c) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, cuxa execución fose realizada valéndose da súa condición profesional, logo de pronunciamento xudicial firme.

d) O incumprimento reiterado dos acordos emanados da Asemblea Xeral do Colexio, da Xunta de Goberno e do Consello Xeral.

e) A falta de denuncia ás autoridades competentes e ao Colexio ou Consello Xeral das manifestas infraccións cometidas polos colexiados en relación coas obrigas administrativas ou colexiais de que teñan coñecemento.

f) O encubrimento da intrusión profesional, ou a colaboración no exercicio de actividades propias da profesión de veterinario con quen non teña o título correspondente ou non reúna a debida aptitude legal para iso, logo de pronunciamento xudicial firme.

g) A desconsideración para os compañeiros, tanto en relación coa actividade de carácter colexial coma profesional, no exercicio dos seus cargos.

h) Os actos de desconsideración ofensiva para os membros da Xunta de Goberno ou do Consello Xeral.

i) A competencia desleal e as accións e propaganda contrarias á deontoloxía profesional, de acordo co disposto na Lei de competencia desleal e na Lei xeral de publicidade, cando fose declarada a infracción polo órgano competente.

j) O incumprimento das normas establecidas sobre a documentación colexial, ou que teña que ser tramitada a través do Colexio, a falsificación ou inexactitude grave da citada documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio debe coñecer para exercer as súas funcións de control profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

k) O exercicio profesional en situación de embriaguez ou baixo os efectos de drogas tóxicas.

l) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias ou exclusivas dos colexios.

m) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiros.

n) Amparar o exercicio da profesión sen a preceptiva colexiación ou permitir o uso da clínica ou consultorio veterinario a persoas que non estean debidamente colexiadas.

ñ) Non respectar os dereitos dos particulares contratantes dos seus servizos ou dos destinatarios do seu exercicio profesional.

o) O incumprimento da normativa reguladora de actividades profesionais que se exercen en virtude de convenios ou contratos subscritos entre o Colexio e calquera Administración pública ou en virtude de funcións delegadas ou encomendadas pola Administración ou por calquera disposición legal aos colexios, aos consellos autonómicos ou ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.

p) A falta de pagamento das multas impostas por infraccións disciplinarias, unha vez que sexan exixibles por seren firmes ou non seren suspendidas polos órganos competentes da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

q) O incumprimento das prestacións que se conteñan na normativa deontolóxica e nos regulamentos ordenadores da actividade profesional.

r) A falta de comunicación ao Rexistro Mercantil da constitución dunha sociedade profesional ou das modificacións posteriores de socios, administradores ou do contrato social.

s) A falta de adaptación das sociedades constituídas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2007, de sociedades profesionais, ao disposto nesta, antes do día 15 de xuño de 2008, sempre que, con posterioridade á dita data, a sociedade exercese a actividade profesional veterinaria.

t) O incumprimento das previsións legais en relación cos requisitos de capital, composición de órganos de administración e representación das sociedades profesionais, xa sexa mediante acordos públicos, xa mediante acordos privados ou actuacións concertadas entre os socios.

2. Son faltas graves susceptibles de ser cometidas polas sociedades profesionais e imputadas a estas todas as tipificadas no punto 1 deste artigo, excepto as previstas nas letras c), j), k), l), m) e n).

3. Son leves as infraccións comprendidas nos puntos anteriores que revistan menor entidade por concorrer algunha destas circunstancias: a falta de intencionalidade ou escasa importancia do dano causado.

4. Merecerán a cualificación de moi graves as infraccións reputadas como graves nos puntos 1 e 2 deste artigo, nas cales concorra algunha destas circunstancias: intencionalidade manifesta, neglixencia profesional inescusable, dano ou prexuízo grave ao cliente ou a terceiros, obtención de lucro ilexítimo por mor da actuación ilícita, e ter sido sancionado/a anteriormente, por resolución colexial firme non cancelada, por mor dunha infracción grave.

Artigo 52. Sancións

1. Por razón das faltas previstas no artigo anterior, poderán impoñerse as seguintes sancións:

a) Aos veterinarios colexiados:

1ª. Amoestación persoal.

2ª. Apercibimento por oficio.

3ª. Multa de entre 1.001 euros e 5.000 euros.

4ª. Suspensión no exercicio profesional no ámbito do Colexio ata un (1) mes.

5ª. Suspensión no exercicio profesional no ámbito do Colexio entre un (1) mes e un (1) día e un (1) ano.

6ª. Suspensión no exercicio profesional no ámbito do Colexio entre un (1) ano e un (1) día e dous (2) anos.

7ª. Expulsión do Colexio, que comporta a inhabilitación para calquera outra colexiación. Tal expulsión terá o límite temporal fixado pola sanción; iso sen prexuízo do regulado no procedemento de rehabilitación da condición de colexiado legalmente establecido.

8ª. Exclusión das propostas efectuadas á Administración competente por parte dos colexios, consellos autonómicos e/ou do Consello Xeral, en relación con actuacións derivadas de funcións delegadas ou encomendadas pola Administración ou por calquera disposición legal a estas corporacións, tales como espectáculos taurinos, campañas de vacinación ou identificación de animais, de acordo co previsto no artigo 51.1.q) destes estatutos, por tempo non inferior a un (1) mes nin superior a tres (3) anos.

b) Ás sociedades profesionais:

1ª. Amoestación persoal dirixida aos seus administradores.

2ª. Apercibimento por oficio dirixido aos seus administradores.

3ª. Amoestación pública, mediante a publicación da resolución sancionadora firme no taboleiro de anuncios do Colexio ou nos seus órganos de expresión ou difusión.

4ª. Multa por importe de entre o 0,5 e o 3 % da súa facturación no exercicio inmediatamente anterior ao da comisión da infracción.

5ª. Baixa temporal do Rexistro de Sociedades Profesionais, por un prazo non inferior a un (1) mes nin superior a dous (2) anos. En todo caso, a baixa comportará a suspensión no exercicio profesional da sociedade polo tempo que dure a baixa.

6ª. Exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais, momento a partir do cal a sociedade non poderá exercer a actividade profesional veterinaria.

2. As sancións 4ª a 7ª do punto 1.a) deste artigo implican a accesoria de suspensión do exercicio do dereito de sufraxio activo e pasivo polo tempo da súa duración.

3. Tanto no caso de sanción de expulsión de veterinarios colexiados como no de exclusión definitiva de sociedades profesionais dos seus respectivos rexistros, será necesario o voto favorable de, polo menos, as dúas terceiras partes dos membros integrantes da Xunta de Goberno do Colexio.

4. As sancións de suspensión de exercicio profesional e expulsión dos veterinarios colexiados e as condutas que poidan afectar a saúde pública serán comunicadas ás autoridades sanitarias e gobernativas.

5. As sancións que se lles impoñan ás sociedades profesionais, consistentes na baixa temporal ou na exclusión definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais, serán comunicadas ao Ministerio de Xustiza e ao Rexistro Mercantil en que a sociedade sancionada estea rexistrada.

Artigo 53. Correspondencia entre infraccións e sancións

1. Pola comisión, por parte dos veterinarios colexiados, de infraccións cualificadas como leves poderán impoñerse as sancións 1ª a 2ª. Ás infraccións graves corresponden as sancións 3ª a 5ª, só as moi graves serán acredoras das sancións 6ª a 7ª. Para a determinación da concreta sanción impoñible teranse en consideración as circunstancias previstas na lei.

2. Pola comisión, por parte das sociedades profesionais, de infraccións cualificadas como leves poderán impoñerse as sancións 1ª a 2ª. Ás infraccións graves corresponden as sancións 3ª a 5ª, só as moi graves serán acredoras da sanción 6ª. Para a determinación da concreta sanción impoñible teranse tomadas en consideración, igualmente, as circunstancias previstas na lei.

Artigo 54. Outras faltas

1. Son faltas graves:

a) O abandono de funcións ou a falta de dilixencia no cumprimento das súas obrigas como directivos da organización colexial.

b) Todo grave incumprimento dos deberes que estes estatutos ou a legalidade vixente lles impoñan aos membros da Xunta de Goberno do Colexio Oficial.

c) A omisión, o incumprimento ou a demora grave e inxustificada na execución das ordes ou acordos emanados dos órganos de goberno da organización colexial.

d) A ocultación de datos ou elementos de xuízo de interese xeral para a profesión que consten ou que, pola súa natureza, deben constar en poder dos responsables do Colexio Oficial.

e) A aplicación indebida e inxustificada de cantidades consignadas nos orzamentos anuais a fins distintos dos previstos nestes.

f) O incumprimento do pagamento das cantidades destinadas ao sostemento do Consello Xeral e do resto das obrigas económicas previstas nestes estatutos ou nas disposicións legais vixentes.

g) As actuacións, en función do seu cargo, que atenten contra a dignidade e o bo nome da profesión ou dos órganos de representación desta.

h) A comisión de delitos con ocasión do exercicio do cargo, logo de pronunciamento xudicial firme.

i) Por parte da Secretaría da Xunta de Goberno do Colexio, non lle comunicar ao Consello Xeral as modificacións no Rexistro de Colexiados e no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

2. Son leves as infraccións comprendidas no punto anterior que revistan menor entidade por concorrer algunha destas circunstancias: a falta de intencionalidade ou escasa importancia do dano causado.

3. Merecerán a cualificación de moi graves as infraccións reputadas como graves nas cales concorra algunha destas circunstancias: a posta en perigo da subsistencia ou o entorpecemento grave do funcionamento da organización colexial ou de calquera dos seus órganos de representación, intencionalidade manifesta, desobediencia reiterada a acordos colexiais ou do Consello, ter sido sancionado/a anteriormente por resolución colexial firme non cancelada, por mor dunha infracción grave.

Artigo 55. Prescrición de infraccións e sancións. Cancelación. Rehabilitación

1. As infraccións prescriben:

a) As leves: aos seis (6) meses.

b) As graves: ao ano.

c) As moi graves: aos dous (2) anos.

2. As sancións prescriben:

a) As leves: aos seis (6) meses.

b) As graves: ao ano.

c) As moi graves: aos dous (2) anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde a comisión da infracción. A prescrición interromperase por calquera actuación colexial expresa e manifesta dirixida a investigar a presunta infracción, e con coñecemento da persoa interesada.

Os prazos de prescrición das sancións comezan a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción interromperá o prazo de prescrición desta.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións pola comisión de faltas leves, graves e moi graves cancelaranse, respectivamente, ao ano, aos dous anos e ao catro anos, contados desde cumprimento da sanción de que se trate.

5. Nos casos de expulsión, a Xunta de Goberno do Colexio poderá acordar, transcorridos polo menos tres anos desde a firmeza da sanción, a rehabilitación do/da expulsado/a, para o cal deberá incoar o oportuno expediente por petición deste/a. A Xunta de Goberno, oído o Consello Xeral e, se é o caso, o Consello Galego, decidirá acerca da rehabilitación, en atención ás circunstancias de feito concorrentes no/na solicitante.

TÍTULO VII

Do réxime xurídico dos actos e resolucións do Colexio

CAPÍTULO I

Da impugnación dos actos

Artigo 56. Réxime xurídico. Dereito aplicable aos actos e resolucións

1. O Colexio, na súa condición de corporación de dereito público e no ámbito das súas funcións públicas, actúa de acordo co dereito administrativo e exerce as potestades consecuentes coa dita condición.

2. No exercicio das súas funcións públicas, o Colexio debe aplicar, nas relacións coas persoas colexiadas e cos/coas cidadáns, os dereitos e as garantías procesuais que establece a lexislación do réxime xurídico e do procedemento administrativo.

3. No exercicio das súas funcións privadas, o Colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos ao patrimonio, á contratación e ás relacións co seu persoal, que se rexen pola lexislación laboral.

Artigo 57. Dos actos do Colexio

1. Os actos ou as resolucións ditados pola Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral serán inmediatamente executivos, excepto os casos en que unha disposición legal ou estes estatutos ordenen o contrario ou ben se suspenda a execución por parte do organismo que deba resolver os recursos interpostos contra eles, nos supostos que sinala a vixente Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Notificaránselles ás persoas interesadas os acordos e as resolucións que afecten os seus dereitos e os seus intereses.

3. Cando os acordos afecten unha pluralidade indeterminada de interesados, a notificación farase mediante un edicto que será exposto no taboleiro de anuncios do Colexio e publicado na páxina web colexial.

4. As notificacións faranse da maneira que sinalan os artigos 40 a 46 da Lei 39/2015 antes mencionada.

Artigo 58. Dos recursos

1. Contra os actos, os acordos ou as resolucións adoptados pola Xunta de Goberno ou a Asemblea Xeral, suxeitos ao dereito administrativo, que poñan fin a un procedemento, caberá recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Veterinarios.

2. Contra os actos e resolucións ditados en materias delegadas pola Administración autonómica,caberá interpoñer recurso de alzada ante a delegación competente por razóns de materia.

3. De conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, existe a posibilidade de recorrer ,ante a xurisdición contencioso-administrativa, contra a resolución dun recurso.

CAPÍTULO II

Da nulidade dos actos

Artigo 59. Nulidade

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais nos casos seguintes:

a) Os que lesionen os dereitos e as liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por un órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados, segundo o disposto nestes estatutos ou, subsidiariamente, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico, polos cales se adquiran facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición con rango de lei.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, mesmo a desviación de poder.

TÍTULO VIII

Do réxime de disolución do Colexio

Artigo 60. Da disolución

A disolución do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense será promovida polo propio Colexio ou pola Administración nos termos que estableza a normativa vixente. A promoción ou iniciativa de disolución do Colexio será aprobada mediante acordo adoptado nunha asemblea xeral, convocada para o efecto, e será necesario o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados integrantes do Colexio. O acordo remitirase á consellería pertinente ou que corresponda da Xunta de Galicia para a súa aprobación, así como á Organización Colexial Veterinaria autonómica e nacional. A Asemblea decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo, conforme a normativa legal ao respecto.

TÍTULO IX

Principios de xestión do Colexio

Artigo 61. Portelo único

O Colexio Oficial dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, os profesionais poidan realizar os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio da profesión e a súa baixa no Colexio a través dun único punto de acceso, por vía electrónica e a distancia.

A través do citado portelo único, os profesionais poderán:

a) Obter os formularios necesarios e a información suficiente para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar a documentación e as solicitudes necesarias, incluídas as que se exixan para a súa colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que se acredite a calidade de interesado e recibir notificacións referidas aos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio.

d) Recibir as notificacións dos expedientes disciplinarios a que estean sometidos, cando non for posible efectualas por outros medios e sen prexuízo de que sexan documentadas as actuacións de forma fidedigna polo Colexio.

e) Recibir as convocatorias para asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias.

f) Recibir comunicacións e información sobre as actividades públicas e privadas do Colexio.

A través do portelo único, co fin de garantir os dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información:

a) Acceso ao Rexistro de Colexiados actualizado, que conterá, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional, datos de contacto e situación de habilitación profesional.

b) Acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais conforme as normas que lle son de aplicación.

c) Información sobre as vías de reclamación e recursos que se poden interpoñer no caso de conflito entre un consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

d) Información sobre os datos das asociacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obteren asistencia. Información sobre o contido dos códigos deontolóxicos profesionais.

Artigo 62. Servizo de atención aos colexiados

O Colexio atenderá as queixas e reclamacións presentadas polos colexiados, determinando os procedementos que cómpre seguir nestes casos, mediante a aprobación pola súa asemblea xeral dos regulamentos internos oportunos, aos cales se dará a debida publicidade.

Artigo 63. Servizo de atención á cidadanía

O Colexio dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá as queixas e reclamacións referidas á actividade profesional dos colexiados e que formulen os consumidores e usuarios que contraten servizos profesionais ou as asociacións de consumidores e usuarios, na súa representación ou defensa dos seus intereses.

O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír expediente informativo ou disciplinario, ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

A regulación do servizo de atención aos consumidores ou usuarios deberá prever a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 64. Memoria anual

O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión; por iso, queda obrigado a elaborar unha memoria anual que conterá a seguinte información:

1. Informe anual de xestión económica, no cal se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen os gastos dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo.

2. Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

3. Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores finalizados, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, de ser o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

4. Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, de ser o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispoñer deles.

6. As situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

7. Información estatística sobre a actividade de visado.

A memoria anual farase pública a través da páxina web do Colexio de acordo coa lei vixente no primeiro trimestre de cada ano, consonte o previsto no ordinal segundo do artigo 10.ter da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Disposición adicional primeira

No non previsto nestes estatutos será de aplicación o previsto nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, e, en materia deontolóxica, serán de aplicación aquelas normas que se encontren vixentes na data de publicación destes ou que nun futuro aprobe a organización veterinaria colexial.

Disposición adicional segunda

Todas as referencias ao Consello Galego de Colexios Veterinarios se deben entender referidas ao Consello Xeral no caso de que aquel non asuma as competencias que se indican nestes estatutos.