Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 41995

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas mantenidas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 14, 28, 38, 44, 58, 84 e as disposicións adicionais segunda e quinta, adoptou o seguinte acordo:

Ambas as partes coinciden en considerar que os preceptos que se enumeran a continuación se aplicarán e desenvolverán, no exercicio das potestades normativas e administrativas da Xunta de Galicia, con respecto ao disposto na normativa estatal e, en particular, de acordo cos criterios interpretativos que se detallan a seguir:

a) En relación co número 3 do artigo 44, ambas as partes acordan que a interpretación conforme a orde de distribución constitucional de competencias implica aceptar que a atribución da totalidade do aproveitamento urbanístico á Administración ou entidade pública actuante enténdese sen prexuízo do disposto no artigo 18.1.b) do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana. É dicir, que o solo que corresponda á participación da comunidade nas plusvalías urbanísticas, de acordo con a lexislación urbanística autonómica, deberá cumprir as regras de destino aplicables aos patrimonios públicos de solo.

b) En relación co número 3 do artigo 84, ambas as partes acordan que a interpretación conforme a orde de distribución constitucional de competencias implica entender que só establece unha regra de xestión ou execución material, pero que esta non altera o réxime económico de deberes urbanísticos que competen á propia Administración pública en relación co mantemento e conservación das infraestruturas, equipamentos e dotacións que xa se entregaron á Administración para a súa incorporación ao dominio público. Todo iso en aplicación do estatuto xurídico básico de dereitos e deberes establecido polo lexislador estatal nos artigos 15 a 18 do texto refundido da Lei do solo e ordenación urbana.

c) En relación coa disposición adicional segunda, ambas as partes acordan que a interpretación conforme a orde de distribución constitucional de competencias exixe garantir os mecanismos de colaboración e cooperación coa Administración local que demande a lexislación sectorial reguladora das obras e instalacións de que se trate.

d) En relación coa disposición adicional quinta da lei, ambas as partes acordan a interpretación de que o precepto permite a utilización de terreos cualificados como de uso secundario ou terciario para localizar neles dotacións (equipamentos ou infraestruturas, segundo a terminoloxía da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia), por canto que resultaría necesario para o adecuado funcionamento da área empresarial, pero en ningún caso esta disposición habilita para destinar terreos cualificados como dotacionais polo instrumento de ordenación a usos lucrativos do sector secundario ou terciario.

e) Doutra banda, en relación cos artigos 14, 28 e 38, nos cales se regula o procedemento de aprobación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, o procedemento de modificación non substancial dese plan sectorial e o procedemento de aprobación dos plans estruturais de ordenación do solo empresarial sometidos a avaliación ambiental estratéxica e simplificada respectivamente, ambas as partes acordan que a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá unha modificación lexislativa dos ditos preceptos en que se especifique que será o órgano substantivo que determine a Comunidade Autónoma de Galicia ao cal o promotor remita a solicitude de inicio de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e simplificada, e que ese mesmo órgano será o encargado de comprobar que a solicitude de inicio inclúe os documentos preceptivos antes do seu posterior traslado ao órgano ambiental, de conformidade co disposto con carácter básico nos artigos 18 e 29 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

f) En relación co artigo 58.3 in fine, sobre a fase de informe do procedemento de aprobación dos proxectos de desenvolvemento e urbanización de competencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria, ambas as partes acordan que a mención a «entenderanse emitidos con carácter favorable» non afectará en ningún caso o previsto con carácter básico polo artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. Ambas as partes acordan que a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá unha modificación lexislativa en que se especifique que a mención a «entenderanse emitidos con carácter favorable» non afectará en ningún caso o previsto con carácter básico polo artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

II. En razón ao acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa devandita lei e concluída a controversia exposta.

III. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García
Ministra de Política Territorial

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes