Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2023 Páx. 41741

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 5 de xullo de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada para os días 6, 7, 12 e 13 de xullo de 2023, e que afectará á empresa Edelne, S.L.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

As organizacións sindicais integrantes da parte social da mesa negociadora do convenio colectivo de empresas do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra convocaron unha folga de ámbito provincial desde as 6.00 horas do 6 de xullo ata as 6.00 horas do 8 de xullo e desde as 6.00 horas do 12 de xullo ata as 6.00 horas do 14 de xullo, quedando afectada a actividade que Edelne, S.L. realiza nesa provincia.

Entre os servizos que presta a empresa Edelne, S.L. considéranse como esenciais para a comunidade os referidos á asistencia a incidencias nas instalacións da rede eléctrica.

O servizo público de subministración de enerxía eléctrica debe cualificarse de esencial para os intereses xerais e, polo tanto, a asistencia ás incidencias nas instalacións da rede eléctrica debe ser atendida, a pesar da existencia dunha situación legal de folga.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter os niveis operativos necesarios para garantir a seguridade das persoas e dos bens afectos ao servizo de subministración de enerxía eléctrica e para evitar que se produzan graves prexuízos irreparables á cidadanía e que poden afectar á vida das persoas.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga á Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta aos conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e en cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga de ámbito provincial efectuada polas organizacións sindicais desde as 6.00 horas do 6 de xullo ata as 6.00 horas do 8 de xullo e desde as 6.00 horas do 12 de xullo ata as 6.00 horas do 14 de xullo, pola que quedan afectados os servizos de Edelne, S.L., deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

2. Polas características dos servizos dispensados pola empresa Edelne, S.L. é preciso sinalar durante a folga o seguinte número de empregados que poidan levalos a cabo en cada un dos centros de traballo da compañía:

a) Dúas persoas traballadoras a xornada completa para o departamento administrativo.

b) Unha persoa traballadora a xornada completa para a área de xestión de incidencias.

c) Unha persoa traballadora a xornada completa para a área de xestión de obras.

d) Seis persoas traballadoras a xornada completa para a área de mantemento de redes de media e baixa tensión.

e) Catro persoas traballadoras a xornada completa para a área de mantemento de cadros eléctricos.

f) Catro persoas traballadoras a xornada completa para a área de mantemento de obra civil.

g) Dúas persoas traballadoras a xornada completa para a área de loxística.

A designación dos traballadores que desenvolvan estes labores realizarase pola compañía, debendo así mesmo considerarse como servizo mínimo a asignación dos operarios dispoñibles para prestar os servizos mencionados.

Artigo 2

A empresa deberá adoptar as medidas necesarias para garantir os servizos mínimos fixados. En particular, requirirá o máis axiña posible, de modo individual e fidedigno, todos os traballadores que designe para cubrir os servizos mínimos, cuxo incumprimento comportará as responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

Artigo 3

O establecido na presente resolución non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lles recoñeza aos traballadores na devandita situación.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación