Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2023 Páx. 41874

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, orientada a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN854A).

BDNS (Identif.): 706144.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Empresas industriais ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, que dispoñan dun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 3.

b) Agrupacións dunha empresa ou empresas do sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, e un ou varios organismos de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), que realicen proxectos en cooperación.

c) Agrupacións entre empresas que deberán pertencer ao sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025.

2. Os organismos de investigación, ademais de cumprir os requisitos da definición incluída no artigo 2, só poderán ser beneficiarios se desenvolven un proxecto en colaboración cunha ou varias empresas no marco dun proxecto en cooperación subvencionable ao abeiro desta convocatoria e contan cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.

3. As grandes empresas só poderán acceder ás axudas para proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos se colaboran de xeito efectivo (artigo 2.13 desta convocatoria) cunha ou varias pemes, que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación coa grande empresa.

4. No caso de proxectos de I+D, as empresas grandes que conten con máis de 499 traballadores só poderán ser beneficiarias se desenvolven un proxecto en colaboración cunha o varias pemes. As pemes que formen parte da agrupación deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5 % do total dos custos subvencionables.

Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación.

Proxectos individuais:

No caso de proxectos de I+D, poderá participar na modalidade de proxectos individuais unha peme ou unha empresa pequena de mediana capitalización-Midcap (entidades que conten con ata 499 traballadores, que non sexan pemes).

No caso de proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos, para a modalidade de participación individual, só poderá solicitar axuda unha peme.

Os organismos de investigación non poderán participar nesta modalidade.

Proxectos en cooperación:

As entidades participantes en proxectos en cooperación deberán formar unha agrupación xurídica, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Esta agrupación estará constituída por:

– No caso de proxectos de I+D:

• Empresas, pemes ou grandes. Sempre que unha empresa conte con máis de 499 traballadores, deberá cooperar cunha ou varias pemes, de acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos.

• Empresas –pemes ou grandes– e un ou varios organismos de investigación e difusión. Sempre que unha empresa conte con máis de 499 traballadores, deberá cooperar cunha ou varias pemes, segundo o disposto no dito artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/1058. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos.

– No caso de proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos:

• Empresas, e é necesario que unha delas sexa unha peme.

5. No caso de proxectos en cooperación, as porcentaxes de participación de acordo coa tipoloxía de entidades socias da agrupación son as seguintes:

a) O orzamento global do organismo ou organismos de investigación e de difusión de coñecementos non poderá ser inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto.

b) Nos proxectos en que participen unha ou varias pemes, estas deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5 % do total dos custos subvencionables.

c) Se son proxectos de innovación organizativa ou en materia de procesos solicitados por grandes empresas, será requisito imprescindible para o seu financiamento a colaboración dun xeito efectivo (artigo 2.10 desta convocatoria) cunha ou varias pemes que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da convocatoria da iniciativa Fábrica intelixente e sustentable. Esta iniciativa, incluída no Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, marco instrumental da RIS3 2021-2027, ten por obxectivo promover a realización de proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para acadar un modelo produtivo innovador.

Os proxectos de I+D+i deberán enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da RIS3 recollidos no anexo VII desta convocatoria e deberán estar centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde. Así mesmo, deberán impulsar un modelo industrial innovador que favoreza unha transición industrial adecuada, apoiando o desenvolvemento de cadeas de valor estratéxicas no marco da RIS3, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e transición verde.

En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

En atención ao considerando 10 do RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixan os obxectivos ambientais que se van protexer.

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Os proxectos deberán ter un orzamento subvencionable mínimo de 2.000.000 de euros e máximo de 25.000.000 de euros.

A duración dos proxectos será de catro anualidades e estenderase ata o 30 de setembro de 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

O importe total da convocatoria é de 24.000.000 €, coa seguinte distribución anual:

Eixe

OE

Beneficiarios

Aplicación

2023

2024

2025

2026

Total

01

11

Grandes empresas

05.A2.561A.770.0 (CP:2023.00004)

200.000 €

2.800.000 €

8.000.000 €

4.000.000 €

15.000.000 €

01

11

Pemes

05.A2.561A.770.0 (CP:2023.00004)

100.000 €

900.000 €

3.000.000 €

1.000.000 €

5.000.000 €

01

11

Organismos de investigación privados

05.A2.561A.781.0

(CP:2023.00004)

50.000 €

700.000 €

1.000.000 €

250.000 €

2.000.000 €

01

11

Sistema universitario de Galicia

05.A2.561A.744.0

(CP:2023.00004)

50.000 €

700.000 €

1.000.000 €

250.000 €

2.000.000 €

Total

400.000 €

5.100.000 €

13.000.000 €

5.500.000 €

24.000.000 €

As axudas desta convocatoria serán susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027, obxectivo político OP1 Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e da comunicación; prioridade 1.A Transición dixital e intelixente; obxectivo específico: RSO 1.1. Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas; liña de actuación L.A.1.1.3. Proxectos de I+D+i centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde.

A taxa de cofinanciamento do Feder é do 60 % e o 40 % restante compútase como investimento privado ou público, segundo o caso, elixible dos beneficiarios.

As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (RXEC) e de acordo coas seguintes táboas:

Proxectos individuais:

Categoría predominante do proxecto

Pequena empresa1

Mediana empresa1

Grande empresa1

Investigación industrial

60 %

60 %

50 %

Desenvolvemento experimental

45 %

35 %

25 %

Innovación organizativa ou en materia de procesos2

50 %

50 %

Proxectos en cooperación:

Categoría predominante do proxecto/da participación dun membro da agrupación no caso de proxectos en cooperación

Pequena empresa1

Mediana empresa1

Grande empresa1

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresa/s e un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación

60 %

60 %

60 %

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas, polo menos unha das cales debe ser peme, e que ningunha empresa corra por si soa con máis do 70 % dos custos subvencionables

60 %

60 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s e un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación

60 %

50 %

40 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas, polo menos unha das cales debe ser peme, e que ningunha empresa corra por si soa con máis do 70 % dos custos subvencionables

60 %

50 %

40 %

Innovación organizativa ou en materia de procesos2

50 %

50 %

15 %

1 Para os efectos desta convocatoria, na medida en que as actividades que se apoian teñen natureza económica, aos organismos de investigación seranlles de aplicación estas mesmas intensidades máximas.

2 No caso de grandes empresas, só cando colaboran de xeito efectivo cunha ou varias pemes que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto (artigos 4.c e 5.3).

As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos ou outros recursos, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de outubro de 2023.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación