Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 4 de xullo de 2023 Páx. 41355

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Coruña (expediente IN407A 2023/075-1).

Expediente: IN407A 2023/075-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: LMTS, CTC e RBTS Igrexa de Elviña, nº 12.

Concello: A Coruña.

Feitos:

1. O día 23.2.2023, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, coa finalidade de dar resposta a unha solicitude de subministración eléctrica para un punto de recarga de vehículos eléctricos.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento e que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado LMTS, CTC e RBTS Igrexa de Elviña, nº 12, asinado por Susana Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial eléctrica, nº de colexiada 2.033 da Coruña, o 15.11.2022, con declaración responsable do 15.11.2022.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas déuselles traslado dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello da Coruña e Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

4. Con data do 29.5.2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. A lexislación aplicable a este expediente é a que se relaciona:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As instalacións atópanse no camiño da Felga, no concello da Coruña e as súas características técnicas son as seguintes:

• Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 252 m, coa orixe no paso aéreo-subterráneo proxectado no apoio con matrícula nº AEX5P172//D6 da LMT EIR721, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, e final no paso aéreo-subterráneo proxectado no apoio con matrícula nºAEX5P172//D6 da LMT EIR721, no camiño da Felga, despois de facer entrada e saída no CT proxectado.

• Centro de transformación prefabricado, de 250 kVA, con relación de transformación 15.000/400 V.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 12 de xuño de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña