Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 29 de xuño de 2023 Páx. 40518

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C).

BDNS (Identif.): 705163.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 dun programa de incentivos á contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para a contratación mínima de 9 meses a xornada completa de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

Segundo. Persoas empregadoras e empresas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nos artigos 6, 7 e 8 desta orde.

Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Terceiro. Gastos subvencionables.

Serán subvencionables as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos indefinidos, contratos de formación en alternancia ou de contratos para a obtención da práctica profesional, tanto as novas contratacións, como as contratacións realizadas con anterioridade á notificación da concesión da axuda, e ata os seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación desta orde, sempre que a formalización do contrato se realizase no ano en curso e se cumpran todos requisitos recollidos nesta orde.

Os contratos terán unha duración mínima de 9 meses e deberán ser a xornada completa.

Cuarto. Contía dos incentivos

A axuda consistirá nun incentivo único de 9.000 € por cada persoa moza contratada, ben con carácter indefinido ou ben cunha duración mínima de 9 meses para os casos de contratos de formación en alternancia e para a obtención da práctica profesional, e en todos os casos cunha xornada a tempo completo.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 16 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR350C).

Sexto. Presentación de solicitudes e prazo

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade