Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 27 de xuño de 2023 Páx. 40036

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Piago e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, nos concellos de Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro (expediente IN408A 2020/25).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Piago, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 14.2.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Piago e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, nos concellos de Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro (Lugo).

Segundo. O 15.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, a Lei 8/2009). O 28.5.2020, achegaron o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 24.7.2020 esta dirección xeral solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o informe establecido no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (anterior redacción), e consulta de organismos que deben emitir informe sobre o proxecto sectorial.

O 16.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. O 24.7.2020 esta dirección xeral solicitoulle ao órgano ambiental o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que se indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública (redacción anterior).

O 28.10.2020 e o 20.11.2020 o órgano ambiental fixo requirimento de documentación adicional. O 9.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009.

Quinto. O 22.3.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Piago á Xefatura Territorial de Lugo para a seguir da tramitación.

Sexto. Mediante Acordo do 21 de xuño, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, polo que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Piago e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, nos concellos de Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro (Lugo) (expediente IN408A 2020/25).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6.7.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Lugo e da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotora.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Cervo, Concello do Valadouro, Concello de Viveiro, Concello de Xove, Deputación Provincial de Lugo, Empresa Distribuidora Viesgo, PE de Buio, S.L., Retegal e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.).

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 22.7.2021, a Deputación Provincial de Lugo o 19.7.2021 e Retegal o 20.7.2021.

O promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O 20.12.2021 remitiuse separata para o PE de Buio, S.L., o 20.1.2022 PE de Buio presenta un escrito de alegacións. Remitida esta resposta ao promotora, posteriormente, o 20.11.2022 o promotora presentou acordo asinado co PE de Buio, S.L.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. O 4.11.2021 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto de execución, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Noveno. O 4.11.2021 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Cervo, Concello de Xove, Concello de Viveiro e Concello do Valadouro.

Formalizada a tramitación ambiental, o 16.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA), que se fixo pública mediante o Anuncio do 16 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 16.11.2022 (DOG núm. 229, do 1 de decembro).

Décimo primeiro. O 3.2.2023 a promotora presentou documentación actualizada do proxecto de execución (Proxecto de execución modificado nº 1 do parque eólico Piago e Modificado nº 1 da infraestrutura eléctrica de evacuación, asinados por Ricardo Lago Alonso (colexiado nº 2.221, Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e por Arturo Oliveras Sanz (colexiado nº 18.063, Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos de Lleida) e visado polo Colexio de Enxeñeiros Graduados e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lleida, con número de visado 2023/00599, do 1.2.2023, e do proxecto de interese autonómico.

Décimo segundo. O 10.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública. O 15.3.2023 a promotora presenta escrito onde indica que a documentación requirida é a presentada coa entrada do 3.2.2023.

Décimo terceiro. O 20.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación refundida á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, para os efectos de que emita un novo condicionado técnico.

Décimo cuarto. O 3.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo primeiro, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Décimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,45 MW, segundo o informe do xestor da rede do 26.7.2018.

Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 22.3.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.11.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e de Augas de Galicia; no seu momento consideráronse elementos de xuízo suficientes para realizar a avaliación e continuar co procedemento.

– A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental no seu anexo 11, o ámbito que se tomou para a análise de sinerxías non queda restrinxido a unha área centrada unicamente no PE Piago, senón que amplía o seu ámbito para englobar nunha única envolvente o resto de parques próximos en dous espazos territoriais: un ámbito territorial de 20 quilómetros de raio desde a área de desenvolvemento eólico do PE Piago. Sobre esta envolvente leva a cabo o estudo paisaxístico e de visibilidade, e outro de 5 quilómetros ao redor do parque que se proxecta, Dentro deste ámbito analízanse os efectos acumulativos e sinérxicos sobre a fauna e sobre a posible perda de conectividade ecolóxica. O estudo de sinerxías na envolvente de 20 quilómetros vaise realizar con parques eólicos existentes, xa estean en explotación ou autorizados, e o estudo de sinerxías na envolvente de 5 quilómetros realizouse con parques eólicos existentes; PE Rioboo, composto por 16 aeros, PE Buio, composto por 31 aeros, PE Gamoide, composto por 25 aeros, PE Viveiro componse de 45 aeros, dos cales só 2 se sitúan dentro da envolvente de 5 quilómetros e coas liñas eléctricas de alta e media tensión tamén existentes.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que deben perseguir este tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

– Tal e como consta no número 8 do proxecto de execución do parque eólico Piago, prevese a execución tanto dos aeroxeradores, como da liña de evacuación de 30 kV, centro de seccionamiento, subestación, liña de 20 kV e liña de 132 kV. Por iso debe concluírse que non se orixina ningún fraccionamento, ao incluírse a totalidade das instalacións do parque eólico, correspondendo o fraccionamento de proxectos con aqueles supostos en que, para evitar o sometemento a trámite de avaliación de impacto ambiental dunha determinada instalación, se separan partes desta, o cal neste caso non concorre ao incluír no proxecto do parque eólico Piago a totalidade dos elementos operativos necesarios para o seu funcionamento.

– Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras (epígrafe 9), hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

– Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.1, Resumo da tramitación, en que se recolle a publicación do Acordo do 21.6.2021, da entón Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo (publicado no DOG núm. 127, do 6 de xullo), polo que se someten a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Piago e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Cervo, O Valadouro, Viveiro e Xove e na entón Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

– No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que, coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

– No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe o que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 16.10.2020, neste informe no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, recóllese que: “Logo de comprobar o planeamento vixente no concello afectado (Normas subsidiarias do planeamento municipal de Cervo aprobadas definitivamente o 10.6.1994) e as coordenadas recollidas no número 10.3 da memoria das posicións dos 8 aeroxeradores, conclúese que cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no número 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable”.

– No número 2.1 do estudo de impacto ambiental do parque eólico Piago e da súa liña de evacuación asociada incorpórase xustificación do interese público do proxecto desde a perspectiva das políticas públicas orientadas ao autoabastecemento enerxético, freo do cambio climático e fomento do emprego de enerxías renovables.

– No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 4.10.2021: “De acordo cos datos do Servizo de Montes e o informe emitido polo distrito forestal, as obras afectan montes veciñais en man común, polo que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas.

Procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre supoñer a nova clasificación á de protección forestal, de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de no perder potencial para a produción forestal nos arredores.

Arredor do aeroxerador e demais estruturas do proxecto deberase cumprir a normativa de prevención de incendios forestais. No parque eólico existirán, ademais, diversas instalacións que implican certo risco de ocasionar un incendio forestal, como os propios aeroxeradores ou o transformador”.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 4.2.2022: “Tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas emítese informe favorable sobre a realización do proxecto parque eólico Piago e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, situado nos concellos de Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro, na provincia de Lugo.”

– Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: “Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.”

– O medio socioeconómico en que se implantarán as instalacións do parque eólico Piago resulta analizado no número 3.10 do estudo de impacto ambiental, e o impacto que se orixinará sobre este cualifícase no número 4.2.1.K.2, 4.2.2.G.2 e 4.3.2.G.2 do devandito estudo de impacto ambiental como positivo en fase de construción e de explotación.

– Naturgy elaborou a separata de afección a bens dependentes de Parques Eólicos de Buio, S.L. ao advertir que está dentro da poligonal do parque eólico Rioboo a liña eléctrica a 20 kV que se prevé executar para alimentar os servizos auxiliares da área que se cederá a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. co obxecto de poder efectuar a evacuación da enerxía do parque eólico Piago mediante a LAT 132 kV PE Buio-SE Boimente, da cal tamén se efectuará traslado á Administración nos termos recollidos no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000.

Naturgy solicitará a todos os titulares con permisos de acceso e conexión na SE Boimente a subscrición do documento exixido no artigo 123.1 do Real decreto 1955/2000, o cal se efectuará en calquera momento do procedemento de obtención da autorización administrativa previa.

Naturgy analizará as posibles alternativas que poidan resultar para a execución da liña eléctrica a 20 kV con respecto aos cruzamentos con vías do parque eólico Rioboo e gabia pola que discorre a liña eléctrica subterránea de titularidade da alegante».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 28.12.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Piago, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Piago, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Piago.

Nos números 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5.Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Piago, sito nos concellos de Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro (Lugo), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 22,45 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Piago, composto polo documento:

Proxecto de execución modificado nº 1 do parque eólico Piago e modificado nº 1 da infraestrutura eléctrica de evacuación. Persoal técnico que subscribe o proxecto: Arturo Oliveras Sanz (colexiado nº 18.063 do Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos de Lleida) e Ricardo Lago Alonso (colexiado nº 2.221 do ICOIIG).

Identificación do proxecto: proxecto asinado dixitalmente polo persoal técnico o 30.1.2023 e o 1.2.2023 e visado o 1.2.2023 polo CETILL, co nº 2023/00599.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Piago.

Potencia instalada: 27,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 27,6 MW.

Concellos afectados: Cervo, Xove, Viveiro e O Valadouro (Lugo).

Orzamento de execución material: 23.988.836,54 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

623.900

4.828.800

B

623.900

4.833.700

C

628.600

4.833.700

D

628.600

4.831.600

E

626.200

4.830.600

F

625.500

4.828.600

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A01

626.292

4.832.993

A02

626.042

4.832.524

A03

625.425

4.831.920

A04

625.292

4.831.511

A05

624.903

4.830.769

A06

624.880

4.830.342

A07

624.950

4.829.718

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación do parque eólico:

Sete (7) centros de transformación, cada cal instalado no interior da torre dun aeroxerador, formados por transformadores de 4.500 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,65/30 kV, celas de media tensión de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

− Rede colectora soterrada de 30 kV, formada por dous circuítos con condutor tipo RHZ1-2OL 18/30 kV, para a interconexión dos centros de transformación 0,65/30 kV co CS, co obxecto de evacuar a enerxía xerada. A rede tamén conta, para a sinalización e manobra do parque desde o posto de control do CS, con cable óptico de oito fibras, tipo monomodo (10/125 m) ou multimodo (50/125 m), segundo as distancias.

− Unha (1) torre meteorolóxica de 154 m de altura coa seguinte localización:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

625.805

4.832.291

Centro de seccionamento (CS PE Piago), cunha configuración de simple barra e celas tipo GIS de interior, como instalación colectora dos circuítos de 30 kV que parten dos aeroxeradores do parque. O centro está constituído por un edificio prefabricado que alberga as celas de media tensión de 30 kV necesarias, transformador de servizos auxiliares (SSAA) de 25 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,42 kV, grupo electróxeno de emerxencia e resto de equipamentos de protección, medida e control requiridos.

O recinto do centro está no concello de Cervo (Lugo) e está delimitado polas seguintes coordenadas:

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

625.208,98

4.831.054,26

B

625.236,13

4.831.028,11

C

625.214,18

4.831.005,31

D

625.187,02

4.831.031,47

− Liña aéreo-subterránea de 30 kV, entre o CS e a SET 30/132 kV para evacuación da enerxía producida, de dobre circuíto e composta polos seguintes tramos:

Tramo soterrado, con orixe no CS e final no apoio nº 1 PAS, cunha lonxitude de 149 m, condutor tipo RHZ1-2OL 18/30 kV e cable de fibra óptica tipo PKP.

Tramo aéreo, con orixe no apoio nº 1 PAS e final no apoio nº 32 PAS, cunha lonxitude de 6.863 m, 32 apoios, condutor tipo 337-AL1/44-ST1A (LA-380) e cable de garda e comunicacións tipo OPGW 24-64F.

Tramo soterrado, con orixe no apoio nº 32 PAS e final na SET, cunha lonxitude de 97 m, condutor tipo RHZ1-2OL 18/30 kV e cable de fibra óptica tipo PKP.

− Subestación elevadora (SET) 30/132 kV (Piago), tipo HIS/GIS cunha configuración de simple barra con dúas posicións de entrada-saída de liña de 132 kV (para a apertura da liña existente LAT 132 kV PE Buio–SE Boimente, propiedade de Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (en adiante, VDE), e unha posición cun transformador trifásico en baño de aceite de 30 MVA de potencia nominal e relación de transformación 132/30 kV.

A SET proxectada está constituída por:

Un parque á intemperie no cal se instalará un módulo blindado HIS tipo híbrido para cada unha das posicións de liña.

Un edificio prefabricado que alberga as celas de 30 kV do lado do xerador, transformador de SSAA de 50 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,42 kV, grupo electróxeno de emerxencia e resto de equipamentos de protección, medida e control requiridos.

Un edificio prefabricado para as instalacións de servizos auxiliares de VDE con transformador de SSAA de 50 kVA de potencia nominal e relación de transformación 20/0,42 kV, así como cunha posición para a acometida da liña de 20 kV que o alimenta.

O recinto da SET está no concello de Viveiro (Lugo) e está delimitado polas seguintes coordenadas:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

619.556,54

4.828.457,03

B

619.613,75

4.828.470,22

C

619.610,66

4.828.481,30

D

619.638,11

4.828.488,97

E

619.652,64

4.828.436,96

F

619.577,98

4.828.416,10

− Liña aéreo-subterránea de 20 kV para a alimentación dos SSAA de VDE, trifásica de simple circuíto e composta polos seguintes tramos:

Tramo soterrado, con orixe na SET e final no apoio nº 1A PAS, cunha lonxitude de 25,63 m e condutor tipo RHZ1-OL 12/20 kV.

Tramo aéreo, con orixe no apoio nº 1A PAS e final no apoio de entronque coa LMT que alimenta o CT Turbeiras de Buio, cunha lonxitude de 1.863 m, 17 apoios e condutor tipo 57-AL1/8-A20SA (LARL 56).

Nota 1: a substitución do apoio existen na LMT propiedade de VDE previsto para o entroncamento non é obxecto deste proxecto.

− Liña aérea de 132 kV, entre o pórtico da SET 30/132 kV e o apoio nº 2E, para o entronque previsto coa LAT 132 kV PE Buio–SE Boimente, propiedade de VDE (para a súa apertura, con entrada e saída na SET), de dobre circuíto, cunha lonxitude de 282,53 m, 2 apoios, condutor tipo 242-AL/39-ST1A (LA280) e cable de garda e comunicacións tipo OPGW 48 fibras.

Nota 2: o entroncamento da LAT 132 kV proxectada coa LAT 132 kV PE Buio – SE Boimente non é obxecto deste proxecto.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 145.855 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus números 4.1.3 e 4.1.4, o promotora antes do inicio das obras deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Patrimonio Cultural.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

10. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.11.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sétimo, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais