Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 27 de xuño de 2023 Páx. 39850

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo no polígono industrial de Sabón.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Arteixo no polígono industrial de Sabón, mediante a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 8 de xuño de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a dita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1768&_aaeTipology_WAR_aae_id=1768

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas
subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo no ámbito do
polígono industrial de Sabón

O Concello de Arteixo solicita a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal arriba referida, en virtude do establecido no artigo 60.16, en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Plan parcial do polígono industrial de Sabón foi aprobado definitivamente o 30 de outubro de 1965. Tivo unha modificación puntual, aprobada o 30 de novembro de 1989, para a creación dunha gran área de equipamentos públicos na parte do polígono contiguo ao núcleo urbano de Arteixo.

2. O Concello de Arteixo dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 23 de marzo de 1995, (texto refundido do 4 de maio de 1995), que na súa disposición transitoria primeira mantén en vigor o plan parcial e a súa modificación, coas alteracións que expresamente recolle.

3. As normas subsidiarias de planeamento municipal tiveron catro modificacións que afectan este plan parcial: modificación da ordenanza de solo industrial (aprobada definitivamente o 28 de novembro de 2002); modificación do cambio de uso na parcela 31-A-32 (31 de outubro de 2007); modificación nas parcelas 75, 76A e B, 77 e 79 (27 de setembro de 2017); e modificación na parcela 29 (19 de outubro de 2017).

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 3 de xuño de 2016, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da Lei do solo de Galicia.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o 11 de xullo de 2016 (DOG do 3 de agosto), no cal se resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, establecéndose un conxunto de determinacións. No marco dos procesos de consultas previas, contestaron, ademais da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo:

• Instituto de Estudos do Territorio, informe do 16 de marzo de 2016.

• Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, informe do 16 de maio de 2016.

• Asociación de Empresarios do polígono de Sabón-Arteixo, alegación do 15 de xuño de 2016.

6. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático concedeu, pola Resolución do 12 de abril de 2022, prorrogar a vixencia do informe ambiental estratéxico por un prazo máximo de dous anos a partir do 3 de agosto de 2022.

7. O arquitecto municipal emitiu informes o 29 de marzo de 2019 e o 1 de abril de 2019.

8. A técnica da Administración xeral municipal emitiu o informe xurídico, coa conformidade da secretaria xeral municipal, o 3 de abril de 2019.

9. O Pleno do Concello de Arteixo aprobou inicialmente a modificación puntual o 9 de abril de 2019. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 24 de xuño de 2019 e Diario Oficial de Galicia do 28 de agosto de 2019), e presentáronse oito alegacións.

10. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

• Demarcación de estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) do 10 de abril de 2019, favorable.

• Autoridade Portuaria da Coruña do 29 de abril de 2019 (desfavorable) e do 5 de xullo de 2021, favorable.

• Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria (Ministerio de Fomento), do 8 de maio de 2019.

• Dirección Xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural (Ministerio de Cultura e Deporte), do 6 de maio de 2019.

• Ministerio de Defensa do 13 de maio de 2019 e do 9 de agosto de 2019, favorables.

• Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento), do 18 de xuño de 2019.

• Portos do Estado (Ministerio de Fomento), desfavorable do 25 de xullo de 2019, favorable con condicións do 18 de maio de 2022 e posterior informe do 29 de agosto de 2022.

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa) do 2 de agosto de 2019, favorable.

• Deputación Provincial da Coruña, do 2 de agosto de 2019, favorable.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 29 de agosto de 2019.

• Subdelegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento) do 2 de setembro de 2019.

• Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica) referido ao artigo 117.1 da Lei de costas, do 20 de decembro de 2019, e referido ao artigo 117.2, do 27 de abril de 2022 (desfavorable) e do 11 de abril de 2023, favorable con condicións.

11. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) do 29 de agosto de 2019.

• Augas de Galicia require documentación adicional o 9 de setembro de 9/2019. Consta nova solicitude de informe a Augas de Galicia o 18 de maio de 2021, que non foi emitido.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 14 de outubro de 2019 e do 17 de xaneiro de 2023, desfavorables, e do 2 de marzo de 2023, favorable con condicións.

• Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe, do 29 de novembro de 2019.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 23 de abril de 2019 e do 16 de febreiro de 2022.

• Portos de Galicia, favorable, do 22 de agosto de 2019.

• Axencia Galega de Infraestruturas, do 23 de outubro de 2019 (desfavorable) e do 19 de novembro de 2021, favorable.

Non se recibiron os informes solicitados á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

12. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, A Laracha e Culleredo. Recibiuse resposta da Coruña.

13. Constan informes municipais de arquitecto (9 de decembro de 2021); técnica de Administración xeral, coa conformidade do secretario xeral (15 de decembro de 2021) e interventora xeral (23 de decembro de 2021).

14. O Pleno do Concello de Arteixo aprobou provisionalmente a modificación o 30 de decembro de 2021; e aprobou unha corrección de erros desa aprobación provisional o 24 de febreiro de 2022.

15. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio que tivo entrada o 15 de marzo de 2022. Foi requirida documentación polo Servizo de Urbanismo o 29 de marzo de 2022.

16. O arquitecto municipal emitiu informes o 7 de abril de 2022, o 22 de setembro de 2022 e o 30 de xaneiro de 2023.

17. O Concello respondeu ao requirimento mediante oficio do 11 de outubro de 2022. O Servizo de Urbanismo requiriu novamente documentación o 10 de novembro de 2022. O concello respondeu mediante oficio do 8 de marzo de 2023. O Servizo de Urbanismo requiriu novamente o 24 de marzo de 2023.

18. O arquitecto municipal emitiu informe o 22 de abril de 2023 e a técnica da Administración xeral, coa conformidade do secretario xeral, emitiu informe xurídico o 23 de abril de 2023.

19. O Pleno do Concello de Arteixo aprobou provisionalmente a modificación o 27 de abril de 2023.

20. O Concello respondeu ao requirimento de documentación mediante oficio do 2 de maio de 2023.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. A modificación ten como obxecto:

a) Crear unha ordenanza denominada «Industrial», de actividades económicas e de servizos (IAES) que substitúa as de carácter industrial existentes no polígono de Sabón. Nesta ordenanza diferéncianse tres zonas para efectos de integración no medio: bordo residencial (IAES-1), bordo ambiental (IAES-2) e interior (IAES-3). A ordenanza amplía os usos permitidos, e prohibe só o residencial de vivendas, as actividades permanentes nocturnas de lecer e as novas superficies comerciais de carácter supramunicipal que precisen acceder exclusivamente polas vías interiores do polígono.

b) Crear unha ordenanza dotacional e de equipamentos (DE), tanto públicos como privados, e unha ordenanza de espazos libres e zonas verdes (EL-ZV).

c) Determinar a estrutura xeral e orgánica do territorio no ámbito do polígono de Sabón. Prevese, ademais, unha nova vía de circunvalación de sistema xeral fóra deste ámbito, ao oeste dos núcleos de Rañobre e O Igrexario. Defínense como sistema xeral de equipamento os ámbitos SX_EQ 16 ao oeste da avenida de Arsenio Iglesias e SX_EQ 17 os situados ao leste desa avenida. Como sistema xeral de espazos libres delimítase o río Arteixo e as súas marxes, así como o encoro do Rosadoiro e parte das súas marxes (SX-EL 1, SX-EL 3, SX-EL 4, SX-EL 5, SX-EL 6 e SX-EL 8); o SX-EL 2 na avenida da Praia e o SX-EL 9 na parcela do depósito municipal de auga do polígono.

d) Actualizar e regularizar as aliñacións da vía do polígono.

2. O ámbito da modificación está constituído pola totalidade do solo de ordenanza PS do polígono industrial de Sabón, clasificado como solo urbano consolidado, de 3.146.432 m2.

3. A modificación supón derrogar a disposición transitoria primeira das normas subsidiarias municipais e as modificacións puntuais posteriores referidas ao polígono de Sabón.

III. Análise e consideracións.

1. Esta modificación puntual fundamenta o seu interese xeral na satisfacción das necesidades e demandas do tecido empresarial implantado no polígono de Sabón.

2. A modificación supón un aumento do aproveitamento máximo dun 26,38 %, inferior ao 30 % que comportaría a categorización do solo como urbano non consolidado (artigo 17.3 da LSG).

3. As láminas de auga do encoro do Rosadoiro (SX-EL-1) e río Arteixo non se poden considerar sistema xeral de espazos libres. Todos os espazos libres deben ter definidos os seus límites nos planos de ordenación (véxase SX-EL 3, SX-EL 4, SX-EL 5, SX-EL 6 e SX-EL 8). Indicaranse as previsións para a obtención dos sistemas de espazos libres non existentes.

4. A estación de tratamento de auga potable de Sabón debe ser considerada sistema xeral de infraestruturas.

5. Non se xustifica a posibilidade de uso como equipamento privado dos ámbitos de ordenanza DE que, á vista dos planos de ordenación, son sistemas xerais e, polo tanto, de carácter público.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo, coas condicións sinaladas no informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 11 de abril de 2023; e na epígrafe III desta orde.

2. O Concello deberá elaborar un documento refundido que incorpore as modificacións derivadas do anterior e seguindo o procedemento establecido polo artigo 62 da LSG.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá, de oficio, a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese esta orde ao Concello.

6. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.