Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38962

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANUNCIO do 6 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se somete a información pública a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de outubro de 2022, que se implantará no concello de Mugardos (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación; na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia; e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.

Antecedentes:

1. O 29.7.2022, a empresa Forestal del Atlántico, S.A. presentou ante a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a solicitude para a declaración como proxecto industrial estratéxico (en adiante, PIE) do proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, no concello de Mugardos (A Coruña).

2. O 29.7.2022, a Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu ao Instituto Galego de Promoción Económica (en adiante, Igape) a solicitude e documentación presentada pola empresa Forestal del Atlántico, S.A. para os efectos da emisión do informe en que se constatase o cumprimento dos requisitos que xustificasen a declaración dun PIE, conforme o establecido no artigo 79.2 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

3. O 19.10.2022, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) remitiu o informe favorable e demais documentación que obra no expediente á Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en que conclúe que o proxecto denominado Triskelion para a produción de metanol verde cumpre cos requisitos recollidos nas letras a) e c) do artigo 78 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, para a súa declaración como PIE.

4. O 21.10.2022, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación elevou o proxecto de acordo de declaración de PIE do proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, no concello de Mugardos, ao Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

5. O 27.10.2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo de declaración do proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, no concello de Mugardos (A Coruña), como PIE, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

6. O 6.6.2023, recibida a documentación completa de acordo cos artigos 80.3 e 79.4 da devandita norma, a Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública, polo prazo de trinta (30) días hábiles, a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de industrial estratéxico (PIE) denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, no concello de Mugardos (A Coruña).

• Solicitante/promotora: Forestal del Atlántico, S.A. (NIF: A15126253).

• Domicilio social: lugar Punta Promontoiro, s/n, 15320, Mugardos, A Coruña.

• Denominación do proxecto: Triskelion, planta de produción de metanol verde.

• Concello afectado: Mugardos (A Coruña).

• Situación: concello de Mugardos (A Coruña). Coordenadas (expresadas en ETRS89, fuso 29): X: 561.899; Y: 4.812.371.

• Actividade: fabricación de metanol verde a partir da síntese de hidróxeno verde e CO2 capturado da planta de coxeración.

• Categoría principal da actividade: categoría 4.1.b) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

• Descrición da actividade: produción de metanol e oxíxeno verdes, a través dun proceso en que se utilizarán como materias primas hidróxeno renovable e CO2 captado e previamente tratado.

• Orzamento total (execución material): 181.640.000 euros.

• Características técnicas principais das instalacións: planta de fabricación de metanol verde e oxíxeno que incorpora as seguintes unidades principais:

– Planta de captación de CO2, a cal tratará mediante un sistema de scrubbing químico (mediante aminas) os gases de combustión da nova coxeración que se prevé instalar na planta. Para iso, disporase dunha torre de lavado (scrubber). Todo o CO2 emitido (unhas 85.000 t/a) será captado (fase III). Na fase II, o non requirido para a produción de metanol será venteado á atmosfera.

– Planta de fabricación de hidróxeno verde mediante electrólise duns 77 MW de potencia, o que permitirá a xeración de ata unhas 10.350 t/a de hidróxeno e dun máximo de 77.962 t/a de oxíxeno gas. Todo o hidróxeno xerado será utilizado para a fabricación de metanol verde, se ben o oxíxeno será almacenado nas instalacións para uso interno ou para a súa venta. O proceso consistirá nunha electrólise alcalina e requirirá como materia prima, para a máxima capacidade, auga desmineralizada (13,10 m3/h) e electricidade.

– Planta de licuefacción de O2, cunha capacidade de produción de 6.792 Nm3/h (75.963 t/a), que permitirá licuar e almacenar o osíxeno producido no electrolizador. Prevese para esta unidade a instalación dun almacenamento de 250 m3 de O2 licuado e un cargadoiro de cisternas para a súa posterior distribución.

– Planta de fabricación de metanol, a partir do CO2 captado e o H2 verde obtido, nun proceso catalítico de síntese de metanol, e a súa posterior destilación en dúas torres. A produción total de metanol prevista será dunhas 52.000 t/a (40.000 t/a na primeira fase e ampliándose nunha segunda ata as 52.000 t/a), que se almacenará en tanques existentes.

• Verteduras:

a) Efluentes industriais:

– Efluentes procedentes do tratamento de auga potable (auga bruta) na PTA ou unidade de desmineralización. Os rexeitamentos desta planta serán recirculados novamente a este proceso ou como auga de achega ás torres de refrixeración. Non xera vertedura.

– Augas de refrixeración: efluente de auga xerado pola purga do sistema de torres de refrixeración, que será conducido directamente cara á balsa de homoxeneización antes da vertedura.

– Correntes asociadas ao proceso de destilación de metanol: un fluxo de auga limpa que se incorpora ao tanque de auga bruta para a súa reutilización e un fluxo de auga residual composto maioritariamente por auga, metanol e unha mestura de alcois, que será enviada ao actual sistema de tratamento de efluentes da planta Marpol.

– Condensado de auga procedente da captura de CO2: dadas as súas características non contaminantes, recircularase cara ao tanque de auga bruta como auga de achega para o abastecemento da PTA e as torres de refrixeración. Polo tanto, non xera vertedura.

– Vertedura da unidade de recuperación de aminas: vertedura descontinua que será tratada no actual sistema de tratamento de efluentes da planta Marpol.

– Efluentes aceitosos de planta: augas pluviais potencialmente contaminadas e augas de limpeza e baldeos que proceden das zonas de proceso, que contan coa presenza de equipos que poden xerar efluentes con posible arrastre de aceites.

As augas pluviais serán conducidas a unha balsa de decantación e posteriormente, en caso necesario, serán tratadas na EDARi da planta de colas e resinas.

As augas de baldeo e limpeza serán recollidas por unha rede que as conducirá ao actual sistema de tratamento de efluentes da planta Marpol.

b) Augas sanitarias: xeradas pola actividade do persoal das instalacións. Estas augas sanitarias serán recollidas nunha fosa séptica estanca e enviadas a un xestor autorizado.

c) Augas pluviais limpas: augas de choiva recollidas nas zonas das parcelas en que non existe a posibilidade de atopar contaminantes que poidan ser arrastrados polas augas. Estas pluviais limpas que non se infiltren ao terreo serán recollidas e dirixidas ao tanque de auga bruta para o seu aproveitamento.

• Obxecto da información pública:

– O proxecto industrial estratéxico (PIE) Triskelion, de produción de metanol verde, a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada (AAI) e o estudo de impacto ambiental (EIA), para os efectos das autorizacións administrativas que procedan para a aprobación do proxecto. Todo o anterior de forma conxunta en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

• Documentación que se expón:

1. Proxecto Triskelion, de produción de metanol verde:

– Proxecto de cambio de combustible e modificación de potencia da planta de coxeración de Forestal del Atlántico, S.A.

– Proxecto de execución e autorización da nova ERM e abastecemento de gas para as instalacións de Forestal del Atlántico, S.A.

– Proxecto básico de modificación substancial da AAI.

2. Estudo de impacto ambiental (EIA).

O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e demais normas anteriormente citadas, para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se é o caso, presentar as alegacións ou observacións que xulguen oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará ao dispor das persoas interesadas nas dependencias da Secretaría Xeral de Industria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (Complexo Administrativo San Lázaro-Edificio Igape, 15781, Santiago de Compostela (A Coruña), teléfonos 881 99 59 66, 881 99 59 67 e 881 99 59 68, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica?langId=gl_ES

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

Paula Mª Uría Traba
Secretaria xeral de Industria