Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 21 de xuño de 2023 Páx. 38784

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 12 de xuño de 2023 de modificación da Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, susceptible de ser cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

Con data do 31 de outubro de 2022, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 207 a Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, susceptible de ser cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

No contido do programa FSE+ Galicia 2021-2027, aínda non aprobado na data de publicación da dita orde de axudas, introducíronse modificacións que implican un reaxuste do encaixe no programa, e esta operación pasa encadrarse na prioridade 2 «Inclusión social e loita contra a pobreza» á prioridade 7 «Garantía infantil».

Así o exposto, a modificación fundaméntase na necesidade de substituír a referencia á prioridade 2 «Inclusión social e loita contra a pobreza» pola prioridade 7 «Garantía infantil».

Así mesmo, a publicación no Boletín Oficial del Estado núm. 259, do 28 de outubro de 2022, da Resolución de 18 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se rexistra e publica o Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024, fai necesario revisar os importes dos custos unitarios por hora, estimados inicialmente no artigo 10 das bases para o cálculo do importe da subvención, segundo o grupo de categoría de persoal laboral ao que se equipara cada un dos profesionais integrantes dos equipos de atención temperá.

Por outra banda, o impacto da escalada inflacionista que está provocando un forte incremento dos custos directos e indirectos necesarios para o desenvolvemento da prestación, como os gastos en bens consumibles, material funxible, alugamento de instalacións e outros gastos de funcionamento xerados polo consumo da luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza, seguridade, axudas de custo e gastos de viaxe, xustifica realizar un incremento dun 5 % do tipo fixo que se utiliza para calcular o importe final da subvención, de acordo co establecido nos artigos 53.1.d) e 56.1 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

Así pois, e como consecuencia destas modificacións, cómpre incrementar as contías máximas de subvención, en función do tipo de xestión, individual ou compartida, previstas no artigo 4 das bases reguladoras.

Finalmente, tendo en conta o incremento do custo unitario por hora estimado e da conseguinte contía das subvencións, considérase que as modificacións propostas afectan o principio de concorrencia, polo que cómpre a apertura dun novo prazo dun mes para a presentación de solicitudes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, e no uso das atribucións que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, susceptible de ser cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A)

A Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, susceptible de ser cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A), queda modificada como segue:

Un. No referente ao cofinanciamento, suprímese no título, parte expositiva, texto articulado e anexos o termo susceptible, que queda redactado como segue:

«Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A)».

Dous. Modifícase o parágrafo 10 da parte expositiva da convocatoria, que queda redactado como segue:

«As axudas reguladas nesta convocatoria serán cofinanciadas polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 7 «Garantía Infantil»; obxectivo específico ESO4.11 «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia» e medida 7.K.01. «Servizo de atención temperá destinado a menores vulnerables con trastornos no seu desenvolvemento».

Tres. Modifícase o número 2 do artigo 3, que queda redactado como segue:

« Artigo 3. Financiamento

2. O importe do financiamento desta convocatoria será cofinanciado nunha porcentaxe do 60 % polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 7 «Garantía Infantil»; obxectivo específico ESO4.11 «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia» e medida 7.K.01. «Servizo de atención temperá destinado a menores vulnerables con trastornos no seu desenvolvemento».

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 4, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Contía das subvencións

1. Sen prexuízo do reflectido no número seguinte e no artigo 19.4, respecto dos dous programas, a contía máxima de subvención por beneficiario virá determinada polo seguinte:

a) O número total de horas de traballo do equipo que conforma a unidade.

b) E, en todo caso, cos seguintes importes máximos en función do tipo de xestión:

1º. Individual: 11.045 € por mes subvencionable.

2º. Compartida: 14.415 € por mes subvencionable».

Cinco. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 10, que quedan redactados como segue:

«Artigo 10. Cálculo do importe da subvención, custos simplificados e períodos de imputación

1. Sen prexuízo das contías máximas sinaladas no artigo 4, respecto dos dous programas, e tanto para o suposto de xestión directa como indirecta, o importe da axuda calcularase segundo o sistema de custos simplificados, en función do número de horas de traballo efectivo da totalidade de integrantes do equipo. O custo unitario por hora estimado en función dos custos subvencionables será o seguinte segundo o grupo de categoría de persoal laboral a que se equipare cada un dos profesionais integrantes do equipo:

a) Profesionais equiparables ao grupo I: 19,83 €.

b) Profesionais equiparables ao grupo II: 17,41 €.

Ao custo unitario engadiráselle un 35 % en concepto dos outros custos directos e os indirectos necesarios para o desenvolvemento da prestación.

2. Para o cálculo do importe de subvención seguiranse as seguintes regras, segundo as horas correspondentes a cada grupo profesional:

1º. O número total de horas do equipo de traballo multiplicarase polo custo unitario

2º. Ao importe calculado segundo o anterior sumaráselle o 35 %.

Fórmula:

Importe de subvención= Núm. de horas do equipo de traballo * Custo unitario * 1,35.

De existiren horas de traballo tanto respecto do grupo I como do grupo II, o importe final da axuda virá determinado pola suma dos parciais calculados segundo a referida fórmula respecto a cada un deles.»

Artigo 2. Financiamento da Orde do 19 de outubro de 2022

Para o incremento do financiamento da modificación desta convocatoria destínase un importe total dun millón cento oitenta e nove mil novecentos trinta e nove euros con noventa e seis céntimos (1.189.939,96 €), que se imputarán á aplicación 13.04.312E.460.1, onde existe crédito dispoñible adecuado e suficiente procedente dos saldos de autorización correspondente aos exercicios 2023 e 2024 da convocatoria inicial.

A desagregación por anualidades é a seguinte:

Anualidade

Aplicación

Cód. proxecto

Importe

2023

13.04.312E.460.1

2023 00145

594.098,73 €

2024

13.04.312E.460.1

2023 00145

595.841,23 €

O crédito distribuirase entre os dous programas segundo o sinalado a seguir:

Anualidade

Importe programa I

Importe programa II

Total

2023

363.596,15 €

230.502,58 €

594.098,73 €

2024

375.433,93 €

220.407,30 €

595.841,23 €

Artigo 3. Apertura do prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes das axudas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentadas segundo o establecido no número anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 19 de outubro de 2022.

3. As entidades que solicitaron as axudas previstas na Orde do 19 de outubro de 2022 non terán que presentar unha nova solicitude.

Así pois, procederase á modificación da Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024. Para estes efectos, emitirase a correspondente resolución co incremento das subvencións concedidas que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Os efectos económicos que se deriven para as entidades beneficiarias retrotraeranse ao inicio do período subvencionable establecido no artigo 1.2 da orde de convocatoria.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file