Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35743

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 55/2023, do 25 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no rexistro.

Mediante o Decreto 146/2022, do 4 de agosto, fíxose efectiva a creación, mediante segregación, do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, e o punto terceiro da súa disposición transitoria segunda establece que «Os estatutos definitivos, xunto coa certificación da acta da reunión da correspondente asemblea constituínte e o certificado da composición do órgano de goberno, serán presentados ante a consellería competente en materia de colexios profesionais para a verificación da súa legalidade, aprobación definitiva mediante decreto e inscrición no Rexistro de Colexios, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro».

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito colexio, que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os estatutos provisionais aprobados pola Orde do 14 de outubro de 2022 e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia

A optometría é unha profesión da saúde, titulada e colexiada, que presta un servizo esencial á sociedade. A persoa que exerza a profesión óptico-optométrica, como profesional de grande experiencia, reúne os coñecementos científicos e as competencias necesarias para levar a cabo na súa totalidade o proceso de atención optométrico de pacientes ao seu cargo, no ámbito da súa autonomía no exercicio da súa profesión sanitaria, coa maior calidade posible.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias dispón que as persoas que exerzan a profesión óptico-optométrica, sen prexuízo das funcións que de acordo coa súa titulación e competencia específica corresponda desenvolver, son profesionais sanitarios que desenvolven as actividades dirixidas á detección dos defectos da refracción ocular, a través da súa medida instrumental, á utilización de técnicas de reeducación, prevención e hixiene visual, e á adaptación, verificación e control das axudas ópticas.

A prescrición, adaptación, verificación, control, venda e dispensa das axudas ópticas, por parte do profesional que exerce a optometría son un conxunto de actuacións encamiñadas a que os seus pacientes reciban e utilicen os produtos sanitarios de adaptación individualizada de forma óptima ás súas necesidades clínicas visuais, o que supón unha adecuación aos seus requirimentos persoais, en que a determinación do período de tempo adecuado é fundamental, como tamén o é a información necesaria para o seu correcto uso.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Sección 1ª. Natureza, denominación, sede, domicilio, ámbito territorial,
delegacións do colexio e réxime xurídico

Artigo 1. Denominación e natureza xurídica

1. O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia (en diante, o Colexio), constituído mediante o Decreto 146/2022, do 4 de agosto, que aproba a segregación do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas, é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, conforme o establecido no Decreto 146/2022, do 4 de agosto, e ao abeiro dos artigos 36 e 139 da Constitución española.

2. A súa duración é indefinida.

3. O Colexio estará integrado por todas as persoas colexiadas pertencentes ao Colexio, así como polas que, con posterioridade, se vaian incorporando por reuniren os requisitos exixidos para a súa colexiación.

4. A estrutura interna e o funcionamento do Colexio son democráticos, fomentando os principios de igualdade, participación, asociación e liberdade de expresión dos seus membros e procurando unha composición paritaria entre mulleres e homes nos órganos colexiados de goberno e responsabilidade do Colexio, e réxese nas súas actuacións por estes estatutos, pola lexislación básica do Estado, pola Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Decreto 146/2022, do 4 de agosto, e polas demais normas internas que aprobe o Colexio.

5. O Colexio asumirá no seu ámbito territorial de actuación a representación institucional de forma exclusiva e plena da profesión de óptico-optometrista, de acordo co disposto no artigo 1.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais.

6. O Colexio poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo toda clase de bens, posuílos, administralos, gravalos, transferilos e darlles aquel destino que se considere máis conveniente para os intereses xerais desta corporación colexial e os seus colexiados; poderá ser titular de toda clase de dereitos e contraer obrigas, e, en xeral, poderá exercer cantas accións e excepcións lle sexan recoñecidas legalmente en defensa da profesión ou do seu patrimonio.

Artigo 2. Sede social, domicilio e delegacións

1. A sede social do Colexio está na cidade de Santiago de Compostela (A Coruña), na praza Salvador García Bodaño, 2, 1º, sen prexuízo dos futuros cambios de localización. Para o mellor cumprimento dos seus fins e maior eficacia das súas funcións poderán constituírse delegacións.

2. A Xunta de Goberno ten facultades para cambiar, con carácter provisional, a sede social e para crear e modificar as delegacións; o acordo debe ser ratificado pola Asemblea Xeral, mediante a correspondente modificación estatutaria.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Normativa reguladora

1. O Colexio rexerase en todas as súas actuacións pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais; pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; por estes estatutos; polo Decreto 146/2022, do 4 de agosto; polas demais normas internas que aprobe o Colexio, e por toda a que sexa aplicable xeral ou subsidiariamente.

2. Os acordos, decisións e recomendacións do Colexio terán que respectar os límites da lexislación sobre defensa da competencia e sobre competencia desleal, así como os principios de igualdade de trato e de non discriminación no exercicio da profesión de óptico-optometrista, en particular por razón de orixe racial, étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

3. Todas as referencias a colexiados, interesados, cidadáns, consumidores, cargos da Xunta de Goberno e, en xeral, a calquera persoa física nestes estatutos entenderanse realizadas, por economía da linguaxe, englobando en todo caso as persoas de ambos os sexos, priorizando a perspectiva de xénero e a promoción da igualdade por razón de xénero na profesión de óptico-optometrista, que, así mesmo, será un principio informador de toda a actividade do Colexio. Será nula calquera disposición e terase por non posto calquera acordo dos órganos de goberno do Colexio que vulnere este último punto.

4. Procurarase e fomentarase o uso do galego en todas as súas comunicacións, tanto internas coma externas, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación de normalización lingüística.

Sección 2ª. Do emblema oficial, tratamento e patrocinio

Artigo 5. Tratamento, patrocinio e emblema oficial

1. Quen desempeñe a Presidencia do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia terá o tratamento de ilustrísimo ou ilustrísima.

2. O Colexio declárase aconfesional, sen prexuízo do cal e conforme a súa tradición, a patroa do Colexio é Santa Otilia. A festividade patronal celebrarase nas datas que determine a Xunta de Goberno.

3. O emblema oficial do Colexio será aprobado pola Xunta de Goberno, que determinará o seu réxime de uso como imaxe corporativa.

Sección 3ª. Relacións coa Administración e con outras entidades. Convenios

Artigo 6. Relacións coa Administración

1. Nos seus aspectos institucionais e corporativos, o Colexio relacionarase coa consellería que teña atribuídas as competencias en materia de colexios profesionais e, no que se refire á profesión, o colexio relacionarase coa consellería competente en materia de sanidade, e coas demais consellerías que resulten competentes por razón da actividade profesional, e prestará, no ámbito propio, a asistencia que as outras administracións poidan solicitar para o eficaz exercicio das súas competencias.

2. Nas relacións coa organización colexial da profesión, o Colexio intégrase no Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas de España e as súas relacións con este regularanse conforme á súa normativa específica.

Para tal efecto, o Colexio poñerá en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios co Consello Xeral de Ópticos-Optometristas e cos demais colexios oficiais de ópticos-optometristas de España, cos cales conforma a organización colexial da profesión, para a implantación e funcionamento do portelo único exixido polo artigo 10 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, na redacción introducida pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Nos termos exixidos pola legalidade vixente, o Colexio facilitará ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas de España a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte o seu Rexistro de Colexiados e de Sociedades Profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais do Consello Xeral.

Artigo 7. Convenios

1. O Colexio poderá subscribir convenios de colaboración coa Administración da Comunidade Autónoma e con outras administracións públicas, colexios profesionais, fundacións, asociacións, demais entidades privadas e particulares, para a promoción e realización de actividades de interese común.

2. Así mesmo, o Colexio por razóns de eficacia poderá convir achegar a súa estrutura para realizar actividades e carácter material, técnico ou de servizo que, demandadas por institucións públicas ou privadas, sexan de interese corporativo e dentro do seu ámbito competencial.

TÍTULO II

Fins e funcións

Artigo 8. Fins do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia

Os fins esenciais do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial, son:

a) A ordenación do exercicio da profesión óptico-optométrica dentro do marco legal respectivo, a defensa institucional e a representación exclusiva dos intereses xerais da profesión no seu ámbito territorial, xunto coa que, como órgano supremo nacional, desempeña o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.

b) A mellora e o coidado da saúde visual da cidadanía na atención primaria, da saúde visual integral, incluíndo o diagnóstico optométrico, a prescrición, a adaptación e a dispensa dos medios físicos e/ou clínicos para a rehabilitación e potenciación do sistema visual, así como a detección precoz, a través dos signos clínicos, de anomalías visuais asociadas ou non a patoloxías visuais.

c) Representar e defender os intereses profesionais dos colexiados.

d) A protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos que presten as persoas colexiadas.

Artigo 9. Funcións do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia

Son funcións do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia as seguintes:

a) Procurar o perfeccionamento da actividade profesional de quen exerza a óptica e a optometría, ao servizo da saúde visual e a atención primaria da poboación. Velar por que o exercicio profesional responda, en número de profesionais e en calidade, ás necesidades da poboación e promover e estender a integración plena da optometría na estrutura sanitaria.

b) O perfeccionamento da actividade profesional estenderase á saúde auditiva en relación coas persoas colexiadas habilitadas para o exercicio da audioprótese.

c) Colaborar coa Administración pública no exercicio das súas competencias, no logro de intereses comúns e, especialmente, na organización de actividades e servizos de carácter profesional, asistencial, de previsión e análogo que sexa de interese para as persoas colexiadas.

d) Establecer ou modificar os órganos de goberno do Colexio, a súa composición e competencias.

e) Emitir informe sobre os proxectos de lei e disposicións de calquera rango, da Comunidade Autónoma de Galicia, que se refiran ás condicións xerais da función profesional, entre as que figurarán o ámbito, os títulos oficiais requiridos e o réxime de incompatibilidades con outras profesións.

Emitir informar, así mesmo, sobre os proxectos de modificación da lexislación autonómica sobre colexios profesionais e os proxectos de disposicións xerais de carácter sanitario ou doutra índole, que afecten directa e indirectamente a profesión óptico-optométrica.

f) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, e colaborar con estas e cos xulgados e tribunais mediante a emisión de informes ou ditames sobre calquera aspecto relacionado coa profesión da óptica e a optometría, a realización de estudos e outras actividades relacionadas cos seus fins que poidan serlle solicitadas ou que acorde formular por propia iniciativa.

g) Desempeñar no seu ámbito a representación e defensa da profesión óptico-optométrica, os dereitos profesionais de quen a exerza e os intereses da organización colexial ante as administracións públicas, organismos, institucións, entidades privadas, particulares, autoridades e tribunais de calquera grao e xurisdición, con lexitimación para ser parte en cantos litixios, procedementos e causas afecten os intereses profesionais e os fins do Colexio, designando para tal efecto a profesionais da avogacía, da procuradoría ou doutra profesión que foren precisos e outorgando os poderes necesarios para a súa representación e defensa, de conformidade coa normativa legal.

h) Exercer o dereito de petición, conforme a lei, sen prexuízo do dereito que corresponda individualmente a cada persoa colexiada.

i) Participar nos órganos consultivos da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa profesión da óptica e a optometría, nos termos que sinale a lei.

j) Ordenar, no ámbito da súa competencia, o exercicio da profesión óptico-optométrica e interpretar e aplicar, se é o caso, a dita ordenación velando pola súa observancia e cumprimento.

k) Informar e asesorar as persoas colexiadas en cantas materias de carácter profesional ou colexial sexan sometidas por aquelas á súa consideración, podendo crear cantos servizos de asesoramento profesional, xurídico, laboral e fiscal, ou de calquera outra natureza, que sexan precisos para cumprir este fin.

l) Procurar a harmonía e colaboración entre as persoas colexiadas impedindo a competencia desleal entre elas, en aplicación da normativa legal e deontolóxica do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.

m) Intervir, en vía de arbitraxe ou conciliación, nos conflitos ou cuestións que por motivos profesionais se susciten entre persoas colexiadas, por instancia daquelas interesadas.

n) Participar na elaboración e modificación dos plans de estudo dos centros docentes, públicos ou privados, en que se cursen os estudos conducentes á obtención da titulación universitaria oficial en Óptica e Optometría requirida para o exercicio profesional, así como manter permanente contacto con eles para facilitar o acceso á vida profesional das novas persoas tituladas, e todo iso nos casos legalmente previstos. Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.

ñ) Coidar en todo momento de harmonizar a profesión coas exixencias do ben común e velar por que aquela manteña o prestixio e alto nivel que lle corresponden, velando tamén pola ética, a dignidade profesional e o respecto debido aos dereitos de particulares. Para tal efecto, disporá do código ético e deontolóxico que sexa preciso e vixiará e fará cumprir o seu contido.

o) Colaborar cos demais colexios de ópticos-optometristas.

p) Tratar de conseguir o maior nivel de emprego das persoas colexiadas, colaborando coa Administración e outras entidades na medida en que resulte necesario.

q) Realizar, con respecto ao seu patrimonio, e sen exclusión ningunha, toda clase de actos de adquisición, disposición, administración e gravame.

r) Exercer as facultades disciplinarias sobre as persoas colexiadas cando estas infrinxan os deberes profesionais e a normativa legal reguladora do exercicio profesional, na forma establecida nestes estatutos.

s) Organizar periodicamente actividades formativas, de carácter científico e profesional e fomentar, crear e organizar actividades e servizos que, en relación coa profesión óptico-optométrica, teñan por obxecto a promoción científica e cultural, o fomento da ocupación e o perfeccionamento científico, técnico e profesional, realizando para o efecto cantas accións e labores divulgativos redunden en beneficio da profesión da óptica e a optometría e dos intereses profesionais das persoas colexiadas, incluso colaborando con academias e sociedades científicas.

Para participar na actividade formativa organizada polo Colexio será requisito que a persoa colexiada se encontre ao día no pagamento das cotas.

A recepción deste tipo de actividades e servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

t) Exercer as accións legais conducentes a evitar o intrusionismo profesional, impedindo o exercicio profesional da óptica e da optometría a quen non reúna os requisitos legais establecidos para iso, e adoptando tamén as medidas necesarias para erradicar as irregularidades no ámbito profesional. Interpoñer recursos contra todo tipo de resolucións ditadas en procedementos sancionadores seguidos por actuacións relativas ao exercicio da óptica e a optometría.

u) Dotarse duns estatutos e do regulamento de réxime interior deste e das normas de funcionamento interno cuxo establecemento interese para que sirvan de complemento daqueles.

v) Elaborar a memoria anual, a conta xeral de ingresos e gastos e os orzamentos, e, en xeral, o regulamento económico do Colexio, fixando a contía das cotas de entrada e periódicas que deben aboar obrigatoriamente as persoas colexiadas, xa sexan ordinarias ou de carácter extraordinario.

v.1. A memoria anual debe conter, polo menos, a información seguinte:

1. Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

2. Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

3. Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, indicando a infracción a que se refiren, a súa tramitación e, se é o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

4. Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. Contido dos seus códigos de conduta en caso de dispoñer deles.

6. As situacións de conflito de intereses en que se achen os membros das xuntas de goberno.

7. Información estatística sobre a actividade de visado.

Nos casos pertinentes, os datos presentaranse desagregados territorialmente por corporacións.

v.2. A memoria anual deberá de facerse pública no primeiro trimestre de cada ano.

v.3. Os colexios e consellos autonómicos fornecerán ao consello xeral a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

w) Cooperar, sen prexuízo do que corresponda ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas en coordinación con el mesmo, cos poderes públicos na regulación do exercicio profesional das persoas tituladas en países estranxeiros, pertencentes ou non á Unión Europea que, ao abeiro do disposto nos convenios ou tratados subscritos polo Estado español e dentro do marco da normativa vixente, pretendan exercer en España as funcións profesionais propias da óptica e a optometría española.

x) Formular publicamente a opinión institucional da corporación profesional, naqueles asuntos que considere convenientes e elaborar cartas de servizos á cidadanía para a información pública dos servizos que prestan, así como dos dereitos con relación a estes.

y) Cumprir e facer cumprir ás persoas colexiadas as leis xerais e as específicas que afecten a profesión, o seu exercicio e a elas, exixindo a estas o cumprimento destes estatutos e o regulamento de réxime interior, así como o código deontolóxico da profesión e as normas e decisións adoptadas polos órganos de goberno deste Colexio en materias da súa competencia.

z) Fixar as condicións mínimas para o exercicio profesional da óptica e a optometría nos seus distintos campos de actuación. E, en xeral, todas as demais funcións que estean previstas nas leis ou poidan serlle delegadas ou encomendadas polas administracións públicas no seu ámbito territorial.

aa) Atender as solicitudes de información sobre as persoas colexiadas e sobre as sancións firmes que se lles impoñan, así como as peticións de inspección ou investigación que lle formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

TÍTULO III

Colexiación e exercicio da profesión

CAPÍTULO I

Requisitos para a adquisición da colexiación, as súas clases, resolución sobre a solicitude e perda da condición de persoa colexiada

Artigo 10. Obrigatoriedade de colexiación

Para o exercicio na Comunidade Autónoma de Galicia da profesión de óptico-optometrista a que se refiren o Decreto 1387/1961, do 20 de xullo; o Real decreto 1419/1990, do 26 de outubro; a Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, e a Orde CIN/727/2009, do 18 de marzo, entre outra normativa, será requisito indispensable estar en posesión da titulación académica oficial requirida polas disposicións vixentes, ou en situación asimilada e recoñecida polo ordenamento xurídico, conforme o previsto no artigo 11 destes estatutos, e acharse colexiado con antelación ao inicio do exercicio profesional e en calidade de exercente no Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia cando se teña o domicilio profesional único ou principal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexa por conta propia, allea ou ao servizo das administracións públicas.

Artigo 11. Requisitos de colexiación

Son requisitos para a incorporación ao Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia os seguintes:

a) Ser maior de idade.

b) Non incorrer en causa de incapacidade, xa sexa por inhabilitación ou suspensión expresa para o exercicio profesional, en virtude de sentenza ou resolución firme, ben por sancións disciplinarias firmes que comporten a suspensión do exercicio profesional ou a expulsión de calquera dos colexios oficiais de ópticos-optometristas de España ou ben pola incapacidade permanente, física ou mental, para o exercicio da profesión de óptico-optometrista, recoñecida polo organismo ou institución pública con facultades para declarala.

c) Satisfacer a cota de ingreso. A cota de inscrición ou colexiación non poderá, en caso ningún, superar os custas asociados á tramitación da inscrición.

d) Para os exercentes, ter o seu domicilio profesional único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

e) Estar en posesión do título universitario oficial, ou dalgún título que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, así como ter un título universitario oficial de grao que habilite para o exercicio da profesión de óptico-optometrista, de acordo co disposto na Orde CIN/727/2009, do 18 de marzo, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de óptico-optometrista.

f) Calquera outro requisito que se exixa legalmente.

Artigo 12. Clases de persoas colexiadas

1. Colexiación de honra: o título de persoa colexiada de honra será outorgado pola Xunta de Goberno do Colexio, en acordo adoptado por unanimidade, ás persoas que presten ou prestasen servizos destacados á profesión, pertenzan ou non a esta.

2. Colexiación exercente: quen, estando en posesión dalgún dos títulos universitarios previstos no artigo 11, exerza a profesión óptico-optométrica en calquera das súas modalidades, ben de forma independente ou ben ao servizo das administracións públicas ou calquera outra entidade pública ou privada, de conformidade co artigo 10.

3. Colexiación non exercente: quen, estando en posesión dalgún dos títulos universitarios previstos no artigo 11, non exerza a profesión e de maneira voluntaria desexe estar vinculado ao Colexio.

Artigo 13. Documentación necesaria para colexiarse

Xunto coa solicitude de colexiación en modelo normalizado, que para este efecto se facilitará á persoa interesada, será requisito indispensable a presentación dos seguintes documentos:

a) Título ou diploma acreditativo do dereito ao exercicio da profesión da óptica e da optometría, que ten que ser algún dos que se encontran nas situacións previstas no artigo 11 destes estatutos.

b) DNI, NIE ou documento que o substitúa.

c) Unha fotografía de tipo carné.

d) Domiciliación bancaria para o pagamento de cotas colexiais.

e) Xustificación ou acreditación do pagamento da cota de entrada ou, se é o caso, das outras cotas que estiveren acordadas.

f) Informe de vida laboral ou modelo IDC.

g) Se se van prestar servizos por conta allea como óptico optometrista: copia do contrato de traballo.

h) Se se van prestar servizos por conta propia por ser integrante dunha persoa xurídica: copia da escritura de constitución da persoa xurídica.

i) Certificado de delitos sexuais.

j) En caso de colexiación como non exercente, exceptúanse as alíneas g), h) e i).

O Regulamento de réxime interior desenvolverá e especificará, se é o caso, calquera outro documento que sexa exixible.

Artigo 14. Persoas colexiadas procedentes doutros colexios

Cando unha persoa colexiada como exercente da profesión óptico-optométrica noutro colexio solicite o traslado da súa colexiación por exercer a súa actividade principal en Galicia deberá achegar o impreso de colexiación e a documentación concretada nas alíneas d), f), g) ou h) e i) do artigo 13, así como unha copia do certificado de traslado de expediente que emite o colexio de orixe. Así mesmo, deberá achegar certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas cos outros colexios.

Nestes supostos e para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponda ao Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia en beneficio de quen sexa consumidor e usuario, o Colexio deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español.

Artigo 15. Resolución sobre a solicitude de colexiación

1. Será competente para resolver a Xunta de Goberno, ou o órgano en quen esta delegue, tanto para as solicitudes de incorporación coma para as solicitudes de baixa colexial, traslados de colexio e cambios na situación colexial.

2. A resolución quedará en suspenso no suposto de que a documentación achegada presente deficiencias, caso en que se concederá á persoa interesada un prazo dun mes, para a súa corrección, coa advertencia de proceder ao arquivamento do expediente de colexiación se non se procede de conformidade.

3. A resolución será notificada á persoa interesada, con expresión dos recursos que procedan contra ela, e farase pública dentro do ámbito colexial.

4. Se no prazo de dous meses, contados desde a solicitude de colexiación, non se notificou ningunha resolución expresa á persoa interesada, a súa petición de colexiación deberá entenderse estimada.

5. Contra os acordos da Xunta de Goberno ou do órgano en que delegue esta, aceptando ou rexeitando as solicitudes de colexiación formuladas, as persoas interesadas poderán interpoñer os recursos que se sinalan no título VII destes estatutos.

As altas e as baixas das persoas colexiadas, e tamén os cambios de colexiación, anotaranse no correspondente rexistro de colexiación.

Artigo 16. Perda da condición de persoa colexiada

1. A condición de persoa colexiada perderase polas seguintes causas:

a) Por baixa voluntaria, debidamente comunicada por escrito e requirirá a acreditación do cesamento da actividade como exercente da óptica e a optometría mediante a achega de informe de vida laboral.

b) Por perda dalgún dos requisitos exixidos para a colexiación.

c) Por separación ou por expulsión acordada por resolución administrativa firme en expediente disciplinario.

d) Por sentenza xudicial firme de inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Pola declaración de incapacidade permanente para o exercicio da profesión da óptica e da optometría por parte do instituto ou organismo competente.

f) Por falecemento.

Nos supostos en que a persoa colexiada solicite a súa baixa por traslado a outro colexio, a resolución pola que se accede a esta quedará en suspenso ata que o colexio de destino admita a colexiación.

2. A perda da condición de colexiado, sexa cal for a causa que a motivase, non o liberará do cumprimento das obrigas vencidas que sexan exixibles, nin do pagamento das cotas ordinarias, extraordinarias e derramas correspondentes, cuxa imposición se acordou antes de que a baixa tivese lugar, e poderán, en todo caso, ser exixidas polo Colexio a aquel ou aos seus herdeiros.

CAPÍTULO II

Sociedades profesionais

Artigo 17. Sociedades profesionais

As sociedades profesionais que teñan por obxecto o exercicio profesional propio da óptica e da optometría e teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, para os efectos da súa incorporación a el e de que este poida exercer sobre aquelas as competencias que lle outorga o ordenamento xurídico sobre quen sexa profesional colexiado.

Artigo 18. Rexistro de Sociedades Profesionais

1. De conformidade coa Lei 2/2007, do 15 de marzo, as sociedades profesionais que teñan por obxecto o exercicio profesional propio dos ópticos-optometristas e teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia deberán inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia.

2. A inscrición producirase para os efectos de incorporación no Colexio, e de que este poida exercer sobre aquelas as competencias que lle outorga o ordenamento xurídico sobre os profesionais colexiados.

3. Para inscribirse, e sen prexuízo da comunicación de oficio por parte do rexistrador mercantil, prevista pola lexislación vixente, será necesaria solicitude por parte do representante legal ou apoderado da sociedade, á cal deberá xuntarse:

a) Copia autorizada da escritura pública debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

b) Tarxeta de identificación fiscal da sociedade.

c) Acreditación do pagamento da cota de inscrición ou, se é o caso, das outras cotas que estivesen acordadas.

d) Domiciliación bancaria para o pagamento de cotas colexiais.

e) Póliza do seguro que cubra a responsabilidade civil profesional da sociedade.

f) O regulamento de réxime interior desenvolverá e especificará, se é o caso, calquera outro documento que sexa exixible.

4. Na inscrición das sociedades profesionais farase constar:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e recensión identificadora da escritura pública de constitución e notario autorizante, e duración da sociedade se se constituíu por tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constituían o obxecto social.

d) Identificación das persoas socias profesionais e non profesionais e, en relación con aquelas, número de colexiación e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de persoa socia profesional ou non de cada unha delas.

5. Calquera cambio das persoas socias e administradoras e calquera modificación do contrato social serán de inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais.

6. As sociedades profesionais inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio terán os mesmos dereitos e obrigas que os colexiados exercentes, conforme estes estatutos, coas excepcións e particularidades previstas neles.

7. En todo caso, as sociedades profesionais carecerán de sufraxio activo e pasivo para a elección dos órganos de goberno do Colexio, e non poderán participar nas asembleas xerais de colexiados, sen prexuízo dos dereitos individuais que correspondan aos seus socios profesionais colexiados.

Artigo 19. Publicidade do Rexistro de Sociedades Profesionais

A publicidade do contido da folla aberta a cada sociedade profesional no Rexistro Mercantil e no Rexistro de Sociedades Profesionais realizarase a través dun portal na internet baixo a responsabilidade do Ministerio de Xustiza ou do que poida crear a Xunta de Galicia.

Artigo 20. Desenvolvemento da actividade profesional e responsabilidade disciplinaria

1. A sociedade profesional e as persoas que exerzan a profesión no seu seo actuarán de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario establecido nestes estatutos.

2. As causas de incompatibilidade ou de inhabilitación para o exercicio da profesión que afecten a calquera persoa integrante faranse extensivas á sociedade e ás restantes persoas socias profesionais, salvo exclusión de quen tivese a inhabilitación ou incompatibilidade nos termos que se establecen na Lei de sociedades profesionais.

3. En ningún caso será obstáculo o exercicio da actividade profesional a través da sociedade para a efectiva aplicación a quen exerza a profesión, socios ou non, do réxime disciplinario que corresponda segundo o seu ordenamento profesional.

4. Sen prexuízo da responsabilidade persoal do profesional actuante, a sociedade profesional tamén poderá ser sancionada nos termos establecidos no réxime disciplinario que corresponda segundo o seu ordenamento profesional.

CAPÍTULO III

Dereitos e deberes das persoas colexiadas

Artigo 21. Dereitos das persoas colexiadas como exercentes

Os colexiados exercentes terán os seguintes dereitos:

a) Actuar no exercicio da súa profesión con toda liberdade e independencia, sen outras limitacións que as impostas polas leis, polo código deontolóxico ou polas normas recollidas nestes estatutos e no regulamento de réxime interior.

b) Recibir defensa por parte do Colexio cando sufran unha agresión e/ou vulneración dos seus dereitos no exercicio profesional ou por motivos derivados deste, contando para iso coa asistencia do profesional da avogacía e da procuradoría que a Xunta de Goberno designe, cando se trate de actuacións legais ante as autoridades, tribunais, entidades ou particulares.

c) Participar na xestión corporativa e, por tanto, exercer sen limitacións os dereitos de petición, de voto e de acceso aos postos e cargos de dirección, polos procedementos e co cumprimento dos requisitos que se establecen nestes estatutos.

d) Recibir as revistas e boletíns informativos que edite o Colexio, as circulares, comunicacións, notificacións e, en xeral, calquera documentación que os órganos de goberno do Colexio acorden transmitir ás persoas colexiadas, aboando, se é o caso, as cantidades fixadas. A recepción deste tipo de servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa, se supón algún custo para eles e, neste caso, os precios que se cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

e) Ter acceso á biblioteca do Colexio, cumprindo as normas que se establezan para o seu uso.

f) Presentar no Colexio cantas proposicións xulgue necesarias para a defensa e dignificación da profesión e mellora xeral da mesma.

g) Asistir con voz e voto ás asembleas xerais que se celebren no Colexio, para as cales necesariamente ten que recibir convocatoria. O voto de quen estea colexiado como exercente terá dobre valor que o de quen conste como non exercente, tanto para as asembleas xerais coma para as eleccións.

h) Desempeñar os cargos de dirección para os cales sexa elixido.

i) Formular queixas ante a Xunta de Goberno do Colexio contra a actuación da totalidade ou de calquera dos seus membros.

j) Facer uso de todos os servizos que teña establecidos o Colexio.

k) Exercer cantos dereitos deriven destes estatutos e demais normativa colexial.

Artigo 22. Dereitos das persoas colexiadas non exercentes

Quen non figure como exercente gozará dos mesmos dereitos recoñecidos a quen si o estea en canto non afecten o exercicio profesional ou contraveñan o disposto nestes estatutos, excepción feita do dereito de voto, que terá a metade do valor que o das persoas colexiadas exercentes.

Artigo 23. Obrigas das persoas colexiadas exercentes

Serán obrigas de quen figure como exercente:

a) Exercer a profesión con probidade, decoro, moralidade e suxeición ao código deontolóxico.

b) Esforzarse por ofrecer a máxima calidade posible nas súas actuacións profesionais, por medio dunha formación permanente e continuada que permita a actualización dos seus coñecementos.

c) Gardar a consideración e respecto debido a quen sexa membro dos órganos reitores do Colexio, ao seu persoal e ás persoas compañeiras de profesión.

d) Levar un rexistro ou control de prescricións ópticas, que poderá ser mediante soportes manuais ou informáticos, adoptando en todo caso as medidas necesarias para preservar a intimidade dos seus pacientes.

e) Manter no local destinado ao desenvolvemento da profesión a debida separación entre o gabinete optométrico e o resto de dependencias, e dispoñer dos medios necesarios que tanto as disposicións legais vixentes en cada momento coma o Colexio establezan como imprescindibles para o exercicio das funcións propias de cada especialidade óptico-optométrica.

Cando a persoa colexiada preste os seus servizos profesionais nun establecemento do cal non sexa titular, e nel non se cumpran os requisitos que se citan no parágrafo anterior, esta, en prol da boa praxe profesional, verase obrigada a informar desta circunstancia o Colexio, que adoptará as medidas que se consideren oportunas para que se exixa a quen sexa titular do establecemento o cumprimento dos citados requisitos ou condicións.

f) Procurar asistir ás asembleas, reunións e actos colexiais para os que recibise convocatoria.

g) Satisfacer ao seu tempo a cota de entrada, as ordinarias e as extraordinarias, legalmente establecidas e acordadas polos órganos de goberno competentes do Colexio.

h) Comunicar por escrito ao Colexio, no prazo máximo de 15 días hábiles, os cambios de domicilio profesional único ou principal.

i) Cumprir os estatutos, regulamentos e demais disposicións profesionais e colexiais, e os acordos dos órganos directivos do Colexio e do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas, e aceptar as súas resolucións en caso de discrepancia entre persoas colexiadas ao someter á arbitraxe e conciliación do Colexio as cuestións de carácter profesional, quedando a salvo en todo momento o seu dereito a acudir aos tribunais de xustiza.

j) Gardar escrupulosamente o segredo profesional, no que recibirá apoio do Colexio por todos os medios legais.

k) Aceptar o desempeño dos labores que lle encomenden os órganos reitores do Colexio, salvo en casos debidamente xustificados, e desempeñar os cargos para os cales foi elixido.

l) Poñer en coñecemento do Colexio os casos que coñeza de persoas que exerzan actos propios da profesión óptico-optométrica sen ter a titulación adecuada, e daquelas que, téndoa, o fagan sen colexiación, ou dos que, sendo persoas colexiadas, falten ás obrigas que teñen como tales, especialmente en canto a exercer a profesión con dignidade e boa praxe profesional.

Artigo 24. Obrigas das persoas colexiadas non exercentes

As persoas colexiadas non exercentes terán as mesmas obrigas recoñecidas ca quen si sexa exercente en canto non afecten o exercicio profesional ou contraveñan o disposto nestes estatutos.

Artigo 25. Campañas de prevención e controis da visión

A persoa que exerza a profesión óptico-optométrica colaborará voluntariamente nas campañas de prevención ocular ou outras, que lle sexan solicitadas, tanto polas administracións públicas coma por calquera outra corporación pública ou privada con intereses no ámbito da saúde visual, e isto logo de autorización do Colexio.

Para poder ser levada a cabo unha campaña de prevención ou control da visión na Comunidade Autónoma de Galicia, será preciso a obtención previa da autorización do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia de conformidade co modelo que se cree para tal fin.

Artigo 26. Conduta en materia de comunicacións comerciais

1. Na publicidade non poderá facers0e ningunha referencia á relación ou colaboración, de calquera índole, con médicos de calquera especialidade.

2. En todo caso, a dita publicidade deberá cumprir o previsto na lexislación sobre a materia e na sanitaria. Especificamente, queda prohibida calquera clase de publicidade ou promoción directa ou indirecta, masiva ou individualizada, de produtos, materiais, substancias, enerxías ou métodos con pretendida finalidade sanitaria nos seguintes casos:

a) Que pretendan unha utilidade terapéutica, sen axustarse aos requisitos e exixencias previstos nas leis reguladoras de medicamentos e produtos sanitarios e disposicións que as desenvolvan.

b) Que causen alarma social.

c) Que proporcionen seguridades de alivio ou curación certa.

d) Que utilicen como apoio calquera clase de autorización, homologación ou control de autoridades sanitarias de calquera país non membro da Unión Europea.

e) Que difundan prácticas de competencia desleal.

f) Que pretendan achegar testemuños de profesionais sanitarios, de persoas famosas ou coñecidas polo público ou de pacientes reais ou supostos, como medio de indución ao consumo.

TÍTULO IV

Denominación, composición e forma da elección dos órganos
de goberno: as súas funcións, requisitos para formar parte deles,
e as causas e procedementos para a remoción dos seus titulares.
Garantías para a admisión do voto por correo

CAPÍTULO I

Órganos de goberno

Artigo 27. Os órganos de goberno

O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

a) A Asemblea Xeral de colexiados, como órgano plenario.

b) A Xunta de Goberno, como órgano de goberno.

c) A Comisión Permanente.

d) A Presidencia do Colexio, como órgano presidencial.

Sección 1ª. Asemblea Xeral de colexiados

Artigo 28. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral estará integrada por todos os colexiados no exercicio dos seus dereitos corporativos; é o órgano supremo e soberano do Colexio e desempeña por iso a máxima autoridade deste. E poderá convocarse con carácter ordinario ou extraordinario, segundo proceda.

2. Corresponden á Asemblea Xeral as seguintes atribucións básicas:

a) A aprobación ou a modificación dos estatutos do Colexio e do seu regulamento de réxime interior.

b) A aprobación das contas do exercicio económico, e os orzamentos de ingresos e gastos, así como da fixación da contía das cotas de entrada, ordinarias e extraordinarias que deban satisfacer as persoas colexiadas.

c) A aprobación da moción de censura, se procede, da Xunta de Goberno ou de calquera dos seus membros, de conformidade co procedemento establecido nos presentes estatutos.

d) A autorización á Xunta de Goberno para adquirir, dispoñer ou gravar bens inmobles do Colexio.

e) E, en xeral, a adopción de calquera clase de acordo conducente ao logro dos obxectivos e finalidades do Colexio, tanto por proposta da Xunta de Goberno coma das persoas colexiadas, e sempre de acordo co procedemento que se recolle nestes estatutos.

Artigo 29. Clases de asembleas xerais

As asembleas xerais poderán ser ordinarias, extraordinarias e informativas.

Artigo 30. Asembleas ordinarias

1. A Asemblea Xeral ordinaria reunirase, ao menos, unha vez ao ano e será convocada pola Xunta de Goberno para ter lugar no primeiro semestre deste.

2. Constitúen as funcións da Asemblea Xeral ordinaria:

a) A aprobación da acta da reunión anterior do mesmo carácter.

b) A aprobación da memoria presentada pola Xunta de Goberno, resumindo a súa actuación no ano anterior.

c) A aprobación da conta xeral de ingresos e gastos do Colexio referida ao exercicio económico anterior.

d) A autorización do orzamento ordinario de ingresos e gastos para o exercicio económico seguinte e, se é o caso, dos orzamentos extraordinarios, se os houber.

e) A determinación da contía das cotas de entrada e periódicas que abonarán ao Colexio as persoas que estean colexiadas, así como das cotas extraordinarias que se decida establecer, por proposta en ambos os casos da Xunta de Goberno, sinalando o seu fin específico.

f) A autorización á Xunta de Goberno para adquirir, dispoñer ou gravar bens inmobles do Colexio.

g) A aprobación dos demais asuntos, ditames e proposicións que figuren na orde do día da reunión.

h) A adopción de calquera clase de acordo conducente á consecución dos obxectivos e finalidades do Colexio, conforme o recollido nestes estatutos.

3. As contas do Colexio poderán ser examinadas polas persoas colexiadas previamente a celebrarse a Asemblea Xeral, no período que medie entre a convocatoria e 48 horas antes da data sinalada para a realización da reunión.

4. Para o estudo, discusión e, se é o caso, aprobación, na dita Asemblea ordinaria de proposicións de persoas colexiadas non incluídas na orde do día, necesaria e imprescindiblemente, estas deberán ser formuladas por escrito asinado por un número non inferior ao dez por cento das persoas colexiadas censadas no momento da convocatoria da Asemblea; ademais, estas propostas deben figurar no Colexio cunha antelación mínima de dez días naturais á data sinalada para a súa realización, co fin de que a proposta formulada poida ser remitida ao resto de persoas colexiadas.

Artigo 31. Asembleas extraordinarias

1. A Asemblea Xeral extraordinaria realizarase cando o acorde a Presidencia do Colexio, o soliciten ao menos tres membros da Xunta de Goberno, ou un mínimo do dez por cento das persoas colexiadas censadas. A dita solicitude deberá facerse por escrito dirixido á Presidencia e neste sinalaranse os asuntos que solicitan que sexan tratados e as propostas concretas que se desexa someter a votación.

2. Unha Asemblea Xeral extraordinaria será a facultada para aprobar a modificación dos estatutos do Colexio e o regulamento de réxime interior ou a súa modificación. Precísase para todos estes supostos que o acordo sexa adoptado por maioría absoluta de quen asista á reunión, presentes ou coa debida representación, e cuxos votos, para a validez destes acordos, non sexa inferior en número ao dez por cento de persoas colexiadas censadas, no momento de ser efectuada a convocatoria.

Artigo 32. Asembleas Informativas

Serán aquelas que acorde convocar a Presidencia co fin de informar as persoas colexiadas de feitos importantes para a profesión, nas cales existirá debate, pero non se adoptará ningún acordo.

Artigo 33. Convocatorias

As convocatorias para as reunións da Asemblea Xeral faranse por escrito, asinadas pola Secretaría e por orde da Presidencia, cunha antelación, polo menos, de trinta días para as ordinarias e de quince para as extraordinarias e informativas. As convocatorias deberán ir acompañadas da orde do día correspondente e cursaranse directamente a cada una das persoas colexiadas.

Artigo 34. Asistentes e delegación

1. As persoas colexiadas asistentes á Asemblea Xeral deberán acreditar a súa personalidade para seren admitidas á reunión.

2. Aquelas persoas colexiadas ás cales non lles sexa posible a súa asistencia poderán delegar a súa representación ata en tres persoas colexiadas que consideren máis idóneas, para cuxo efecto subscribirán a oportuna credencial, segundo o modelo que facilite a Secretaría do Colexio, e na cal necesariamente debe figurar o nome de quen delega, o seu número de colexiación e os nomes das persoas a quen outorga a súa representación, entendéndose que terá preferencia para desempeñala a primeira sobre a segunda e esta sobre a terceira.

Esta credencial deberá entregarse na Secretaría da Xunta Xeral cunha antelación mínima de media hora á sinalada para o comezo da reunión, para os efectos da súa autenticación.

3. Nos actos electorais non poderá ser utilizada delegación de voto.

4. Destruiranse as credenciais unha vez transcorrido o prazo legal para a impugnación da acta da reunión e, no suposto de que se formule tal impugnación, conservaranse aquelas ata que se resolva a cuestión con carácter de resolución firme.

5. Excepcionalmente, e sen prexuízo do persoal que preste os seus servizos para o Colexio e quen o asesore, a xuízo da Xunta de Goberno ou da propia Asemblea Xeral, poderán ser invitadas aquelas persoas que, sen seren colexiadas, poidan achegar ou expoñer algún asunto de interese para a profesión.

Artigo 35. Maiorías precisas para a adopción de acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral serán adoptados por maioría de votos de quen asista e quen outorgue a debida representación, salvo cando estes estatutos exixan unha maioría cualificada.

2. Os acordos, salvo que se dispoña o contrario á hora de seren adoptados, son inmediatamente executivos e obrigan a todas as persoas colexiadas, aínda que votasen en contra, e a quen se ausente. Consecuentemente, son de obrigado cumprimento para todas as persoas colexiadas censadas no Colexio, sen prexuízo da súa posible impugnación, segundo se establece nestes estatutos.

Artigo 36. Da forma de adoptar os acordos e a súa documentación

1. As votacións, que serán secretas cando o pida polo menos o vinte por cento das persoas asistentes ao acto, realizaranse en forma persoal ou por delegación.

2. Levantaranse actas das reunións que realice a Asemblea Xeral, que se expedirán no libro correspondente, ou ben mediante a súa informatización ou extensión por calquera outro medio mecánico, que garanta a súa autenticidade.

En calquera caso, as actas irán asinadas pola Secretaría, co visado da Presidencia.

Sección 2ª. Xunta de Goberno e Presidencia

Artigo 37. Composición

1. O Colexio estará rexido pola súa Xunta de Goberno, que é o órgano encargado da execución dos acordos da Asemblea Xeral, asume a dirección, administración, programación e xestión do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, e correspóndenlle todas as competencias e atribucións necesarias para a consecución dos fins do Colexio e as especificamente previstas nestes estatutos.

2. A Xunta de Goberno do Colexio é, en orde xerárquica, o seu segundo órgano de goberno, e estará integrada por cargos únicos que ocuparán:

a) Unha presidencia.

b) Unha vicepresidencia.

c) Unha secretaría xeral.

d) Unha tesouraría.

e) Unha contadoría.

f) Seis vogalías:

– Vogalías 1 a 4: as persoas delegadas provinciais da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.

– Vogalía 5: unha vogalía representante de formación e cultura.

– Vogalía 6: unha vogalía representante dos colexiados non exercentes.

3. Todos os cargos da Xunta de Goberno se proverán por elección, por un período máximo de mandato de catro anos, e todos poden ser obxecto de reelección.

4. A renovación dos cargos da Xunta de Goberno verificarase por metade, cada dous anos, con suxeición á seguinte quenda de rotación:

a) Vicepresidencia, Secretaría Xeral, Contadoría, primeira e segunda vogalías.

b) Presidencia, Tesouraría, terceira, cuarta, quinta e sexta vogalías.

5. Estes postos son compatibles con cargos en órganos do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas de España.

6. Estes cargos non terán ningunha remuneración e poderán compensarse as axudas de custo ou gastos ocasionados polo medio que en cada momento se considere oportuno, por proposta da propia Xunta de Goberno, sen prexuízo do que na Asemblea ordinaria anual se determine sobre este aspecto.

7. As persoas que integren a Xunta de Goberno deberán ter a condición de colexiados en Galicia e encontrarse no exercicio da profesión, salvo neste último caso as vogalías 5 e 6, así como contar con cinco anos de antigüidade na data de convocatoria das eleccións, a excepción da Presidencia, que deberá ter unha antigüidade de dez anos, e a vogalía representante dos non exercentes, que deberá ter unha antigüidade dun ano; non poden estar inhabilitadas para o exercicio da profesión, nin estar cumprindo unha sanción firme imposta polo Colexio, ou encontrarse sometidas a calquera outra prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria. Así mesmo, deberán estar ao día nas súas obrigas de carácter económico co Colexio.

8. A Xunta de Goberno poderá estar asistida, para os efectos de información e asesoramento, polas persoas colexiadas ou por quen se considere máis idóneo en cada caso, por requirimento daquela, da Comisión Permanente ou da Presidencia. Se quedasen vacantes a metade ou máis dos membros da Xunta de Goberno, o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas completará, de forma provisional, os postos vacantes de entre persoas colexiadas do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia con máis de 25 anos de exercicio profesional, e a Xunta de Goberno deberá convocar eleccións, no prazo dun mes, para a provisión dos cargos vacantes.

9. Todos os membros da Xunta de Goberno deberán manter a debida confidencialidade sobre os asuntos que se traten nas súas sesións ou, se é o caso, nas súas comisións.

Artigo 38. Atribucións

1. A Xunta de Goberno, ademais de asumir a plena dirección e administración do Colexio e sen prexuízo das facultades da Asemblea Xeral, máximo órgano de goberno colexial, terá dentro do seu ámbito competencial, entre outras, as seguintes atribucións:

a) Defender os dereitos profesionais das persoas que exerzan a profesión da óptica e a optometría e do Colexio ante os organismos, autoridades e tribunais de calquera grao e xurisdición dentro da demarcación territorial do Colexio, e promover ante aqueles cantas cuestións xulgue beneficiosas para a profesión, o Colexio ou as persoas colexiadas.

b) Defender as persoas colexiadas no desempeño da profesión óptico-optométrica.

c) Coidar que se cumpran as disposicións legais que afecten a profesión, o Colexio e as persoas colexiadas, os presentes Estatutos, o regulamento de réxime interior do Colexio e cantos acordos adopten os órganos de goberno do Colexio, facendo uso das medidas legais que se xulguen convenientes para a súa mellor execución, incluso solicitando o auxilio das autoridades, dentro do ámbito territorial do Colexio, e prestándolles a súa cooperación.

d) Adoptar calquera resolución que considere urxente en defensa dos intereses da profesión, do Colexio e das persoas colexiadas, debendo dar conta dela á Asemblea Xeral na primeira reunión que esta realice.

e) Decidir respecto á admisión de solicitudes de colexiación.

f) Redactar os estatutos do Colexio e o seu regulamento de réxime interior ou as modificacións destes, para sometelos á aprobación da Asemblea Xeral.

g) Exercer as facultades disciplinarias respecto ás persoas colexiadas, de conformidade coas previsións destes estatutos.

h) Suspender os actos que considere nulos de pleno dereito.

i) Acordar a realización da Asemblea Xeral, xa sexa ordinaria ou extraordinaria, sinalando lugar, día e hora e establecendo a súa orde do día.

j) Examinar e visar a conta de ingresos e gastos que formule a Tesouraría, os orzamentos que confeccionen esta e a Contadoría e a memoria que redacte a Secretaría, co fin de someter todo iso á preceptiva aprobación da Asemblea Xeral, e propoñer a esta a contía das cotas de entrada e periódicas que teñen que satisfacer as persoas colexiadas, así como propoñer o establecemento de cotas extraordinarias, sinalando a súa finalidade.

k) Decidir a periodicidade e forma de recadación das cotas colexiais.

l) Convocar as eleccións dos cargos da propia Xunta.

m) Administrar, coidar, defender, recadar e distribuír os fondos económicos do Colexio, abrindo e xestionando as contas bancarias necesarias, e constituír e cancelar depósitos; adquirir, gravar e transferir calquera clase de ben moble, título ou valor, para investir todo ou parte do capital social do Colexio.

n) Administrar os bens patrimoniais do Colexio e realizar toda clase de actos de adquisición, transferencia e gravame de bens inmobles. Para realizar calquera destes actos, excepto o de administración, é preciso o acordo co voto favorable das tres cuartas partes dos membros que integran a Xunta de Goberno. No caso da adquisición, transferencia ou gravame de inmobles, será precisa tamén a autorización da Asemblea Xeral.

ñ) Impedir, mediante as accións legais que procedan, o exercicio da profesión óptico-optométrica a quen non reúna as condicións legais establecidas para o efecto e denunciar, se é o caso, as persoas intrusas ante as autoridades e tribunais competentes.

o) Designar, en caso de litixio, persoas profesionais da avogacía e a procuradoría que teñan que defender e representar os intereses da profesión e do Colexio ante toda clase de autoridades e tribunais, sen ningunha limitación.

p) Conceder mencións e distincións a quen considere pertinente, e propoñer á Xunta de Goberno do Consello Xeral a concesión de distincións no ámbito estatal.

q) Designar as persoas integrantes de cantas comisións considere necesarias para o estudo, xestión e resolución de calquera asunto de carácter profesional ou colexial.

r) Sinalar a contía das axudas de custo ou gastos dos membros dos órganos reitores do Colexio, pola súa asistencia a reunións destes.

s) Delegar aquelas das súas funcións que considere pertinentes na Comisión Permanente e na Presidencia.

t) Designar a representación do Colexio ante o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.

u) Aprobar a subscrición dos convenios de colaboración a que se refire o artigo 7 destes estatutos, autorizando a Presidencia, ou a persoa que estatutariamente a substitúa, para a súa sinatura.

v) Establecer as condicións e requisitos para o uso dos servizos do Colexio, incluíndo a contraprestación que deben pagar os beneficiarios no caso de non estaren cubertos pola cota colexial, de conformidade co previsto nestes estatutos, no seu regulamento de réxime interior e nos acordos adoptados, se é o caso, pola Asemblea Xeral de Colexiados.

w) En xeral, todas as que lle sexan encomendadas expresamente pola Asemblea Xeral ou as que non estean expresamente reservadas a esta por norma legal ou por estes estatutos.

Artigo 39. Reunións, convocatorias, acordos e votacións e actas

1. A Xunta de Goberno do Colexio reunirase, como mínimo, unha vez ao semestre e cantas veces sexa necesario a xuízo da Presidencia ou da Comisión Permanente, ou por solicitude de tres membros da propia Xunta.

2. Nunha das súas reunións, dentro do primeiro semestre do ano, examinarase e visarase a conta xeral de ingresos e gastos e a memoria, para someter todo iso á preceptiva aprobación da Asemblea Xeral.

3. As reunións quedarán validamente constituídas cando se encontren presentes como mínimo a metade máis un dos seus membros. A asistencia ás reunións é obrigatoria para todos os membros da Xunta, presencial ou telematicamente, sen ser posible a delegación, e deberase comunicar previamente, se é o caso, a imposibilidade de acudir a elas.

4. As convocatorias para as reunións da Xunta de Goberno do Colexio faranse por escrito asinado pola Secretaría, por orde e co visado da Presidencia e acompañadas da orde do día correspondente, cunha antelación mínima de sete días e cursaranse directamente a todos os seus membros. En caso de urxencia poderase convocar cunha antelación mínima de tres días. Salvo mención expresa noutro sentido na convocatoria, as sesións realizaranse no domicilio social.

5. As sesións serán presididas pola Presidencia do Colexio, ou persoa que estatutariamente a substitúa, e actuará na Secretaría quen o sexa da Xunta de Goberno ou, en caso de ausencia, o membro da Xunta de Goberno asistente á sesión que lle corresponda a súa substitución conforme as regras establecidas nestes estatutos.

6. Non poderán tomarse acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día, salvo cando constituída a Xunta de Goberno con todos os seus membros, decidan, por unanimidade, estudalos e adoptar acordos sobre eles, caso en que estes serán plenamente válidos. Os acordos tomaranse por maioría dos membros presentes, salvo nas ocasións en que se requira unha maioría específica. Terá voto persoal cada membro e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia.

7. As votacións poderán ser secretas cando na reunión así o decida a Presidencia ou, ao menos, o soliciten catro membros asistentes a esta.

8. Os acordos da Xunta de Goberno, salvo previsión en contrario á hora de adoptalos, son inmediatamente executivos.

9. Levantaranse actas das reunións que realice a Xunta de Goberno, que se expedirán no libro correspondente, ou ben mediante a súa informatización ou extensión por calquera outro medio mecánico, que garanta a súa autenticidade.

10. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros asistentes, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto, ou no prazo que sinale a Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a esta.

11. Os membros da Xunta de Goberno que voten en contra ou se absteñan quedarán exentos da responsabilidade que, se é o caso, poida derivar dos acordos aprobados sen o seu voto favorable.

12. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión; non obstante, a Secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptaron, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados, emitidas con anterioridade á aprobación da acta, farase constar expresamente tal circunstancia.

Artigo 40. A Presidencia

1. Correspóndelle á persoa titular da Presidencia desempeñar a máxima representación do Colexio e de todos os seus órganos de goberno, ante os poderes públicos, tribunais de calquera clase e xurisdición dentro da demarcación territorial do Colexio, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde.

2. Terá, ademais, as seguintes facultades, atribucións e obrigas:

a) Velar polo máis exacto cumprimento das disposicións legais, de canto se prevé nestes estatutos e das resolucións ou acordos que adopten as autoridades e os órganos de goberno do Colexio.

b) Dirixir o Colexio e os seus órganos reitores.

c) Como representante máximo do Colexio, poderá outorgar os mandatos de poder que sexan precisos a favor de profesionais da procuradoría e de calquera outro profesional, e designar os profesionais da avogacía, para litigar ou para exercer accións de calquera orde ou clase, sen limitación ningunha, que afecten a profesión e os intereses do Colexio e das persoas colexiadas, formulando efecto todo tipo de accións, excepcións e recursos nos procesos que o Colexio promova ou nos cales sexa parte, ante as autoridades, organismos e tribunais de calquera grao e xurisdición.

d) Autorizar coa súa sinatura as comunicacións oficiais, revisando a correspondencia e o funcionamento dos servizos administrativos cando o considere conveniente, e actuar en toda clase de asuntos en que o Colexio deba intervir, podendo delegar parte das súas atribucións na Vicepresidencia cando o xulgue necesario.

e) Fixar a orde do día de todas as reunións dos órganos de goberno do Colexio e das comisións, convocar e presidir todas elas, dirixir os seus debates e abrir, suspender e pechar as sesións destas, e dirimir co seu voto de calidade os empates que resulten nas votacións que se produzan nelas.

f) Propoñer á Comisión Permanente o nomeamento de membros da Xunta de Goberno do Colexio que vaian formar parte das comisións ou relatorías que sexan necesarios para o mellor estudo e resolución dos asuntos que interesen ao Colexio. Para formar parte deles poderá igualmente nomearse calquera persoa colexiada que non sexa membro de órganos de goberno colexial.

g) Denunciar e demandar, ante os tribunais de xustiza ou ante os organismos públicos competentes, as persoas que exerzan actos da profesión da óptica e da optometría sen ter a titulación precisa nin ningún dereito legal para iso.

h) Autorizar co seu visto e prace as convocatorias e as actas de cantas reunións se realicen e visar as certificacións que expida a Secretaría e os informes que emitan os órganos directivos e do Colexio ou algún dos seus membros.

i) Resolver as consultas que lle formulen as persoas colexiadas, podendo delegar en calquera membro da Xunta a dita atribución en caso de que o considere oportuno.

j) Convocar as eleccións de membros da Xunta de Goberno.

k) Ordenar os pagamentos que teñan que efectuarse con cargo aos fondos do Colexio e autorizar a retirada de fondos deste.

l) Suspender os actos que considere nulos de pleno dereito dando conta diso á Xunta de Goberno na primeira reunión que esta realice.

m) As facultades que lle delegue expresamente a Xunta de Goberno.

n) Adoptar calquera resolución que considere urxente en defensa dos intereses da profesión, do Colexio e das persoas colexiadas, debendo dar conta dela á Xunta de Goberno, na súa primeira reunión, para a súa aprobación.

Artigo 41. Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia levará a cabo todas aquelas funcións que lle confira a Presidencia, asumíndoas todas en caso de vacante, renuncia, incompatibilidade, abstención, recusación, ausencia, vacacións, enfermidade, falecemento ou calquera outro suposto de análoga natureza.

2. Se non puidesen exercer as funcións inherentes á Presidencia nin o seu cargo electo nin, se é o caso, a Vicepresidencia, por impedimento xustificado ou causa legal, desempeñará as súas funcións o membro da Xunta de Goberno máis antigo e, en caso de empate, o de maior idade.

Artigo 42. Secretaría Xeral

Corresponde á Secretaría Xeral:

a) Executar os acordos da Asemblea Xeral, Xunta de Goberno e Comisión Permanente, así como as resolucións que, consonte a estes estatutos, adopte a Presidencia.

b) Dar conta á Presidencia de todas as solicitudes e comunicacións que se reciban no Colexio.

c) Informar a Xunta de Goberno e os seus membros, con facultade de iniciativa, de cantos asuntos sexan da competencia dos órganos reitores do Colexio, e auxiliar na súa misión a Presidencia, orientando e promocionando cantas iniciativas de orde técnica-profesional se deban adoptar.

d) Redactar, para presentar á Xunta de Goberno, a memoria que recolla as actividades desenvolvidas durante o exercicio anterior polos órganos de goberno do Colexio.

e) Redactar, expedir e asinar, co visado da Presidencia, toda clase de certificacións e as convocatorias para todo tipo de reunións de órganos de goberno do Colexio, así como as actas destas reunións.

f) Levar os libros de actas, os diferentes rexistros, incluído o de sociedades profesionais, así como os ficheiros necesarios, e ter ao seu cargo o arquivo e o selo do Colexio.

g) Asinar toda a correspondencia, excepto aquela que se reserve á Presidencia ou sexa conveniente que leve a súa sinatura.

h) Dirixir os servizos administrativos do Colexio, desempeñando a xefatura do persoal deste e sinalar a quen estea baixo o seu cargo as normas de actuación precisas para o mellor funcionamento dos citados servizos, e propoñer á Presidencia e á Comisión Permanente, cando o considere necesario, as iniciativas que xulgue convenientes para conseguir un óptimo funcionamento da Secretaría, así como o nomeamento, substitución ou destitución de persoal, logo do cumprimento das fórmulas e accións legais que procedan en cada caso.

Artigo 43. Tesouraría

Corresponde á Tesouraría:

a) Custodiar os fondos do Colexio, que recadará e administrará, ingresándoos e retirándoos conxuntamente coa Presidencia nas contas bancarias abertas para o efecto, e, do mesmo modo, constituír e cancelar depósitos cando o acorde a Xunta de Goberno.

b) Supervisar as operacións relacionadas coas contas bancarias.

c) Figurar como cotitular nas contas e depósitos bancarios.

d) Levar, coa axuda e colaboración do persoal administrativo, a contabilidade do Colexio.

e) Formalizar, someténdoa a discusión e visado da Xunta de Goberno, a conta xeral de ingresos e gastos e redactar, conxuntamente coa Contadoría, o orzamento de ingresos e gastos para o exercicio económico, todo o cal debe someter a dita Xunta de Goberno á aprobación definitiva da Asemblea Xeral.

f) Informar a Presidencia e a Xunta de Goberno da situación económica do Colexio, cando sexa requida para tal fin.

g) Exercer as funcións da Secretaría en caso de ausencia xustificada do seu titular.

Artigo 44. Contadoría

É competencia da Contadoría:

a) Inspeccionar a contabilidade do Colexio e levar o inventario detallado dos seus bens.

b) Intervir nas operacións relacionadas coas contas bancarias e as ordes de pagamento dadas pola Presidencia, con facultade en todo momento para tomar cantas medidas considere necesarias para salvagardar con eficacia os fondos do Colexio.

c) Figurar como cotitular nas contas e depósitos bancarios.

d) Confeccionar, conxuntamente coa Tesouraría, e presentar na Xunta de Goberno os orzamentos de ingresos e gastos para sometelos á aprobación definitiva da Asemblea Xeral.

e) Informar a Xunta de Goberno e a Presidencia do estado económico e financeiro do Colexio.

f) Tomar as medidas que considere necesarias para salvagardar eficazmente os fondos do Colexio.

Artigo 45. Vogalías. Delegados provinciais. Delegados locais

1º. Aqueles que desempeñen as vogalías terán como funcións, sen prexuízo das que lles correspondan como delegados provinciais, se é o caso:

a) Colaborar nos traballos da Xunta de Goberno, desempeñando as funcións que lles sexan asignadas.

b) Formar parte das comisións ou grupos de traballo que se constitúan e se nomeen para o apoio, estudo e desenvolvemento de cuestións ou asuntos específicos que demande a Xunta de Goberno.

c) Exercer as funcións da Secretaría ou Tesouraría en caso de ausencia xustificada dos titulares, conforme a orde da vogalía correspondente, en caso de que non poidan ser substituídos de acordo co previsto nestes estatutos.

2º. En todas as provincias que comprende este Colexio haberá un delegado provincial, quen, así mesmo, será vogal da Xunta de Goberno como vogal-gelegado provincial –correspondentes ás vogalías 1 a 4 da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra– e terá as funcións que a Xunta de Goberno lle delegue, sempre no seu ámbito provincial e baixo as directrices que lle marque a Xunta de Goberno e, se é o caso, a Comisión Permanente.

Serán atribucións dos delegados provinciais:

a) Relacionarse coas autoridades, as corporacións e consumidores e usuarios da provincia.

b) Desempeñar, por delegación, aquellas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno do Colexio ou a súa Presidencia, aos cales representará na súa provincia.

c) Velar polo cumprimento na súa provincia da normativa vixente en cada momento.

d) Recibir e emitir informe, tanto das solicitudes de admisión de novos colexiados coma das de cambio de condición ou domicilio, que remitirán sen demora ao domicilio do Colexio, logo de autentificación da documentación achegada.

e) Convocar cantas reunións xulguen oportunas na súa demarcación.

f) Estar asistidos, para os efectos de información e asesoramento, polos colexiados da provincia que consideren necesarios e que eles ou a Asemblea Provincial de colexiados designen.

g) Presidir as asembleas provinciais de colexiados, que deberán realizarse, necesariamente, para adoptar acordos que afecten o funcionamento e organización dos servizos colexiais na súa demarcación.

Estas asembleas realizaranse mediante convocatoria do delegado provincial, por iniciativa súa ou por petición de, ao menos, o vinte por cento (20 %) dos colexiados censados na provincia, que se cursará cunha antelación mínima de dez días naturais e sinalando os puntos que se van tratar. Da convocatoria darase conta de modo inmediato á Presidencia e remitirase copia dela ao Colexio.

Se o delegado provincial se nega a convocar a Asemblea no prazo de quince días hábiles a partir da petición dos colexiados, estes poderán solicitala á Presidencia do Colexio, sinalando os asuntos que interesan ser tratados, e esta convocaraa e presidiraa, salvo que exista causa legal para denegala, que comunicará aos solicitantes, decisión que estes poderán impugnar en alzada, no prazo dun mes, ante a Comisión Permanente da Xunta de Goberno que resolverá, en forma expresa, sen ulterior recurso colexial.

Destas asembleas levantarase acta no libro correspondente e actuará como secretario o colexiado que a propia Asemblea designe. Da acta haberá que remitir copia ao Colexio no prazo máximo de sete días hábiles.

O delegado local:

Será o que designe a Xunta de Goberno, por proposta do delegado provincial, cando a situación llo requira, para colaborar nas tarefas provinciais baixo a súa tutela.

Artigo 46. Perda da condición de membros da Xunta de Goberno

Perderase a condición de membro da Xunta de Goberno polas seguintes causas:

a) Por renuncia ou falecemento da persoa interesada.

b) Por nomeamento para cargo executivo do Goberno ou das administracións públicas central, autonómica, provincial, local ou institucional, e para aqueles cargos públicos ou privados que, a xuízo da Xunta de Goberno, sexan incompatibles cos de membro desta.

c) Por nomeamento para cargo nos órganos de goberno de calquera outra corporación profesional, coa excepción do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas de España.

d) Por condena, mediante sentenza firme, que comporte a inhabilitación para cargo público ou colexial.

e) Por sanción firme, ditada en expediente disciplinario, por falta grave ou moi grave, de acordo con estes estatutos.

f) Por perda da condición de persoa colexiada.

g) Por moción de censura.

h) Por expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos ou reelixidos.

i) Por traslado do domicilio profesional fóra de Galicia ou, no caso das vogalías-delegados provinciais, fóra da provincia correspondente ao cargo.

j) Pola falta de asistencia ás sesións a que foren debidamente convocados, por tres sesións consecutivas ou catro alternativas no prazo de dous anos, sen xustificación suficiente.

k) Polo quebrantamento da obriga de confidencialidade sobre os asuntos que se traten nas sesións da Xunta de Goberno ou das súas comisións, sen prexuízo das responsabilidades civís e incluso penais en que puidese incorrer.

Ás causas previstas nas alíneas b), c), d) e e) do punto anterior reputaranse, así mesmo, causas de incompatibilidade para o acceso aos cargos da Xunta de Goberno.

Os membros da Xunta de Goberno que esgotasen o prazo para o cal foron elixidos, continuarán desempeñando o cargo ata o momento en que se produza a aceptación de quen os substitúa ou a súa reelección, se é o caso.

Artigo 47. Axudas de custo e gastos de viaxe

Á totalidade de membros da Xunta de Goberno que asista ás reunións, así como a quen acuda a estas como representante de comisión, seranlles aboados pola Tesouraría do Colexio os gastos de desprazamento que iso lles ocasione, no medio de transporte público utilizado, ou a quilometraxe percorrida se utiliza vehículo privado, así como as axudas de custo correspondentes.

A contía, tanto das axudas de custo coma dos gastos de desprazamento, sen prexuízo do que se acorde cada ano con motivo da aprobación dos orzamentos, fixaraa a Xunta de Goberno, e as súas normas de percepción desenvolveranse no regulamento de réxime interior.

Sección 3ª. A Comisión Permanente

Artigo 48. Composición

Dentro da Xunta de Goberno do Colexio, e cando así o decida esta especificamente, constituirase unha Comisión Permanente que estará integrada por:

a) A Presidencia.

b) A Vicepresidencia.

c) A Secretaría.

d) A Tesouraría.

e) A Contadoría.

Artigo 49. Reunións, convocatorias, acordos e actas

1. A Comisión Permanente, por delegación da Xunta de Goberno, terá as seguintes atribucións:

a) Tramitar e resolver os expedientes de colexiación, procedendo na forma establecida nestes estatutos.

b) Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e pola Xunta de Goberno do Colexio, seguindo as directrices marcadas por ambos os órganos de goberno.

c) Adoptar calquera resolución que considere urxente en defensa dos intereses da profesión óptico-optométrica, do Colexio ou das persoas colexiadas, incluso a apertura de expedientes disciplinarios, de cuxo acordo dará conta á Xunta de Goberno na primeira reunión que esta realice.

d) Elaborar e aprobar as normas precisas para o óptimo funcionamento dos servizos administrativos do Colexio.

e) Velar polo máis exacto cumprimento dos estatutos do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas e destes estatutos, o regulamento de réxime interior e as normas complementarias daquel que poidan establecerse.

f) Nomear, substituír ou destituír o persoal que preste os seus servizos no Colexio, mediante acordo adoptado por maioría simple dos compoñentes da Comisión, de cuxo acordo informará de forma inmediata a totalidade dos membros da Xunta de Goberno.

g) Emitir cantos informes soliciten as administracións públicas.

h) Calquera outra atribución que lle delegue a Xunta de Goberno ou lle asigne a Asemblea Xeral.

2. A Comisión Permanente reunirase cantas veces sexa necesario a xuízo da Presidencia, ou da Vicepresidencia en ausencia daquela, ou cando o soliciten ao menos tres dos seus membros.

3. As convocatorias para as súas reunións faranse coas mesmas formalidades que para as da Xunta de Goberno, cunha antelación de ao menos cinco días naturais. En caso de urxencia, a convocatoria poderá facerse verbalmente a cada membro e sen respectar a antelación establecida.

4. A asistencia poderá ser presencial ou por medios telemáticos. De todas as convocatorias enviarase copia á totalidade de membros da Xunta de Goberno, para a súa información.

5. Para constituírse e poder deliberar será necesaria a asistencia da maioría de quen compón a Comisión. As sesións serán presididas pola Presidencia do Colexio ou persoa que estatutariamente a substitúa, e actuará de secretario quen o sexa da Xunta de Goberno ou, en caso de ausencia, o membro da Xunta de Goberno asistente á sesión a quen lle corresponda substituílo conforme as regras destes estatutos.

6. Os acordos serán tomados pola maioría das persoas presentes e non poderá adoptarse ningún sobre asuntos que non figuren na orde do día, salvo cando constituída a Comisión Permanente coa totalidade dos seus membros, decida, por unanimidade, estudalos e adoptar acordos sobre eles, caso en que estes serán plenamente válidos.

7. Levantaranse actas das reunións que realice a Comisión Permanente, que se expedirán no libro correspondente, ou ben mediante a súa informatización ou extensión por calquera outro medio mecánico, que garanta a súa autenticidade. Destas actas remitirase copia a todos os membros da Xunta de Goberno.

En calquera caso, sempre irán asinadas pola Secretaría co visado da Presidencia ou da Vicepresidencia.

8. Dos acordos ou decisións que adopte darase conta á Xunta de Goberno, para seren ratificados por esta, se procede, na primeira reunión que realice. A Xunta de Goberno, se é o caso, poderá revogar os acordos que sexan adoptados pola súa Comisión Permanente.

9. Os asistentes ás reunións desta comisión percibirán as axudas de custo e gastos de desprazamento que estableza a Xunta de Goberno.

CAPÍTULO III

Elección dos órganos de goberno

Artigo 50. Condicións para ser elixible e elector

1. Os cargos da Xunta de Goberno proveranse por elección libre, directa e secreta, na cal poderán participar todas as persoas colexiadas, de acordo co procedemento que sinalan estes estatutos.

2. Con carácter xeral son requisitos exixibles a toda persoa que queira formar parte da Xunta de Goberno ter domicilio na demarcación territorial do Colexio, estar colexiada cunha antigüidade de colexiación exercente de, ao menos, cinco anos como exercente residente na Comunidade Autónoma de Galicia; a antigüidade para a candidatura á Presidencia será de ao menos dez anos como persoa colexiada exercente; estar incluída no censo electoral, non incorrer en sancións disciplinarias firmes por faltas graves, nin en inhabilitación por sentenza firme para o exercicio da profesión ou cargo público ou encontrarse sometida a calquera outra prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria. Así mesmo, deberá estar ao día nas súas obrigas de carácter económico co Colexio.

3. Ao cargo da vogalía sexta poderán presentarse persoas colexiadas no exercentes con, ao menos, un ano de antigüidade e seranlles exixibles o resto dos requisitos.

4. Terán a condición de electores todas as persoas colexiadas que na data de publicación da convocatoria estean incorporadas ao Colexio, sempre que non se encontren inhabilitadas para o exercicio da profesión, nin estean cumprindo unha sanción firme imposta polo Colexio. Así mesmo, deberán estar ao día nas súas obrigas de carácter económico co Colexio.

5. Os colexiados que soliciten a baixa, ou se encontren inmersos nun procedemento de baixa, nun momento posterior á data de publicación da convocatoria, non poderán exercer o dereito de sufraxio.

Artigo 51. Procedemento electoral

O procedemento electoral rexerase polo disposto nos artigos seguintes e polo previsto na Lei reguladora do réxime electoral xeral.

Artigo 52. Convocatoria de eleccións

1. As eleccións serán convocadas pola Presidencia. A convocatoria realizarase cunha antelación mínima de dous meses anteriores á data designada para as eleccións.

2. A convocatoria farase pública no taboleiro de anuncios do Colexio, na súa páxina en liña e mediante envío dunha circular por correo ordinario ou por vía telemática a todos os colexiados, como mínimo dous meses antes do día sinalado para a realización.

3. No anuncio farase constar:

a) Cargos que se van cubrir.

b) Prazo para presentarse como voluntario a formar parte da mesa electoral, con indicación do día, a hora e o lugar, se é o caso, para a designación por sorteo dos membros da mesa e os suplentes, e día previsto para a constitución da mesa.

c) Prazo para a presentación de candidaturas na Secretaría do Colexio, que comezará o mesmo día da convocatoria e finalizará un mes antes da data prevista para a realización das eleccións.

d) Día sinalado para a proclamación de candidaturas admitidas.

e) Día, lugar e hora para a realización das eleccións.

4. Xunto coa convocatoria, exporase no taboleiro de anuncios do Colexio a lista de colexiados electores.

5. Ata o día sinalado para a constitución da mesa, admitiranse todas as reclamacións que formulen os interesados contra as mencionadas listas de electores.

Artigo 53. Presentación de candidaturas

1. Tras a convocatoria de eleccións, as persoas colexiadas terán un mes de prazo para presentaren as súas candidaturas.

2. As candidaturas poderán presentarse individual ou conxuntamente nunha soa lista. Neste último suposto, as listas serán abertas.

3. Nas candidaturas individuais, cada candidatura será presentada especificando o cargo para o cal se opta e deberá estar asinada polo candidato co aval dun mínimo de cinco colexiados.

Nas candidaturas conxuntas, os candidatos para cubrir os cargos da Xunta de Goberno presentarán unha única candidatura completa, especificando o cargo para o cal se presenta cada un. Esta candidatura ten que estar asinada por todos os candidatos e co aval dun mínimo de cinco colexiados para o conxunto da candidatura.

En ambos os casos, aqueles que asinen como avais deben estar ao día nas súas obrigas colexiais e ter dereito de sufraxio de conformidade con estes estatutos. O Colexio facilitará un modelo de presentación de candidaturas.

4. Un mesmo colexiado non poderá avalar máis dunha candidatura para o mesmo posto.

5. En ningún caso se admitirá que un colexiado poida presentar a súa candidatura a máis dun cargo da Comisión Permanente da Xunta de Goberno. Se o candidato desempeñase, ao tempo de presentar a súa candidatura, a condición de membro da Comisión Permanente, só poderá presentarse á elección logo de renunciar ao cargo, salvo que este último saíse a elección por vencemento do seu mandato.

6. As candidaturas a calquera dos cargos de Vogalía-Delegado Provincial serán, en todo caso, individuais e deberán estar asinadas polo candidato, co aval dun mínimo de cinco colexiados da provincia a que opta, a cal constará na candidatura.

Artigo 54. Eleccións anticipadas para cubrir vacantes

1. As vacantes que se produzan antes da finalización do mandato dun membro da Xunta de Goberno serán cubertas temporalmente con carácter de interinidade ata que teñan lugar as seguintes eleccións, conforme as seguintes regras:

a) O cargo de presidente será asumido polo vicepresidente e, na súa falta, na forma prevista no artigo 41 dos estatutos.

b) O cargo de secretario será asumido polo membro da Xunta de Goberno menos antigo no cargo e, en igualdade de condicións, o de menor idade.

c) Os cargos de vicepresidente, tesoureiro e contador serán asumidos, en cada caso, polo membro que a propia Xunta de Goberno designe no seu seo.

d) O cargo de vogal-delegado provincial será suplido polo colexiado que a Xunta de Goberno designe entre os censados exercentes na respectiva provincia.

e) Os cargos das demais vogalías serán suplidos polos colexiados que a Xunta de Goberno designe que cumpran cos requisitos exixidos nestes estatutos para o citado cargo.

2. No caso de que cesasen máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, convocaranse novas eleccións para cubrir os cargos vacantes. A elección será soamente para o período que reste do seu mandato, no caso de que ese período sexa superior a un ano.

Artigo 55. Aprobación das candidaturas

A Comisión Permanente deberá aprobar ou non as candidaturas presentadas no prazo máximo de dez días tras a finalización do outorgado para a presentación de candidaturas.

Artigo 56. Candidatura única

No suposto de que, para todos ou algún dos órganos de goberno, se presente unha candidatura única, a mesma Comisión Permanente que resolva a súa aprobación proclamará electa esa candidatura ou candidaturas únicas.

Artigo 57. Constitución da mesa

1. A mesa electoral constituirase no prazo máximo de trinta días hábiles posteriores á publicación da convocatoria de eleccións.

2. A mesa electoral contará con tres membros: presidencia, secretaría e vogalía, que serán designados pola Comisión Permanente que aprobe as candidaturas entre as persoas que se presenten para formar parte da mesa, ademais de tres suplentes. Se se presentan máis colexiados que prazas existentes, cubriranse mediante sorteo entre todos os colexiados que se presentaron. Se quedasen prazas vacantes, estas serán cubertas pola Xunta de Goberno mediante designación dos colexiados da súa libre elección.

3. Actuará de presidente da mesa electoral o membro de maior idade, e de secretario o de menor idade.

4. Poderán constituírse unha ou máis mesas electorais.

5. Ningunha persoa candidata poderá ser designada como membro da mesa electoral.

6. As votacións aos cargos de vogais-delegados provinciais efectuaranse no mesmo proceso electoral e nunha mesma Asemblea Xeral, co resto dos cargos a elección da Xunta de Goberno, pero en urnas diferenciadas por cada unha das provincias a elección.

Artigo 58. A mesa electoral

1. O día das eleccións a mesa electoral constituirase trinta minutos antes do inicio das eleccións nun local habilitado, preferentemente na sede social, no cal se instalarán unhas urnas pechadas. No mesmo local colocaranse nunha mesa o número suficiente de follas, todas exactamente iguais, co nome e os apelidos dos candidatos e o cargo a que optan.

2. A mesa electoral terá como funcións:

a) Presidir a votación e facer o escrutinio.

b) Vixiar o proceso electoral e a súa adecuación aos estatutos.

c) Comprobar a condición de elector de cada colexiado antes de admitirlle o voto.

d) Proclamar os candidatos elixidos.

e) Levantar a acta do desenvolvemento e resultado das eleccións.

f) Resolver os recursos e incidentes que se produzan durante a votación e escrutinio.

3. Contra as decisións da mesa os interesados poderán formular ante esta, con carácter potestativo, as reclamacións que consideren convenientes, dentro do prazo de tres días desde que foron adoptadas; as decisións da mesa en que se resolvan as reclamacións que lle sexan formuladas poderán ser impugnadas ante a Comisión de Recursos, sen prexuízo de que o proceso electoral non se paralice.

Artigo 59. Persoal interventor

Cada unha das persoas candidatas poderá designar unha persoa interventora ou actuar ela mesma como tal.

Artigo 60. Votación

1. As persoas colexiadas poderán exercer o seu dereito ao voto de forma persoal, por correo postal certificado ou por sistemas electrónicos ou telemáticos; neste último caso, requirirá o seu desenvolvemento previo polo regulamento de réxime interior.

2. Ademais das urnas para os vogais-delegados provinciais, existirán dúas urnas en cada mesa, unha para recoller o voto das persoas colexiadas exercentes e outra para as non exercentes.

3. Para exercer o dereito ao voto de forma persoal deberá comparecer ante a mesa electoral e acreditar a súa condición de persoa colexiada mediante a exhibición do carné colexial, do documento nacional de identidade, do pasaporte ou do carné de conducir.

4. Para exercer o voto por correo:

1º. Nun sobre introducirase a folla oficial de votación dobrada.

2º. Este sobre introducirase noutro sobre xunto á solicitude de voto por correo, conforme o modelo proporcionado polo Colexio, debidamente asinada polo interesado e cunha fotocopia do seu documento nacional de identidade ou documento que o substitúa.

3º. Este segundo sobre enviarase de forma individual por correo certificado ao Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, dirixido á mesa electoral e coa seguinte lenda: «Eleccións do día… (data que corresponda)».

4º. Só se computarán os votos emitidos por correo certificado que cumpran os requisitos establecidos máis arriba.

5º. Deberán ter a súa entrada na sede do Colexio antes do peche da votación, ou antes da hora do día e do lugar que se determine na convocatoria, sendo neste caso preferente á anterior.

5. En termos xerais o voto emitido por correo deberá estar á disposición da mesa electoral antes de dar por finalizada a votación presencial ou, se é o caso, antes da hora do día e lugar que se determinou na convocatoria. Todo voto recibido despois dese momento non será computado.

6. A mesa electoral, antes de depositar os sobres que chegasen por correo, comprobará que non existen votos duplicados ou que quen emitiu o seu voto por correo non votase xa persoalmente, caso en que se declarará nulo o voto por correo dese colexiado.

Artigo 61. Escrutinio

Finalizada a votación, depositaranse nas urnas os votos recibidos por correo e iniciarase o escrutinio. A presidencia da mesa electoral ou o membro da mesa en que delegue abrirá cada un dos sobres dicindo, de viva voz, o nome da candidatura ou candidaturas, exhibindo a folla ao resto de integrantes da mesa electoral e do persoal interventor.

Artigo 62. Proclamación

1. Finalizado o escrutinio, a presidencia anunciará o seu resultado e proclamaranse seguidamente electas as candidaturas que obtivesen para cada cargo o maior número de votos. En caso de empate, entenderase gañador da elección quen figure con maior tempo de exercicio no propio Colexio.

2. As candidaturas electas tomarán posesión dos seus cargos na seguinte reunión da Xunta de Goberno, que se realizará no prazo máximo de corenta e cinco días, e nese momento xurarán ou prometerán acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, así como cumprir os deberes do cargo e manter a confidencialidade das deliberacións dos órganos de goberno, tras o cal quedará constituída.

TÍTULO V

Da moción de censura

Artigo 63. Moción de censura

A moción de censura contra a Xunta de Goberno, ou contra calquera outro membro da Xunta de Goberno, desenvolverase axustándose aos seguintes trámites:

a) Formularase mediante escrito asinado, polo menos, polo vinte por cento (20 %) dos colexiados censados no Colexio no momento de presentarse e xuntaráselle fotocopia do documento nacional de identidade ou documento acreditativo de igual natureza, de cada un dos asinantes. O dito escrito, para a súa tramitación, deberá presentarse necesariamente na Secretaría do Colexio.

b) Neste escrito deberán designarse dous dos asinantes para que actúen un como voceiro e o outro como substituto deste.

c) A Presidencia, unha vez comprobado co auxilio do secretario ou secretaria que se cumpren os requisitos exixidos, convocará nun prazo máximo de quince días, unha Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados, sinalando o lugar, o día e a hora da realización, a cuxa convocatoria se xuntará copia da moción de censura e, se é o caso, dos documentos adxuntos a esta. A realización desta asemblea deberá ter lugar dentro do prazo máximo de trinta días contados desde o día seguinte ao da presentación do escrito.

d) A Asemblea, que se realizará en única convocatoria, quedará validamente constituída cando asistan, entre presentes e representados, polo menos o corenta e cinco por cento (45 %) dos colexiados censados no momento da presentación da moción de censura. Se transcorre media hora e non se chegou a alcanzar o quorum sinalado suspenderase a Asemblea e declararase «tentada e non conseguida» a moción de censura. Cada colexiado asistente á Asemblea poderá levar a representación doutros dous colexiados como máximo, a cal se acreditará mediante formulario para o efecto solicitado ao Colexio, no cal necesariamente debe figurar o nome de quen delega, o seu número de colexiado e o nome do colexiado a quen outorga a súa representación. Este documento ten que ir necesariamente asinado polo outorgante da delegación de voto e acompañado de fotocopia do seu documento nacional de identidade ou documento acreditativo de igual natureza.

e) Unha vez constituída a Asemblea iniciarase o debate, que comezará dando a palabra ao voceiro dos solicitantes ou ao seu substituto. Seguidamente farao a presidenta ou presidente, en defensa da súa xestión ou actuación ou a da Xunta de Goberno, así como o membro da Xunta cuxa censura se pretenda exclusivamente.

f) Poderán utilizarse ata dúas quendas de réplica, unha para os promotores da moción e o outra para a Presidencia e o membro da Xunta cuxa censura se pretenda.

g) Non existirán máis intervencións que as precedentemente indicadas e para cada unha delas dispoñerán os intervenientes dun máximo de quince minutos.

h) Terminado o debate, procederase inmediatamente á votación e reconto dos votos, se a votación foi secreta, ante catro asembleístas, dous deles membros da Xunta de Goberno e os outros dous integrantes da solicitude da moción. Entenderase aprobada a moción de censura se esta obtén o voto da maioría absoluta dos colexiados presentes e representados na Asemblea.

i) No suposto de prosperar a moción de censura, aqueles que fosen censurados cesarán nos seus cargos nese mesmo acto, e deberán convocarse eleccións, se é o caso, para cubrir os cargos que quedan vacantes, conforme as previsións destes estatutos.

j) Desestimada a moción ou declarada «tentada e non conseguida» por falta de quorum na Asemblea, a promoción dunha nova moción de censura deberá seguir todos os trámites anteriores, sen excepción ningunha.

TÍTULO VI

Réxime económico e forma de control dos gastos

Artigo 64. Ingresos e gastos

1. Para atender os gastos de mantemento dos servizos do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, o seu sostemento e para o cumprimento dos seus fins, previstos e detallados nestes estatutos, este contará cos seguintes recursos económicos:

a) Co importe que se recade pola cota de entrada que aboen as persoas colexiadas, que será fixada pola Asemblea Xeral.

b) Co importe que se recade pola cota periódica que aboen as persoas colexiadas, que será fixada pola Asemblea Xeral.

c) Co importe das cotas extraordinarias que a Asemblea Xeral fixe, que se destinarán exclusivamente aos fins para os cales se acorden concretamente.

d) Os ingresos que poida obter polos seus propios medios, tales como publicacións, impresos, ditames, asesoramentos etc.

e) Os donativos, subvencións ou outros de semellante natureza que conceda ao Colexio calquera persoa física ou xurídica, e os bens mobles ou inmobles que, por herdanza, doazón ou calquera outro título non lucrativo, entren a formar parte do patrimonio do Colexio.

f) As rendas e froitos de toda clase de bens e dereitos que posúa o Colexio.

g) Calquera outro tipo de ingreso que proceda legalmente.

2. Se non fosen aprobados os orzamentos ordinarios pola Asemblea Xeral, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio económico anterior.

3. Para dispoñer dos fondos do Colexio, serán necesarias, conxuntamente dúas sinaturas de membros da Comisión Permanente e, ao menos, unha delas debe ser da Presidencia, da Tesouraría e/ou da Contadoría.

4. En caso de resultado contable positivo do exercicio, este poderá ser investido na forma que considere oportuno a Xunta de Goberno, e sempre en beneficio dos intereses da profesión e das persoas colexiadas.

5. Os ingresos correspondentes a sancións impostas en expedientes disciplinarios destinaranse sempre a formación e/ou a fins sociais.

Artigo 65. Control dos gastos

O Colexio, en cada exercicio orzamentario, deberá someter as súas contas a auditoría externa, na forma que estableza a Asemblea Xeral, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponda aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

TÍTULO VII

Tipificación das infraccións e sancións, procedemento
disciplinario e órganos competentes para a súa aplicación

Artigo 66. Principios xerais

1. As persoas colexiadas estarán suxeitas a responsabilidade disciplinaria en caso de infracción dos seus deberes profesionais e/ou colexiais, e iso sen prexuízo da responsabilidade penal, civil ou de calquera outro tipo en que poden incorrer polos mesmos actos.

2. Só poderán impoñerse sancións disciplinarias en virtude dun expediente instruído para este efecto, de acordo co procedemento establecido neste capítulo.

3. A potestade sancionadora corresponde á Xunta de Goberno ou á Comisión Permanente en caso de delegación.

4. Os acordos sancionadores serán executivos cando poñan fin á vía administrativa.

Artigo 67. Clasificación das faltas

As faltas disciplinarias clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son faltas moi graves:

a) O exercicio da profesión sen a preceptiva colexiación en calidade de exercente no Colexio correspondente.

b) Ter contratada unha persoa con titulación universitaria de Óptica e Optometría que exerza a profesión sen colexiarse.

c) A colaboración, o encubrimento ou o amparo para o exercicio das actividades propias da profesión da óptica e optometría por parte de quen non reúna os requisitos necesarios.

d) A neglixencia profesional inescusable.

e) A reiteración de dúas ou máis faltas graves no prazo de dous anos.

f) Os actos ou as omisións que constitúan ofensa grave á dignidade e conduta exixible en razón da profesión.

g) A falta de pagamento reiterada das cotas no período de dous anos.

h) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia ou con ocasión do exercicio profesional, con independencia das responsabilidades penais que poidan derivar para o colexiado.

2. Son faltas graves:

a) O incumprimento das obrigas que, respecto aos colexiados, se establecen na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia.

b) O incumprimento de calquera norma estatutaria ou dos acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, a menos que constitúa falta doutra entidade.

c) O incumprimento dos deberes profesionais de quen exerza a óptica e a optometría con dano para o prestixio da profesión ou dos lexítimos intereses de terceiras persoas.

d) Os actos de desconsideración para coas persoas membros da Xunta de Goberno e co persoal do Colexio, cando actúen no exercicio das súas funcións.

e) Os actos de desconsideración para coas persoas colexiadas no exercicio da profesión.

f) A reincidencia en falta leve.

g) Ocultación, simulación ou falsificación de datos que o Colexio teña que coñecer no exercicio das súas funcións.

h) Actuacións públicas en notorio desprestixio da profesión ou doutros profesionais, ou con menosprezo da autoridade lexítima do Colexio.

i) Os actos relacionados no número 1 anterior, cando non teñan bastante entidade para seren considerados como moi graves.

j) O encubrimento de actos de intrusionismo profesional ou de actuacións profesionais que vulneren as normas deontolóxicas da profesión, que causen prexuízo ás persoas que soliciten ou concerten os servizos profesionais ou que incorran en competencia desleal.

k) Os actos ilícitos que impidan ou alteren o normal funcionamento do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Ópticos-Optometristas de España, do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia ou dos seus órganos de goberno.

l) A vulneración das previsións do artigo 25.

m) A vulneración das normas deontolóxicas da profesión.

n) A falta de pagamento reiterada das cotas no período dun ano.

3. Son faltas leves:

a) A neglixencia no cumprimento de normas estatutarias.

b) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

c) A falta de cumprimento, no tempo e na forma que se sinale, de requirimentos formulados polos órganos de goberno do Colexio.

d) Os actos relacionados no número 2 anterior, cando non teñan bastante entidade para seren considerados como graves.

En ningún caso se considerará falta a inasistencia da persoa colexiada ás asembleas ou reunións a que sexa convocada.

Artigo 68. Sancións disciplinarias

As faltas serán sancionadas de acordo coa súa importancia, coas sancións seguintes:

1. Por faltas moi graves:

a) Expulsión do Colexio.

b) Suspensión do exercicio da profesión por tempo dun ano e un día a catro anos.

c) Inhabilitación para o exercicio de cargos colexiais na Xunta de Goberno por un tempo de cinco anos e un día a oito anos.

d) Multa de sete a trinta veces o importe da cota anual.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión dun mes a un ano.

b) Inhabilitación para o exercicio de cargos colexiais na Xunta de Goberno por un prazo non superior a cinco anos.

c) Multa de catro a seis veces o importe da cota anual.

d) Amoestación, por escrito, con advertencia de suspensión.

3. Por faltas leves:

a) Multa dunha a tres veces o importe da cota.

b) Amoestación escrita.

c) Reprensión privada.

d) Amoestación verbal.

Artigo 69. Iniciación do procedemento disciplinario

O procedemento disciplinario será iniciado por acordo da Xunta de Goberno de oficio cando, por denuncia ou por calquera outro medio, teña coñecemento da comisión dun feito que poida ser constitutivo de falta ou infracción.

Artigo 70. Tramitación do procedemento

1. Antes do acordo de inicio do expediente, a Xunta de Goberno poderá abrir ou ordenar un período de información previa, por un prazo máximo de dous meses. As actuacións previas orientaranse a determinar e pescudar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que puidesen resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nunhas e noutras.

2. No acordo de iniciación do expediente disciplinario nomearase unha persoa encargada da instrución e unha da secretaría, que non poderán formar parte da Xunta de Goberno, e que estarán obrigadas a manter en segredo todas as actuacións que se practiquen ao longo do expediente ata a súa resolución, respecto a todas aquelas que non sexan a propia persoa interesada.

O acordo de iniciación (prego de cargos) deberá conter, ao menos:

a) Identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables.

b) Os feitos que motivan a incoación do procedemento, a infracción ou infraccións (faltas) que estes feitos poidan constituír, con indicación da normativa estatutaria vulnerada, e as sancións que poidan corresponder, sen prexuízo do que resulte da instrución.

c) Identificación da persoa instrutora e secretaria do procedemento, con expresa indicación do seu réxime de recusación.

d) Os danos e perdas que poidan ocasionarse, se cabe.

e) Órgano competente para a resolución do procedemento e norma que lle atribúa tal competencia, indicando a posibilidade de que a persoa presuntamente responsable poida recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade, cos efectos previstos na Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Medidas de carácter provisional que acordou o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador, sen prexuízo das que se poidan adoptar durante este de conformidade coa Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento e dos prazos para o seu exercicio, así como indicación de que, en caso de non efectuar alegacións no prazo previsto sobre o contido do acordo de iniciación, este poderá ser considerado proposta de resolución cando conteña un pronunciamento preciso acerca da responsabilidade imputada.

3. Se das dilixencias e as probas iniciais practicadas non resulta acreditada a existencia de infracción ou responsabilidade persoal ningunha, proporase o sobresemento do expediente.

Esta resolución notificarase ás persoas interesadas que formulasen a correspondente denuncia.

4. O acordo de iniciación do expediente disciplinario, con traslado de cantas actuacións existan ao respecto, notificarase ás persoas interesadas, entendendo en todo caso por tal a inculpada, e outorgaraselles un prazo de quince días hábiles para formular alegacións e propoñer as probas de que tenten valerse para a defensa dos seus dereitos ou intereses e tamén para exercer o dereito de recusación respecto ás persoas nomeadas como encargadas da instrución e da secretaría. Igualmente, indicarase a posibilidade de que a presunta persoa responsable poida recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade, o que dará lugar, se é o caso, a ditar resolución de conformidade.

A recusación será resolta pola Xunta de Goberno, no prazo de sete días. Esta resolución non será obxecto de ningún recurso. Se a persoa interesada non formulase alegacións nin propuxese práctica de proba, o prego de cargos terá o carácter de proposta de resolución, e non procederá máis notificación á persoa interesada que a propia resolución sancionadora.

5. O instrutor, no prazo de dez días hábiles, ordenará de oficio, ou por instancia de parte, a práctica das probas e actuacións que conduzan á investigación dos feitos e as responsabilidades susceptibles de sanción, cuxos gastos irán a cargo de quen as propón e, á vista das actuacións de investigación iniciais practicadas, tras o prazo sinalado no número 4, e despois da eventual práctica da proba, formulará a correspondente proposta de tesolución.

6. A proposta de resolución expresará a sanción ou as sancións que ao seu criterio deban impoñerse e os preceptos estatutarios ou colexiais que as establezan, os pronunciamentos relativos á existencia dos danos e perdas que resultasen acreditados, o órgano que impoñerá a sanción e o precepto que outorga esta competencia.

7. A proposta de resolución notificarase ás persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, poidan presentar as novas alegacións.

8. Unha vez cumpridos todos os trámites anteriores, a persoa instrutora elevará o expediente á Xunta de Goberno, que terá que ditar unha resolución motivada, en que decida todas as cuestións que expoñan as persoas interesadas e as que deriven do expediente. Non se aceptarán feitos nin fundamentos diferentes dos que serviron como base para o prego de cargos e a proposta de resolución, con independencia da súa diferente valoración xurídica.

9. O prazo máximo para resolver será de seis meses desde a iniciación do expediente disciplinario, sen prexuízo das interrupcións do seu cómputo por causas imputables aos interesados ou pola suspensión do procedemento por concorrer un proceso penal sobre os mesmos feitos.

10. Iniciado un procedemento sancionador, se a persoa infractora recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver o procedemento coa imposición da sanción que proceda. Cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario ou ben caiba impoñer unha sanción pecuniaria e outra de carácter non pecuniario, pero se xustificou a improcedencia da segunda, o pagamento voluntario pola persoa presuntamente responsable, en calquera momento anterior á resolución, implicará a terminación do procedemento, salvo no relativo á reposición da situación alterada ou á determinación da indemnización polos danos e perdas causados pola comisión da infracción. En ambos os casos, cando a sanción teña unicamente carácter pecuniario, o órgano competente para resolver o procedemento aplicará reducións de, ao menos, o 20 % sobre o importe da sanción proposta, sendo estes acumulables entre si. As citadas reducións deberán estar determinadas na notificación de iniciación do procedemento e a súa efectividade estará condicionada á desistencia ou renuncia de calquera acción ou recurso en vía administrativa contra a sanción. A porcentaxe de redución prevista neste punto poderá ser incrementada ata o 50 %.

11. Contra a resolución que poña fin ao expediente, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á data da súa notificación.

12. As resolucións sancionadoras non serán executivas ata que non se dite, expresa ou presuntamente, resolución do recurso de alzada, ou transcorra o prazo para interpoñelo sen presentarse este.

Nestes supostos, as resolucións poderán adoptar as disposicións cautelares necesarias para garantir a eficacia mentres non sexan executivas.

13. Contra a resolución que dite o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición contencioso-administrativa.

14. Cando a persoa denunciada sexa membro da Xunta de Goberno, non poderá tomar parte nin intervir na resolución do expediente disciplinario.

Artigo 71. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Polo cumprimento da sanción.

b) Pola prescrición das infraccións ou das sancións.

c) Por falecemento.

2. Prescrición e cancelación de sancións.

2.1. Das faltas. As faltas prescribirán:

a) Se son leves, aos seis meses.

b) As graves, aos dous anos.

c) As faltas moi graves, aos tres anos.

Os prazos de prescrición comezarán a contarse a partir do día en que presuntamente se cometesen.

Interromperá a prescrición da infracción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador e proseguirá o prazo de prescrición se o expediente estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto infractor.

2.2. Das sancións. As sancións disciplinarias prescribirán:

a) Por faltas leves, ao ano.

b) Por faltas graves, aos dous anos.

c) Por faltas moi graves, aos tres anos.

Os prazos de prescrición empezarán a contar a partir do día seguinte en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Interromperá a prescrición da sanción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, volvendo transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

3. A baixa como persoa colexiada non extingue a responsabilidade contraída durante o período de pertenza a este, aínda que determinará a imposibilidade de executar a sanción imposta. Neste suposto quedará en suspenso a execución da sanción, que será comunicada ao Colexio correspondente, se a persoa sancionada causar alta en calquera outro Colexio de Ópticos-Optometristas de España. Para tal efecto, darase coñecemento ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas da sanción imposta e da falta de cumprimento desta.

4. Por instancia da parte interesada, a Xunta de Goberno poderá acordar a cancelación da anotación das sancións disciplinarias no expediente colexial, en consideración á gravidade da sanción. Co fin de formular aquela petición será necesario o transcurso de máis de tres anos desde a finalización dos efectos da sanción imposta.

TÍTULO VIII

Réxime de recursos das persoas colexiadas
fronte ás resolucións do Colexio

Artigo 72. Réxime xurídico dos actos e acordos adoptados polos órganos de goberno

1. O réxime xurídico dos actos e acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, en canto estean sometidos ao dereito administrativo, axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais; na Lei 6/1997, do 4 de decembro, de Consellos e Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, nestes estatutos e nos estatutos do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.

2. Os actos e resolucións suxeitos a dereito administrativo emanados do Colexio non poñen fin á vía administrativa:

2.1. Contra as resolucións dos órganos de goberno do Colexio e os actos de trámite, se estes últimos decidisen directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto e determinasen a imposibilidade de continuar o procedemento, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.

2.2. O recurso presentarase ante a propia Xunta de Goberno do Colexio, que o elevará, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello Xeral, dentro dos dez días seguintes á data de presentación. Ao formularse o recurso, a parte recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado.

3. Contra os acordos en materia de eleccións, que non teñan outro recurso ou prazo previsto especialmente, poderá interpoñerse recurso de alzada, no prazo excepcional de dez días hábiles, mediante escrito que se presentará no Colexio, que o remitirá co seu informe e os antecedentes que deron lugar ao acordo, ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas, no prazo de tres días hábiles, para a súa tramitación e resolución de acordo cos seus estatutos xerais.

Artigo 73. Notificación dos acordos

Os acordos que se adopten e que afecten situacións persoais deberán ser notificados ás persoas interesadas, facéndolles saber os recursos que se poden interpoñer contra eles, o órgano colexial ou xudicial ante o que deben formularse e o prazo para interpoñelos.

Artigo 74. Da execución dos acordos

Todos os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo acordo motivado en contra tomado polo propio órgano que os adoptou.

TÍTULO IX

Procedemento de segregación ou disolución

Artigo 75. Segregación, fusión ou absorción

1. A segregación ou, se é o caso, a fusión ou a absorción requirirá acordo adoptado en Asemblea Xeral extraordinaria expresamente convocada para tal efecto, cumprindo o resto dos requisitos previstos na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A segregación do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia para a constitución doutro colexio de ámbito territorial inferior exixirá a aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de informe do correspondente consello de colexios se existe, e co cumprimento previo do seguinte procedemento:

a) A segregación deberá ser proposta mediante escrito dirixido á Xunta de Goberno, ao menos, polas tres quintas partes dos colexiados censados no ámbito territorial do novo colexio, e deberá ir acompañado dunha memoria xustificativa dos motivos da segregación, con expresión das causas que fundamentan a necesidade e conveniencia do novo colexio profesional, así como dun estudo de viabilidade económica deste. O número de colexiados censados no ámbito territorial do colexio proxectado por segregación non poderá ser inferior a cincocentos.

b) A Xunta de Goberno, unha vez recibida a proposta de segregación e comprobado que esta reúne os requisitos exixidos, e sempre que concorran razóns de interese xeral, deberá convocar, no prazo máximo de seis meses, a Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, cuxo único punto da orde do día será tratar a proposta de segregación, a cal deberá ser aprobada, para que prospere, co voto favorable do cincuenta e cinco por cento (55 %) do total dos colexiados censados no Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia no momento da realización da Asemblea.

3. A segregación dun colexio doutro ou doutros en que se exixa, para o seu ingreso, a partir dese momento, titulación diferente á do colexio de orixe realizarase mediante lei, seguindo os mesmos trámites que para a súa creación.

4. A constitución dun novo colexio profesional, por fusión de dous ou máis colexios ata entón correspondentes a distintas profesións ou actividades profesionais, aprobarase por lei da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta dos colexios afectados, de acordo co establecido nos seus respectivos estatutos, logo de informe dos consellos galegos respectivos se estivesen constituídos.

5. A constitución dun novo colexio profesional, pola fusión de dous ou máis deles da mesma profesión ou actividade profesional, sempre que non excedan o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, será acordada polos colexios profesionais afectados, de acordo co establecido nos seus respectivos estatutos, e aprobarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de informe, se é o caso, do respectivo Consello Galego de Colexios.

Artigo 76. Disolución

1. A disolución do Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia poderá ser proposta pola súa Xunta de Goberno, en acordo adoptado polo voto do setenta e cinco por cento (75 %) dos seus membros, ou por un número de persoas colexiadas que represente máis da metade do censo no momento de ser realizada esta; debe ser aprobada en Asemblea Xeral extraordinaria, convocada para ese único efecto, co voto a favor das tres cuartas partes destas persoas presentes na reunión, que necesariamente terán que representar, pola súa vez, os tres quintos do total de persoas colexiadas censadas no momento da realización da Asemblea.

2. Na citada Asemblea deberase decidir, coa mesma porcentaxe de votos, sobre o haber resultante da liquidación dos bens e dereitos propiedade do Colexio.

3. Adoptado na forma expresada o acordo de disolución do Colexio, remitirase certificación literal da acta da Asemblea que o decidiu á consellería correspondente da Xunta de Galicia para a súa aprobación de conformidade coa normativa vixente e posterior inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais adscrito a ela e comunicarase ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas de España.

TÍTULO X

Servizo de atención a persoas colexiadas
e a persoas consumidoras ou usuarias

Artigo 77. Servizo de atención a persoas colexiadas e a persoas consumidoras ou usuarias

1. O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia, dentro da súa demarcación, deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polas persoas colexiadas. Así mesmo, disporá dun servizo de atención ás persoas consumidoras e usuarias, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional das persoas colexiadas presente calquera persoa consumidora ou usuaria que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións con potestade para a súa representación e/ou defensa dos seus intereses.

2. O servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme o dereito.

3. A presentación de queixas e reclamacións será por escrito e poderase realizar por vía electrónica e por correo postal.

Artigo 78. Portelo único

1. O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia disporá dunha páxina en liña para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, quen exerza ou pretenda exercer a profesión poida realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e por correo postal.

Farase o necesario para que, a través deste portelo único, as persoas exercentes da profesión poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de persoa interesada e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Convocar as persoas colexiadas ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio profesional.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de persoas colexiadas, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, ao menos, os seguintes datos: nome e apelidos das persoas profesionais colexiadas, número de colexiación, se dispón da validación periódica da colexiación superada, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre as persoas consumidoras e usuarias e algunha persoa colexiada ou o Colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de persoas consumidoras e usuarias a que quen reciba os servizos profesionais pode dirixirse para obter asistencia.

e) O contido do código deontolóxico.

3. Adoptaranse as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e para incorporar as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia e, se é o caso, os consellos xerais e autonómicos poderán poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, inclusive coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio Oficial de Ópticos-Optometristas de Galicia facilitará ao Consello Xeral e, se é o caso, ao Consello Autonómico, a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de persoas colexiadas e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de persoas colexiadas e de sociedades profesionais daqueles.

Disposición complementaria primeira

En todo o que non estea previsto expresamente nestes estatutos será de aplicación supletoria o establecido nos estatutos xerais do Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas ou, se é o caso, mentres estes non sexan aprobados, nos estatutos do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas de España.

Disposición complementaria segunda

Cantas dúbidas suscite a aplicación ou interpretación destes estatutos, sen prexuízo da súa revisión ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, serán resoltas pola Xunta de Goberno deste Colexio.

Disposición derradeira única

Estes estatutos, unha vez aprobados pola Asemblea Xeral constituínte, serán comunicados á consellería correspondente da Xunta de Galicia para a súa inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais e ao Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas.