Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35809

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 56/2023, do 25 de maio, polo que se aproban os estatutos do Consello Galego dos Procuradores.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 23 que os colexios profesionais dunha mesma profesión, con ámbito territorial circunscrito á Comunidade Autónoma de Galicia, poderán constituír o correspondente consello galego de colexios, realizándose a súa creación mediante decreto, que deberá, así mesmo, aprobar os correspondentes estatutos. O artigo 28 da mesma norma establece que a aprobación dos estatutos se efectuará logo da verificación da súa legalidade pola consellería competente en materia de colexios profesionais, e o referido decreto aprobatorio e os ditos estatutos publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Os estatutos deberán ser elaborados polos colexios profesionais que integran o Consello, aprobados por acordo das xuntas de goberno e ratificados polas xuntas xerais de cada colexio. Será necesario o acordo favorable da maioría dos colexios afectados, sempre que estes representen a maioría dos colexiados da profesión en Galicia.

Os colexios de procuradores da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo acordaron promover a aprobación dos estatutos do Consello Galego dos Procuradores e así o solicitaron ante esta consellería, presentando as certificacións correspondentes a cada colexio dos acordos de aprobación dos referidos estatutos.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos estatutos do Consello Galego dos Procuradores

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito consello, que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Consello Galego dos Procuradores

Exposición de motivos

A Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobada mediante a Lei 11/2001, do 18 de setembro (DOG do 28 de setembro, BOE do 22 de outubro), establece na súa disposición transitoria a obrigación para os colexios profesionais galegos e consellos galegos de colexios profesionais a necesidade de adaptar os seus estatutos ás disposicións dela.

Así mesmo, con data do 21 de decembro do ano 2002, publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 1281/2002, do 5 de decembro, polo que se aproba o Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, que, na súa disposición transitoria única, obriga os consellos de colexios de Comunidade Autónoma, sen prexuízo do establecido pola lexislación autonómica, a adaptar os seus estatutos ao citado estatuto xeral.

As anteriores circunstancias, unidas á integración definitiva do Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña no Consello Galego dous Procuradores no ano 2003, obrigan á revisión, adaptación e modificación do Decreto 248/2000, do 29 de setembro (DOG do 19 de outubro), polo que se aproba a creación do Consello Galego de Procuradores, conforme as citadas previsións.

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Ámbito territorial, natureza, personalidade xurídica e domicilio

Artigo 1. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Consello Galego dos Procuradores esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Está integrado polos ilustres colexios de procuradores da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Artigo 2. Natureza e personalidade xurídica

1. O Consello Galego dos Procuradores é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. A representación legal do Consello Galego dos Procuradores corresponde ao seu presidente, que exercerá as competencias que lle atribúan as disposicións vixentes, o presente estatuto e o Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, así como as normas que o desenvolvan.

3. O Consello Galego dos Procuradores identificarase en todos os seus actos por un escudo integrado no seu conxunto polo cáliz do escudo da Comunidade Autónoma de Galicia bordeado polos distintivos dos colexios de procuradores de Galicia á dereita e lixeiramente inclinado á esquerda, e, á súa esquerda e lixeiramente inclinado á dereita, o escudo representativo da xustiza. Os membros do Consello Galego de Procuradores levarán puños de encaixe nas súas togas, así como as medallas e placas correspondentes aos seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes a que asistan no exercicio dos seus cargos.

Artigo 3. Domicilio

O Consello Galego dos Procuradores terá o seu domicilio na sede do Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela, sen prexuízo de poder celebrar as reunións en calquera cidade da comunidade galega, cando así se acorde.

CAPÍTULO II

Fins e funcións

Artigo 4. Fins

O Consello Galego dos Procuradores, sen prexuízo das competencias e autonomía de cada colexio de procuradores que o integra, terá como fins esenciais:

a) A coordinación, no ámbito da súa competencia e de acordo co previsto nas leis, dos colexios de procuradores cuxo ámbito territorial estea dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A representación de procura no ámbito da Comunidade Autónoma e a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos procuradores pertencentes aos colexios de Galicia.

c) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de procurador dos tribunais en Galicia.

d) A protección dos intereses de consumidores e usuarios, tanto en relación cos servizos que preste directamente como cos que presten os colexiados, todo iso sen prexuízo da competencia da Administración pública por relación funcionarial, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais. Para os efectos de cumprir estes fins, o Consello dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores e usuarios, o cal tramitará e resolverá as queixas e reclamacións ou, de ser o caso, remitiraas para a súa resolución polo Pleno.

Artigo 5. Funcións

No ámbito territorial da súa competencia, son funcións do Consello Galego dos Procuradores as seguintes:

1. As atribuídas pola lexislación vixente de colexios profesionais e cantas outras lle foren encomendadas, por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran a autonomía e as competencias propias de cada colexio.

2. Coordinar os colexios integrados nel.

3. Elaborar e modificar o seu propio estatuto, que deberá ser aprobado polas xuntas de goberno dos colexios de procuradores de Galicia e ratificado polas xuntas xerais de cada colexio. Para a súa aprobación será necesario o acordo favorable da maioría dos colexios de procuradores de Galicia. Unha vez aprobado o estatuto na forma indicada anteriormente, remitirase á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais, para que, logo da verificación da súa legalidade unido aos informes preceptivos e necesarios, resulte aprobado definitivamente mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia. Así mesmo, remitirase copia do texto aprobado ao Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España.

4. O Consello Galego de Procuradores deberá informar dos estatutos particulares dos colexios de procuradores de Galicia e poderá, tamén, aprobar cantos regulamentos de réxime interno considere convenientes.

5. A representación profesional dos procuradores dos tribunais de Galicia no ámbito da Comunidade Autónoma e ante o Consello Xeral dos Procuradores, así como as funcións de portavoz do conxunto dos colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Ordenar o exercicio profesional dos procuradores, elaborar as normas deontolóxicas comúns á profesión e participar nos sistemas de acceso á profesión conforme o previsto legalmente.

7. Velar polo prestixio da profesión e exixir aos colexios de procuradores de Galicia e aos seus membros o cumprimento dos seus deberes.

8. Resolver as dúbidas que poidan producirse na aplicación das normas estatutarias e regulamentarias e elevar consultas ao Consello Xeral dos Procuradores sobre aquelas cuestións que, relacionadas coa profesión, considere oportuno.

9. Crear, regular e outorgar distincións para premiar os méritos contraídos ao servizo da procura en Galicia ou no seu exercicio.

10. Resolver os recursos contra os acordos dos órganos de goberno dos colexios de procuradores de Galicia.

11. Exercer as funcións disciplinarias con respecto aos membros das xuntas de goberno dos colexios de procuradores de Galicia e respecto dos membros do Consello Galego de Procuradores.

12. Formar e manter actualizado o censo dos procuradores, así como o ficheiro e o rexistro de sancións que afecten a aqueles.

13. Designar representantes de procura para a súa participación nos consellos e organismos consultivos da Administración, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

14. Emitir informes, nos supostos previstos legalmente, sobre todo proxecto autonómico de modificación da lexislación sobre colexios profesionais e todo proxecto de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecte os procuradores dos tribunais ou se refiran aos fins ou funcións a eles encomendados.

15. Emitir os informes que lle sexan solicitados pola Administración, colexios de procuradores e corporacións oficiais respecto a asuntos relacionados cos seus fins, ou que acorde formular de propia iniciativa; propoñer as reformas lexislativas que considere oportunas, e intervir en todas as cuestións que afecten o exercicio da profesión en Galicia.

16. Establecer a necesaria coordinación na actuación dos colexios de procuradores de Galicia, dirimir os conflitos que poidan suscitarse entre eles, sen prexuízo do ulterior recurso contencioso-administrativo, especialmente os derivados dos límites territoriais que puidesen afectar dous ou máis colexios de procuradores de Galicia.

17. Designar, respecto dos colexios de procuradores de Galicia, as xuntas provisionais cando así o solicite o respectivo colexio.

18. Adoptar as medidas necesarias para que os colexios de Galicia cumpran as resolucións do propio Consello Galego, ditadas en materia da súa competencia.

19. Organizar, con carácter autonómico, institucións e servizos de asistencia e previsión para os procuradores, colaborando coa Administración para a aplicación destes.

20. Defender os dereitos e exixir o cumprimento dos deberes dos colexios de procuradores de Galicia, así como os dos seus colexiados, cando sexa requirido polo colexio respectivo ou veña determinado polas leis, e protexer a lícita liberdade de actuación dos procuradores, podendo, para iso, promover as accións e recursos que procedan ante as autoridades e xurisdicións competentes, mesmo ante o Tribunal Supremo de Xustiza, o Tribunal Constitucional, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou tribunais europeos e internacionais, sen prexuízo da lexitimación que corresponda a cada un dos distintos colexios de procuradores e/ou a estes persoalmente.

21. Impedir, por todos os medios legais, o intrusionismo e a clandestinidade no exercicio profesional, para cuxa persecución, denuncia e, de ser o caso, sanción, está lexitimado o Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, sen prexuízo da iniciativa e competencia de cada colexio.

22. Impedir e perseguir a competencia ilegal e desleal e velar pola plena efectividade das disposicións que regulan as incompatibilidades no exercicio da procura.

23. O Consello Galego dos Procuradores manterá co Consello Xeral de Procuradores as relacións de coordinación e colaboración en prol dos fins que teñen encomendados.

24. Exercer aquelas funcións que lle poidan ser delegadas ou encomendadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e as que poidan ser obxecto dos correspondentes convenios de colaboración, así como aquelas que lle transfira ou delegue o Consello Xeral dos Procuradores.

25. Realizar aquelas actividades que se consideren de interese para os profesionais e as demais funcións que lles atribúan a lexislación vixente e os estatutos. Para tal fin, poderá fomentar, crear e organizar institucións, servizos e actividades, con relación coa profesión de procurador dos tribunais, que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento profesional, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes, tales como a celebración de congresos, cursos e xornadas, a edición de libros e traballos de carácter xurídico e formativo, así como a publicación de normas e disposicións de interese para os procuradores dos tribunais de Galicia. Establecer, para tales fins, os concertos e acordos coas administracións públicas e institucións, públicas ou privadas, que considere oportunas.

26. Elaborar e aprobar o seu propio orzamento, que coincidirá co ano natural, e a conta de liquidación deste, así como fixar a achega equitativa dos colexios necesaria para os gastos do Consello Autonómico.

27. En xeral, en materia económica e sen exclusión ningunha, realizar, respecto ao patrimonio propio do Consello Galego dos Procuradores, toda clase de actos de disposición e de gravame e, en especial:

a) Administrar bens.

b) Pagar e cobrar cantidades.

c) Facer efectivos libramentos, dar ou aceptar bens en ou para pagamento.

d) Outorgar transaccións, compromisos e renuncias.

e) Comprar, vender e permutar, pura ou condicionalmente, con prezo confesado ou aprazado ou pago en man, toda clase de bens mobles e inmobles, dereitos reais e persoais.

f) Disolver comunidades de bens e condominios, declarar obras novas, melloras e excesos de cabida.

g) Constituír, aceptar, dividir, allear, gravar, redimir e extinguir usufrutos, servidumes, opcións e arrendamentos inscritibles e demais dereitos reais, exercendo todas as facultades derivadas deles.

h) Constituír hipotecas.

i) Tomar parte en concursos e poxas, facer propostas e aceptar adxudicacións.

j) Aceptar, sempre a beneficio de inventario, e repudiar herdanzas, facer aprobar ou impugnar particións de herdanzas, e entregar e recibir legados.

k) Contratar, modificar, rescindir e liquidar seguros de toda clase.

l) Operar en caixas oficiais, caixas de aforro e bancos, incluso o de España e as súas sucursais, facendo todo canto a lexislación e prácticas bancarias permitan; seguir, abrir e cancelar contas e cadernos de aforro, contas correntes e de crédito e caixas de seguridade.

m) Librar, aceptar, endosar, cobrar, intervir e negociar letras de cambio e outros efectos.

n) Comprar, vender, trocar e peñorar valores e cobrar os seus xuros, dividendos e amortizacións, concertar pólizas de crédito, xa sexa persoal ou peñorando valores, con bancos e establecementos de crédito, incluso o Banco de España e as súas sucursais, asinando os oportunos documentos.

o) Modificar, transferir, cancelar, retirar e constituír depósitos de efectivo ou valores provisionais ou definitivos.

28. En materia de actuacións xurídicas:

a) Instar actas notariais de todas clases; aceptar e contestar notificacións e requirimentos notariais.

b) Comparecer ante centros e organismos do Estado, provincia e municipio, xuíces, tribunais, fiscalías, delegacións, comités, xuntas, xurados e comisións e, neles, instar, seguir e terminar como demandante, demandado ou en calquera outro concepto, toda clase de expedientes, xuízos e procedementos civís, administrativos, gobernativos, laborais, de todos os graos, xurisdicións e instancias, elevando peticións e exercendo accións e excepcións en calquera procedementos, trámites e recursos, mesmo de casación ou ante o Tribunal Constitucional ou os tribunais europeos e internacionais; prestar, cando se requira, a ratificación persoal; outorgar poderes coas facultades que detalle e revogar poderes e substitucións.

c) Interpoñer toda clase de recursos ante calquera Administración pública.

d) Delegar todas ou algunhas das facultades expostas no presidente ou nun ou varios conselleiros, en forma conxunta ou separada, e outorgarlles os poderes consecuentes.

29. Exercer as funcións que lle atribúe o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia e asesorar sobre a organización dos servizos comúns de recepción de notificacións e traslados de copias de escritos e documentos que deben organizar os colexios de procuradores de Galicia. Así mesmo, poderá crear ou asesorar sobre os servizos depósitos de bens mobles, os de realización e valoración de bens embargados que poderán organizar os colexios de procuradores de Galicia e, en definitiva, calquera outra competencia que lle resulte atribuída por lei.

30. A creación do rexistro central de sociedades profesionais que terá como única función a de comunicación entre os colexios de procuradores de Galicia e a Xunta de Galicia, para os efectos previstos no artigo 8.5 da Lei de sociedades profesionais.

31. Cantas funcións redunden no beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios. Para estes efectos, existirá o portelo único cuxo contido e funcionamento se axustará ao disposto no artigo 10 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais.

32. Impulsar e desenvolver a mediación, así como desempeñar funcións de arbitraxe, de acordo co establecido na lexislación vixente.

33. Exercer cantas funcións e prerrogativas estean establecidas nas disposicións vixentes e todas aquelas que, non expresamente enunciadas, sexan concomitantes ou consecuencia das anteriores e teñan cabida no espírito que as informe.

CAPÍTULO III

Atención a profesionais, consumidores e usuarios

Artigo 6. Portelo único

1. O Consello dispoñerá do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, a través da cal os profesionais poidan realizar todos os trámites en relación co Consello. Concretamente, poderán coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Consello, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Consello ofrecerá a seguinte información gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos que están na súa posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 27/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores ou usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido das normas deontolóxicas.

f) A memoria anual, a que se refire o artigo 11 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro.

Artigo 7. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores e usuarios

1. O Consello deberá atender as solicitudes, queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e remitirá ao colexio correspondente cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados sexan presentadas por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Consello, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación, segundo proceda.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por calquera vía que permita a súa recepción.

TÍTULO II

Dos órganos de Goberno

CAPÍTULO I

Do Pleno do Consello

Artigo 8. Constitución e composición

1. O Consello Galego dos Procuradores constituirase cos decanos dos colexios de procuradores de Galicia e dous membros de cada unha das súas xuntas de goberno. Os membros das xuntas de goberno serán elixidos por acordo das súas respectivas xuntas.

2. Todos os seus membros con independencia do cargo que lles corresponda recibirán a denominación de conselleiros.

3. O Pleno do Consello Galego dos Procuradores terá a seguinte composición: presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro, e conselleiros.

Artigo 9. Elección dos seus membros

A Presidencia desempeñaraa, con carácter rotatorio cada tres anos, o decano que corresponda, consonte a orde actual derivada do anterior estatuto e que é: Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

A duración do cargo será de tres anos.

Será vicepresidente o decano do Colexio de Procuradores dos Tribunais a quen corresponda a Presidencia a continuación do actual.

Cando o presidente cese no seu cargo con antelación ao fin do seu mandato, por renuncia, imposibilidade física, ausencia, cese como decano, ou calquera outra circunstancia que lle impida o exercicio do cargo, será substituído automaticamente polo vicepresidente que desempeñará o cargo polo tempo que lle reste do mandato ao substituído.

Tomada posesión, o presidente procederá a designar, no mesmo Pleno, o secretario e tesoureiro.

Será secretario un conselleiro do colexio que desempeñe a presidencia ou, de ser o caso, un conselleiro do colexio do lugar onde se atope a sede do Consello Galego dos Procuradores.

Será tesoureiro, sempre, un conselleiro do colexio do lugar onde se atope a sede do Consello Galego dos Procuradores.

En caso de enfermidade ou ausencia a plenos por parte do secretario ou tesoureiro, será substituído polo conselleiro que designe o presidente.

O decano de cada colexio só poderá ser substituído en caso de ausencia pola súa vicedecano, sen prexuízo de que este, cando asista o seu decano, poida participar como conselleiro, se así designou a Xunta de Goberno do seu colexio.

Igualmente, as xuntas de goberno de cada colexio poderán designar un membro suplente que substituirá o conselleiro designado en caso de ausencia deste. Esta designación acreditarase mediante certificación expedida polo secretario do colexio.

O presidente ou conselleiros de honra do Consello Galego dos Procuradores poderán asistir ás sesións do Pleno con voz pero sen voto.

Artigo 10. Quórum e adopción de acordos

1. Reunirase como mínimo cada tres meses con carácter ordinario e de forma extraordinaria, por decisión do presidente ou por solicitude dunha terceira parte dos conselleiros, con establecemento da orde do día e asuntos que se van tratar.

2. No primeiro Pleno de cada ano natural figurará necesariamente na orde do día, ademais das cuestións que considere de interese o presidente, o exame e votación do balance ou conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior, e, de ser o caso, a designación do novo presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro, e conselleiros.

3. No último Pleno de cada ano natural figurará necesariamente na orde do día, ademais das cuestións que considere de interese o Presidente, a presentación e aprobación do orzamento de ingresos e gastos para o exercicio seguinte.

4. A convocatoria do Consello dos Procuradores acompañada da orde do día cursaraa a Secretaría, tras mandato da presidencia, polo menos con 8 días de antelación, excepto nos casos de urxencia en que a convocatoria poderá realizarse sen prazo de especial antelación mediante fax ou utilizando calquera outro medio idóneo que garanta a súa recepción polo destinatario e, en todo caso, considerarase validamente constituída cando estean presentes todos os seus membros.

5. As reunións do Consello Galego dos Procuradores quedarán validamente constituídas cando asistan máis da metade dos seus compoñentes, sempre que, necesariamente, asistan o presidente e o secretario. Para a válida constitución do Pleno, o presidente, o secretario e os decanos poderán ser substituídos por quen estatutariamente correspóndalles.

Artigo 11. Toma de acordos

Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes. Cada un deles terá un só voto, dirimindo o presidente os empates que resulten das votacións con voto de calidade.

Artigo 12. Voto de censura

1. O voto de censura a algún dos cargos deberá substanciarse sempre en Pleno extraordinario, convocado para ese só efecto.

2. A solicitude do Pleno extraordinario deberá ser subscrita, como mínimo, por dous terzos dos conselleiros, e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

3. O Pleno extraordinario a que se fai referencia neste artigo deberá celebrarse dentro dos trinta días hábiles, contados desde que se presentou a solicitude, e non poderán debaterse nel outros asuntos que os expresados na convocatoria. Ata transcorrido un ano non poderá volverse a expor outra moción de censura.

4. A válida constitución do Pleno extraordinario requirirá o quórum previsto no artigo 10.5, e o voto será sempre, nesta xunta, persoal, directo e secreto.

5. Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo de dous terzos dos concorrentes.

CAPÍTULO II

Do presidente e o vicepresidente

Artigo 13. Do presidente

O presidente do Consello Galego dos Procuradores terá o tratamento de excelentísimo señor, con carácter vitalicio.

Corresponde ao presidente:

1. Desempeñar a representación do Consello Galego dos Procuradores, estando asignado a cantos dereitos e funcións lle atribúe o presente Estatuto e nas relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde.

2. Desempeñar a representación do Consello Galego ante o Consello Xeral dos Procuradores.

3. Exercer as accións que correspondan en defensa de todos os colexios integrados no Consello Galego dos Procuradores e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para todos os colexios da Comunidade, sen prexuízo da autonomía e competencia que corresponda a cada colexio.

4. Convocar, fixar a orde do día e presidir todas as reunións do Pleno. Ordenar as deliberacións e abrir, suspender ou levantar sesións.

5. Presidir e dirixir as deliberacións, abrir, suspender e pechar as sesións dos congresos, xornadas e simposios que organice o Consello Galego dos Procuradores.

6. Visar os documentos e certificacións que expida o secretario.

7. Dirimir con voto de calidade, os empates que resulten nas votacións.

Artigo 14. Do vicepresidente

O vicepresidente substituirá o presidente en caso de ausencia, enfermidade ou vacante. Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue o presidente.

CAPÍTULO III

Do secretario e tesoureiro

Artigo 15. Do secretario e tesoureiro

– Corresponde ao secretario:

1. Estender e autorizar as actas das sesións do Consello Galego dos Procuradores. Dar conta das inmediatas anteriores, para a súa aprobación, de ser o caso. Emitir informe, se procede, sobre os asuntos que en tales reunións deban tratarse e lle encomende o presidente.

2. Executar os acordos do Consello Galego dos Procuradores, así como as resolucións que, conforme os estatutos, dite a Presidencia.

3. Informar o Pleno, con facultade de iniciativa, en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello Galego dos Procuradores.

4. Realizar todas aquelas actividades tendentes a alcanzar os fins sinalados nos puntos anteriores.

5. Auxiliar na súa misión o presidente orientando e promocionando cantas iniciativas de orde técnica, profesional e corporativo deban adoptarse.

6. Levar os libros de actas necesarias, o rexistro autonómico de sociedades profesionais, estender e autorizar as certificacións que procedan, así como as comunicacións e circulares que fosen, de se o caso, autorizadas polo Pleno ou polo seu presidente.

7. Formar o censo dos procuradores de Galicia inscritos en cada un dos colexios, levando un ficheiro rexistro dos datos que procedan.

8. Levar o rexistro de sancións.

9. Redactar a memoria anual das actividades e proxectos do Consello Galego dos Procuradores.

10. Exercer a alta dirección dos servizos que se poidan crear no Consello Galego dos Procuradores e calquera outros que lle encomende o Pleno.

11. Asumir a xefatura do persoal administrativo e das dependencias do Consello Galego dos Procuradores. Solicitar os informes precisos segundo a natureza dos asuntos para resolver, sen que estes informes resulten vinculantes para o secretario.

12. Propoñer e xestionar cantos aspectos sexan conducentes á boa marcha administrativa.

– Corresponden ao tesoureiro as seguintes funcións de Tesouraría:

1. Expedir, co visto e prace do presidente, os libramentos de pagamentos que deban verificarse e subscribir os mandamentos de pagamento necesarios para o movemento das contas abertas a nome do Consello Galego dos Procuradores.

2. Levar os libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos que afecten a caixa do Consello Galego dos Procuradores e, en xeral, o movemento patrimonial deste.

3. Cobrar todas as cantidades que, por calquera concepto, deban ingresarse nas contas do Consello Galego dos Procuradores, autorizando coa súa sinatura os recibos correspondentes e dar conta ao presidente e ao Pleno, da situación de Tesouraría e do desenvolvemento das previsións orzamentarias.

4. Propoñer e xestionar cuantos aspectos sexan conducentes á boa marcha contable e do investimento dos fondos do Consello Galego dos Procuradores.

5. Formular a memoria anual das contas xerais de Tesouraría.

6. Elaborar o proxecto anual de orzamentos, que coincidirá co ano natural.

Artigo 16. Dos conselleiros

1. Aos conselleiros representantes de cada colexio de procuradores de Galicia correspóndelles informar de todas as cuestións que afecten a Administración de xustiza e o exercicio da profesión no ámbito territorial do seu respectivo colexio.

2. Todos os conselleiros desempeñarán as funcións, comisións e emitirán os informes que lles confíe o presidente ou o Pleno.

TÍTULO III

Do réxime económico

Artigo 17. Réxime económico

1. O exercicio económico coincidirá co ano natural.

2. O réxime económico do Consello Galego dos Procuradores é independente dos respectivos colexios de procuradores integrados nel, e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus bens, aínda que contribúan ao orzamento do Consello Galego dos Procuradores na forma prevista no presente Estatuto.

3. O Consello Galego dos Procuradores terá un orzamento anual ao cal deberá axustarse, e levará unha contabilidade ordenada e detallada dos seus ingresos e gastos.

4. Todos os conselleiros poderán examinar as contas do Consello Galego dos Procuradores durante os cinco días hábiles anteriores á data da celebración do Pleno, que terá que resolver sobre elas.

Artigo 18. Ingresos ordinarios e extraordinarios

Para cubrir os gastos do Consello Galego dos Procuradores, este dispoñerá dos ingresos ordinarios e dos ingresos extraordinarios.

– Serán ingresos ordinarios:

1. Os rendementos de calquera natureza que xeren as actividades, bens e dereitos que integren o patrimonio do Consello Galego dos Procuradores, así como os réditos dos fondos depositados nas súas contas.

2. As cotas que estableza o Pleno aos colexios de procuradores de Galicia.

3. Os dereitos que fixe o Pleno pola emisión de ditames, resolucións, informes e consultas que emita o Consello Galego dos Procuradores sobre calquera materia, incluídas as referidas a dereitos a petición xudicial ou extraxudicial, así como pola prestación doutros servizos.

4. As derramas extraordinarias que o Consello Galego dos Procuradores poderá fixar, por circunstancias excepcionais, para todos os colexios de procuradores de Galicia.

5. Co importe que se fixe polos dereitos de inscrición, mantemento, xestión e publicidade do rexistro autonómico de sociedades profesionais.

6. Calquera outro concepto que legalmente proceda.

– Serán ingresos extraordinarios:

1. As subvencións e donativos que sexan concedidos ao Consello Galego dos Procuradores polo Estado, a Administración autonómica, corporacións oficiais, entidades ou particulares.

2. Os bens e dereitos que, por herdanza, legado ou outro título, pasen a formar parte do patrimonio do Consello Galego dos Procuradores.

3. As cantidades que, por calquera concepto, corresponda percibir ao Consello Galego dos Procuradores de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 19. Do Consello, patrimonio e orde de pagamento

1. O patrimonio do Consello será administrado polo Pleno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica que sexa precisa.

2. Os pagamentos serán ordenados polo presidente. O tesoureiro coidará da súa execución e de que sexan debidamente contabilizados.

Artigo 20. Auditoría

Cando se produza a renovación total dos membros do Pleno ou a súa renovación parcial, en porcentaxe igual ou superior ao 90 % do total dos seus membros, o Consello Galego dos Procuradores deberá ser auditado por auditor de contas titulado, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 21. Exercicio económico

O Consello pechará o exercicio económico cada fin de ano natural e formulará o proxecto de orzamento para o ano seguinte, balance xeral e a liquidación do orzamento do ano anterior, someténdoo ao estudo e aprobación do Pleno. O exercicio económico será obxecto dunha ordenada contabilidade, para cuxos efectos se confeccionará unha memoria anual, de acordo co disposto polo artigo 11 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais.

TÍTULO IV

Da responsabilidade disciplinaria

CAPÍTULO I

Facultades e potestade disciplinaria

Artigo 22. Facultades disciplinarias da autoridade xudicial e corporativa

1. Os procuradores están, con independencia da responsabilidade civil e penal no exercicio profesional, suxeitos a responsabilidade disciplinaria se infrinxiren os deberes profesionais que lles son específicos.

2. O exercicio das facultades disciplinarias que a autoridade xudicial ten sobre os procuradores axustarase ao disposto na Lei orgánica do poder xudicial e nas leis procesuais.

3. As sancións disciplinarias de calquera clase, unha vez firmes, anotaranse no expediente persoal do colexiado.

Artigo 23. Competencia

O Consello Galego de Procuradores dos Tribunais é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa:

a) En única instancia, cando a persoa afectada sexa membro da Xunta de Goberno de calquera dos colexios de procuradores de Galicia. Neste caso, o afectado non poderá tomar parte nin nas deliberacións nin na adopción dos acordos correspondentes.

b) En segunda e última instancia, na resolución dos recursos ordinarios interpostos contra os acordos dos colexios.

c) Non poderá ser imposta sanción ningunha sen a instrución previa dun expediente disciplinario, tramitado de conformidade co establecido nos presentes estatutos, no Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece os principios do procedemento sancionador.

Artigo 24. Potestade disciplinaria do Consello Galego dos Procuradores

O Pleno exercerá a potestade disciplinaria corporativa sobre os conselleiros do Consello Galego de Procuradores e das xuntas de Goberno dos colexios de procuradores de Galicia nos seguintes casos:

a) Vulneración dos preceptos deste Estatuto, dos do Estatuto xeral de procuradores de España ou dos contidos nos estatutos particulares dos colexios de procuradores de Galicia.

b) Vulneración dos deberes profesionais ou normas deontolóxicas de conduta, en canto afecten a profesión.

Artigo 25. Acordos de suspensión e de expulsión

En todo caso, os acordos de suspensión por máis de seis meses ou expulsión deberán ser tomados polo Pleno en votación secreta e aprobados polos dous terzos del.

Artigo 26. Clases de sancións disciplinarias

Poderán impoñerse as seguintes sancións disciplinarias:

a) Amoestación verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa de 150 euros a 1.500 euros.

d) Suspensión no exercicio da procura.

e) Expulsión do colexio.

f) Cando o Consello Galego actúe en primeira instancia por razón da actuación profesional dos conselleiros ou dos decanos e membros das xuntas de Goberno, poderá impoñer as sancións previstas nos estatutos en razón da actividade profesional.

CAPÍTULO II

Das infraccións e sancións

Artigo 27. Clases de infraccións

As infraccións serán moi graves, graves e leves.

Artigo 28. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

a) A infracción das prohibicións e das incompatibilidades recollidas no Estatuto xeral de procuradores, o presente Estatuto e os estatutos particulares do colexio de procuradores a que pertenza o suposto infractor.

b) A publicidade de servizos profesionais que incumpra os requisitos que resulten de aplicación e sempre que a conduta en que consista revista especial gravidade.

c) A condena dun conselleiro ou membro da Xunta de Goberno dun colexio de procuradores de Galicia en sentenza firme pola comisión, no exercicio da súa profesión, dun delito doloso.

d) Os actos, expresións ou accións que atenten contra a dignidade ou honra das persoas que integran a Xunta de Goberno dun colexio, do Consello Galego dos Procuradores ou do Consello Xeral de Procuradores de España, cando actúen no exercicio das súas funcións, e contra os compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

e) A reiteración en infracción grave.

f) O encubrimento do intrusionismo profesional realizado por profesionais incorporados a un colexio de procuradores que integran o Consello Galego dos Procuradores, así como o exercicio de profesións colexiadas alleas á procura realizado por procuradores.

g) A cooperación ou consentimento a que o mandante, a quen representou o procurador, se apropie de dereitos correspondentes ao procurador e aboados por terceiros.

h) A comisión de actos que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras deontolóxicas que a gobernan.

i) O deliberado e persistente incumprimento das normas deontolóxicas esenciais no exercicio da procura.

j) O incumprimento da obrigación de ter despacho aberto e efectivo na demarcación territorial onde o procurador ten o seu domicilio profesional único ou principal, se non atendese o requirimento previo feito, para o efecto, polo seu colexio.

k) Non acudir aos órganos xurisdicionais nin aos servizos comúns de notificacións, reiteradamente e sen causa xustificada.

l) A non aplicación das disposicións arancelarias sobre devindicación de dereitos en calquera actuación profesional por conta allea, nos termos previstos no Estatuto xeral de procuradores e/ou no real decreto que regule os aranceis.

m) O incumprimento da prohibición de que os procuradores non poderán dirixirse ás vítimas directas ou indirectas de catástrofes, calamidades públicas ou outros sucesos que producisen un número elevado de vítimas que cumpran os requisitos que se determinen regulamentariamente e que poidan constituír delitos, para ofrecerlles os seus servizos profesionais ata transcorridos 45 días desde o feito, agás que a prestación destes servizos profesionais sexan solicitados expresamente pola vítima.

Artigo 29. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia, así como o reiterado incumprimento da obrigación de atender as cargas colexiais previstas nos presentes estatutos e os particulares de cada colexio, salvo que constitúa infracción de maior gravidade.

b) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos compoñentes da Xunta de Goberno dun colexio, do Consello Galego dos Procuradores ou do Consello Xeral de Procuradores.

c) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros, no exercicio da actividade profesional.

d) A competencia desleal, cando así fose declarada polo órgano competente, e a infracción do disposto na normativa aplicable sobre publicidade, cando non constitúa infracción moi grave.

e) Os actos e omisións descritos nos parágrafos a), b), c), d) e i) do artigo anterior, cando non tiveren entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

Artigo 30. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno dun colexio, do Consello Galego dos Procuradores ou do Consello Xeral de Procuradores, no exercicio das súas funcións, cando non constitúa infracción grave.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

Artigo 31. Sancións

1. As sancións que poden impoñerse por infraccións moi graves serán as seguintes:

a) Para as dos parágrafos b), c), d), e), f), e g) do artigo 28, suspensión no exercicio de procura por un prazo superior a seis meses, sen exceder dous anos.

b) Para as dos parágrafos a), h), i), j), k) e l) do artigo 28, expulsión do colexio.

c) Sanción de multa entre 6.001 e 12.000 euros.

2. Por infraccións graves, poderá impoñerse a sanción de suspensión do exercicio de procura por un prazo dun a seis meses, ou ben a sanción de multa entre 1.501 e 6.000 euros.

3. Por infraccións leves, poderán impoñerse as seguintes sancións:

a) Amoestación verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa cun máximo de 1.500 euros.

Artigo 32. Extinción da responsabilidade

1. A responsabilidade disciplinaria extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso, para ser cumprida se o colexiado causase novamente alta nun colexio.

Artigo 33. Prescrición das infraccións

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves ao ano.

2. O prazo de prescrición comezará a contar desde que a infracción se cometese.

3. A prescrición interromperase pola notificación ao afectado do acordo de incoación de información previa á apertura do expediente disciplinario, renovándose o cómputo do prazo de prescrición se nos tres meses seguintes non se incoa expediente disciplinario ou este permanece paralizado durante máis de seis meses, por causa non imputable ao interesado.

Artigo 34. Prescrición das sancións

1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por infraccións graves, aos dous anos, e as impostas por infraccións leves, ao ano.

2. O prazo de prescrición da sanción, por falta de execución desta, comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.

3. O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Artigo 35. Anotación das sancións: caducidade

A anotación das sancións no expediente persoal cancelarase, sempre que non incorrese en nova responsabilidade disciplinaria, cando transcorresen os seguintes prazos: seis meses en caso de sancións de amoestación verbal, apercibimento por escrito ou multa; un ano en caso de sanción de suspensión non superior a seis meses; tres anos en caso de sanción de suspensión superior a seis meses, e cinco anos en caso de sanción de expulsión.

Artigo 36. Rehabilitación

O prazo de caducidade contarase a partir do día seguinte a aquel en que quedase cumprida a sanción. A cancelación da anotación, unha vez cumpridos os prazos, poderá facerse de oficio ou a pedimento dos sancionados.

CAPÍTULO III

Do procedemento sancionador ou disciplinario

Artigo 37. Procedemento sancionador

1. As sancións só poderán impoñerse logo de incoación de expediente disciplinario, que se substanciará conforme as disposicións contidas no Decreto 94/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que o substitúa, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O expediente, ao cal o interesado terá acceso en todo momento, comezará cun prego de cargos, daráselle a oportunidade de descargo e de propoñer e practicar proba. Terminará cunha proposta de resolución da cal se dará traslado ao afectado para que realice as alegacións que crea oportunas.

Artigo 38. Iniciación das actuacións

1. O procedemento iniciarase por resolución do Pleno que se adoptará en virtude de queixa ou denuncia, por iniciativa do propio Pleno por petición razoada do presidente ou calquera dos seus conselleiros.

2. A incoación do procedemento sancionador dará lugar á apertura do expediente disciplinario ou, de ser o caso, á apertura dun período de información previa ao cal se lle denominará dilixencias previas de información.

Artigo 39. Dilixencias previas de información

1. Cando, en virtude de queixa ou denuncia, ou actuando de oficio, o Pleno teña coñecemento da comisión, por algún conselleiro ou algún membro pertencente á Xunta de Goberno dun colexio de procuradores de Galicia, dalgún feito que puidese dar lugar á incoación de expediente disciplinario, iniciará o procedemento abrindo un período de información previa encamiñado a obter o esclarecemento dos feitos.

2. Da queixa ou denuncia presentada darase traslado ao interesado para que formule alegacións no prazo de dez días, achegando as probas de descargo que considere oportunas.

3. O Pleno poderá acordar a práctica de cantas dilixencias de investigación considere oportunas.

Iniciado o procedemento, o órgano administrativo competente para resolver poderá adoptar, de oficio ou por instancia de parte e de forma motivada, as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, se existisen elementos de xuízo suficientes para iso, de acordo cos principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade, de acordo co establecido no artigo 56 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administrativas públicas.

4. Unha vez conclusas as dilixencias previas de información e, en todo caso, transcorrido o prazo máximo de tres meses desde o acordo de incoación das dilixencias, o Pleno ditará resolución incoando o correspondente expediente disciplinario, se procede, ou, de ser o caso, o arquivamento das actuacións, notificándoselles aos interesados, con información dos recursos que procedan contra a devandita resolución. O denunciante, nas dilixencias informativas ou expedientes disciplinarios incoados, carece de acción para instar a prosecución da actividade sancionadora, nin obxectar a falta de motivación do acordo ordenando o arquivamento, sen prexuízo de exercer as accións que, na orde civil ou penal, crer lle corresponden polos actos denunciados que considere pertinentes.

Artigo 40. Do instrutor e secretario do expediente disciplinario

1. O acordo de apertura de expediente disciplinario iniciarase por acordo do Pleno ao cal se lle unirán as dilixencias previas de información que se efectuaron. Seguidamente, nomearase instrutor un conselleiro, quen actuará asistido do secretario do propio Consello Galego dos Procuradores.

2. O acordo de incoación e o nomeamento do instrutor e secretario notificarase aos interesados, que poderán recusar tales nomeamentos no prazo de cinco días.

3. A apreciación das causas de abstención e recusación do instrutor e secretario será competencia exclusiva do Pleno.

4. Serán de aplicación en materia de abstención e recusación do instrutor e do secretario do expediente as normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O instrutor, baixo a fe do secretario, ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e de cantas probas poidan conducir ao seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

Artigo 41. Prego de cargos

1. No prazo dun mes contado desde o acordo de incoación do expediente disciplinario e á vista das actuacións practicadas, o instrutor formulará o correspondente prego de cargos e notificarallo aos interesados.

2. O prego de cargos deberá redactarse de modo claro e preciso, e comprenderá os feitos imputados ao inculpado, en parágrafos separados e numerados por cada un deles, e expresará a infracción presuntamente cometida e as sancións que se lle puidesen impoñer, con cita concreta dos preceptos do Estatuto xeral de procuradores, do Estatuto do Consello Galego dos Procuradores e do Estatuto do colexio de procuradores a que pertenza, incluíndo, igualmente, a identidade do instrutor e do órgano competente para impoñer a sanción.

Artigo 42. Alegacións

1. O prego de cargos notificarase ao interesado e concederáselle un prazo de quince días para formular as alegacións que considere oportunas.

2. O interesado poderá propoñer no seu escrito de alegacións ao prego de cargos a práctica de calquera medio de proba admisible en dereito e que crea necesario, así como acompañar os documentos que considere convenientes.

Artigo 43. Da proba

1. Unha vez formuladas as alegacións ao prego de cargos e proposta a proba, ou transcorrido o prazo sen que o interesado o contestase, o instrutor dispoñerá dun prazo dun mes para a práctica das probas que xulgue convenientes por entender que son adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Tal práctica poderá incluír probas non propostas polos afectados.

2. O instrutor, mediante resolución motivada, poderá denegar a admisión das probas propostas polo interesado.

3. Para a práctica das probas que deba efectuar o propio instrutor, notificarase aos interesados o lugar, data e hora, a fin de que poida intervir.

Artigo 44. Proposta de resolución

O instrutor, dentro dos dez días seguintes á expiración do período de proba, formulará e notificará a proposta de resolución, en que fixará con precisión os feitos, efectuará a cualificación xurídica deles para os efectos de determinar a infracción ou infraccións que considere cometidas e sinalará as posibles responsabilidades do inculpado ou os inculpados, así como a proposta de sanción para impoñer.

Artigo 45. Notificación da proposta de resolución

A proposta de resolución notificarase ao interesado para que, no prazo de dez días, con vista do expediente, poida alegar ante o instrutor canto considere conveniente na súa defensa.

Artigo 46. Remisión do expediente ao órgano competente para resolver

O instrutor, oído o interesado ou transcorrido o prazo concedido sen que este efectuase ningunha alegación, remitirá, no prazo de cinco días, a proposta de resolución xunto co expediente ao Pleno.

Artigo 47. Resolución do expediente disciplinario

1. A resolución que poña fin ao procedemento disciplinario deberá ser acordada no prazo máximo de trinta días desde a recepción da proposta do instrutor, terá que ser motivada, resolverá todas as cuestións expostas no expediente e non poderá aceptar feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración xurídica.

2. A resolución deberá adoptarse e notificarse no prazo de trinta días hábiles desde a recepción da proposta.

3. Na deliberación e aprobación do acordo non intervirá quen actuase na fase de instrución do procedemento como instrutor e secretario.

4. O Pleno poderá devolver o expediente ao instrutor para a práctica das dilixencias que resulten imprescindibles para a resolución. En tal caso, antes de remitir de novo o expediente ao órgano competente para impoñer a sanción, darase vista do actuado ao inculpado a fin de que, no prazo de dez días, alegue o que xulgue conveniente.

5. Cando a proposta de resolución conteña sanción de suspensión no exercicio profesional ou expulsión do colexio, o acordo deberá ser tomado polo Pleno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, advertíndose na convocatoria da sesión acerca da obrigatoriedade da asistencia de todos os conselleiros e o cesamento de quen non asista sen causa xustificada.

6. A resolución que se dite deberá ser notificada ao inculpado, deberá respectar o establecido no artigo 90 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. O instrutor resolverá a finalización do procedemento, con arquivo das actuacións, sen que sexa necesaria a formulación da proposta de resolución, cando na instrución do procedemento se poña de manifesto que concorre algunha das seguintes circunstancias, de acordo co previsto no artigo 89 da Lei 39/2015:

a) A inexistencia dos feitos que puidesen constituír a infracción.

b) Cando os feitos non resulten acreditados.

c) Cando os feitos probados non constitúan, de modo manifesto, infracción administrativa.

d) Cando non exista ou non se puido identificar a persoa ou persoas responsables ou ben aparezan exentos de responsabilidade.

e) Cando se concluíse, en calquera momento, que prescribiu a infracción.

Artigo 48. Actos recorribles

1. As resolucións do Pleno polas que se suspendan provisionalmente no exercicio os membros das xuntas de goberno dos colexios de procuradores de Galicia ou algúns dos conselleiros sometidos a procedemento sancionador, se arquiven as actuacións iniciadas ou se impoñan sancións disciplinarias, así como calquera outra resolución ditada no transcurso do procedemento que, aínda que se trate de actuacións de trámite, determine a imposibilidade de continualo ou produza indefensión, poderán ser obxecto de recurso ordinario ou de alzada polos interesados dentro do prazo improrrogable dun mes desde a súa notificación ante o propio Consello Galego dos Procuradores. A resolución que resolva o mencionado recurso pon fin á vía administrativa e será susceptible de recurso contencioso-administrativo.

2. Non serán recorribles os acordos de apertura de expediente disciplinario cando se trate de actos de mero trámite, a oposición a estes poderán, en todo caso, alegala os interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento e na eventual impugnación de tales actos no recurso que, de ser o caso, se interpoña contra ela.

3. Exclusivamente para os efectos de interpoñer recurso contra calquera das resolucións mencionadas anteriormente que determinen ou impliquen o arquivamento ou sobresemento das actuacións iniciadas ou a imposición de sancións, considerarase como interesado o denunciante dos feitos, quen terá dereito a que se lle dea vista das actuacións e notifiquen as distintas resolucións ditadas no expediente administrativo.

Artigo 49. Medidas cautelares

O Pleno poderá acordar, mediante resolución motivada, a suspensión cautelar, no exercicio da profesión, do procurador fronte a quen se siga procedemento sancionador. O acordo deberá ser tomado mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos conselleiros.

Artigo 50. Execución das sancións

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes. Poderán ser feitas públicas cando gañen firmeza. A citada publicidade deberá respectar o establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. As sancións que consistan na suspensión do exercicio na profesión ou na expulsión do colexio terán efectos no ámbito de todos os colexios de procuradores de España, de acordo co establecido no artigo 3.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, para cuxo fin deberán ser comunicadas a estes, que se absterán de incorporar o sancionado, en canto non desapareza a sanción, aos órganos xurisdicionais onde exerza a profesión o procurador sancionado e ao Consello Xeral dos Procuradores.

TÍTULO V

Do réxime xurídico dos acordos e súa impugnación

Artigo 51. Réxime xurídico

O Consello Galego dos Procuradores, en canto corporación de dereito público, está suxeito ao dereito administrativo no relativo á constitución dos seus órganos e en canto exerzan funcións administrativas.

Artigo 52. Execución de acordos

1. Todos os acordos do Consello Galego dos Procuradores serán inmediatamente executivos, salvo os ditados no exercicio da potestade sancionadora, que serán executivos unha vez firmes ou que o propio acordo estableza outra cousa.

2. Calquera acto do Consello Galego dos Procuradores que sexa consecuencia do exercicio de potestades administrativas rexeranse, con carácter supletorio, pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 53. Nulidade e anulabilidade

1. As causas de nulidade e de anulabilidade dos actos do Consello Galego dos Procuradores serán as previstas nos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Xunta de Goberno deberá, en todo caso, suspender e revisar de oficio ou formular recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

Artigo 54. Recursos administrativos

1. Contra os acordos do Pleno e da Asemblea Xeral de calquera colexio de procuradores de Galicia, poderase formular recurso de alzada ante o Consello Galego dos Procuradores dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, de ser o caso, notificación.

2. O recurso será presentado ante a Xunta de Goberno do Colexio de Procuradores de Galicia do lugar de residencia do recorrente, aquela deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais dentro dos quince días seguintes á data de presentación, salvo que, de oficio, repoña o seu propio acordo no devandito prazo. O Consello Galego dos Procuradores, logo dos informes que xulgue pertinentes, deberá ditar resolución expresa dentro dos seis meses seguintes á súa interposición, entendéndose que, en caso de silencio, queda denegado. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello Galego dos Procuradores poderá acordala ou denegala motivadamente.

3. No suposto de actos e resolucións ditados en exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, de ser o caso, do recurso correspondente.

Artigo 55. Especialidades en materia de recursos administrativos

En materia de recursos administrativos, observaranse as seguintes especialidades:

1. Os conselleiros e as xuntas de goberno dos colexios de procuradores de Galicia estarán lexitimados para formular recurso contra os acordos do Pleno, na forma e prazos que determine a lexislación administrativa vixente.

2. Se o acordo impugnado é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Consello Galego dos Procuradores ou dalgún dos colexios de procuradores de Galicia, os recorrentes poderán solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello Galego dos Procuradores poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 56. Revisión xurisdicional

Os actos emanados do Pleno, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 57. Cómputo de prazos e lexislación aplicable

1. Cando os prazos se sinalen por días, enténdese que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Os prazos expresados en días contaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación do acto de que se trate, ou desde o seguinte a aquel en que se produza a estimación ou desestimación por silencio administrativo.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aplicarase ás resolucións que supoñan o exercicio de potestades administrativas. En todo caso, a dita lei terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto, na Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e no Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais.

TÍTULO VI

Réxime de premios e distincións

Artigo 58. Premios e distincións

1. A Secretaría levará un libro en que se anotarán as distincións e premios que o Ministerio de Xustiza, a Administración Autonómica, o Consello Galego dos Procuradores ou o Consello Xeral de Procuradores acorde conceder aos procuradores que se distingan polo seu labor en beneficio da Administración de xustiza en Galicia, do Consello Galego dos Procuradores ou da profesión en xeral.

2. En audiencia pública e actos solemnes os procuradores así distinguidos terán dereito a utilizar as condecoracións concedidas.

Artigo 59. Presidentes e conselleiros de honra

1. O Pleno, en sesión ordinaria ou extraordinaria, poderá nomear presidente ou conselleiro de honra do Consello Galego dos Procuradores as persoas físicas que, pola súa colaboración activa na mellora da Administración de xustiza e/ou a súa contribución como xurista, acumulen méritos suficientes que as fagan merecedores de tal distinción.

2. Tamén poderán ser nomeados presidente ou conselleiro de honra do Consello Galego dos Procuradores os procuradores que, con quince ou máis anos de exercicio profesional, resulten acredores desta distinción en atención a méritos ou servizos relevantes prestados a favor do Consello Galego dos Procuradores ou da profesión de procurador dos tribunais.

TÍTULO VII

Do procedemento de disolución e réxime de liquidación
do Consello Galego dos Procuradores

Artigo 60. Disolución e liquidación

1. A disolución do Consello Galego dos Procuradores producirase cando veña determinada por disposición legal, por iniciativa do propio Consello Galego de Procuradores ou da maioría dos colexios afectados que representen, pola súa vez, a maioría dos colexiados da profesión, de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o procedemento establecido no punto seguinte.

O acordo comunicarase á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais, ao Consello Xeral de Procuradores e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. No caso de disolución do Consello, o Pleno actuará como comisión liquidadora e someterá á Asemblea Xeral de cada colexio profesional a proposta do destino dos bens, unha vez liquidadas as obrigacións pendentes.

3. O Pleno, coa asistencia, polo menos, de tres quintas partes dos seus c onselleiros e o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes, decidirá sobre o destino do patrimonio do Consello Galego de Procuradores e designará unha comisión encargada de liquidalo.

Disposición adicional única

No non previsto nestes estatutos aplicaranse as normas da Lei de colexios profesionais de Galicia, a Lei de colexios profesionais e o Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España.

Disposición transitoria primeira

Salvo o cesamento polas causas previstas nos artigos correspondentes destes estatutos, os actuais órganos unipersoais do Consello Galego de Procuradores continuarán desempeñando os seus cargos, adaptándose á nova normativa, ata a expiración do mandato para o que foron elixidos.

Disposición transitoria segunda

Os expedientes e recursos iniciados ou interpostos con anterioridade á entrada en vigor dos presentes estatutos rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e quedarán expresamente derrogadas as normas estatutarias previas.