Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2023 Páx. 35971

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 26 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública a memoria preliminar do Plan de xestión do monumento natural da serra de Pena Corneira, nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión (Ourense).

A serra de Pena Corneira declarouse monumento natural mediante o Decreto 264/2007, do 20 de decembro.

Este espazo está situado dentro da comarca do Ribeiro, na provincia de Ourense. Constitúe unha prolongación ao nordés da serra do Suído e ten unha superficie aproximada de 988 hectáreas, entre as bacías dos ríos Avia e Miño.

O artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza e beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que fosen expresamente declarados como tales.

Segundo indica o artigo 59 da mesma lei, os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio, denominado plan de xestión, no cal se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da lei establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación con asuntos de carácter ambiental.

Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, se realizará unha consulta pública a través do portal web da Administración competente na cal se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca:

a) Dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

b) Da necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Dos obxectivos da norma.

d) Das posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

En relación cos problemas que pretende solucionar, o plan de xestión, tras un diagnóstico da situación actual do monumento natural, determina as presións e ameazas que está a sufrir o espazo. O plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como clave para a declaración como espazo protexido.

Visto o anterior e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público do documento preliminar do Plan de xestión do monumento natural da serra de Pena Corneira durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o documento preliminar de plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa/consultas-abertas

Tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. Preferentemente mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Documento preliminar do Plan de xestión do monumento natural da serra de Pena Corneira».

2. Alternativamente mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural