Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35535

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2023 pola que se convoca un posto de persoal directivo.

En virtude do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúe no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as empregarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. A proposta de convocatoria publicarase na paxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/). As distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección será publicadas tamén na páxina web, na epígrafe de «novas».

Cuarto. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante o presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 121 e seguintes da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Código: AGDR 02 00 00.

Denominación do posto: subdirector/a de Promoción Internacional e Rural Intelixente.

Dependencia: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro; Decreto 119/2012, do 3 de maio).

Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección; funcionario (subgrupo A1).

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de subdirector/a de Promoción Internacional e Rural Intelixente

Primeira. Obxecto da convocatoria

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de subdirector/a de Promoción Internacional e Rural Intelixente.

Segunda. Vínculo xurídico

1. O vínculo xurídico coa persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, excepto no suposto de que a persoa seleccionada sexa funcionaria de carreira pertencente ao grupo A, subgrupo A1.

2. A dirección estará suxeito ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Terceira. Funcións do posto convocado

Correspóndelle a esta subdirección o exercicio das seguintes funcións:

a) Propoñer, de ser o caso, xestionar, realizar o seguimento e coordinar a participación en actuacións, proxectos e investimentos adaptados ás necesidades e potencialidades do medio rural galego, a partir das novas posibilidades de financiamento comunitario, estatal, rexional ou local, dispoñibles en cada momento.

b) Propoñer actuacións e xestionar proxectos de carácter piloto e innovador e actuacións senlleiras de mellora para o desenvolvemento do medio rural galego.

c) Promover actuacións e proxectos aliñados cos plans estratéxicos de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, concretamente co eixo de ruralidade.

d) Elaboración e difusión de estudos sobre a situación das mulleres no eido do desenvolvemento rural que incorporen indicadores de xénero que permitan determinar a necesidade de establecer medidas específicas que promovan a integración efectiva da perspectiva de xénero neste ámbito. Estes estudos serán remitidos ao órgano competente en materia de igualdade. Xestionar o fomento da dixitalización e da implantación de novas tecnoloxías no medio rural.

e) Elaborar e desenvolver a estratexia de aldeas intelixentes (Smart Villages).

f) Elaborar o modelo de plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

g) Elaborar e desenvolver actuacións nos núcleos rurais das aldeas modelo. Xestionar medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación de fondos comunitarios con incidencia no medio rural galego.

h) Elaborar e tramitar as bases reguladoras das axudas e convocatorias relativas aos premios ao desenvolvemento rural de Galicia, así como a súa xestión.

i) Preparar e xestionar a implantación de proxectos de innovación, modernización tecnolóxica e dixitalización no medio rural, en colaboración cos axentes públicos e privados con competencias nesas materias.

j) E calquera outra función que lle encomende a Dirección da Axencia.

Cuarta. Requisitos dos/das aspirantes

1. Para seren admitidas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización de presentación de solicitudes de participación e manter os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non encontrarse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargo público por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario/a, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvía, en caso de persoal laboral, en que fose separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial de grao en Enxeñaría Agrónoma ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

g) Coñecemento lingüístico: acreditarase o coñecemento do idioma galego presentando o título do Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Os candidatos que non cumpran o requisito lingüístico, deberán superar unha proba de dominio do idioma galego. Esta proba consistirá nunha tradución galego-castelán e outra castelán-galego. A súa valoración será apto ou non apto. A valoración de non apto suporá a exclusión do proceso selectivo.

O lugar, a data e a hora anunciaranse na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Para a realización da dita proba o tribunal poderá requirir o asesoramento de persoal cualificado na materia.

2. Estes requisitos deberán cumprirse á data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) desta convocatoria e manterse ata o momento da toma de posesión ou formalización do contrato.

Quinta. Solicitudes, lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (A Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As solicitudes tamén poderán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR004A, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. As solicitudes deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

4. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

5. O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

6. O prazo para presentar as solicitudes será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Sexta. Documentación que se vai presentar

Os aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude de participación a seguinte documentación:

a) Declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

b) Copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para obter o título ou, de ser o caso, documento que acredite de xeito fidedigno a posesión do título académico.

c) Copia cotexada do título acreditativo de superación do Celga 4 título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

d) Relación individualizada de cada un dos méritos que alegue e presentación da documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

e) Currículo do solicitante.

f) O plan de actuación (recollido na base décimo primeira) en soporte papel e en formato electrónico.

Sétima. Forma de acreditación e valoración dos méritos

1. A formación acreditarase mediante a presentación de orixinais ou fotocopia cotexada dos títulos ou certificados que se aleguen.

2. A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de pagamento de cotas ao réxime de autónomos se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público ou certificado de servizos prestados, de ser o caso, e documento acreditativo do período de tempo no desempeño dos contratos ou postos referenciados para os efectos do cómputo da experiencia profesional.

3. Os méritos alegados deberán referirse á data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) desta convocatoria e manterse ata o momento da toma de posesión ou formalización do contrato.

4. Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados conforme o disposto anteriormente, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Oitava. Admisión de aspirantes

1. Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ditará resolución na cal se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

2. A lista publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural http://agader.xunta.gal/ e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

3. Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución na cal se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

4. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: http://agader.xunta.gal/

5. Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse ademais no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Novena. Tribunal de selección

1. O tribunal de selección será nomeado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Axencia e constituirase unha vez publicada na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

2. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

3. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

4. A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

Décimo primeira. Procedemento selectivo

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a seguir, cuxa puntuación máxima é de 60 puntos.

O procedemento selectivo constará de dúas fases:

A primeira fase, eliminatoria, consistirá na baremación dos méritos alegados e na valoración do plan de actuación da subdirección de Promoción Internacional e Rural Intelixente.

A segunda fase consistirá na defensa do plan de actuación.

A. Primeira fase: (ata un máximo de 55 puntos).

A puntuación máxima é, nesta primeira fase, de 55 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 22 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

A.1. Baremación de méritos alegados (ata un máximo de 40 puntos):

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

A1.1. Formación (puntuación máxima de 20 puntos).

– Formación regulada (puntuación máxima de 10 puntos). Por titulación universitaria distinta á que se require para o acceso ao posto, 5 puntos por cada titulo.

– Formación complementaria (puntuación máxima 6):

• Título de máster dun mínimo de 600 horas: 3 puntos por cada título.

• Cursos vinculados ás funcións do posto, dun mínimo de 200 horas: 2 puntos por cada título.

– Outros (máximo 4 puntos).

• Publicacións relacionadas co desenvolvemento rural; 2 puntos por cada unha.

• Publicacións relacionadas con outros ámbitos do medio rural; 1 punto por cada unha.

A.1.2. Experiencia (puntuación máxima de 20 puntos).

– Por experiencia laboral como coordinador/a en proxectos de cooperación ou colaboración no eido do desenvolvemento rural no ámbito nacional, 2 puntos por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral como técnico/a en proxectos de cooperación ou colaboración no eido do desenvolvemento rural no ámbito nacional, 1 punto por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral como coordinador/a en proxectos de cooperación ou colaboración no eido do desenvolvemento rural no ámbito internacional, 3 puntos por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral como técnico/a en proxectos de cooperación ou colaboración no eido do desenvolvemento rural no ámbito internacional, 1,5 puntos por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral no ámbito da innovación no desenvolvemento rural 2 puntos por cada proxecto.

As fraccións iguais ou superiores a 6 meses computaranse como un ano completo, ata un máximo de 20 puntos.

A.2. Plan de actuación (puntuación máxima de 15 puntos).

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación, que se desenvolverá a medio prazo na Subdirección de Promoción Internacional e Rural Intelixente no ámbito das competencias da Axencia.

O plan non poderá superar os 30 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra arial, tamaño 11, incluídos gráficos.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

1. Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Así como a súa aliñación con outras estratexias de ámbito rexional, nacional e europeo.

2. Adecuación do plan ao marco administrativo en que se vai desenvolver, tendo en consideración as funcións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a súa promoción internacional.

3. Viabilidade, entendida como unha adecuada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

4. Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

5. Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.

6. Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sustentados no tempo.

7. Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

8. Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aproba a lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas da primeira fase, para a defensa do plan de actuación.

O tribunal de selección disporá da facultade de non convocar á defensa do plan de actuación -segunda fase- aquelas persoas candidatas que, aínda superando os 28 puntos exixidos na primeira fase, dispoñan dunha puntuación cuxo valor numérico imposibilite matematicamente seren seleccionados/as en relación co resto de candidatos/as.

B. Segunda fase: exposición do plan de actuación (ata un máximo de 5 puntos).

A puntuación máxima é, nesta segunda fase, de 5 puntos. Non eliminatoria.

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural cunha antelación mínima de corenta e oito horas á sinalada para o seu inicio. Logo de petición do candidato, poderán facilitarse os medios técnicos ou informáticos habituais para proxección ou exposición da presentación.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a cal se aprobe a lista coas puntuacións definitivas da segunda fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Décimo segunda. Cualificación e lista de persoas seleccionadas

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación na fase segunda do procedemento selectivo. De persistir o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural as puntuacións obtidas polos/as aspirantes con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación.

De non se presentaren solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de se considerar que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a aspirante seleccionado/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderán declararse desertos os postos de traballo de considerarse oportuno.

ANEXO III

Modelo de solicitude

DATOS PERSOAIS

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Domicilio

Provincia

Localidade

Teléfono

Enderezo electrónico

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Dependencia

Localidade

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para prover o posto de persoal directivo denominado subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente, con código AGDR 02 00 00, anunciada pola Resolución do 25 de maio de 2023, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

(Lugar, data e sinatura)

Secretaría Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural