Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35339

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Coruña (expediente-e IN407A 2022/418-1).

Expediente-e: IN407A 2022/418-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: renovación da LMTS GRN711 entre os CT 15CBQ2 e 15CKVV.

Concello: A Coruña.

Feitos:

1) O día 12 de decembro de 2022, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade de servizo e incrementar a capacidade de transporte de enerxía eléctrica por mor dos aumentos de demanda na contorna das rúas San Vicente e Eusebio da Guarda, concello da Coruña. Proxéctase o desmantelamento de tres tramos soterrados da liña de distribución LMT GRN711, procedente da subestación A Grela 2 e a instalación de tres novos tramos en nova canalización.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: renovación LMTS GRN711 entre CT 15CBQ2 e 15CKVV, asinado con data do 2 de novembro de 2022, por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número colexial LE-1010.

2) O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económia de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3) Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte na que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe ao Servizo de Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña e o Concello da Coruña. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo organismo afectado, a saber, Patrimonio Cultural. No día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, o concello, á solicitude do condicionado solicitado.

4) Con data do 8.5.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se vai aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– LMTS (actuación 1) a 15 kV de 117 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, coa orixe no CT Ramón Cabanillas (15CBQ2) existente e remate nos empalmes proxectados na LMTS GRN711, no cruzamento das rúas Eusebio da Guarda e Oidor Gregorio Tovar.

– LMTS (actuación 2) a 15 kV de 79 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, coa orixe no CT Ramón Cabanillas (15CBQ2) existente e remate nos empalmes proxectados na LMTS GRN711, no cruzamento das rúas San Vicente e Eusebio da Guarda.

– LMTS (actuación 3) a 15 kV de 49 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, coa orixe no empalme que se vai realizar na LMTS GRN711 no cruzamento das rúas Asturias e Eusebio da Guarda e remate nos empalmes proxectados na LMTS GRN711, no cruzamento das rúas Eusebio da Guarda e Oidor Gregorio Tovar.

– As liñas proxectadas discorrerán canalizadas no interior de tubaxe de polipropileno de 160 mm de diámetro en gabia de dimensións de 0,40 metros de longo e de entre 1,20 e 1,40 metros de profundidade, instalando entre dúas e catro tubaxes de idénticas características.

– Desmantelamento dos treitos soterrados da LMT GRN711 seguintes:

• GRN7110215 (expediente 26.438), condutor TRI-CU-95-PPV.

• GRN7110243 (expediente 26.438), condutor TRI-CU-95-PPV.

• GRN7110235 (expediente IN407A 2016/2177-1), condutor TRI-CU-95-PPV.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/a director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notificáselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 9 de maio de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña