Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35144

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naiterra.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naiterra dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 16 de febreiro de 2023, Darío Alexandre Tojeiro Pérez, vicepresidente do Padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Naiterra constituíuna José Manuel Tojeiro Rego, mediante escritura pública outorgada o 1 de febreiro de 2023, ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 266.

Terceiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

– A custodia do territorio, a través da protección, conservación, recuperación, rexeneración, reconversión e xeración de espazos de biodiversidade sostibles a longo prazo.

– Conservar e promover o medio natural, mediante a realización de accións que defendan, protexan e fomenten a biodiversidade en todos os seus niveis, sexa mediante a procura dunha muda dos nosos hábitos actuais, priorizando para tal fin a educación como instrumento de cambio, xa sexa mediante accións directas e sen prexuízo de calquera outras.

– Promover actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da mocidade, favorecendo o desenvolvemento dunha conduta proambiental.

– Impulsar proxectos ou programas de desenvolvemento nos eidos social e cultural, de carácter altruísta, humanitario, solidario ou de interese social, xa sexan propios ou mediante o apoio a outras entidades que teñan relación cos fins anteriormente indicados ou axuden de forma transversal á consecución deles.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do Padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do Padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O Padroado inicial da fundación está formado por José Manuel Tojeiro Rego, como presidente; Darío Alexandre Tojeiro Pérez, como vicepresidente; Rocío Lozano Miranda, como secretaria; e María Guadalupe Pérez González, como vicesecretaria.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Naiterra, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; o artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, o e artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 19 de abril de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 85, do 4 de maio), clasificouse de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Naiterra e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, corresponde a dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naiterra, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias conferidas polo Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Naiterra.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa concordante de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda