Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35221

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2023 (código de procedemento IN418E).

Mediante a Resolución do 2 de marzo de 2023, que foi publicada no DOG número 52, do 15 de marzo de 2023, establecéronse as bases reguladoras e anunciouse a convocatoria de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas.

O artigo 4.1 das bases reguladoras prevé a posibilidade de redistribuír o orzamento se, pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes, nalgunha das epígrafes non se rexistraron solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe lista de espera. O prazo de presentación de solicitudes comezou o día 28 de marzo. Transcorrido máis dun mes, polo momento non se rexistraron solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles na epígrafe correspondente á planificación enerxética de concellos e, porén, existe lista de espera na epígrafe de planificación enerxética de comunidades enerxéticas.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible, que as solicitudes de axudas asociadas á liña de planificación enerxética de comunidades enerxéticas superaron o orzamento previsto na convocatoria, e coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos,

RESOLVO:

Primeiro. Redistribuír os fondos destinados ás subvencións para planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas en función do volume de solicitudes recibido, modificando a táboa do artigo 4.1 da Resolución do 2 de marzo de 2023 do seguinte xeito:

Dotación orzamentaria inicial:

Distribución por liña de axuda

Orzamento (€)

Planificación enerxética de concellos

500.000,00

Planificación enerxética de comunidades enerxéticas

100.000,00

Total

600.000,00

Modificación orzamentaria:

Distribución por liña de axuda

Orzamento (€)

Planificación enerxética de concellos

-150.000,00

Planificación enerxética de comunidades enerxéticas

+150.000,00

Total

0,00

Dotación orzamentaria final:

Distribución por liña de axuda

Orzamento (€)

Planificación enerxética de concellos

350.000,00

Planificación enerxética de comunidades enerxéticas

250.000,00

Total

600.000,00

Segundo. A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia