Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34998

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Outes (expediente-e IN407A 2022/74-1).

Expediente-e: IN407A 2022/74-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: LMTS, CT e RBT Áspera, no lugar de Áspera.

Concello: Outes.

Feitos:

1. O 9 de marzo de 2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de mellorar a calidade da subministración no lugar de Áspera, no termo municipal de Outes. Proxéctase a instalación dun centro de transformación de 100 kVA e unha liña de media tensión soterrada que o conectará coa liña de distribución TA2-808 (expediente 337/04) procedente da subestación de Tambre II.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado LMTS, CT e RBT Áspera, asinado o 13 de decembro do 2021 por Victoriano Gónzalez Lemos. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade do proxectista acreditouse mediante a certificación emitida polo COETIVigo con data 28 de outubro de 2022, en que se sinala que Victoriano Gónzalez Lemos é enxeñeiro técnico industrial, posúe a especialidade en Electricidade e número colexial 2.980 de Vigo.

– Anexo: asinado con data 31 de maio de 2022 por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial con número colexial 15.670 de Madrid.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 14 de xullo de 2022.

– DOG: 11 de agosto de 2022.

– BOP: 27 de xullo de 2022.

– Xornal La Voz de Galicia: 27 de xullo de 2022.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal da secretaria do Concello de Outes do 31 de marzo de 2023.

– Portal da transparencia e goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

3. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COETI) presentou unha alegación. Desta alegación déuselle traslado á empresa promotora, que respondeu en defensa dos seus intereses.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Augas de Galicia-Consellería de Infraestruruas e Mobilidade; Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruras e Mobilidade da Coruña e o Concello de Outes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo organismo afectado, é dicir, a AXI. No día desta resolución non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas e o Concello, á solicitude dos condicionados solicitados.

5. O 18.4.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

1. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

3. Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

4. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

5. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

6. Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

7. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

8. Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

9. Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

10. Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

11. Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

– LMTS a 20 kV de 316 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, coa orixe no apoio 9LBX3MPN//67 existente da liña LMT TA2-808 (expediente 337/04) e remate no CT proxectado.

– CT Áspera prefabricado tipo rural, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. Respecto da alegación formulada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG), mediante escrito de 28 de setembro de 2022 esa entidade solicita que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, alegando en síntese o seguinte:

– O proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade.

– As competencias profesionais dos enxeñeiros técnicos industriais son distintas dos enxeñeiros industriais. Nas atribucións profesionais dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

– Os enxeñeiros técnicos terán as facultades e atribucións no exercicio da súa profesión dentro do ámbito da súa respectiva especialidade técnica.

– O COEIG engade que non constar acreditada a especialidade do enxeñeiro técnico industrial que redactou e asinou o proxecto implica un impedimento para apreciar favorablemente a competencia do dito enxeñeiro.

6. A empresa promotora respondeu á alegación do COEIG presentando a certificación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, en que se establece que o técnico proxectista ten a titulación de enxeñeiro técnico industrial coa especialidade en Electricidade.

7. Á vista da alegación presentada e resposta da empresa promotora, considérase que:

– A Sentenza do Tribunal Supremo STS 4337/2021, respecto das competencias dos enxeñeiros técnicos industriais, establece o seguinte: «...a facultade de redactar proxectos non lles corresponde exclusivamente aos enxeñeiros superiores, xa que os enxeñeiros técnicos industriais tamén poden asinar determinados tipos de proxectos sempre que a potencia e envergadura estean dentro dos límites que establece o Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño. As atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais delimítanse entre si polo prinicipio de especialidade de cada un deles: mecánica, electricidade, química industrial, téxtil e electrónica industrial, segundo a súa diferente titulación.». «...Non teñen atribucións absolutas, senón as que lles atribúe a súa titulación...». «...O límite de competencia profesional relativo á tensión será de 66,000 voltios cando as instalacións se refiran a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica».

– No expediente consta documentación acreditativa da competencia profesional do técnico proxectista para a elaboración do proxecto técnico presentado.

8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude, coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así coma das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 9 de maio de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña