Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 5 de xuño de 2023 Páx. 34548

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Lousame (expediente IN407A 2019/222-1).

Expediente: IN407A 2019/222-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: modificado 1 do proxecto de LMT, CT e RBT Carantoña e Abeixón, nos lugares de Abeixón e Carantoña, na parroquia de San Pedro de Tállara.

Concello: Lousame.

Feitos:

1) O día 7 de outubro do 2022, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, por mor da imposibilidade de executar a obra civil prevista inicialmente no proxecto do 17 de outubro do 2019 no expediente IN407A 2019/222-1. Proxéctase un cambio no punto de entroncamento coa liña de distribución de media tensión LMT BOI806 (expediente IN407A 2016/2090-1), procedente da subestación Boiro e o correspondente cambio na traza da nova liña soterrada de media tensión. Ademais, instalarase un elemento de seccionamento tipo chave telecontrolada nun novo apoio.

O 17 de marzo de 2023, UFD presentou un escrito en que se sinala «esta sociedade acadou acordo amigable co propietario do predio nº 1. Polo tanto, esta sociedade declara que se obtiveron os acordos previos con todos os propietarios dos bens e dereitos afectados».

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: modificado M1 de proxecto para LMT, CT e RBT Carantoña e Abeixón, asinado o 6 de xullo de 2022 por Javier Fernández Pazos. Segundo consta nesta xefatura territorial, a especialidade do proxectista acreditouse mediante a certificación emitida polo Coeticor o 7 de febreiro do 2023, en que se sinala que Javier Fernández Pazos é enxeñeiro técnico industrial e posúe a especialidade en Electricidade con número colexial 502 de Ourense.

2) O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3) Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe a Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e ao Concello de Lousame. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo organismo afectado, a saber, o Concello. No día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, Augas, á solicitude do condicionado solicitado.

4) O 2 de maio de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que de seguido se relaciona:

1º. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2º. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3º. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4º. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5º. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6º. A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– LMTS a 20 kV de 586 metros, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm2 Al, coa orixe no PA/S proxectado no apoio número 9ODODRG5//135-21 para substituír por outro de tipo C-2000-14 da liña LMT BOI806 (expediente IN407A 2016/2090-1), procedente da subestación Boiro e remate no CTC proxectado (expediente IN407A2019/222-1). Instalación de ITC no apoio número 9ODODRG5//135-21 que se vai substituír.

– Retensado de treito da LMTA a 20 kV de 184 m, condutor tipo LA-28 Al coa orixe no apoio número 9OENB9RE//135-20 existente da LMT BOI806 (expediente IN407A 2016/2090-1) e remate no apoio número 9OBUA23I//135-22 existente.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

▪ As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así com das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 8 de maio de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña