Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34168

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a instalación industrial de produción de materias primas circulares de Valogreene Recinor, S.L., no concello das Somozas (expediente 2022-IPPC-I-96).

Mediante o Acordo do 18 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos de autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental ordinaria para a instalación referida no encabezado, declarada iniciativa empresarial prioritaria. Consonte o indicado no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), esta declaración implica a redución á metade dos prazos establecidos, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Conforme o anterior, o 21.3.2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 6 de marzo, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se sometía a información pública por un prazo de quince (15) días o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a instalación industrial de produción de materias primas circulares de Valogreene Recinor, S.L., no concello das Somozas (A Coruña).

Detectado un erro na tramitación do expediente debido a que, en aplicación do establecido no artigo 36.1 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), o prazo de información pública non pode ser inferior a 30 días hábiles e non pode reducirse dado que é un prazo establecido na Directiva 2011/92/UE (modificada pola Directiva 2014/52/UE), acórdase someter novamente a información pública, por un espazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Proxecto básico de solicitude de autorización ambiental integrada e estudo de impacto ambiental de instalación industrial de produción de materias primas circulares no termo municipal das Somozas.

Para que calquera persoa interesada poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

O documento estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2022-IPPC-I-96.

Peticionaria: Valogreene Recinor, S.L.

CIF: B67736355.

Enderezo social: estrada Catabois, s/n, Ferrol (A Coruña).

Localización da instalación: polígono industrial As Somozas, parcela H, As Somozas (A Coruña).

Actividade: valorización de residuos mediante pirólise e produción de materias primas circulares.

Epígrafe da actividade (autorización ambiental integrada): anexo I, 4.1.a) e 4.1.b).

Descrición: o proxecto consiste nunha planta de valorización material das fraccións de rexeitamento orixinadas en instalacións de tratamento de residuos, co obxectivo de obter, a través dun proceso de pirólise, cru pirolítico (que poderá ser reintroducido na cadea produtiva como materia prima secundaria para a obtención de hidrocarburos) char (corrente sólida aproveitable na industria pesada) e fraccións pirolíticas denominadas vinagre piroxénico.

A capacidade de produción da instalación é de 40.000 t/ano.

As verteduras que se xerarán na instalación correspóndense con:

– Augas residuais sanitarias procedentes de aseos da instalación, que se recollerán na rede de saneamento de residuais con destino ao colector municipal.

– Augas pluviais: canalizaranse nunha rede separada da de augas residuais, con conexión á rede municipal de pluviais logo de pasaren por un separador de hidrocarburos.

Non existirán verteduras procedentes do proceso produtivo. As posibles augas industriais que se poderán xerar no almacenamento dos residuos e operacións de limpeza serán recollidas nun circuíto pechado de canles de recollida con envío final a un depósito de almacenamento para bombeo aos secadoiros.