Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34174

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Ordes e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ordes, no concello de Rairiz de Veiga (Ourense).

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Ordes e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Ordes, no concello de Rairiz de Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.8.2022 a CMVMC de Ordes (Rairiz de Veiga) presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2113028) de revisión de esbozo do MVMC Ordes e Veiga, no concello de Rairiz de Veiga.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 17.7.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 25 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe practicamente todo o perímetro con particulares e con outros montes veciñais en man común, sen que se presentase ningún acordo coas outras comunidades de montes lindeiras: Candás, Zapeaus de Zapeaus, Toxales e Veiga da Saínza e outros, e A Veiga, A Touza, Campo de Cardedo e Campo da Barxa de Sabucedo. Unicamente se pode xustificar este último, pertencente ao concello de Porqueira, ao estaren claramente diferenciados os dous montes a ambos os dous lados do río Limia e en dous concellos diferentes, polo que se pode considerar que non son lindantes.

Por tanto, non se terán en conta estes lindes con outros montes veciñais (salvo na zona mencionada co monte do concello de Porqueira), permanecendo como están nos esbozos de clasificación. Non se achega documentación nin acordos que aclaren estes lindes.

A superficie do MVMC Ordes e Veiga, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta os novos enclavados, sería de 421,59 ha fronte ás 423 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución inferior ao 1 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Ordes e Veiga.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Ordes e Veiga, pertencente á CMVMC de Ordes, no concello de Rairiz de Veiga.

Ourense, 10 de maio de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense