Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34176

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de maio de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Lavagudo e Abilleira, Lamela, Iglesia Vella, Ribela e Arnadiño, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Prado, no concello de Muíños (Ourense).

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Lavagudo e Abilleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela e Arnadiño, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Prado, no concello de Muíños, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.8.2022 a CMVMC de Prado (Muíños) presentou unha solicitude (Rexel nº 2022/2148116) de revisión de esbozo do MVMC Lavagudo e Abilleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela e Arnadiño, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 3.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Noutro procedemento de deslindamento tamén se inclúe a revisión dos límites co MVMC Veredo e Coutada, Chao de Zudro e Portela, e Chao de Couto.

O informe da revisión de esbozo di sobre o Monte Ribela que os veciños da CMVMC de Prado manifestan que nesta zona non existe monte veciñal pertencente á CMVMC e, aínda que existen varias parcelas que poderían ser monte veciñal en man común, pertencerían en tal caso á CMVMC de Xermeade. Ademais, estas parcelas figuran actualmente no catastro con titularidade veciños de Xermeade. Non se admite esta exclusión, xa que debería ser obxecto de deslindamento e acadado en asemblea da comunidade lindeira Portela e d´Arriba de Xermeade. Polo tanto, o Monte Ribela permanecerá cos límites do esbozo existente na clasificación mentres non haxa un acordo con estoutra comunidade.

A proposta poligonal resultante exclúe as estradas asfaltadas que atravesan o monte, que están catastradas. A este respecto, considérase que todas aquelas estradas e camiños que, ben non se xustifique con evidencias sólidas unha titularidade distinta da veciñal ou ben non teñan a consideración de vía oficialmente sinalizada, abertos ao tráfico rodado e susceptibles de constituíren dominio público, seguen sendo parte do monte.

A superficie do MVMC Lavagudo e Abilleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela e Arnadiño, unha vez revisado o esbozo e tendo en conta os novos enclavados, sería de 551,46 ha fronte ás 494 ha do acordo de clasificación, o que supón un aumento do 11 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Lavagudo e Abilleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela e Arnadiño.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Lavagudo e Abilleira, Lamela, Igrexa Vella, Ribela e Arnadiño, pertencente á CMVMC de Prado, no concello de Muíños.

Ourense, 10 de maio de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense