Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33539

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (código de procedemento SI434A).

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

De conformidade co Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade; na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ten como obxecto a adopción en Galicia de medidas integrais para a sensibilización, prevención e o tratamento da violencia de xénero, así como a protección e o apoio ás mulleres que a sofren e prevé, no seu artigo 39, que a Xunta de Galicia garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico, dirixida ás mulleres vítima de violencia de xénero, que se regulará a través dunhas bases reguladoras que garantirán un prazo de solicitude aberto durante todo o ano.

Así, mediante a Resolución do 17 de decembro de 2018, a Secretaría Xeral da Igualdade aprobou as bases reguladoras para a concesión da dita prestación periódica para mulleres que sofren a violencia de xénero prevista no dito artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Esta prestación ten en conta a situación socioeconómica das mulleres e vai dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación. Consiste nunha contía económica de carácter periódico, ata o máximo de 12 mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu.

Co obxectivo de dar unha mellor resposta e proporcionar protección e apoio ás diferentes realidades e situacións de violencia en que se atopan as mulleres, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, foi modificada por varias leis posteriores, así, a Lei 12/2016, do 27 de xullo, introduce como unha forma de violencia de xénero a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual; a Lei 14/2021, do 27 de xullo, recoñece como vítima de violencia de xénero a violencia vicaria, e a Lei 15/2021, do 27 de xullo, introduce a violencia de xénero dixital ou a violencia en liña contra a muller.

Ao mesmo tempo, a Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019), pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, foi modificada a través da Resolución do 12 de febreiro de 2019 (DOG núm. 36, do 20 de febreiro), co fin de crear un novo tramo de renda para incluír como beneficiarias as mulleres con ingresos inferiores ao dobre do IPREM. Posteriormente, tamén foi modificada pola Resolución do 17 de decembro de 2021 (DOG núm. 246, do 24 de decembro), na cal se suprimiron os límites temporais para poder ser beneficiaria desta prestación no caso de violencia vicaria.

No Boletín Oficial del Estado núm. 215, do 7 de setembro de 2022, publicouse a Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, na cal se prevé a explotación sexual como unha forma de violencia sexual e, entre outras medidas, establécese a asistencia integral ás vítimas de explotación sexual e tráfico con fins de explotación sexual.

Coa finalidade de incluír a explotación sexual como unha forma de violencia de xénero e, polo tanto, as vítimas de explotación sexual como potenciais beneficiarias da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, o artigo 40 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 30 de decembro de 2022, modificou o artigo 3 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, engadíndolle unha nova alínea i) ao artigo 3, no cal se establece a explotación sexual como unha nova forma de violencia de xénero e se sinala que para os efectos desta lei se entenderá como vítima de explotación sexual aquela muller que realice o exercicio da prostitución, incluídos os actos pornográficos ou a produción de material pornográfico, con obtención de lucro por parte dunha terceira persoa, física ou xurídica, cando a vítima se atope nunha situación de vulnerabilidade persoal ou económica ou se lle impoñan condicións gravosas, desproporcionadas ou abusivas.

Así mesmo, tamén se modificou o número 2 do artigo 39 que establece que a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) violencia física, b) violencia psicolóxica e f) trata de mulleres e nenas, g) violencia vicaria e i) explotación sexual, do artigo 3.

Con base no exposto, procede modificar a Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, co obxecto de que poidan ser beneficiarias da mesma as mulleres vítimas de explotación sexual.

Por todo o disposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

A Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, queda modificada como segue:

«Un. O punto 2 do artigo 1 queda redactado como segue:

“2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantivese sobre elas unha relación de dominación e/ou de explotación para os casos das mulleres vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e mais tentar axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na cal corren perigo e/ou están sendo explotadas”.

Dous. O punto 1 do artigo 5 queda redactado como segue:

“Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso das vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre elas unha relación de dominación e/ou de explotación.

Para os efectos desta axuda tamén terán a consideración de vítima de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

b) Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou de violencia por interpósita persoa.

Nos casos de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce (12) meses, tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

c) Que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero for adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.

d) No caso de acreditar a situación de violencia de xénero cunha orde de protección ou medida cautelar, esta deberá estar vixente na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

e) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España.

A residencia legal en España acreditarase mediante a inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros, no caso de mulleres nacionais dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo ou da Confederación Suíza, ou coa tarxeta de familiar de cidadán da Unión ou autorización de residencia, en calquera das súas modalidades, no caso de mulleres estranxeiras doutra nacionalidade. Tamén poderá acreditarse a residencia legal en España, coa autorización provisional de residencia expedida pola autoridade que sexa competente para outorgar a autorización de residencia por circunstancias excepcionais, mentres se resolve sobre esta última autorización.

f) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do agresor ou da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”.

Tres. A letra a) do punto 2 do artigo 7 queda redactado como segue:

“2. A solicitude da axuda deberá presentarse no modelo do anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero derivada dunha relación de convivencia, de violencia vicaria ou dunha situación de dominación e/ou explotación, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, mediante algún dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero, ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou vítima de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero, ou de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de violencia de xénero, ou de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a condición de vítima de violencia de xénero, de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia, ou da situación de dominación e/ou explotación, respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a condición de vítima de violencia de xénero, de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia, ou da situación de dominación e/ou explotación, respectivamente.

Cando a condición de vítima de violencia de xénero, ou de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou de explotación sexual, se acredite mediante algún dos documentos previstos nos puntos anteriores e non conste que a situación de violencia ocorre nunha relación de convivencia ou nunha relación de dominación e/ou explotación, respectivamente, deberá achegarse, ademais, un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, na súa falta, a declaración responsable da solicitante, recollida no anexo I de solicitude. En todo caso, deberá constar a data en que tivo lugar o cesamento da convivencia co agresor ou da vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, respectivamente”.

Catro. O punto 6 do artigo 9 queda redactado como segue:

“6. Durante a tramitación do procedemento, o órgano instrutor recadará a información necesaria co obxecto de comprobar que, antes de ditarse a resolución de concesión da axuda, se manteñen os requisitos para ser beneficiaria, especialmente, que a orde de protección ou a medida cautelar está vixente, de ser o caso, e que a solicitante non reiniciou a convivencia co agresor, ou a vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, respectivamente”.

Quinto. O punto 2 do artigo 11 queda redactado como segue:

“2. Co obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión, que se cumpren as obrigas establecidas e, en todo caso, que a beneficiaria non reinicia a convivencia co agresor, ou a vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, ou que solicita deixar sen efecto as medidas de protección que tivese vixentes, o órgano xestor, durante o período de pagamento, poderá recadar canta información considere necesaria, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), de informe dos servizos sociais da Administración local ou autonómica, ou por calquera outro medio con validez legal”.

Sexto. O punto 4 do artigo 12 queda redactado como segue:

“4. En todo caso, se durante a percepción da axuda o órgano xestor ten constancia do traslado da residencia da beneficiaria fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a beneficiaria reiniciou a convivencia co agresor, ou a vinculación con persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación para o caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, ou de que a beneficiaria solicitou deixar sen efecto as medidas de protección que tivese vixentes, procederá resolver a suspensión definitiva da axuda.

Poderán ser exceptuadas da suspensión definitiva da axuda aquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, se vexan obrigadas a trasladarse a outra comunidade autónoma dentro do territorio nacional, sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais da Administración pública galega autonómica ou local, ou informe xudicial, do Ministerio fiscal ou das forzas e corpos de seguridade”.

Sétimo. O punto 3 do artigo 14 queda redactado como segue:

“3. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda, agás aquelas mulleres que por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, se vexan obrigadas a trasladarse a outra comunidade autónoma dentro do territorio nacional, sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais da Administración pública galega autonómica ou local, ou de informe xudicial, do Ministerio fiscal ou das forzas e corpos de seguridade. Así mesmo, as beneficiarias quedan obrigadas tamén a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período».

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file