Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 1 de xuño de 2023 Páx. 33817

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 28 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, polo que se fai público o Manual de cobertura de ausencias en centros de saúde.

Con data do 29 de xuño de 2022, na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Estatutario, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT pactaron diversas medidas retributivas e de mellora no seo do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria.

Entre as ditas medidas, que foron publicadas por Orde da Consellería de Sanidade do 16 de setembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 23 de setembro), figura a elaboración dun manual de cobertura de ausencias onde constarán as causas que dan lugar á intersubstitución por ausencias de titular, que actualiza as causas vixentes, así como o sistema que dá lugar á activación da intersubstitución e da xornada complementaria, coa finalidade de acadar un tratamento homoxéneo en todas as áreas sanitarias. Engádese que o dito manual regulará tamén a prolongación da xornada ordinaria, con axendas reguladas, horarios e indicadores de seguimento da actividade.

Tras varias reunións en que se negociou o contido do manual de cobertura de ausencias, este foi aprobado na reunión da Mesa Sectorial do 3 de marzo de 2023 por unanimidade e coa sinatura das anteditas organizacións sindicais, co cal se inician as adaptacións técnicas precisas para a súa aplicación.

Unha vez avanzadas as adaptacións, procede facer público, para o persoal afectado, o Manual de cobertura de ausencias en centros de saúde, o cal estará dispoñible na seguinte ligazón da intranet: https://www.sergas.gal/Recursos-Humanos/Plan-de-Ordenacion-de-Recursos-Humanos-de-AP

As medidas previstas no manual serán inmediatamente aplicables, con excepción da identificación do tipo de prolongación de xornada realizada (A, B ou C), a xestión automática da intersubstitución dunha cota vacante, a xestión completa de solicitudes de permisos en Fides e a visualización do detalle diario das prolongacións e intersubstitucións realizadas polo profesional en Fides, as cales serán efectivas a partir do 1 de xullo de 2023.

No referente ao cálculo automático da xornada complementaria para o persoal dos puntos de atención continuada que realizan a actividade laboral en horario ordinario de centros de saúde, estará dispoñible no último trimestre do ano.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos