Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33212

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 10 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR790A).

BDNS (Identif.): 698198.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias e requisitos

Serán beneficiarias destas axudas tanto as persoas autónomas que queren volver emprender de novo como as persoas autónomas que queiran cambiar de sector de actividade:

1. Persoas que teñan sido autónomas con anterioridade e que queren volver emprender:

Serán beneficiarias das axudas as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2022 ao 30 de outubro de 2023, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2022 ao 30 de outubro de 2023.

b) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

c) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral.

d) Transcorrer un período mínimo de tres meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

e) Ter o domicilio fiscal nalgún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

f) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e non con anterioridade ao período subvencionable.

3. Quedan excluídas das axudas reguladas nesta orde as persoas traballadoras autónomas que xa foran beneficiarias con anterioridade desta axuda (TR790A), así como as persoas traballadoras autónomas membros de entidades de economía social e as persoas autónomas administradoras que non acrediten participación na empresa ou negocio. Tamén quedan excluídas as persoas autónomas colaboradoras e os membros das sociedades mercantís e sociedades laborais.

Segundo. Obxecto

Establécese unha modalidade de axuda para as persoas traballadoras autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma.

A súa finalidade é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou diferente sector.

O programa ten como apoio o Bono alta nova oportunidade para axudar a posta en marcha do novo negocio.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR790A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de outubro de 2023.

Santiago de Compostela, 10 de maio 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade