Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32953

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Festeiros, sito nos concellos de Forcarei e Silleda (Pontevedra) e promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U. (expediente IN661A 2011/2-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Festeiros.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Monte Festeiros, sito nos concellos de Forcarei e Silleda (Pontevedra), para unha potencia de 48 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 467.023 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, emitida pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Augas de Galicia, do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.1 e 4.1.3 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Xunto coa documentación presentada para a solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, certificado do fabricante en que conste a limitación mecánica de potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 14.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 48 MW e promovido por Airosa Vento, S.L.

2. O 27.6.2011, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. (en diante o promotor), como sociedade filial unipersoal de Airosa Vento, S.L. e en virtude do artigo 36.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

3. O 12.6.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 1 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG núm. 37, do 24 de febreiro de 2014).

4. O 25.1.2021, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, consistente na redución de aeroxeradores e no seu cambio de posición. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade. O 25.11.2021, a promotora achega o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

5. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte Festeiros (expediente IN661A 2011/2-4), promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U., e pola Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte Festeiros (núm. expediente IN661A 2011/2-4), promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

6. O 21.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monte Festeiros á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

7. O 22.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009.

8. O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

9. Mediante a Resolución do 15 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Monte Festeiros, situado nos concellos de Silleda e Forcarei, da provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2011/2-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.1.2022 e no xornal Faro de Vigo do 20.1.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Silleda e Forcarei), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

10. Vista a Sentenza 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sometéronse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico Monte Festeiros pola Resolución do 8 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo o 7.4.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Forcarei e Silleda), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

11. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., Concello de Forcarei, Concello de Silleda, Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, Red Eléctrica de España, S.A., Axencia Galega de Infraestruturas, Hidroeléctrica de Silleda e Unión Fenosa Distribución, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 21.1.2021, Retegal o 25.1.2022, Axencia Galega de Infraestruturas 27.1.2022 e o 12.4.2022, Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 31.1.2022, Red Eléctrica de España, S.A. o 18.2.2022, UFD o 21.1.2022 e Hidroeléctrica de Silleda o 3.3.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Forcarei emitiu informe, o 24.5.2022, en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental e doutra índole (declaración de utilidade pública, división artificiosa de proxectos, afeccións á poboación, entre outros) como as relativas ás afeccións. O promotor prestou a súa conformidade e deu resposta ás cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar o seguinte: as cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e a aprobación do proxecto de interese autonómico pendente de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 6.7.2022, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Silleda e Concello de Forcarei.

Cumprida a tramitación ambiental, o 14.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 227, do 29 de novembro).

14. O 15.12.2022, A.V. Monte Festeiros, S.L.U. presentou o proxecto de execución refundido denominado Proxecto de execución refundido. Parque Eólico Monte Festeiros, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 14.12.2022 coa configuración final do parque, incorporando os cambios xurdidos ao abeiro dos informes emitidos.

15. O 23.12.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Pontevedra informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando o documento mencionado no antecedente de feito décimo quinto, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

16. O 2.2.2023, o promotor presentou o Proxecto de execución refundido parque eólico Monte Festeiros. Decembro 2022, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 1.2.2023, e asinado polos técnicos Sara Calo Dieste e Gonzalo Cibrao Flores Fuciños o 31.1.2023. Achegou tamén declaración responsable en que indica que ambos os proxectos refundidos se corresponden coa configuración final do PE Monte Festeiros, e que a dita configuración é coincidente co indicado na DIA formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 14.11.2022.

17. O 6.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remite á Xefatura Territorial de Pontevedra o proxecto mencionado no antecedente de feito anterior.

18. O 24.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a valoración da documentación presentada polo promotor no antecedente de feito décimo sexto para que ratificase a validez da declaración ambiental, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, así como a corrección dalgúns erros de transcrición na declaración de impacto ambiental.

19. O 1.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático remitiu unha corrección de erros en virtude do establecido no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

20. O 1.3.2023, o promotor presentou unha declaración responsable sobre as separatas en que indica «que no proxecto de execución refundido resultante da configuración final do proxecto non se modifican as afeccións respecto ás xa informadas durante a tramitación do expediente».

21. O 1.3.2023, o promotor presentou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 20.1.2022.

22. O 8.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra requiriu ao promotor o visado do proxecto técnico correspondente para a tramitación administrativa de construción.

23. O 10.3.2023, o promotor presenta o Proxecto de execución refundido parque eólico Monte Festeiros, visado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia o 10.3.2023, con núm. 2021/03488/05, e asinado polos técnicos Sara Calo Dieste e Gonzalo Cibrao Flores Fuciños o 10.3.2023.

24. O 18.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito vixésimo terceiro.

25. O 18.4.2024 e o 19.4.2024, esta dirección xeral solicitoulles informe sobre a documentación presentada polo promotor recollida no antecedente de feito décimo sexto á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ao Instituto de Estudos do Territorio e a Augas de Galicia.

O 20.4.2022 e o 21.4.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Instituto de Estudos do Territorio e Augas de Galicia emitiron os informes solicitados.

26. O 21.4.2023, esta dirección xeral remitiu os informes do antecedente de feito anterior á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, para incorporar á solicitude de validación de DIA do antecedente de feito décimo oitavo do 24.2.2023.

O 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en que indica que: «Á vista dos cambios para adaptar o proxecto ao condicionado da DIA, sinalados no documento de valoración ambiental da modificación do parque eólico Monte Festeiros e os informes recibidos o 21.4.2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as adaptacións propostas, segundo tales informes, non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

As consideracións do presente informe quedarán supeditadas ao cumprimento por parte do promotor dos aspectos específicos do programa de vixilancia e seguimento ambiental recollidos no punto 5.2 da DIA».

27. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 48 MW, segundo os informes do xestor da rede do 3.10.2019 e 23.7.2020.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais