Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32319

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Valdepereira, situado nos concellos de Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) e promovido por Aerogeneración Galicia, S.L. (expediente IN661A DXIEM-05/11).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Aerogeneración Galicia, S.L. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Valdepereira (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia, (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 24 MW, promovido por Aerogeneración Galicia, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 28.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 14.8.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Cuarto. Mediante a Resolución do 27 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta, do 20 de xuño de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

Quinto. O 14.5.2021 a promotora presentou unha solicitude de modificación para o proxecto do parque eólico. Posteriormente, o 18.6.2021, o 23.6.2021, o 6.9.2021, o 20.10.2021, o 28.10.2021 e o 21.12.2021 a promotora achegou documentación complementaria.

Sexto. De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de setembro de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico, con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O 17 de setembro de 2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Sétimo. O 22.10.2021 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da súa solicitude de modificación mencionada no antecedente de feito quinto, a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Oitavo. O 4.11.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación, regulada no Plan sectorial eólico de Galicia, respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Noveno. Mediante a Resolución do 18 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de interese autonómico e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Diario de Pontevedra e La Región, todos eles do 7.12.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Lalín e O Irixo) e permaneceu exposta nas dependencias das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Décimo. En vista da Sentenza 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, mediante a Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse de novo a información pública, durante un prazo de 30 días, a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de interese autonómico e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Diario de Pontevedra e La Región, todos eles do 23.3.2022. Así mesmo, remitiuse para información ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Lalín e O Irixo) e nas dependencias das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión. Cellnex Telecom, S.A., Concello de Lalín, Concello do Irixo, Deputación de Ourense e Unión Fenosa Distribución.

A continuación cítanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Lalín: 10.3.2022, 24.4.2022 e 15.6.2022; Deputación de Ourense: 9.12.2021 e 16.2.2022; UFD: 22.12.2021; Retegal: 8.12.2021 e Retevisión: 20.12.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 21.7.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo terceiro. O 4.7.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo cuarto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Augas de Galicia-Confederación Hidrográfica Galicia-Costa, Axencia Turismo de Galicia, Concello do Irixo, Concello de Lalín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes do Instituto de Estudos do Territorio (IET), do 7.4.2022, e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 21.3.2022, sobre o estudo de impacto ambiental (EIA), a promotora presenta con data 21.10.2022 a Addenda ao estudo de impacto ambiental: axustes derivados do proceso de información pública e consultas. Outubro 2022, en que se indican as modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, na modificación da plataforma de montaxe da máquina VP-06, para minimizar a afección a afloramentos rochosos, e os vieiros 02 e 03, de acceso á posición da VP-03, para protexer o túmulo do Morico da Pena Negra. Tamén se varía a posición da torre meteorolóxica por motivos técnicos.

Formalizada a tramitación ambiental, o 18.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 21 de novembro de 2022 da dita dirección xeral (DOG nº 231, do 5 de decembro).

Décimo quinto. O 17.3.2023 presentan un proxecto refundido denominado Proxecto de execución refundido parque eólico Valdepereira O Irixo (Ourense) e Lalín (Pontevedra). Decembro de 2022, asinado o 16.3.2023 pola enxeñeira industrial Sara Calo Dieste e polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Gonzalo Cibrao Flores Fuciños, e visado o 17.3.2023 polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia con número 2021/03652/05.

Así mesmo, achegou declaración en que manifesta que non existen novos organismos afectados respecto aos xa identificados e aos que, con carácter previo, se lles remitiu a separata do proxecto de execución.

Décimo sexto. O 24.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Décimo sétimo. O 11.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 24 MW, segundo os informes do xestor da rede do 2.7.2019, do 22.5.2020 e do 24.6.2021.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG nº 92, do 15 de maio), pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, débese indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

• Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Confederación Hidrográfica Galicia-Costa e Concello de Lalín.

• No que respecta ás alegacións sobre a declaración de utilidade pública, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución que declare a utilidade pública.

• No que respecta á Mámoa do Morico da Negra, é preciso indicar que o promotor na configuración final do parque eólico derivada de informes sectoriais modifica os vieiros 02 e 03, de acceso á posición da VP-03, co que queda eliminada esa afección.

• No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 4.11.2021, como se recolle no antecedente de feito oitavo. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico.

• No que respecta á división ou fragmentación dos proxectos, cómpre indicar que a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados: evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deben incluír os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou doutro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, esa suposta «división» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos Valdepereira e Pico Seco e a súa liña de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao reducir as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Valdepereira comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Pico Seco, o que non impide que os dous teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

• No relativo á non vixencia do plan eólico, débese indicar que, no que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei». Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles. Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Cómpre ter en conta que, coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Xa que logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

No caso das alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Valdepereira, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022 e recollida no antecedente de feito décimo cuarto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Valdepereira, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo este documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Valdepereira.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Valdepereira, situado nos concellos do Irixo (Ourense) e Lalín (Pontevedra) e promovido por Aerogeneración Galicia, S.L., para unha potencia de 24 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Valdepereira, composto polo documento Proxecto de execución refundido parque eólico Valdepereira O Irixo (Ourense) e Lalín (Pontevedra). Decembro de 2022, asinado o 16.3.2023 pola enxeñeira industrial Sara Calo Dieste e polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Gonzalo Cibrao Flores Fuciños e visado o 17.3.2023 polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia co número 2021/03652/05.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Aerogeneración Galicia, S.L.

Domicilio social: Polígono Industrial Lalín 2000, parcela C-26, 36500 Lalín (Pontevedra).

Denominación: parque eólico Valdepereira.

Potencia instalada: 24 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 24 MW.

Produción neta: 87.112 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.630 h.

Concellos afectados: O Irixo (Ourense) e Lalín (Pontevedra).

Orzamento de execución por contrata: 26.174.425,28 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P01

567.749,49

4.712.955,53

P02

568.282,37

4.712.959,65

P03

568.861,28

4.712.308,53

P04

569.875,16

4.711.916,77

P05

569.875,14

4.705.993,82

P06

566.875,14

4.705.993,44

P07

566.875,14

4.708.105,19

P08

567.055,14

4.708.105,20

P09

567.055,15

4.708.385,20

P10

567.175,15

4.708.385,20

P11

567.175,15

4.708.985,20

P12

566.875,15

4.708.985,20

P13

566.875,16

4.710.785,21

P14

567.545,16

4.710.785,21

P15

567.545,16

4.711.523,65

P16

568.235,16

4.711.525,22

P17

568.235,16

4.712.025,22

P18

567.895,16

4.712.125,22

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Potencia unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PS-01

569.529,22

4.711.819,22

4,00

PS-02

568.990,44

4.708.036,73

4,00

PS-03

568.345,37

4.707.677,08

4,00

PS-04

567.895,60

4.707.565,59

4,00

PS-05

567.504,37

4.707.286,65

4,00

PS-06

567.272,41

4.706.570,70

4,00

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM1

568.560,00

4.708.130,00

Coordenadas da subestación:

SET

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CT/SUB_ENV

569.356,28

4.708.807,98

CT/SUB_ENV

569.361,43

4.708.772,04

CT/SUB_ENV

569.374,88

4.708.773,97

CT/SUB_ENV

569.381,56

4.708.727,35

CT/SUB_ENV

569.316,97

4.708.718,09

CT/SUB_ENV

569.305,14

4.708.800,65

CT/SUB

569.343,35

4.708.764,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 6 aeroxeradores modelo Vestas V-150, de 4.000 kW e de potencia unitaria (V-150 de 4.200 kW limitado a 4.000 kW), con velocidade e paso variables, 105 m de altura de buxa e 150 m de diámetro de rotor.

• 6 centros de transformación, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, formados por transformadores de 5.150 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,720/30 kV, celas de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Rede soterrada composta por dous circuítos eléctricos executados en gabia única e condutores RHZ1 18/30 Al de interconexión dos centros de transformación e destes co centro de seccionamento e medida do parque eólico.

• O parque eólico evacúa a súa enerxía na futura subestación de Valdepereira, que elevará a tensión da rede de distribución de ambos os parques (30 kV) ao nivel do punto de interconexión previsto (132 kV).

• Rede subterránea a 30 kV, con condutor tipo HEPRZ1 18/30kV Al, para a evacuación da enerxía xerada e interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV e a subestación transformadora 30/132 kV.

• Subestación transformadora 30/132 kV, con edificio de control, de 55/70 MVA ONAN/ONAF, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA de potencia nominal e relación de transformación 30/0,4 kV, equipamentos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Unha torre meteorolóxica de 105 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aerogeneración Galicia, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 189.373,07 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) a que o promotor deberá dar cumprimento previo ao inicio das obras, deberá dispor de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Instituto de Estudos do Territorio.

6. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán, dentro do seu respectivo ámbito territorial, a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do/da interesado/a.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais