Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32312

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pico Seco, sito nos concellos de Dozón, Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) e promovido por Aerogeneración Galicia, S.L. (expediente IN661A DXIEM-04/11).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Pico Seco.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Pico Seco, sito nos concellos de Dozón, Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) e promovido por Aerogeneración Galicia, S.L. (expediente IN661A DXIEM-04/11), cunha potencia de 27 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Consonte co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aerogeneración Galicia, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 155.514 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar, ante esta dirección xeral, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás cales a promotora deberá dar cumprimento previamente ao inicio das obras, deberá dispor de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010, para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 27 MW, promovido por Aerogeneración Galicia, S.L. (en diante, a promotora).

O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

O 14.8.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Mediante a Resolución do 27 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta, do 20 de xuño de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

O 26.1.2021, a promotora presentou unha solicitude de modificación para o proxecto do parque eólico. Posteriormente, o 9.2.2021, o 14.5.2021, o 2.6.2021, o 23.6.2021, o 6.9.2021, o 23.9.2021 e o 20.10.2021 a promotora achegou documentación complementaria.

De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de setembro de 2021, acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico, con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O 17 de setembro de 2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

O 22.10.2021, notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da súa solicitude de modificación mencionada no antecedente de feito quinto, a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Mediante a Resolución do 18 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de interese autonómico e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Diario de Pontevedra e La Región, todos eles do 7.12.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Lalín e O Irixo) e permaneceu exposta nas dependencias das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

En vista da Sentenza número 18/2022 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, mediante a Resolución do 1 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse de novo a información pública durante o prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto de interese autonómico e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Diario de Pontevedra e La Región, todos eles do 23.3.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Lalín e O Irixo) e permaneceu exposto nas dependencias das xefaturas territoriais de Pontevedra e Ourense da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión, Concello de Lalín, Concello do Irixo e Axencia Galega de Infraestruturas.

A continuación cítanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión: o 20.12.2021, e a Axencia Galega de Infraestruturas: o 9.12.2021 e o 23.6.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos e persoas interesadas: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello do Irixo, Concello de Lalín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido polo Instituto de Estudos do Territorio de data 7.4.2022, a promotora presentou con data 2.5.2022 modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, na modificación da plataforma do aeroxerador 5 co fin de desafectar afloramentos rochosos presentes na súa contorna.

Formalizada a tramitación ambiental, o 18.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 21 de novembro de 2022 da dita dirección xeral (DOG nº 233, do 9 de decembro de 2022).

O 15.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico.

O 11.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico.

O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo os informes do xestor da rede do 2.7.2019, 22.5.2020 e 24.6.2021.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais