Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 26 de maio de 2023 Páx. 31970

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal deste concello nos ámbitos dos predios propiedade do Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) e do Ministerio de Defensa sitos en Campolongo, entre as rúas do Xeneral Antero Rubín-avenida María Victoria Moreno (antes, avenida Fernández Ladreda)-Sebastián González García Paz e rúa Tablada e Mollavao norte, delimitado entre a avenida Manuel del Palacio, número 7 e a rúa Rosalía de Castro, número 41, e do convenio de colaboración urbanística subscrito entre este concello e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (2018/MODPUNTPXOM/000001).

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2023, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación, con carácter definitivo, ao instrumento urbanístico denominado Proxecto de modificación puntual del PXOU de Pontevedra, para o desenvolvemento do convenio subscrito entre o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) OA e o Concello de Pontevedra, asinado dixitalmente polo arquitecto José Carlos Varcálcel Pedreda o 1.9.2022 e o 30.11.2022, e conformado pola arquitecta municipal da Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento, que cumpre as indicacións contidas no informe favorable condicionado emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no seu informe do 17.6.2022 e que atinxe aos ámbitos dos predios propiedade do INVIED e Ministerio de Defensa sitos en Campolongo, rúas Xeneral Antero Rubín-avenida María Victoria Moreno (antes, avenida Fernández Ladreda)-rúa Sebastián González García-Paz e rúa Tablada e Mollavao norte, delimitado entre a avenida Manuel del Palacio, número 7 e a rúa Rosalía de Castro, número 41 e, simultaneamente, ratificar de xeito definitivo o convenio de colaboración urbanística subscrito entre o Concello de Pontevedra e o INVIED, cuxo texto íntegro, unha vez asinado por ambas as dúas partes, foi incluído na documentación sometida a información pública propia do procedemento de modificación do planeamento, como parte integrante desta, para o seu perfeccionamento, consonte o determinado na normativa urbanística de aplicación e que formará parte do instrumento urbanístico de modificación puntual do planeamento xeral.

Segundo. Ratificar e reiterar o acordo do Pleno deste concello, na súa sesión do 24.5.2021, polo que se desestimaron as alegacións formuladas pola Comunidade de propietarios do Conxunto Residencial Liáns (E36056562C), sita nas rúas Rosalía de Castro, número 37, avenida María Victoria Moreno, números 46-48 e rúa Sebastián González García-Paz, números 2-4-6, no período de información pública da modificación puntual do PXOU e do convenio referidos, con base no informe emitido pola arquitecta da Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento, do 30.3.2021, xunto coas restantes motivacións que se expresan no expositivo do informe xurídico con proposta de resolución con CSV U8KENMGGSW5STN1Y, que serven de motivación, para os efectos da fundamentar a contestación ou resposta razoada ás alegacións, consonte o previsto no artigo 88.6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao non afectar a modificación as aliñacións do PXOU en vigor para a rúa Sebastián González García-Paz.

Terceiro. Notificarlle este acordo individualmente, con ofrecemento dos recursos procedentes, ao INVIED, e requirilo para que proceda á sinatura do texto definitivo do convenio, no prazo de quince días contados a partir da súa notificación, e facultar a Alcaldía para a sinatura do texto definitivo do convenio, que se formalizará en documento administrativo e para a remoción de calquera incidencia ou obstáculo que poida xurdir na efectiva execución do convenio.

Advertir o INVIED de que deberán ser obxecto de inscrición no Rexistro da Propiedade, nos termos previstos na lexislación hipotecaria, os compromisos adquiridos neste convenio urbanístico como propietaria dos terreos e do resto de bens inmobles, no suposto de alleamento ou transmisión das parcelas ás cales atinxe o convenio, por mor da vinculación dos referidos compromisos a terceiras persoas adquirentes, nos termos previstos na lexislación vixente.

Notificarlles este acordo a todas aquelas persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles notificase a aprobación inicial e ás demais que figuren como persoas interesadas no expediente, con remisión de resposta razoada á comunidade de propietarios que formulou alegacións, segundo o determinado no punto anterior.

Cuarto. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva e do texto íntegro do convenio no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o contido íntegro do plan, incluído o convenio, estarán á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra www.sede.pontevedra.gal, ao abeiro do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento aprobado será inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, por petición deste concello, para o cal se remitirá un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno. Tamén se anotará o nome do convenio no Rexistro de convenios administrativos urbanísticos, con remisión ao Arquivo municipal de convenios administrativos urbanísticos para custodia dun exemplar completo do texto definitivo e, se procede, da súa documentación, que deberá incorporar a propia do proxecto de modificación do plan a que se vincula. O exemplar custodiado no arquivo indicado dá fe, con todos os efectos legais, do contido do convenio.

O documento que conteña a normativa e as ordenanzas, ao cal se lle incorporará a referencia aos informes sectoriais emitidos, ademais de na sede electrónica, será obxecto de publicación, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro do instrumento de planeamento, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e executividade, consonte o establecido na lexislación de réxime local, concretamente nos artigos 70.2, 70.ter e 65 da Lei reguladora das bases do réxime local. (...)».

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra a aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998). Isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase de que nestas datas xa se encontra publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta actualmente: https://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e-territorio/planeamento-urbanistico/pxou-e-modificacions-realizadas/) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 26 de abril de 2023

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde