Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 25 de maio de 2023 Páx. 31703

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58, nos termos municipais de Monfero, Vilarmaior e Miño (A Coruña), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2022/16-1).

Feitos:

1. O 21 de xaneiro de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58, nos termos municipais de Monfero, Vilarmaior e Miño (A Coruña), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2022/16-1.

A esta solicitude xuntóuselle a seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58, asinado o 25 de novembro de 2021 polo enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso (colexiado nº 2.221 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20213692 e data do 30 de novembro de 2021; e no cal figura un orzamento total de 152.728,52 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista con data do 16 de marzo de 2023, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello de Monfero, Concello de Vilarmaior, Concello de Miño, Axencia de Infraestruturas de Galicia (AXI), Telefónica de España, S.A.U. e Augas de Galicia.

• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a corrección de varios defectos antirregulamentarios detectados na LAT 132 kV Eume-Pedrido, pertencente a UFD, segundo o sinalado na seguinte táboa:

Van (tramo entre apoios)

Lonxitude de van (m)

Concello

Defectos que cómpre corrixir

8-12

904,81

Monfero

Distancia ao terreo en van 9-10

13-18

1.274,77

Monfero

Distancia á LMT en van 15-16

24-28

873,9

Vilarmaior

Distancia ao terreo en van 25-26

39-41

596

Vilarmaior e Miño

Distancia ao terreo en van 40-41

51-58

1.613,42

Miño

Distancia á liña telefónica en van 55-56

Distancia ao terreo en van 57-58

A seguir recóllense as características principais das actuacións proxectadas para a corrección da situación antirregulamentaria nos referidos vans:

• Van 8-12:

– Regulado tramo de 904,81 m, condutor tipo AL-AC 15.82.

– Substitución do condutor existente por un novo tipo LA-180 entre apoios 10N e 11N.

– Substitución dos apoios 10 e 11 por dous novos apoios (10N e 11N) de maior altura útil (tipo pórtico tipos H-5000-19,05 e H-5000-14,60), baixo traza, a 5 m cara ao apoio 9 e a 4 m cara ao apoio 10, respectivamente.

• Van 13-18:

– Regulado tramo de 1.274,77 m, condutor tipo AL-AC 15.82.

– Substitución do apoio 15 por un novo apoio 15N de maior altura útil (tipo pórtico tipo H-2500-19,05), baixo traza, a 4 m cara ao apoio 16.

• Van 24-28:

– Regulado tramo de 873,9 m, condutor tipo AL-AC 15.82.

– Substitución do apoio 26 por un novo apoio 26N de maior altura útil (tipo pórtico tipo H-2500-16,80), baixo traza, a 10 m cara ao apoio 25.

• Van 39-41:

– Regulado tramo de 596 m, condutor tipo AL-AC 15.82.

– Substitución do apoio 40 por un novo apoio 40N de maior altura útil (tipo pórtico tipo H-2500-16,80), baixo traza, a 10 m cara ao apoio 41.

• Van 51-58:

– Regulado tramo de 1.613,42 m, condutor tipo AL-AC 15.82.

– Substitución do condutor existente por un novo tipo LA-180 entre apoios 53N e 55N.

– Substitución dos apoios 53, 55 e 57 por uns novos (53N, 55N e 57N) de maior altura útil (tipo pórtico tipos H-5000-14,60, H-5000-19,05 e H-2500-22,65, respectivamente), baixo traza, a 2 m cara ao apoio 54, a 13 m cara ao apoio 56 e a 6 m cara ao apoio 56, respectivamente.

Posteriormente, con data do 25 de marzo de 2022, UFD presentou un escrito en que fai constar que chegou a acordo cos particulares afectados para os cambios dos apoios nos vans 8-12 e 24-28.

2. O 16 de xuño de 2022, a Xefatura Territorial adoptou o acordo por que se someteron a información pública a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da referida infraestrutura eléctrica.

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13 de xullo de 2022, no Boletín Oficial da provincia do 27 de xuño de 2022 e no xornal La Voz de Galicia do 21 de xullo de 2022. Así mesmo, estivo exposto nos taboleiros de anuncios dos concellos (con predios incluídos na RBDA) e nas dependencias da Xefatura Territorial, así como no Portal de transparencia desta consellería.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

3. O 6 de xullo de 2022, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica ás seguintes entidades: Concello de Monfero, Concello de Vilarmaior, Concello de Miño, Axencia de Infraestruturas de Galicia (AXI), Telefónica de España, S.A.U. e Augas de Galicia.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas indicadas, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Monfero o 8 de agosto de 2022 e o 26 de febreiro de 2023; AXI o 11 de xullo de 2022, e Telefónica de España, S.A.U. o 8 de xullo de 2022. A promotora prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

4. O 29 de marzo de 2023, a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución. A Xefatura Territorial incorporou ao expediente o informe emitido o 23 de marzo de 2023 polos seus servizos técnicos, no cal se informa de que, desde un punto de vista técnico, non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58, nos termos municipais de Monfero, Vilarmaior e Miño (A Coruña), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que se realizar de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58, asinado o 25 de novembro de 2021 polo enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso (colexiado nº 2.221 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20213692 e data do 30 de novembro de 2021; e no cal figura un orzamento total de 152.728,52 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, que a deberá expedir tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

9. Como anexo a esta resolución recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio e que coincide coa sometida a información pública.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) pola infraestrutura eléctrica
denominada LAT 132 kV Eume-Pedrido DAR Ap. 8-Ap. 58

Nº predio

Concello

Ref. catastral

Lugar

Cultivo

Propietario

Afección de solo en pleno dominio

Nº apoio

m2

6

Miño

15049A01600022

Rosende

Monte alto

Hros. de Manuel Couce García: Marita Allegue Couce e Mª Josefa Allegue Couce

40N

14

9

15049A00800563

Cancelos

Matogueira

Hros. de Manuel Chao

55N

14

10

15049A01101624

Fonteluz

Monte alto

José Carlos González Gómez

57N

15

4

Monfero

15051A01400048

Braña Grande

Monte alto

Hros. de María Cortizas Suárez

15N

14