Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 22 de maio de 2023 Páx. 30959

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 11 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2023-2025, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2023-2024 (código de procedemento TR301K).

BDNS (Identif.): 694987.

De conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2023-2025, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas), xestionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e realizar a súa primeira convocatoria para os exercicios 2023-2024 (código de procedemento TR301K).

Segundo. Entidades beneficiarias

Poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refire esta orde as entidades que, na data de entrada en vigor desta convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartiren formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou naquelas competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

As entidades deberán dispor, no ámbito territorial de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas e/ou inscritas que permitan a impartición das accións formativas solicitadas.

Así mesmo, os centros presenciais vencellados a entidades acreditadas e/ou inscritas para impartiren especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar homologados na correspondente especialidade na data de entrada en vigor da convocatoria e situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Accións formativas

A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vai impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire a orde de bases.

Cuarto. Determinación da subvención

O réxime de concesión e xustificación da subvención será a través de módulos económicos, segundo o previsto no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O anexo IV de cada convocatoria incluirá a contía dos módulos económicos específicos establecidos como límite máximo que se solicitará para cada familia profesional, área profesional ou especialidade formativa, de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.

Para os efectos do previsto nesta orde, enténdese por módulo económico o custo por participante e hora de formación que poderá ser obxecto de financiamento público.

Quinto. Financiamento da primeira convocatoria

Destínase a esta primeira convocatoria un crédito por importe total de 70.024.608,00 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias que a seguir se relacionan, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2021 00149:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Importe total

11.50.323A.460.1

3.047.305,00 €

2.152.744,00 €

5.200.049,00 €

11.50.323A.471.0

30.476.472,00 €

19.406.960,00 €

49.883.432,00 €

11.50.323A.481.0

9.500.831,00 €

5.440.296,00 €

14.941.127,00 €

Total

43.024.608,00 €

27.000.000,00 €

70.024.608,00 €

En cada unha das provincias galegas, a repartición dos ditos importes por aplicación orzamentaria e anualidade realizarase en atención ás seguintes porcentaxes:

Provincia

Porcentaxe

A Coruña

33 %

Lugo

17 %

Ourense

17 %

Pontevedra

33 %

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo II, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

Oitavo. Execución da primeira convocatoria

As accións formativas correspondentes á primeira convocatoria non poderán comezar antes do 1 de agosto de 2023, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2023 será o 20 de decembro de 2023.

Para as accións formativas que se desenvolvan durante as anualidades 2023 e 2024, ou exclusivamente durante a anualidade 2024, a data límite para a súa finalización será o 30 de setembro de 2024.

Non poderá comezar ningunha acción formativa sen a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento de requisitos e condicións exixidos para o seu inicio por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade