Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2023 Páx. 30240

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 45/2023, do 27 de abril, polo que se disolve o Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 1 que os colexios profesionais, que desenvolvan a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, se rexen, no marco da lexislación básica estatal, pola presente lei e as súas normas de desenvolvemento, as súas leis de creación e os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

Conforme o anterior, o artigo 4 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, establece que a disolución dos colexios profesionais da mesma profesión será promovida polos propios colexios, de acordo co disposto nos respectivos estatutos, e requirirá a aprobación por decreto, logo de audiencia dos demais colexios afectados.

O 16 de xaneiro de 2023, o Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Ourense presentou solicitude formal de disolución do dito colexio, segundo o acordo adoptado pola asemblea xeral extraordinaria celebrada o 20 de outubro de 2022. Á citada solicitude xuntábase un certificado do secretario do colexio, co visto e prace do presidente, sobre esta, na que se adoptou o acordo de disolver o colexio conforme o quórum e maiorías previstas nos estatutos.

En virtude do anterior, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Disolución

Apróbase a disolución do Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Ourense.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional única. Proceso de liquidación

As persoas liquidadoras nomeadas pola asemblea xeral deberán velar pola integridade do patrimonio, realizando as operacións precisas para a liquidación, cobrando os créditos da entidade e pagando os acredores. Se existise remanente, o destino do patrimonio resultante, en tal suposto, non poderá desvirtuar o carácter non lucrativo da entidade corporativa.

Unha vez concluídas as operacións, os liquidadores deberán remitir, á consellería competente en materia de colexios profesionais, a documentación xustificativa da execución da referida liquidación, incluíndo, se é o caso, aquela relativa ao destino dos bens sobrantes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes