Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2023 Páx. 30066

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de abril do 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Sada (expediente-e IN407A 2022/78-1).

Expediente-e: IN407A 2022/78-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: instalación telecontrol na LMT SAD713 apoio AKPO6EI1//15C485-5, no lugar de Mosteirón.

Concello: Sada.

Feitos:

1. O 11 de marzo de 2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica, coa fin de realizar obras de mellora da calidade da subministración dos clientes mantidos pola rede de distribución en media tensión LMT SAD713, Vilar 13 (50.697), no lugar de Mosteirón, parroquia de San Nicolao de Mosteirón. Proxéctase a instalación dun equipo de seccionamento telemandado, tipo reconectador telecontrolado, en apoio existente de formigón para substituír por outro de tipo metálico de celosía.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: instalación de telecontrol en LMT SAD713 apoio AKPO6EI1//15C485-5, asinado o 17 de novembro de 2021 por Rubén Fervenza Nicolás, graduado en Enxeñería Eléctrica con número colexial 4.684 de Vigo.

– Anexo, asinado o 31 de maio de 2022 por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial con número colexial 15.670 de Madrid.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 29 de agosto de 2022.

– DOG: 20 de setembro de 2022.

– BOP: 2 de setembro de 2022.

– Xornal La Voz de Galicia: 19 de setembro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal da secretaria do Concello de Sada de data do 9 de novembro de 2022.

– Portal da Transparencia e Goberno aberto da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

3. Durante o período en que se someteu o trámite de información pública o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) presentou unha alegación. Desta alegación déuselle traslado á empresa promotora que respondeu en defensa dos seus intereses.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; Servizo de Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña e o Concello de Sada. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados, a saber, Patrimonio e o concello. No día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, Augas, á solicitude do condicionado solicitado.

5. O 29.3.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

– Substitución da LMTA. a 15 kV de 146 metros, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio número AKPO6EI1//15C485-5 existente, da LMT SAD713 Vilar 13 (50.697) e remate no apoio número AKN04X2Q//15C485-6 existente. Retensado do van existente entre o apoio número AKQSC07H//15C485-4 e o número 15C485-5 de 69 m.

– Instalación dun reconectador telecontrolado no apoio número AKPO6EI1//15C485-5 da LMT SAD713 Vilar 13 (50.697). Substitución do apoio de formigón existente por un novo apoio tipo celosía C-2000-14. Desmontaxe dos cortacircuítos-fusibles XS situados no apoio número 15C485-6.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. Respecto da alegación formulada polo Ilustre Colexio Oficial de Inxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) mediante escrito do 27 de outubro de 2022, esa entidade solicita que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública alegando en síntese o seguinte:

– O proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade.

– As competencias profesionais dos enxeñeiros técnicos industriais son distintas dos enxeñeiros industriais. Nas atribucións profesionais dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

– Os enxeñeiros técnicos terán as facultades e atribucións no exercicio da súa profesión dentro do ámbito da súa respectiva especialidade técnica.

– O ICOIIG engade que cando non consta acreditada a especialidade do enxeñeiro técnico industrial que redactou e asinou o proxecto, implica un impedimento para apreciar favorablemente a competencia do dito enxeñeiro.

6. A empresa promotora respondeu ás alegacións do ICOIIG presentando as certificacións dos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, no que se establece que o técnico proxectista ten a titulación de enxeñeiro técnico industrial coa especialidade en Electricidade.

7. Á vista da alegación presentada e a resposta da empresa promotora, considérase que:

– Segundo a sentenza do Tribunal Supremo STS 4337/2021, respecto das competencias dos enxeñeiros técnicos industrial, establece o seguinte: «...a facultade de redactar proxectos non corresponde exclusivamente aos enxeñeiros superiores, xa que os enxeñeiros técnicos industriais tamén poden asinar determinados tipos de proxectos sempre que a potencia e envergadura se atope dentro dos límites que establece o Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño. As atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais delimítanse entre si polo principio de especialidade de cada un deles: mecánica, electricidade, química industrial, téxtil e electrónica industrial, segundo a súa diferente titulación.». «...Non teñen atribucións absolutas senón as que lles atribúe a súa titulación...». «...O límite de competencia profesional relativo á tensión será de 66,000 voltios cando as instalacións refíranse a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica».

– No expediente consta documentación acreditativa da competencia profesional do técnico proxectista para a elaboración do proxecto técnico presentado.

8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/a director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así coma das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

d) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere axeitado.

Mediante este documento notifícaselle aos interesados esta resolución, segundo o esixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 18 de abril de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña