Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2023 Páx. 28663

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde á Axencia Galega de Infraestruturas da preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. da xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 18 de abril de 2023, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

– Actividade:

A Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e con este fin está obrigada a realizar as seguintes actuacións:

1. En relación coa obtención dos bens e dereitos necesarios para a execución de todas as actuacións vinculadas ao novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, correspóndenlle á Axencia Galega de Infraestruturas o exercicio da potestade expropiatoria, ao abeiro do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que indica que lle corresponde a esta consellería o exercicio da potestade expropiatoria nos supostos en que esta ou as súas entidades públicas instrumentais reciban encomendas ou encargas que requiran o exercicio desta potestade para a súa execución.

2. En relación co sistema viario e a urbanización, os labores de supervisión, implantación e aprobación dos correspondentes proxectos, así como a realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista e adxudicación do correspondente contrato de obras e contratos dos servizos complementarios a estas.

3. En relación coas obras de demolición, os labores de supervisión, implantación e aprobación dos correspondentes proxectos, así como a realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista e adxudicación do correspondente contrato de obras e contratos dos servizos complementarios a estas.

4. En relación coas obras de edificación, os labores de supervisión, implantación e aprobación dos correspondentes proxectos, así como a realización dos actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista e adxudicación do correspondente contrato de obras e contratos dos servizos complementarios a estas.

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. asumirá a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e con este fin está obrigada a:

1. En relación coa demolición dos edificios que se determinen para poder executar a obra do novo complexo:

• Elaborar os informes técnicos e realizar aquelas actuacións de carácter técnico necesarios na fase de adxudicación dos contratos de obras derivados das actuacións.

• As funcións de responsable do contrato da obra e, de ser o caso, dos contratos dos servizos complementarios obxecto do referido contrato.

• A xestión daquelas autorizacións e permisos que sexan necesarios durante as obras, así como para a recepción destas.

2. En relación coa obra de edificación do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña:

• Elaborar os informes técnicos e realizar aquelas actuacións de carácter técnico necesarios na fase de adxudicación dos contratos de obras derivados das actuacións.

• As funcións de responsable do contrato da obra e, de ser o caso, dos contratos dos servizos complementarios obxecto do referido contrato.

• A xestión daquelas autorizacións e permisos que sexan necesarios durante as obras, así como para a recepción destas.

3. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.

– Natureza e alcance das funcións encomendadas: a encarga ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao teren a Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a consideración de medios propios e servizos técnicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía dos contratos obxecto desta.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade