Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2023 Páx. 28535

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente IN407A 2022/462-4).

Expediente: IN407A 2022/462-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: instalación dun apoio na LMTA SJG803, LMTA e instalación dun reconectador.

Concello: Cerdedo-Cotobade.

Feitos:

Primeiro. O 14 de novembro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada instalación dun apoio na LMTA SJG803, LMTA e instalación dun reconectador.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun novo apoio C-2000/14 no tramo SJG8032094 do circuíto aéreo da liña de media tensión SJG803. Nese apoio instálase un reconectador e substitúese o van augas abaixo ata o apoio ADIFM5F1//ADIEUOD8. Deste último apoio retirase o XS 36HZ28. As actuacións están prevista no lugar do Outeiriño, na parroquia de Quireza, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cerdedo-Cotobade, Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O Servizo do Patrimonio Cultural informou que non existen elementos que deban ser protexidos desde o punto de vista de protección do patrimonio.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 1 de decembro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos que non foi posible realizar a notificación, esta xefatura publicou un anuncio no Diario Oficial de Galicia do 16 de marzo de 2023 e no Boletín Oficial del Estado do 22 de marzo de 2023.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 1 de decembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 3 de xaneiro de 2023.

– Xornal Faro de Vigo: 21 de decembro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Cerdedo-Cotobade.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Instalación dun apoio C-2000/14 na LMTA SJG803, tramo SJG8032094, e liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 136 metros de lonxitude, desde o apoio proxectado C-2000/14 (no cal se instala un reconectador) ata o apoio existente ADIFM5F1//ADIEUOD8 (no cal se desmonta o XS 36HZ28). A instalación está situada no Outeiriño, Quireza, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).

Conforme ao indicado,

resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada instalación dun apoio na LMTA SJG803, LMTA e instalación reconectador (expediente IN407A 2022/462-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 17 de abril de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra