Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2023 Páx. 28074

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 37/2023, do 20 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Triacastela dun treito antigo da estrada LU-633 (LU-134) e do seu ramal de acceso á LU-633 (LU-134r0), xunto co seu dominio público viario.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos destas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Triacastela solicítalle á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade do treito antigo da estrada LU-633, antes denominado LU-134, que conecta coa estrada LU-633 no p.q. 27+430 e no p.q. 27+830, marxe esquerda, cunha lonxitude aproximada de 370 metros. Conta cun ramal intermedio de acceso á estrada LU-633 no seu p.q. 27+640, marxe esquerda, dunha lonxitude aproximada de 52 metros.

Trátase dun treito cun marcado carácter local e urbano que constitúe unha rúa do núcleo de Triacastela e que carece de funcionalidade na Rede autonómica de estradas de Galicia.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou proposta favorable á transferencia da titularidade do treito antigo e do seu ramal, que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Triacastela do treito antigo da estrada LU-633 (LU-134) e do seu ramal de acceso á LU-633 (LU-134r0), xunto co seu dominio público viario:

Denominación

p.q.i de conexión coa LU-633

Coordenadas UTM (ETRS89)

p.q.f de conexión coa LU-633

Coordenadas UTM (ETRS89)

Lonxitude (m)

Superficie

DPV (m2)

Treito antigo da

LU-633 (LU-134)

27+430

X= 643.885

y= 4.735.238

27+830

X=643.684

y=4.735.001

370

4.180

Ramal de acceso á LU-633 desde o treito antigo (LU-134r0)

-

X= 643.730

y= 4.735.116

27+640

x= 643.706

y= 4.735.162

52

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Triacastela, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade