Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27679

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Verónica Val Váquez, en representación do padroado da Fundación, o 9 de decembro de 2022, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, constituíuna a Federación Galega da Construción, representada por Diego Vázquez Reino e Verónica Val Vázquez, presidente e secretaria respectivamente da citada entidade, mediante escritura pública outorgada en Teo (A Coruña), o 1 de decembro de 2022, ante o notario Carlos Sebastián Lapido Alonso, co número de protocolo 2.085.

Tras requirimento do 12 de xaneiro de 2023, o 23 de febreiro achegan unha nova escritura que emenda a anterior, outorgada o 23 de febreiro de 2023, na mesma localidade e ante o mesmo notario indicado anteriormente, co número 273 do seu protocolo.

3. A Fundación ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, a mellora da competitividade e a formación no sector da construción de Galicia.

4. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, a identificación dos membros do padroado e os estatutos.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza; o enderezo e ámbito de actuación; os fins fundacionais e as actividades para a consecución dos seus fins; as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición do padroado; as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento e suspensión, as súas atribucións e as formas de deliberar e adoptar acordos; órganos de xestión e asesoramento, as causas de extinción e o destino dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Diego Vázquez Reino, en representación de Vázquez y Reino, S.L., como presidente; Manuel Ángel Capeán Pazo, en representación de Rodiñas Pretensados, S.L., como vicepresidente primeiro; Antonio Pons Samaranch, en representación da Fundación Centro Tecnológico de Investigación Multisectorial, como vicepresidente segundo; Santiago Ferreiro Pérez, en representación de Construcciones Orega, S.L., como secretario, e Víctor Manuel del Canto Álvarez, Arturo Ramírez González, Víctor González Jove, Eva Otero Leal, Miguel Caruncho Campanario, Francisco Rodríguez López, José Manuel Lorente Lorente, Eva Gómez Portela, Argimiro Fernández Janeiro, Óscar Rodríguez Gutiérrez, Diego Freiro Coloma, Fernando Illanes Álvarez, Cristina Montenegro Quintá, Manuel Ángel Pose Palleiro, Diego López González e Marcos Antonio Vázquez Zas, en representación, respectivamente, de Civil Global, S.L., Construcciones Ramírez, S.L., Anjoa, S.L., Tratamientos y Distribuciones de la Construcción, S.L., Xestión Ambiental de Contratas, S.L., Extraco, Construcións e Proxectos, S.A., Ovisa, Pavimentos y Obras, S.L., Francisco Gómez y Cía, S.L., Suministro Integral del Agua, S.L., Espina y Delfín, S.L., Zero Energetic Housing, S.L., Antea Iberolatam, S.L., Grúas, Transporte y Elevación del Norte, S.L., Alumán Sistemas, S.L., Epifanio Campo, S.L. e Canarga, S.L., como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta para clasificar a Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

8. De conformidade co establecido no artigo 51.2 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009) e segundo a proposta da comisión de secretarios xerais técnicos mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 21 de marzo de 2023 (DOG núm. 66, do 4 de abril), clasificouse de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción e adscribiuse ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), en relación co Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no devandito regulamento.

Terceiro. De conformidade co disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e para a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividade, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira e Consellería
de Economía, Industria e Innovación