Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2023 Páx. 27687

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación urbana do concello de Chantada.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación urbana do concello de Chantada, mediante Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 21 de abril de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2311&_aaeTipology_WAR_aae_id=2311

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación urbana de Chantada (expediente PTU-LU-20/030)

O 30.3.2023 tivo entrada documentación correspondente ao expediente de referencia, redactada polo arquitecto Alfonso Botana Castelo en marzo de 2023, remitida polo Concello de Chantada para os efectos da súa aprobación definitiva. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), establece no artigo 83.5 que as modificacións de planeamento urbanístico se tramitarán segundo o procedemento establecido no seu artigo 60.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Chantada conta cun plan xeral de ordenación urbana (PXOU) aprobado definitivamente o 29.7.1985.

I.2. Tramitación. De acordo coa documentación remitida polo Concello, consta:

• Inicio da tramitación ambiental en abril de 2020, con informe ambiental estratéxico do 30.7.2020.

• Proxecto para a aprobación inicial de xuño de 2022.

• Informes municipais previos á aprobación inicial: técnico, do 21.6.2022, e xurídico do secretario municipal, do 21.6.2022.

• Aprobación inicial polo Pleno do Concello do 30.6.2022.

• Anuncio de exposición pública publicado no DOG e no xornal El Progreso (11.7.2022).

• Certificado de exposición pública e presentación de alegacións (catro) do 14.10.2022.

• Informes sectoriais emitidos por: Augas de Galicia (27.8.2020), Patrimonio Natural (26.10.2020), Delegación do Goberno (17.1.2023), Ministerio de Transportes e Mobilidade (14.11.2022), Enerxía (7.11.2022), Telecomunicacións (15.11.2022), AXI (1.2.2023), Emerxencias (9.11.2022), DXPC (30.1.2023) e CHMS (14.3.2023).

• Proxecto para a aprobación provisional datado en marzo de 2023.

• Informes municipais previos á aprobación provisional: técnico, do 15.3.2023, e xurídico do secretario municipal, do 15.3.2023, con resolución das alegacións.

• Aprobación provisional no Pleno do Concello do 23.3.2023.

II. Aspectos xerais. Contido.

A modificación puntual ten por obxecto emendar a omisión do uso de oficinas nas normas zonais do PXOU, a incorporación do uso de garaxe-aparcadoiro na ordenanza 1 (zona de protección), a ampliación dos usos permitidos en planta baixa aos patios de quinteiro, a corrección do uso deportivo de categoría 5ª (que non existe) e a corrección de erros nas alturas das edificacións segundo o número de plantas.

III. Análise e observacións.

III.1. Razóns de interese público da modificación (artigo 83.1 da LSG): a corrección de erros no PXOU é razón de interese público para proceder a modificación puntual do PXOU.

III.2. En relación coas determinacións exixibles:

1. O PXOU contén unha regulación xeral de usos no artigo 185 onde se inclúe o «uso de oficinas». No artigo 233 defínese o dito uso, que se clasifica en 3 categorías no artigo 234: (1ª) Edificios de uso exclusivo e para oficinas, (2ª) Locais de oficina en plantas semisoto, baixa e primeira, dentro de edificios de vivenda, e (3ª) Oficinas profesionais anexas á vivenda do titular; e no artigo 235 establece distintas condicións dos locais destinados a este uso.

En ningunha das normas zonais do solo urbano, urbanizable, nin de núcleo reguladas no PXOU se inclúe o uso de oficinas como autorizable, circunstancia que constitúe un erro e que se emenda nesta modificación puntual, na cal se define en que ordenanzas do PXOU se autoriza o uso de oficinas, con indicación de que categorías concretas, das previstas no artigo 234, resultan admisibles.

2. En canto ao uso de garaxe na ordenanza 1, zona de protección, permítese baixo as condicións do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que se introduciron na normativa urbanística.

3. Sobre a ampliación dos usos permitidos en planta baixa aos patios de quinteiro, soamente é posible naqueles casos que non resulten visibles desde a vía pública.

4. Foron corrixidos os artigos onde figuraba un uso deportivo de categoría 5ª (que non existe nas normas de uso xerais).

5. Adaptouse a táboa de altura entre plantas da edificación, habendo 3 metros entre elas en todos os casos.

III.3. Contido da proposta:

1. Na transcrición do artigo 312 do PXOU no uso sociocultural, docente e asistencial falta «en todas as súas categorías».

2. O artigo 176 do PXOU que regula as alturas das edificacións reflicte «Máxima distancia» cando no PXOU se recolle como «Máxima distancia vertical», o que debe corrixirse.

3. Na documentación consta unha carpeta de planos de información (02.PINF) sobre fotos aéreas coas delimitacións de núcleos do PXOU e o solo urbano, que non procede para esta modificación puntual e que cómpre eliminar.

4. O proxecto da modificación puntual en que constan as dilixencias de aprobación provisional do Pleno do Concello non está asinado polo técnico redactor (artigo 22.1 NTP) nin se achegan as dúas carpetas comprimidas independentes (artigo 9.2 NTP) nin constan as pegadas dixitais (artigo 9.4 NTP).

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1 e 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación urbana de Chantada con suxeición ás correccións indicadas no punto III.3 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.