Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 25672

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación O Castro.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación O Castro, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 7 de xuño de 2021, Wifredo Luís Meléndrez Sancosmed, presidente do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación O Castro constituíuna Wifredo Luis Meléndrez Sancosmed, mediante escritura pública outorgada o 30 de abril de 2021, ante o notario de Betanzos (A Coruña) Óscar Manuel López Doval, co número 422 do seu protocolo.

Tras requirimento do 11 de agosto de 2021, o 7 de setembro de 2022 o fundador achega as escrituras do 13 de xaneiro e do 2 de setembro de 2022, outorgadas tamén en Betanzos, ante o notario anteriormente indicado, cos números 84 e 2.100 respectivamente do seu protocolo, que emendan a primeira escritura.

O 22 de setembro de 2022 emitiuse un novo requirimento que foi respondido por escritos do 30 de setembro de 2022 e do 3 de febreiro de 2023 que inclúe, este último, unha nova escritura de rectificación outorgada o 3 de xaneiro de 2023, na mesma localidade das anteriores e ante o mesmo notario, co número 21 do seu protocolo.

3. A Fundación, consonte o artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«a) Fins culturais: a recuperación e conservación do patrimonio arquitectónico, os oficios tradicionais, e o desenvolvemento económico, industrial e comercial das vilas históricas de Galicia. Fomentar o deseño, a pintura, escultura, fotografía, arquitectura, interiorismo e a artesanía nas súas diferentes formas.

b) Fins sociais: fomentar a igualdade de xénero e/ou raza, especialmente levando a cabo actividades que contribúan a unha empregabilidade de calidade e diversidade e á procura de autonomía económica dos individuos, especialmente mulleres e mozas.

c) Fins asistenciais: buscando a capacitación tanto en contornas ordinarias como protexidas, de persoas con limitacións, co fin de favorecer a súa integración laboral e económica nunha contorna social en igualdade e inclusivo.

d) Fins de fomento da economía social e produtiva de Galicia: a través da industrialización do rural mediante actividades vinculadas ao sector agroalimentario e á recuperación da industria de teares-téxtil e a vitícola».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os puntos relativos á identificación das persoas fundadoras; a súa capacidade e vontade de constituíla como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación, os seus estatutos, e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación e natureza; a súa finalidade e as principais actividades para o seu cumprimento; o seu domicilio e ámbito de actuación; as regras para a aplicación dos recursos para cumprir os fins fundacionais e para a determinación das persoas beneficiarias; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Wifredo Luis Meléndrez Sancosmed, como presidente; Javier Aguilera Navarro, como secretario, e Jaime Pita Varela, como vogal

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como mixta da Fundación O Castro, consonte os seus fins fundacionais, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado da Fundación será exercido pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

8. De conformidade con esta proposta, madiante a Orde do 30 de marzo de 2023 da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, clasificouse como mixta a Fundación O Castro e adscribiuse a esta mesma vicepresidencia para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, correspóndelle a esta vicepresidencia a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación O Castro, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, e logo da emisión do regulamentario informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación O Castro, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación O Castro.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades; a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, consonte os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Elena Muñoz Fonteriz
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda
e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte