Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26171

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente, no tramo comprendido entre a SE Magazos e o apoio número 28, no concello de Viveiro (Lugo), que promove Begasa (expediente IN407A 2020/18-ATE).

Feitos:

1. O 18.5.2020, Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa; en diante, o promotor) presentou ante a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, para a repotenciación da LAT 132 kV subestación Magazos-subestación Boimente, no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28, no termo municipal de Viveiro (Lugo), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2020/18-ATE.

Esta solicitude achegouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Modificado de proxecto de LAT 132 kV DC sub. Magazos-sub. Boimente. Treito SC entre a sub. Magazos e o apoio núm. 28, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varea (colexiado núm. 2803 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con núm. 20201093 e data 10.5.2020, e no cal figura un orzamento de execución material de 782.951,52 euros.

• Documento ambiental de avaliación de impacto ambiental simplificada, datado en maio de 2020.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Augas de Galicia, Concello de Viveiro, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Deputación Provincial de Lugo, Movistar e Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE).

• Documentación para expropiación (relación de bens e dereitos afectados, RBDA e planos coas afeccións).

A respecto da LAT 132 kV DC SE Magazos-SE Boimente, cabe indicar o seguinte:

• O 3.6.2011, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo de autorizar administrativamente, aprobar o proxecto de execución e declarar a utilidade pública, en concreto, da referida LAT, que discorre polo termo municipal de Viveiro (Lugo) e que promove E.On Distribución, S.L. (expediente 012/2007-AT).

• No DOG núm. 122, do 27.6.2011, publicouse a Resolución do 14.6.2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai publico o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia.

• O 26.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para a referida LAT, de Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (E.On Distribución, S.L.) a favor de Begasa.

Segundo consta no proxecto de execución presentado para acometer a repotenciación da referida LAT:

• A LAT está conformada por tres treitos: 1º. Entre a SE Magazos e o apoio núm. 28 con condutor LA-110 SC símplex; 2º. Entre os apoios núm. 28 e 32 con condutor LA-280 SC dúplex; 3º. Entre o apoio núm. 32 e a SE Boimente con condutor LA-280 DC dúplex.

• No treito 1º os apoios e condutores están envellecidos, polo que resulta necesaria unha reforma completa da liña. Aproveitando a necesidade de reforma deste treito da liña, preténdese aumentar a capacidade, pasando o actual condutor LA-110 símplex a LA-280 símplex.

• En consecuencia, no treito 1º proxéctase unha nova liña eléctrica de 132 kV, cunha lonxitude de 6.567 m, en simple circuíto con configuración símplex e con condutor LA-280 e configuración símplex, mantendo o seu trazado actual ata o apoio núm. 5 e empregando un trazado alternativo ao actual para o resto do treito, con fin de evitar cortes prolongados nas instalacións durante a fase de obras.

• Ademais, desmantelarase por completo o treito substituído da liña existente.

2. A respecto da tramitación ambiental desenvolvida para o referido proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28, indícase o seguinte:

• O 2.6.2020, a xefatura territorial remitiu o documento ambiental do referido proxecto de repotenciación á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental).

• O 26.10.2020, a xefatura territorial remitiu ao órgano ambiental, en resposta a un requirimento deste do 17.9.2020 (trasladado ao promotor o 21.9.2020, quen contestou o 20.10.2020), un novo documento ambiental (datado en outubro de 2020), xunto coas solicitudes do promotor de inicio de avaliación ambiental simplificada e de autorización administrativas previa e de construción.

• Na fase de consultas efectuada polo órgano ambiental, emitiron informe os seguintes organismos: Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública, Sociedade Galega de Historia Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

• O 16.6.2022, o órgano ambiental resolveu formular o informe de impacto ambiental (IIA) do referido proxecto de repotenciación (clave 2020/0134).

• Este IIA fíxose público mediante o Anuncio do 17.6.2022 do órgano ambiental (DOG núm. 127, do 5.7.2022).

3. O 22.2.2021, os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe en que conclúen que non existe limitación para a imposición de servidume de paso no caso das parcelas afectadas polo referido proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28.

4. O 11.5.2021, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas polo proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28: Augas de Galicia, Concello de Viveiro, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Deputación Provincial de Lugo, Movistar e Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE). A este respecto:

• A Deputación Provincial de Lugo e REE emitiron os seus condicionados técnicos con datas 25.5.2021 e 5.8.2021, respectivamente, dos que se deu traslado ao promotor, que manifestou a súa conformidade con eles.

• En canto á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o 11.11.2022 ditou resolución de autorización para o referido proxecto, desde o punto de vista de protección do patrimonio cultural.

• En canto ás entidades que non contestaron (Augas de Galicia, Concello de Viveiro e Movistar) a petición de informe, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, conforme o disposto no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo das autorizacións que lles corresponda outorgar.

5. O 7.7.2022, a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, do referido proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28, que se publicou, o 13.7.2022, no Diario Oficial de Galicia (DOG), no Boletín Oficial da provincia (BOP) e no xornal El Progreso.

Esta resolución deixouse sen efecto, debido a que a RBDA foi modificada posteriormente polo promotor, xa que contiña erros relativos ás afeccións.

6. O 10.10.2022, a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteron a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, do referido proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28, que se publicou no DOG do 20.10.2022 e no xornal El Progreso do 20.10.2022, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Viveiro e da xefatura territorial.

Simultaneamente, cursouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares dos predios afectados que figura na RBDA publicada. Así mesmo, para aquelas notificacións que non se puideron practicar, ditouse un anuncio de notificación, o 9.12.2022, que se publicou no DOG do 4.1.2023 e no taboleiro de edictos único do BOE do 18.1.2023. Tamén se practicaron as notificacións individuais aos titulares de predios que resultaron desafectadas.

Durante o período de información pública presentáronse varios escritos de alegacións, dos que se deu traslado a REE, que presentou a súa contestación aos mesmos. A continuación relaciónanse as persoas alegantes, recollendo un resumo do contido dos seus escritos de alegacións:

a) Manuel Galdo Dopico presentou, o 29.11.2022, escrito en que solicita o cambio de domicilio para futuras notificacións, como titular proposta dos predios 24, 33, 34, 35, 36, 37, 38, 40, 43 e 45.

b) Carmen López Cao presentou, con data 3.8.2022 e 9.1.2023, escritos de alegacións, en que solicita aclaración sobre a superficie realmente afectada sobre o predio 222 do proxecto.

c) Eva Pérez Rodríguez presentou, o 10.11.2022, escrito en que di ser a titular do predio 193 do proxecto, e xuntou documentación acreditativa da súa adquisición por herdanza do seu pai falecido.

d) María Adelina Vigo Barro presentou, o 9.12.2022, escrito en que di ser a titular do predio 131 do proxecto, e xuntou documento de permuta pola que adquiriu esa titularidade.

e) Vanesa Santos Rolle presentou, o 22.11.2022, escrito sobre o predio 120 do proxecto, en que manifesta que o predio non está ben grafado no Catastro e que hoxe está aberto un expediente de corrección catastral, e xuntou informe técnico de rectificación de discrepancias da cartografía catastral, solicitando a modificación das planimetrías de acordo co informe achegado.

f) Arístides García Lestegás presentou, o 12.1.2023, escrito sobre dous predios da súa propiedade (parcelas 1.849 e 1.850 do polígono 42), en que solicita aclaración sobre a súa afección/desafección.

7. O 2.3.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente IN407A 2020/18-ATE, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN), para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando os seguintes informes:

• Informe dos servizos técnicos da xefatura territorial, do 22.2.2021, en que se emite informe favorable sobre o referido proxecto técnico, denominado Modificado de proxecto de LAT 132 kV DC sub. Magazos-sub. Boimente. Treito SC entre a sub. Magazos e o apoio núm. 28.

• Resumo da xefatura territorial, do 2.3.2023, da tramitación administrativa do referido proxecto.

Posteriormente, para completar o expediente, a xefatura territorial remitiu o informe dos seus servizos técnicos, do 17.3.2023, relativo ás posibles afeccións a dereitos mineiros, en que se conclúe que non existen dereitos mineiros vixentes que resulten afectados pola devandita infraestrutura eléctrica.

8. O 4.4.2023, o Servizo de Infraestruturas Enerxéticas da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais emitiu o informe sobre a tramitación realizada neste expediente IN407A 2020/18-ATE, considerando que se seguiron os trámites de procedemento legalmente establecidos.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022) e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19.3.2014).

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Informe emitido o 22.2.2021 polos servizos técnicos da xefatura territorial, en que se conclúe, de xeito literal, o seguinte: «Emite informe favorable sobre o proxecto técnico mencionado, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionado ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución, e a dirección de obra deberá levala a cabo untécnico competente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias».

4. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido (cuxo resumo se recolle nos feitos desta resolución), as respostas efectuadas polo promotor e o resto de documentación que consta no expediente, cómpre manifestar o seguinte:

a) En canto ás alegacións relativas a cambios na titularidade de predios afectados que figuran na RBDA, cómpre indicar que a empresa beneficiaria tomou razón daqueles para os que se achegou a correspondente documentación acreditativa, mentres que, nos demais casos, será durante o levantamento de actas previas á ocupación, acto a que serán oportunamente convocados os afectados, cuando se poderá demostrar a titularidade dos predios, achegando a documentación acreditativa precisa.

b) En canto ás alegacións relativas aos cambios nos enderezos para notificacións, cómpre indicar que a empresa beneficiaria tomou razón deles e procedeu á súa corrección.

c) En canto á alegación formulada por Carmen López Cao, cómpre indicar que a afección definitiva da referida parcela (predio 222 do proxecto) é de 5.631 m² de servidume de voo, tal e como consta no permiso de paso que asinou con Begasa o 12.9.2022.

d) En canto á alegación formulada por Vanesa Santos Rolle, cómpre indicar que será durante o levantamento de actas previas á ocupación cando se poderá dirimir a referida discrepancia sobre o predio 120 do proxecto, acudíndose a comprobación en terreo se for necesario.

e) En canto á alegación formulada por Arístides García Lestegás, cómpre indicar que as afeccións dos referidos predios sufriron variacións como consecuencia do proxecto obxecto desta resolución. Así, para a parcela 1.849 non existe afección por servidume, e para a parcela 1.850 (predio 257 do proxecto) desaféctase a servidume existente (1.527 m²) e aféctase cunha nova servidume ao lado oposto do predio (872 m²).

5. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 48.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto do IIA das instalacións do proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28, formulada polo órgano ambiental o 16.6.2022 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito desta resolución):

a) O órgano ambiental resolveu: «Formular o informe de impacto ambiental do modificado do proxecto da liña de alta tensión a 132 kV, entre a subestación de Magazos e a subestación de Boimente, e otreito entre a subestación de Magazos e o apoio núm. 28, no concello de Viveiro, provincia de Lugo, promovido por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa), concluíndo que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria».

b) O IIA que nos ocupa refírese ás instalacións do proxecto de repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28. Na súa epígrafe 4 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas na documentación presentada polo promotor e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Protección da atmosfera.

4.2. Protección das augas e dos leitos fluviais.

4.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.4. Xestión dos residuos.

4.5. Protección da fauna e da vexetación e outros valores naturais.

4.6. Protección do patrimonio cultural.

4.7. Integración paisaxística e restauración.

4.8. Protección ante accidentes graves ou catástrofes.

4.9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

4.9.1. Aspectos xerais.

4.9.2. Informes do programa de vixilancia.

4.10. Outras condicións.

De acordo con todo o anterior, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais,

RESOLVE:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a repotenciación da LAT 132 kV SE Magazos-SE Boimente, no treito comprendido entre a SE Magazos e o apoio núm. 28, no termo municipal de Viveiro (Lugo), e que promove Begasa.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica denominado Modificado de proxecto de LAT 132 kV DC sub. Magazos-sub. Boimente. Treito SC entre a sub. Magazos e o apoio núm. 28.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, e con base no recollido polo órgano ambiental no IIA, a DXPERN fixa o importe do aval en 7.829,52 €, correspondente ao 1% do orzamento de execución material do proxecto de execución, que deberá constituír o promotor (Begasa), para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración.

O promotor deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Modificado de proxecto de LAT 132 kV DC sub. Magazos-sub. Boimente. Treito SC entre a sub. Magazos e o apoio núm. 28, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varea (colexiado núm. 2803 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con núm. 20201093 e data 10.5.2020, e no cal figura un orzamento de execución material de 782.951,52 euros.

3. A empresa promotora (Begasa) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a DXPERN o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 4.9 do IIA.

7. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas no IIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

9. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

10. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais