Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26168

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Xove (expediente IN407A 2022-128 AT).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Peticionario: Begasa.

Domicilio social: rúa Aller Ulloa, Ramón María, 9, 27003 Lugo.

Denominación: cambio de localización e automatización do CT 1884 Illade.

Situación: concello de Xove.

Características técnicas principais:

• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV Espiñeirido_2, con orixe nun paso aéreo a soterrado situado no apoio existente A15892, entra e sae no CT proxectado e remata noutro paso aéreo a soterrado localizado no apoio A15892, cunha lonxitude de 90 metros en condutor HEPRZ1-240 mm.

• Centro de transformación prefabricado Novo Illade, cunha potencia proxectada de 630 kVA e unha potencia inicial de 50 kVA, no cal se instalan dúas celas de liña telemandadas e unha de protección de transformador, relación de transformación 20.000/400-230 V.

• Desmontaxe do actual CT 1884 Illade.

Finalidade da instalación: mellora de instalacións.

Orzamento: 59.836,71 euros.

Documentación que se xunta:

• Separata para o Concello de Xove.

Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVE:

En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionado ao cumprimento das seguintes condicións:

Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e deberá realizar a dirección de obra un técnico competente.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular, canto establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución. Tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente conforme dereito.

Lugo, 5 de abril de 2023

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo