Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26259

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de abril de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Amiudal e Fontao e Coto de Uxo, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Amiudal, no concello de Avión.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes dos montes veciñais en man común (MMVVMC) Amiudal e Fontao e Coto de Uxo, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Amiudal, no concello de Avión, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 26.9.2022 a CMVMC de Amiudal presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2355420) de revisión de esbozo do MVMC de Amiudal, no concello de Avión.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 30.7.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 21 de decembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que a proposta presentada, ben que non o aclara ou menciona expresamente, afecta dous MMVVMC diferenciados, clasificados ambos a favor da CMVMC da parroquia de Amiudal: Fontao e Coto de Uxo e Amiudal. O perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, así como tamén algunhas outras lindeiras con comunidades de montes veciñas; en concreto, revísase parte dos tramos lindeiros cos MMVVMC Abelenda e Comunal de San Xusto.

A superficie dos MMVVMC Amiudal e Fontao e Coto de Uxo, unha vez revisados os esbozos, sería de 553,03 e 434,09 hectáreas, respectivamente. No primeiro caso, prodúcese un incremento do 14 % respecto das 485 hectáreas do acordo de clasificación, mentres que, no segundo caso, da documentación do monte que consta no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, descoñécese calquera dato oficial de superficie, ben que se considera que non se produce ningunha clase de menoscabo territorial.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorabñles sobre a revisión do esbozo do MVMC Comunal de San Paio. Queda revisado o perímetro do primeiro deles nas estremas con particulares e mais nun tramo do linde co MVMC Abelenda. Quedarían pendentes de definir ou deslindar os tramos comúns cos outros MMVVMC lindeiros, coas excepcións do tramo restante do linde co MVMC Abelenda (xa deslindado), e do MVMC Comunal de Córcores, co que existe un procedemento de deslindamento en trámite de ser aprobado.

No caso do MVMC Fontao e Coto de Uxo, este revísase en toda a súa lonxitude delimitada polos ríos Avia e Doade ou Cardelle, quedando o resto do seu perímetro en vías de regularizarse a través do procedemento de deslindamento en trámite co Comunal de Córcores.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúna as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do 21 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MMVVMC Amiudal e Fontao e Coto de Uxo, pertencentes á CMVMC de Amiudal, no concello de Avión.

Ourense, 11 de abril de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense