Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26261

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de abril de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de marzo de 2023, relativa á revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Vello, Coto, Cancelos, San Pedro, Abrigueiros e Carpazal, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Castelaus, no concello de Calvos de Randín.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Vello, Coto, Cancelos, San Pedro, Abrigueiros e Carpazal, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Castelaus, no concello de Calvos de Randín, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC da parroquia de Castelaus presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2407040) de revisión de esbozo do MVMC Vello, Coto, Cancelos, San Pedro, Abrigueiros e Carpazal, no concello de Calvos de Randín.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 19.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 21 de decembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares.

A superficie do MVMC Vello, Coto, Cancelos, San Pedro, Abrigueiros e Carpazal, unha vez revisado o esbozo, sería de 186,58 hectáreas fronte ás 120 hectáreas do acordo de clasificación, o que supón un incremento do 55,5 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Vello, Coto, Cancelos, San Pedro, Abrigueiros e Carpazal.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúna as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 21 de decembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Vello, Coto, Cancelos, San Pedro, Abrigueiros e Carpazal, pertencente á CMVMC da parroquia de Castelaus, no concello de Calvos de Randín.

Ourense, 11 de abril de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense