Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2023 Páx. 26257

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de abril de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de marzo de 2023, relativa revisión do esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Montes de Cacharrequille, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cacharrequille, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Montes de Cacharrequille, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Cacharrequille, no concello de Xunqueira de Espadanedo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 21.9.2022 a CMVMC de Cacharrequille presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2316431) de revisión de esbozo do MVMC Montes de Cacharrequille, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 10.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 25 de novembro de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, sen entrar a revisar as estremas coas comunidades de montes lindeiras.

A superficie provisional do MVMC Montes de Cacharrequille, unha vez revisado o esbozo, sería de 87,71 hectáreas fronte ás 111 hectáreas do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 21 %. Porén, tendo en conta a proposta concorrente de deslindamento co MVMC Cabeza de Meda e outros, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 91,44 hectáreas, co que a redución sería do 17,6 %.

En relación coa dita redución, considérase que, ben que se trata dunha porcentaxe elevada, responde á adaptación dos distintos predios que conforman o monte á base cartográfica catastral.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Montes de Cacharrequille, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúna as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 27 de febreiro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Montes de Cacharrequille, pertencente á CMVMC de Cacharrequille, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Ourense, 11 de abril de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense